DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 31 de marzo de 2011 Páx. 5.669

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 22 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para o exercicio de 2011.

A formación profesional para o emprego ten como finalidade proporcionarlles ás persoas traballadoras ocupadas a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Constitúen principios xerais da formación dirixida a ocupados: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación das persoas traballadoras ocupadas no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

O Regulamento (CE) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicación relativas ao Fondo Social Europeo, sinala que o fondo apoiará, entre outras, as accións nos Estados membros encamiñadas a facilitar o acceso ao emprego e a inserción no mercado de traballo, as políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral.

As axudas reguladas nesta orde acóllense aos supostos de exención incluídos no artigo 39º do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado (Diario Oficial de la Unión Europea do 9 de agosto de 2008, L214/3)

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece que a aprendizaxe permanente é un elemento esencial na sociedade do coñecemento. Inclúe esta lei dentro do ámbito da formación profesional, entre outras ensinanzas, as orientadas á formación para o emprego nas empresas, que permitan a adquisición e actualización permanente das competencias profesionais.

O II Plan galego de formación profesional defínese basicamente como un plan que concibe integralmente a política de cualificacións e da formación profesional. Este carácter integral implica, en canto aos fins, seguir avanzando cara á constitución dun sistema de formación profesional integrado en Galicia e supón tamén considerar como beneficiario deste plan o conxunto da poboación activa. Para acadar estes obxectivos, o plan artéllase a través de catro liñas estratéxicas de actuación que inciden na integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, no óptimo aproveitamento dos recursos e da xestión, na calidade e innovación e na promoción da aprendizaxe permanente ao longo da vida.

O Acordo do diálogo social en Galicia asinado o 30 de xullo de 2010 recolle que nun contexto como o da actual situación económica, as distintas políticas activas de emprego en xeral e a formación en particular son unha prioridade para as administracións públicas, e a formación para o emprego constitúe un instrumento insubstituíble para mellorar a cualificación e a empregabilidade dos traballadores e a competitividade das empresas.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5º.2. que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, a que se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

A Orde TIN 2965/2008, do 14 de outubro, modificada pola Orde TIN 788/2009, determina os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013.

O Decreto 7/2005, do 13 de xaneiro, crea e regula o funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua, co obxecto de poñer en funcionamento a formación profesional continua en Galicia dentro do novo ámbito competencial e de xestión.

Esta orde ten por obxecto regular accións de formación dirixidas a persoas traballadoras ocupadas que teñan como finalidade tanto a mellora das competencias e cualificacións, como a actualización e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas, calquera que sexa o sector ou rama de actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos.

Nesta convocatoria, como sucedeu no ano anterior, a situación de crise económica en que estamos inmersos fai que se considere axeitado que só poidan ser beneficiarias das subvencións para a impartición das accións formativas, tanto as empresas e agrupacións de empresas pertencentes prioritariamente aos sectores naval e da automoción, estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia, e subsidiariamente, os sectores da construción, téxtil, transportes, alimentación, madeira, agro-pesqueiro e aqueloutros que como consecuencia da crise económica tiveron unha perda da afiliación á Seguridade Social superior a un 1%o, para a reciclaxe e recualificación dos seus traballadores e traballadoras, como as corporacións de dereito público.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias 12.05.323B.471.0 (3.638.870 euros) que figuran na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011 co código de proxecto 201100602, 12.05.323B.471.0 (2.500.000 euros) e 12.05.323B.481.0 (638.947 euros) co código de proxecto 201100675 e 12.05.323B.471.0 (901.445,25 euros) co código de proxecto 200901009, incluídos no Programa operativo 2007-2013 Galicia, CCI2007ES051PO004 e que constitúen o importe global máximo que se destina para estas subvencións. Destas cantidades o 20% achégao a Xunta de Galicia e o 80% a Unión Europea (Fondo Social Europeo).

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular as iniciativas de formación dirixidas á reciclaxe e recualificación de traballadores/as, prioritariamente dos sectores naval e da automoción, estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia e, subsidiariamente, dos sectores da construción, téxtil, transportes, alimentación, madeira, agro-pesqueiro e aqueloutros que como consecuencia da crise económica tiveron unha perda da afiliación á Seguridade Social superior ao 1%, no momento da publicación desta orde, correspondentes ao exercicio de 2011, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 2º.-Finalidade e principios.

