DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 31 de marzo de 2011 Páx. 5.658

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 17 de marzo de 2011 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e a realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4º.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9º.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

O Decreto 335/2009, do 11 xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, dispón no seu artigo 35º, número 1.d), que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a xestión, en coordinación coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria, a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

A Consellería de Traballo e Benestar considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado; actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no capítulo II do título preliminar da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no establecido na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34º.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as subvencións dirixidas a concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2011.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polos concellos e mancomunidades de municipios sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

-Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como a promoción e captación de voluntariado.

-Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e cara ás súas organizacións.

-Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal, etc.).

b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:

-Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.

-Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e o mantemento de páxinas web.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre os diferentes concellos e mancomunidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Artigo 2º.-Beneficiarias/os.

As/os beneficiarias/os das axudas serán os concellos e mancomunidades de municipios de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2011, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

No caso de que a solicitude fose presentada por unha mancomunidade de municipios conxuntamente con todos ou algún dos concellos que forman parte dela, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo proxecto.

Artigo 3º.-Requisitos das/os beneficiarias/os.

1. Para poderen ser beneficiarias/os destas axudas, serán condicións imprescindibles:

-Que os concellos e mancomunidades de municipios estean inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias para o ano en curso na data de presentación da solicitude, presentando esta coas copias compulsadas das pólizas correspondentes e dos xustificantes de pagamento.

2. Non poderán solicitar subvención aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

Artigo 4º.-Contía máxima da axuda.

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2011.12.07.312F.460.0 (proxecto 2011.00569) por un importe de cento setenta mil euros (170.000 euros) segundo o establecido na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.

1. Serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven da realización das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2011, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos derivados dos desprazamentos do persoal voluntario, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, os servizos de comunicación (telefónicos, postais e telegráficos) e os seguros dos/das voluntarios/as.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimento, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

3. A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 6.000 euros, nin o 75% do orzamento total do proxecto presentado. A contía da axuda por proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración do artigo 8º ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberanse dirixir á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e poderanse presentar, xunto coa documentación preceptiva, na oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través de calquera das formas establecidas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Se o expediente se remite por correo, presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada pola/o funcionaria/o de correos antes de proceder á súa certificación.

3. As solicitudes, cubertas segundo o modelo do anexo I, presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do DNI da/do representante legal do concello ou da mancomunidade, no caso de que este non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia compulsada do CIF da concello ou da mancomunidade.

c) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta do concello ou da mancomunidade onde se fará o ingreso da subvención.

d) Certificación expedida pola/o secretaria/o do concello ou da mancomunidade co visto e prace do representante legal (anexo II), que recolla: o acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita a subvención, a acreditación da persoa que teña o cargo do representante legal, así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas, para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como os fondos propios que achega a entidade.

e) Proxecto tal e como se recolle no anexo III, admitirase un só proxecto por municipio ou mancomunidade.

f) Copia compulsada da póliza en vigor do seguro de responsabilidade civil, e do seu xustificante de pagamento, de todo o persoal voluntario.

g) Copia compulsada da póliza en vigor do seguro de accidentes, e do seu xustificante de pagamento, de todo o persoal voluntario.

4. No caso de que algún dos documentos relacionados nas alíneas a), b), e c) xa fose presentado na Administración, cando non transcorresen máis de 5 anos desde a finalización do procedemento a que corresponda, quedará este exento de presentación, sempre que así se faga constar xunto co expediente para o cal foi presentado.

5. Conforme o establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou os demais previstos na lexislación aplicable, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da dita lei.

Artigo 7º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que estará composta polos seguintes membros:

Presidenta/e: subdirectora/or xeral de Voluntariado e Participación.

Secretario: unha/un funcionaria/o da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación, a/o cal participará con voz pero sen voto.