1. As accións de formación dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas obxecto de financiamento nesta convocatoria terán como finalidade tanto a mellora das competencias e cualificacións como a actualización e especialización profesional das persoas traballadoras ocupadas, calquera que sexa o sector ou rama de actividade en que a persoa traballadora presta os seus servizos.

2. A concesión das subvencións correspondentes realizarase atendendo aos principios de concorrencia, publicidade e obxectividade.

3. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser entidades beneficiarias da concesión desta subvención para a formación dos seus traballadores/as: prioritariamente as empresas, agrupacións de empresas e corporacións de dereito público, pertencentes aos sectores naval e da automoción, estratéxicos na situación sociolaboral de Galicia e, subsidiariamente, os sectores da construción, téxtil, transportes, alimentación, madeira, agro-pesqueiro e aqueloutros que como consecuencia da crise económica tiveron unha perda da afiliación á Seguridade Social superior ao 1%.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias, as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do artigo 1º, número 6, do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, quedan excluídas desta orde as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común e as empresas en crise segundo a definición do artigo 1º, número 7, do dito regulamento.

4. De acordo co establecido no artigo 14º, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e os beneficiarios poden facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa de crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

6. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial http://traballoebenestar.xunta.es/formacionparaoemprego/fseocupados nos termos previstos no artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

7. Os beneficiarios das axudas concedidas, tal e como se recolle no artigo 16º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, autorizan a inclusión destas axudas no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais o de Sancións, creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006 co contido e a forma que regulamentariamente se determine.

Artigo 4º.-Axudas.

1. Todas as accións formativas serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución na proporción e contía que se determine nesta orde, sempre que se trate de gastos elixibles e que se xustifiquen de acordo co establecido neste orde e no resto de normativa de aplicación.

2. Nas accións formativas dirixidas especificamente a alumnos discapacitados incrementarase o importe total da acción formativa nun 35% co obxecto de financiar o persoal de apoio e a adaptación curricular ou do material didáctico que sexa necesario para garantir a adquisición de competencias por parte destes alumnos.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública da mesma natureza e para a mesma acción.

Artigo 5º.-Persoas destinatarias das accións formativas.

1. Serán destinatarias das accións formativas as persoas traballadoras ocupadas das empresas beneficiarias e as persoas desempregadas que tiveron algunha relación laboral coa empresa beneficiaria desde xaneiro de 2010, cun límite máximo dun 25% do total de participantes en cada acción formativa, así como os/as traballadores/as e os membros ou asociados das corporacións de dereito público.

Considerarase o participante ocupado/a ou desempregado/a en función da situación laboral que teña o día de inicio da acción formativa.

2. Terán prioridade para participar como alumnos/as:

a) Os/as traballadores/as desfavorecidos/as, de conformidade co establecido no artigo 2º do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

b) Os/as traballadores/as discapacitados/as, de conformidade co establecido no artigo 2º do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto.

3. As entidades impartidoras deberán acreditar documentalmente que os/as alumnos/as están incluídos nalgún dos grupos dos números anteriores.

4. O persoal ao servizo das administracións públicas está excluído do ámbito de aplicación desta orde, xa que poderá participar a través dos plans específicos que se promovan de acordo co procedemento que establezan os acordos de formación continua das administracións.

Artigo 6º.-Custos subvencionables.

1. De acordo co que se establece no Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión das Comunidades Europeas, relativo á aplicación dos artigos 107º e 108º do Tratado (CE) ás axudas á formación, e sen prexuízo do establecido no Regulamento (CE) nº 1828/2006, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo, serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Custos do persoal docente, así como os gastos de desprazamento deste persoal fóra do centro de formación, cando teña lugar por motivos directamente relacionados coa acción formativa. O pagamento aos docentes deberá ser, en todo caso, proporcional ás horas impartidas, tendo en conta o módulo económico da acción formativa.

b) Os gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

c) Outros gastos correntes tales como materiais e subministracións. Poderanse incluír neste punto, na parte proporcional que corresponda, o conxunto de gastos non directamente vinculados ao obxecto último pero indispensables para impartir a acción formativa, como gastos de limpeza, auga, electricidade, teléfono, combustibles, seguros e pólizas de responsabilidade civil, publicidade... Poderán incluírse, así mesmo, os gastos de alugueres, tanto de instalacións como de maquinaria.

d) A amortización dos instrumentos e equipamentos en proporción á súa utilización exclusiva para o proxecto de formación de que se trate.

e) Os custos dos servizos de asesoría en relación coa acción de formación. Poden imputarse neste punto os gastos de asesoría legal e os informes xurídicos ou consultas xurídicas; gastos de notaría e rexistros; gastos de asesoramento técnico tales como informes técnicos, peritaxes e taxacións; gastos de asesoramento financeiro como consultoría financeira, así como gastos de xestión e coordinación das accións formativas. As entidades impartidoras non poderán imputar por este concepto un importe superior ao 15% do importe total dos gastos de docencia. Estes gastos soamente serán subvencionables se están directamente relacionados e son indispensables para a adecuada preparación e execución da actividade subvencionada.

f) Custos de avaliación e control da calidade da formación ata o 5% do custo subvencionado para a impartición da acción formativa.

g) Custos de persoal dos beneficiarios da formación e custos indirectos xerais (gastos administrativos, alugueres,...) ata un importe equivalente aos demais custos subvencionables indicados nos puntos anteriores. Para os custos de persoal dos beneficiarios de formación, só poderán terse en conta as horas en que as persoas traballadoras participaron realmente na formación, logo da dedución de calquera hora produtiva.

En todo caso, nestas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

2. Rastrexabilidade dos pagamentos: para aceptar os gastos como xustificados é necesario que se identifique claramente a correspondencia entre a factura/nómina e o xustificante de pagamento, e deberá especificar o número de factura no concepto do xustificante bancario, posto que a simple coincidencia de provedor e importe non é garantía suficiente. Se o xustificante inclúe o pagamento de varias facturas e non se especificaron todas no concepto de xustificante bancario, o antedito xustificante deberá ir acompañado do total das facturas que estean afectadas por el. Así mesmo, en ningún caso se darán por válidos os xustificantes de pagamentos corrixidos con notas á man rectificando calquera equivocación.

Artigo 7º.-Contía das axudas e subvencións.

1. O importe das axudas recollidas nestes programas dirixidas ás empresas que formen os seus propios traballadores/as non poderá exceder os límites establecidos no Regulamento (CE) número 800/2008, do 6 de agosto, relativo á aplicación dos artigos 107º e 108º do Tratado CE ás axudas á formación. A intensidade das axudas establecerase de acordo cos seguintes criterios:

a) Formación específica: aquela que inclúe unha ensinanza teórica e práctica aplicable directamente no posto de traballo actual ou futuro da persoa traballadora na empresa beneficiaria e que ofrece cualificacións que non son transferibles, ou só de forma moi restrinxida, a outras empresas ou a outros ámbitos laborais.

-Non excederá o 25% dos custos subvencionables.

b) Formación xeral: aquela que inclúe unha ensinanza que non é única ou principalmente aplicable no posto de traballo actual ou futuro do/a traballador/a na empresa beneficiaria, senón que proporciona cualificacións na súa maior parte transferibles a outras empresas ou a outros ámbitos laborais.

-Non excederá o 60% dos custos subvencionables.

Estas intensidades incrementaranse ata un máximo do 80% dos custos subvencionables, nos seguintes casos:

-10% se a formación se dispensa a persoas traballadoras discapacitados/as ou desfavorecidos/as.

-10% se a axuda se concede a medianas empresas e 20% se son pequenas empresas.

Enténdese por mediana empresa a que empregue menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda os 43 millóns de euros.

Enténdese por pequena empresa a que empregue a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non exceda os 10 millóns de euros.

c) Casos particulares: cando o proxecto de axuda consta de compoñentes de formación xeral e específica que non poidan deslindarse para os efectos do cálculo da intensidade da axuda, e cando non se poida determinar o carácter específico ou xeral do proxecto de axuda á formación serán de aplicación as intensidades aplicables á formación específica.

d) A valoración das solicitudes e a determinación da contía da subvención fixaraa a comisión de valoración, de acordo cos criterios establecidos polo FSE. No caso de existir límite de financiamento, na resolución de concesión especificarase a porcentaxe que se subvenciona, en función dos criterios citados anteriormente.

e) No suposto de grandes empresas, ademais de cumprir o establecido no artigo 13º.6 da orde deberá verificarse, antes da concesión da axuda, que a documentación preparada estableza un ou máis dos criterios recollidos no artigo 8º.3 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

2. Valoración económica das accións formativas:

a) O módulo económico aplicable para efectos de liquidación das subvencións concedidas para o financiamento das accións formativas incluídas nesta orde será como máximo 13 euros, para os conceptos recollidos nas letras a) a f) do artigo 6º desta orde.