Vogais: a/o xefa/o de Servizo de Voluntariado e dous técnicos da Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. As solicitudes admitidas remitiránselle á comisión de valoración para que, unha vez avaliadas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º desta orde mediante a aplicación dunha fórmula proporcional á puntuación obtida e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

5. A comisión proporá a contía das axudas correspondentes a cada concello ou mancomunidade de municipios, que en ningún caso poderá superar o 75% do orzamento total do proxecto presentado, nin a cantidade de 6.000 euros, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. A comisión poderá establecer un mínimo de puntuación a partir do cal non se valoren os proxectos por considerarse que non se adecuan á calidade exixida nas bases.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

1. A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7º.

No dito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

-Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberanse acreditar os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de beneficiarias/os e voluntarias/os que van participan no proxecto.

-Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

-Secuencia lóxica da intervención: situación da cal se parte e onde se quere chegar detalladamente; información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que se conta e os que terán que incrementar.

-Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/o responsable de voluntariado e a participación de voluntarias/os da organización (ata 15 puntos).

c) Capacidade da entidade e solvencia (ata 15 puntos):

-Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

-Achega financeira da entidade ao proxecto.

-Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado.

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado. En especial, valoraranse os proxectos vinculados á realización e ao fomento de actividades relacionadas co Ano Europeo do Voluntariado 2011 (ata 15 puntos).

e) Proxecto conxunto con outras entidades (ata 15 puntos).

f) Garantir o uso do galego na presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación. Así mesmo, facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 5 puntos).

Artigo 9º.-Resolución.

1. Analizadas as solicitudes pola comisión de valoración, esta elaborará a acta na cal se recollerá a proposta de resolución para a súa elevación ao director xeral de Xuventude e Voluntariado, quen resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución.

2. O director xeral de Xuventude e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Se a resolución non foi notificada aos interesados no prazo o que se refire o punto anterior, poderase entender desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 107º, 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 11º.-Xustificación da axuda concedida.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda os beneficiarios procederán, antes do 15 de outubro de 2011, á xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión. Para isto o beneficiario deberá presentar na oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia (complexo administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela) ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación por duplicado:

1.1. Certificación expedida pola/o secretaria/o da entidade co visto e prace da/o representante legal (anexo IV), na cal se farán constar:

a) O orzamento total do proxecto segundo a solicitude (en cifras e letra).

b) O importe da subvención concedida (en cifras e letra).

c) Os fondos propios do concello ou mancomunidade (en cifras e letra).

d) O conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

e) A relación de actividades realizadas de acordo co proxecto presentado.

f) O cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

1.2. Unha memoria descritiva das actividades realizadas de acordo co proxecto presentado.

1.3. Unha certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal dos gastos totais realizados e efectivamente pagados para o cumprimento do proxecto subvencionado.

2. Os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 12º.-Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución.

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Pagamento da axuda.

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60º do Decreto 11/2009.

Non obstante, poderanse realizar pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50% da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65º.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os concellos ou mancomunidades de municipios quedan exonerados da constitución da garantía a que se refire o artigo 62º.3 da mesma norma.

Artigo 14º.-Obrigas das/os beneficiarias/os.

Os concellos ou mancomunidades de municipios que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión de subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de vinte (20) días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Artigo 15º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que son as seguintes:

-Obtención da subvención falseando ou ocultando as condicións requiridas.

-Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta orde.

-Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ao cumprimento do obxectivo, á regularidade das actividades e á concorrencia doutras axudas.

-Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios cando se derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 17º.-Publicidade.

1. Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a contía e a finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 15º da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, publicarase na páxina web da Xunta de Galicia a concesión indicando a relación de beneficiarias/os e o importe das axudas, ao abeiro do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado, para desenvolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73º a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Poderase acordar, segundo a dispoñibilidade orzamentaria do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30º.2 do Decreto 11/2009. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normas de aplicación.

Cuarta.-Coa presentación da solicitude (anexo I) a/o beneficiaria/o dá a súa conformidade a que os datos facilitados para a concesión da subvención figuren no Rexistro Público de Subvencións, coas excepcións do artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A relación de beneficiarios será publicada no Diario Oficial de Galicia, na páxina web e no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "06400D006P066.PDF"