Este módulo poderase incrementar ata un importe equivalente no caso de que se xustifiquen custos recollidos na letra g) do mesmo artigo. Para estes efectos a entidade deberá acreditar, mediante certificación, o número de horas da xornada laboral adicadas á formación e o custo salarial por hora.

As axudas previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

b) As accións formativas terán sempre carácter presencial.

c) O importe da subvención concretarase no produto das horas da acción formativa polo número de alumnos/as e polo módulo económico.

3. Ao abeiro do artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias do programa regulado nesta orde poderán subcontratar, logo de autorización da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, por unha soa vez, e ata o 100% da acción formativa, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción formativa. Ademais, os subcontratistas deberán facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. No caso de accións formativas subcontratadas, a solicitude de calquera modificación respecto da execución das accións concedidas deberá ser efectuada pola entidade adxudicataria.

En ningún momento se poderá subcontratar coas persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención nesta convocatoria que non obtiveron subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas deberán:

1. Requirir de cada alumno, no momento da súa incorporación, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada acción formativa:

-Copia simple do DNI.

-Ficha individual.

-Copia do título do módulo transversal de igualdade, de ser o caso.

2. Remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación e ao Departamento Territorial da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Como mínimo cinco días antes do inicio da acción formativa:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición.

-A planificación temporal dos módulos da acción formativa.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación nominal dos/as docentes, especificando os seus DNI.

-Acreditación da formación e/ou experiencia profesional dos/as docentes. As persoas físicas ou xurídicas encargadas da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica, deberá acreditar formación e/ou experiencia profesional en materia de xénero.

b) O día de inicio de cada acción formativa:

-Certificación xustificativa do seu comezo e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no punto anterior.

3. Enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación:

a) Dentro dos 10 días seguintes ao inicio da acción formativa, a seguinte documentación:

Informaticamente.

-Ficha de inicio que se cubrirá na aplicación informática SIFO no punto de seguimento de cursos.

-Documentalmente.

-Relación nominal dos alumnos, especificando número do DNI.

-Copia simple dos seus DNI.

-Copia da póliza de seguros contratada co xustificante do seu aboamento, de ser o caso.

-Copia da última nómina do/a alumno/a.

A entidade impartidora arquivará unha copia desta documentación separadamente por cada acción formativa.

b) Mensualmente:

-Fotocopia do parte de asistencia, que poderá xerarse no SIFO unha vez cuberta a información necesaria.

4. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo da acción formativa temporizado por módulos, os dereitos e deberes dos/as alumnos/as e da entidade impartidora, así como a relación dos/as docentes e o horario. No anuncio farase referencia expresa aos organismos cofinanciadores da acción formativa, así como á porcentaxe que cofinancia cada un deles.

5. Aboar mensualmente aos docentes a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

7. Contratar un seguro de accidentes para os/as alumnos/as, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento da acción formativa, como os do traxecto ao lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estritamente o período da acción formativa, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Esta obriga rexerá exclusivamente na parte presencial cando a acción formativa se desenvolva fóra da propia empresa.

A cobertura mínima deste seguro será a seguinte:

-No caso de morte: 36.000 euros.

-No caso de invalidez permanente: 42.000 euros.

-Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

8. Cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas coa acción formativa, que deberán ser autorizadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación cando non figuren no programa formativo, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e as persoas.

9. Velar por que todos/as os/as alumnos/as dunha acción formativa reciban a mesma formación, así como o mesmo número de horas tanto teóricas como prácticas, independentemente de que a parte práctica teña lugar no propio centro ou en centros de traballo.

10. Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución das accións formativas programadas, no prazo de cinco días desde que se produza.

11. Solicitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación substancial no desenvolvemento das accións formativas.

12. Aceptar as modificacións que, de ser o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

13. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, e someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control autónomicos, estatais ou comunitarios.

14. Incluír en toda a documentación relativa á acción formativa o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) co slogan Inviste no teu futuro e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar).

15. Informar os/as alumnos/as do cofinanciamento das accións formativas por parte do Fondo Social Europeo, así como dos obxectivos destes fondos.

16. Financiar os gastos que excedan os límites da intensidade permitida no Regulamento (CE) 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, cando sexan de aplicación.

17. Todas as entidades beneficiarias de subvencións deberán acreditar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

Exceptúanse desta obriga as entidades que se recollen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

A presentación da solicitude de concesión pola persoa interesada das subvencións reguladas nesta orde comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

18. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións reguladas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación das resolucións de concesión.

19. A entidade beneficiaria deberá comunicar á Dirección Xeral de Formación e Colocación a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

20. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á/ao beneficiaria/o en cada caso coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas.

21. A/o beneficiaria/o da subvención estará obrigado a conservar os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos. O prazo será de 4 anos e computarase a partir do momento en que finalice o período establecido para presentar a citada xustificación por parte da/o beneficiaria/o. No suposto de accións cofinanciadas con fondos comunitarios, aplicarase a este respecto o que estableza a normativa comunitaria.

Artigo 9º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

1. Segundo o artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou da axuda pública percibida no suposto do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. O incumprimento por parte do beneficiario do prazo de realización ou de xustificación das accións concedidas, suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

3. A gradación dos posibles incumprimentos determinarase de acordo cos seguintes criterios:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro do 100% da subvención concedida. Igualmente, considérase que existe incumprimento total se a realización da actividade subvencionada non alcanza o 35% dos seus obxectivos, medidos co indicador de número de horas de formación multiplicado polo número de alumnos.

b) O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida. Cando a execución do indicador mencionado no parágrafo anterior estea comprendido entre o 35% e o 100% a subvención concedida minorarase na porcentaxe que deixou de cumprirse, sempre que os gastos fosen debidamente xustificados.

Artigo 10º.-Devolución voluntaria da subvención.

1. De acordo co establecido no artigo 64º do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta 2091 0300 47 3110063172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 11º.-Pagamento e liquidación das subvencións.

A) Documentación que hai que presentar.

-As entidades beneficiarias deberán enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, dentro dos 15 días seguintes ao remate da acción formativa, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación, que deberá presentarse por cada acción formativa selada e asinada:

-Cubrir a ficha SIFO de finalización.

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción formativa, que estean xustificados mediante facturas pagadas ou outros documentos contables de valor probatorio equivalente.

-Certificación dos gastos.

-Declaración resumo anual do IVE (modelo 390) correspondente ao último exercicio en que figure, se é o caso, a porcentaxe de dedución (rateo) que aplicará a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

-Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Unha memoria final de actividades en que se faga constar, segundo os casos, unha descrición detallada da execución da acción formativa e dos colectivos atendidos.

-As entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde deberán acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Todo isto sen prexuízo das excepcións recollidas na lei anual de orzamentos.

-Os custos das accións formativas só poderán imputarse a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude de axuda.

B) Sistemas de pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 65% do total do orzamento de gastos de cada acción formativa, en concepto de anticipo, no momento en que a Dirección Xeral de Formación e Colocación reciba comunicación da entidade impartidora en que se notifique o inicio de cada acción formativa, así como a documentación sinalada neste artigo, de ser o caso. As entidades lucrativas deberán constituír garantía a favor da Consellería de Traballo e Benestar (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca. As entidades non lucrativas están exentas da constitución da dita garantía.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha.

c) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

d) Para o caso de que se subvencionen varios cursos a unha mesma entidade, poderanse aboar anticipos de ata o 65% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio da primeira das accións formativas, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo e Benestar (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

2. No caso de que non inicien a acción formativa o total dos/as alumnos/as para os que se aprobou, ratearase o importe que se aboará ata o número máis alto de alumnos/as acadado no seu primeiro cuarto.

3. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa de Formación para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Colocación emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

Artigo 12º.-Seguimento, control, calidade e avaliación das accións formativas.

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, ou o persoal que se contrate para o efecto aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás accións formativas aprobadas e enquisas a alumnos/as e docentes, e emitirase un informe respecto do progreso da acción e do seu grao de execución en cada momento.

2. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puidesen ser emendadas no prazo concedido para o efecto, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.

3. As entidades beneficiarias deberán destinar para a avaliación e control da calidade da formación ata un 5% da subvención concedida. A avaliación desenvolverase tendo en conta os seguintes criterios:

As persoas participantes avaliarán a calidade das accións a través dun cuestionario de avaliación de calidade que cubrirá, polo menos, os seguintes ámbitos específicos de información:

Valoración xeral da acción formativa.

-Contidos: a súa adecuación ás expectativas e necesidades de formación, así como utilidade dos contidos para a traxectoria profesional da traballadora ou traballador.

-Profesorado: o seu nivel de preparación, de especialización e de comunicación.

-Medios didácticos: valoración dos medios utilizados e a súa adecuación aos contidos.

-Medios técnicos: a súa dispoñibilidade, adecuación e estado de funcionamento.

-Instalacións: luminosidade, amplitude, ventilación, condicións climáticas e accesibilidade.

-Organización: composición e homoxeneidade do grupo de formación, número de alumnas e alumnos, información previa recibida, horarios e duración.

Teñen a obriga de cubrir o cuestionario todos os/as alumnos/as que participen nas accións formativas reguladas por esta orde. Será cuberto polos participantes ao remataren estas.

As entidades beneficiarias son as responsables do proceso de avaliación da calidade das accións formativas, tanto da distribución, gravación e explotación dos cuestionarios, como da realización dun informe de resultados que conterá unha tabulación con todos eles e que se empregará para a análise da calidade das accións executadas.

Poderase realizar calquera outra actuación que se considere axeitada para a avaliación da calidade das accións formativas.

4. Sen prexuízo da utilidade que estas avaliacións teñen para as entidades beneficiarias e os centros ou institucións impartidores da formación, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá requirir destas a achega dos correspondentes cuestionarios, ou ben o resultado da súa tabulación, co fin de analizar a calidade das accións reguladas nesta orde.

5. A Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá realizar unha avaliación externa das accións formativas impartidas ao abeiro desta orde que terá os seguintes obxectivos mínimos:

a) A adecuación das accións formativas ás necesidades do mercado laboral.

b) A incidencia e impacto da formación para o emprego no mantemento do emprego e na promoción das traballadoras e dos traballadores.

c) O acceso á formación profesional para o emprego, especialmente das persoas traballadoras de pemes e dos restantes colectivos prioritarios.

d) A eficacia e eficiencia dos recursos económicos e medios empregados.

e) Os niveis de aprendizaxe e a súa aplicación no posto de traballo.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 13º.-Accións formativas.

1. Defínense como accións formativas aquelas dirixidas á adquisición de competencias profesionais, teóricas ou prácticas, estruturadas nunha unidade pedagóxica con obxectivos, contidos e duración propios, comúns a todos/as os/as participantes. As accións formativas non poderán ter en ningún caso unha duración inferior a 10 horas e a participación dun/unha traballador/a ocupado/a en accións formativas non poderá superar as 8 horas diarias.

2. As accións formativas estarán formadas pola especialidade formativa e polo módulo transversal regulado no punto seguinte deste artigo, e terán unha duración máxima de 250 horas. Excepcionalmente, a persoa titular da dirección xeral poderá autorizar a impartición de accións formativas de duración superior ás 250 horas pola peculiaridade da propia acción formativa ou do colectivo ao cal vai dirixida.

3. As accións formativas deberán ter un mínimo de 8 alumnos e un máximo de 25 alumnos.

4. Segundo o artigo 33º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, na totalidade das actividades formativas de formación profesional para o emprego ou de inserción laboral activa financiadas pola Consellería de Traballo e Benestar introducirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, dos incluídos na relación anexa, cunha duración de cinco horas nas accións formativas de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nas accións formativas de duración superior a cincuenta horas.

Ver referencia pdf "06400D007P077.PDF"

(A documentación de referencia destes módulos poderá consultarse en

http://traballoebenestar.xunta.es/formacionparaoemprego/ modulostransversais).

5. A data límite para o remate e xustificación das accións formativas será o 30 de novembro de 2011.

6. As accións formativas poderanse executar desde o día seguinte ao da presentación da solicitude de axuda. De non concederse a subvención solicitada para as ditas accións formativas os custos serán por conta da entidade solicitante, sen que comporte obriga ningunha para a Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 14º.-Selección de alumnos.

1. Como norma xeral, a selección dos/as alumnos/as participantes nas accións formativas realizaraa a entidade adxudicataria entre os/as seus/súas propios/as traballadores/as.

2. As accións formativas en que, a pesar de que se intentase completar o número de alumnos/as, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50% do número programado, poderán ser canceladas pola Consellería de Traballo e Benestar. En caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 19º e aprobada polo/a conselleiro/a de Traballo e Benestar, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

3. Os/as alumnos/as que resulten seleccionados/as para unha acción formativa poderán asistir simultaneamente a outra incluída dentro da programación recollida nesta orde sempre que haxa total compatibilidade horaria entre elas. Salvo autorización expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, por causas excepcionais debidamente xustificadas, os/as alumnos/as non poderán causar baixa nunha para acceder a outra dentro desa programación.

4. No caso de que se produzan baixas durante o desenvolvemento da acción formativa, as entidades impartidoras poderán incorporar alumnos/as dentro do seu primeiro cuarto.

Artigo 15º.-Dereitos e deberes do alumnado.

1. A formación será gratuíta en todo caso para todos/as os/as alumnos/as das accións formativas incluídas nesta orde.

2. Terán a obriga de asistir e/ou seguir con aproveitamento as accións formativas, e de facilitar a documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora. No caso de que as faltas de asistencia sen xustificar dalgún alumno/a superen o 25% das horas lectivas, poderá ser dado de baixa na acción formativa.

3. Os/as alumnos/as que rematen as accións formativas con aproveitamento, e asistisen ou realizasen como mínimo o 75% das súas horas lectivas, recibirán un diploma que será xerado polo Sistema de Información de Formación Ocupacional (SIFO).

4. Os/as alumnos/as que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se a solicitan, unha certificación polas horas e módulos a que asistisen.

5. Os/as alumnos/as que acrediten documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de igualdade de duración igual ou superior a 10 horas estarán exentos da realización do módulo transversal de formación para a igualdade.

Artigo 16º.-Modalidades de impartición das accións formativas.

As accións formativas terán carácter presencial.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 17º.-Solicitudes.

1. As entidades que desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas nesta orde deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, e que se subministrará nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ao Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da capacidade legal para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

b) Declaración responsable do/a representante legal da entidade solicitante en que se faga constar que os lugares de impartición dos cursos son aptos para a formación (deberá axustarse ao anexo III desta orde).

c) Convenio de agrupación de empresas, se é o caso.

d) Declaración, se é o caso, de non ter aprobado ningún expediente de regulación de emprego ao abeiro do estipulado no artigo 47º do Estatuto dos traballadores no último ano contado desde a publicación desta orde.

e) Informe favorable, das accións formativas, da representación legal dos/as traballadores/as das empresas.

f) Informe da representación legal dos/as traballadores/as sobre a viabilidade do proxecto formativo cando se trate de empresas que teñan aprobado un expediente de regulación de emprego no último ano contado desde a publicación desta orde.

g) Certificación do número de persoas traballadoras que teña contratadas por conta allea na data de publicación desta orde.

h) No suposto de que a entidade solicite a subvención dos custos salariais, deberá presentar xunto coa solicitude, certificación do número de horas da xornada laboral dedicadas á formación e o custo salarial por hora.

i) Certificación do volume de negocio anual da empresa ou, se é o caso, agrupación de empresas.

j) Unha ficha por cada unha das accións formativas no modelo normalizado segundo o anexo II.

k) Unha memoria-proxecto en que se fará referencia, polo menos, aos seguintes extremos:

-Descrición da acción formativa, en que se especificará o programa formativo curricular así como a xustificación do programa.

-Xustificación documental da experiencia da entidade solicitante na impartición de accións formativas de semellante natureza.

l) Declaración responsable do compromiso de desenvolvemento das accións formativas en galego, de ser o caso.

m) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Exceptúanse desta obriga as entidades que se recollen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

n) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

ñ) Declaración responsable de non estar incurso en supostos de prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións.

o) Declaración responsable de non atoparse en ningún dos supostos de exclusión das letras a) e c) do punto 6 do artigo 1 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

2. As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

4. A presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións pola entidade interesada comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 18º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou de que a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai así, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 19º.-Instrución do procedemento.

1. O órgano instrutor do procedemento é a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o de concorrencia competitiva establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos seguintes puntos.

3. Recibidas as solicitudes, a comisión de valoración procederá ao seu estudo e cualificación que, unha vez analizada a documentación achegada polas entidades solicitantes, emitirá informe sobre os expedientes aplicando os criterios de valoración establecidos nesta orde.

4. Unha vez puntuados os expedientes pola comisión de valoración, serán informados pola Comisión Galega de Formación Continua.

5. Á vista dos expedientes e dos informes preceptivos que se emitan, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, como órgano instrutor, formulará proposta de resolución.

6. Para os efectos previstos neste artigo, a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, que a presidirá, e serán vogais dúas persoas que sexan técnicos da Dirección Xeral de Formación e Colocación, unha das cales actuará como secretario ou secretaria.

7. Se, por calquera causa, cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 20º.-Criterios de valoración.

1. Teranse en consideración para a valoración técnica das accións formativas, os seguintes criterios de puntuación:

a) En relación aos contidos das accións formativas, ata 40 puntos:

-Carácter xeral da formación. Considerarase xeral aquela formación que proporcione cualificacións para varias empresas, 20 puntos.

-Accións formativas que incorporen un dos módulos seguintes: módulo de tecnoloxía da información e a comunicación, sensibilidade ambiental ou formación para a seguridade e saúde laboral, cuxa duración non poderá exceder as 10 horas, 10 puntos.

-Mecanismos de seguimento, avaliación e control da aprendizaxe, ata 10 puntos.

b) Capacidade acreditada da entidade solicitante para impartir a acción formativa, tendo en conta experiencias anteriores e os medios persoais e materiais propios ou alleos postos á disposición para a execución, ata 40 puntos.

c) Inclusión das accións formativas no sistema de cualificacións, 10 puntos.

d) O emprego da lingua galega no desenvolvemento das accións formativas, 10 puntos.

2. Serán financiadas as accións formativas que superen a puntuación da valoración técnica que, en función das solicitudes presentadas e recursos dispoñibles, sexa aprobada pola comisión de valoración. En caso de empate terán prioridade as entidades que tiveron maior puntuación na letra b) do punto 1 deste artigo e, se persiste o empate, as entidades que tiveron maior puntuación na letra a) do punto 1.

Artigo 21º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez emitido informe pola Comisión Galega de Formación Continua, e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación por delegación do/a conselleiro/a de Traballo e Benestar, e deberá ser notificada aos interesados no prazo de 10 días desde que se produzan. As entidades deberán acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 14º.1 c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e do 11º e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Exceptúanse desta obriga as entidades que se recollen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Dado que as axudas do programa regulado nesta orde están cofinanciadas polo FSE, na resolución de concesión informaráselle a entidade beneficiaria será informada de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das entidades beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que se publicará conforme o previsto no artigo 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e deberá ser notificada aos interesados no prazo de 10 días desde que se diten. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados entenderán desestimada a súa solicitude.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a aceptación da subvención, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta orde, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta xurisdición.

5. Non obstante, poderase optar por interpor contra estas resolucións recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non caberá interpor o recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente no programas 12.05.323B.471.0 e 12.05.323B.481.0, rexistrados cos códigos de proxecto 201100602 e 201100675 que figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Estas axudas son cofinanciables polo FSE, nunha porcentaxe do 80%, no tema prioritario 64 do eixe 1 do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, será de aplicación o establecido na Orde do 9 de xullo de 2010 pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, no que sexa de aplicación e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, quedando as/os beneficiarias/os das axudas reguladas nesta orde suxeitos ao réxime disciplinario previsto nas citadas disposicións.

Terceira.-As axudas reguladas nesta orde acóllense aos supostos de exención incluídos no artigo 39º do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado (actuais 107º e 108º) publicado no Diario Oficial de la Unión Europea o 9 de agosto de 2008, L214/3.

Cuarta.-Poderán efectuarse resolucións complementarias no caso de que haxa incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma que deberá provir de transferencias, incorporacións, ampliacións, remanentes ou xeracións de crédito, e deberan ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Quinta.-Apróbase a delegación de atribucións do/a conselleiro/a de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para ditar as correspondentes resolucións de concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "06400D007P077.PDF"

Ver referencia pdf "06400D008P091.PDF"