DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 31 de marzo de 2011 Páx. 5.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 23 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (CT983I), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, ten entre as súas finalidades potenciar a oferta turística galega a través de medidas de fomento que permitan modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.

O Plan de Acción 2010-2013 é o resultado da iniciativa do «Debate do Estado de Turismo» que tivo lugar entre xullo e novembro de 2009, contando coa participación dos axentes sociais do sector turístico, desde empresarios ata universidades, pasando por padroados provinciais, asociacións, representantes políticos etc., e que serviu como base para conducir a política de actuación turística da Xunta de Galicia para o presente período lexislativo. O obxecto do presente documento é establecer cales deben ser as liñas básicas de actuación en materia turística do goberno galego a medio prazo. O plan contempla actuacións para levar a cabo unha xestión integral nos vindeiros anos, e converterse así nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. Entre os seus obxectivos prioritarios están, incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estadía media, e o gasto medio dos turistas que nos visitan.

Seguindo o indicado no plan, e debido ao suficiente volume de oferta en camas nos segmentos de hoteis xerais, a administración turística galega non debería fomentar vía liñas de axuda a fondo perdido a creación de mais oferta; polo tanto, o plan insta a Secretaría Xeral para o Turismo ao incentivo da calidade vs cantidade, no que a establecementos turísticos se refire.

O programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta de Galicia relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas a mellorar os servizos turísticos e, mais concretamente, establécense actuacións de apoio á iniciativa privada para o fomento do turismo, tales como a creación de establecementos novos ou reforma e modernización dos existentes, dado o carácter prioritario do sector do turismo na comunidade autónoma.

A oferta turística de Galicia está conformada por unha serie de elementos que a configuran como única e diferente, pero ao carón destes elementos distintivos aparecen outros comúns a todas as ofertas que, pola súa vez, son importantes nela. Estámonos a referir aos establecementos de hostalaría e servizos, en concreto, aos cualificados como restaurantes.

En moitos casos, por mor da súa situación xeográfica ou pola falta de recursos de variada índole estes establecementos que non se modernizan ou melloran, estando xa en funcionamento, demandan accións de modernización e reforma axeitadas. A mellora dos establecementos existentes, axudaría ao impulso global da oferta turística de Galicia e a mellora da súa calidade e, por extensión, do destino.

A gastronomía revélase como a segunda motivación da viaxe, despois da natureza, e como tal, a Administración debe apoiar a mellora en prol da calidade, dos establecementos que traballan nesta área, en paralelo a accións de promoción específica de Galicia como destino de turismo gastronómico e enoturístico ou o seu reforzo como oferta complementaria a outras singulares.

É por iso polo que, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Cultura e Turismo asignados para esta finalidade ao abeiro do Regulamento CE 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2007-2013 e establecidos na orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 54º da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 55º da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas á potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes e, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Secretaría Xeral para o Turismo, a través do teléfono 981 54 63 79 ou 981 54 63 78, do número de fax 981 54 02 75, ou do enderezo de correo electrónico axudas.turismo@xunta.es

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:

(www.culturaeturismo.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org).

c) Os teléfonos 981 54 63 79 e 981 54 63 78 da dita secretaría xeral.

d) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

e) Presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Secretaría Xeral para o Turismo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2011.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime

de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades privadas para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa convocatoria para o ano 2011 (CT983I)

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico de calidade, mediante a subvención a entidades privadas para a potenciación do turismo a través da mellora de establecementos restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas reguladas nesta orde establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo de 2006) para o período 2007-2013, de acordo co establecido na orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e Fondo de Cohesión.

Estas axudas axústanse ao obxecto establecido no eixe 5: Desenvolvemento sustentable local e urbano. Tema prioritario 57: Axudas á mellora dos servizos turísticos. Actuacións de fomento do turismo (5.57.2), do Programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis (DOUE 28-12-2006, L379).

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables as que se citan a seguir:

-Mellora nas instalacións dos establecementos restaurantes relativas a:

1.-Obras necesarias para acadar condicións de accesibilidade no establecemento e supresión de barreiras físicas ou sensoriais: ramplas de acceso, agarradeiros, ...

2.-Obras necesarias para a mellora da sustentabilidade nos establecementos turísticos (aforro enerxético de auga, redución da contaminación acústica ou lumínica, etc...).

3.-Obras de renovación e mellora de cociñas e baños e comedores dos restaurantes.

4.-Mellora de garaxes ou aparcadoiros para uso exclusivo de clientes no mesmo predio onde se sitúen os establecementos.

-Mellora de servizos dos establecementos restaurantes relativas a:

1.-Adecuación dos servizos de restauración para accesibilidade das persoas con discapacidade física ou sensorial (renovación ou modificación audioguías, pantallas táctiles...).

2.-Ampliación de tecnoloxías e sistemas de organización relativos á mellora da xestión dos establecementos.

A mellora subvencionable non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola Administración turística (e no caso de ter gozado dunha subvención semellante nos últimos cinco anos, non poderá incrementar ningunha praza); no caso de que a mellora implique un incremento superior, presentarase a desagregación orzamentaria do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas que permita a determinación da contía da subvención.

En ningún caso se financiarán as obras de mantemento do establecemento.

5. Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para a mellora dos establecementos obxecto desta orde, como, de ser o caso, a adecuación do contorno, as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura tradicional existentes e os honorarios técnicos.

6. Están comprendidos nos proxectos de obras e son, por tanto, subvencionables, todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nelas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc.). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as devanditas condicións.

7. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde o mobiliario, a lenzaría, enxoval doméstico, louza e análogos, e a adquisición de terreos.

8. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

9. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

10. Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se executen a partir do 1 de xaneiro de 2011.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións relativas á mellora dos establecementos obxecto desta orde imputaranse á aplicación orzamentaria 11.02.761A.770.0 cofinanciada ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 1.000.000 de €. A distribución por anualidades desta aplicación será a que se indica no cadro adxunto, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9º.

Aplicación Anualidade Importe

11.02.761A.770.0 2011 500.000 €

2012 500.000 €

Os expedientes que representen gastos plurianuais deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

O importe total da subvención distribuirase nunha ou dúas anualidades conforme coa execución do investimento subvencionado.

2. Os proxectos de mellora que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 30% sobre o custo elixible Feder, sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE 28-12-2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2º do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade subvencionada. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

5. Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia e financiaranse con cargo a fondos Feder.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Os titulares dos establecementos restaurantes que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter unha disposición sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso, o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles e/ou dos predios.

Será requisito imprescindible para a concesión destas axudas que a empresa solicitante teña inscrita, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, a actividade turística para a cal se solicita a axuda, ou ben que a partir da entrada en vigor o 23 de febreiro de 2010 da modificación operada no artigo 28º.4 da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, presentase a declaración responsable de inicio da actividade e o compromiso a que se refire o sinalado artigo.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º alínea h) do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse por duplicado exemplar a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade que acredite que o solicitante da subvención é propietario do inmoble obxecto da mellora ou do predio para nova construción. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta orde.

No caso de que o solicitante non sexa o propietario, acreditará a disposición do inmoble ou do predio para a realización do investimento obxecto da subvención, e o período mínimo de explotación establecido no artigo 15º b) destas bases, mediante certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade.

Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria da propiedade ou disposición dos inmobles e/ou dos predios.

c) Cando se trate de persoas xurídicas, achegarase copia compulsada do NIF, do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física, observarase o disposto no artigo 5º destas bases.

d) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:

d.1. Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

d.2. Orzamento do investimento, en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento, que deberá estar na memoria.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1º.9 destas bases reguladoras en aplicación do artigo 29º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

d.3. Planos de localización do investimento.

d.4. Planos do estado actual, se corresponden, e do proxecto.

d.5. Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

d.6. Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

d.7. Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

d.8. Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que se van prestar no establecemento.

d.9. Memoria explicativa das obras encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas, en caso de solicitarse para este fin.

d.10. Memoria explicativa das accións encamiñadas á implantación de enerxías renovables e mellora da sustentabilidade aos establecementos turísticos, en caso de solicitarse para este fin.

Teñen a consideración de edificación e, por tanto, requiren proxecto básico, os seguintes:

I. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

II. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección.

III. Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, que emitirá o informe correspondente.

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma dun establecemento turístico xa existente, e cando sexan actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución, segundo a normativa vixente, deberase presentar memoria explicativa detallada na cal se defina pormenorizadamente o proxecto que se vai executar, orzamento desagregado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica e planos do estado actual, asinada por persoal técnico competente. Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

e) Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

f) Prazo previsto, expresado en meses, para a execución, indicando data de inicio (cronograma de realización).

g) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para o cal se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, ou cando se trate de obras para as cales non sexa preceptiva segundo a normativa correspondente, presentarase certificación de viabilidade urbanística emitida polo órgano competente do concello, en que se indique que o proxecto para o cal se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da dita licenza urbanística.

h) Anexo IV: Modelo de declaracións:

-Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

-Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º alínea h) do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis.

i) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta, en que conste código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

j) Se é o caso, documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa Delegación Territorial en Galicia.

k) No caso de establecementos coa marca Q de calidade turística, documento acreditativo de certificación en vigor, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.

l) No caso de establecementos distinguidos co compromiso de calidade turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas en vigor concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

m) Se for o caso, documentos acreditativos relativos ás certificacións e/ou distintivos de calidade e/ou calidade ambiental do establecemento solicitante.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no NIF do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar no formulario de solicitude; daquela deberá presentar o NIF e as certificacións a que fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20º.3 da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto conforme o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. De acordo co previsto nos artigos 6º e 7º número 2, letra d) do Regulamento (CE) 1828/2006, a aceptación das axudas polos beneficiarios implica a aceptación da súa inclusión na lista de beneficiarios.

5. A Consellería de Cultura e Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Cultura e Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Secretaría Xeral para o Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle ao conselleiro de Cultura e Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6 b), 60º e 61º da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O Servizo de Turismo da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo achegará un informe en que deberá indicar se o proxecto é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e o interese turístico do proxecto e, de ser o caso, as datas de autorización e de inscrición no REAT (ou a declaración responsable de inicio de actividade e o compromiso de manter os requisitos durante o tempo de vixencia da actividade), e a clasificación turística que lle correspondería. Así mesmo, achegarase un informe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto. Estes informes achegaranse cunha antelación mínima de dez días previos ao da realización da comisión de valoración.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura e Turismo.

c) O/a xefe/a do Servizo de Xestión e Fomento, da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Inspección da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O/a xefe/a da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia.

g) O/a xefe/a da Área de Novos Produtos de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

7. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por se ter producido algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos, ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán, por orde decrecente, os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se atribúe a cada unha delas.

1º A localización do investimento atendendo á súa situación en:

-Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (5 puntos).

-Áreas rurais con tendencia á despoboación (5 puntos).

-Situación en municipio turístico oficialmente declarado (5 puntos).

-Situación nun espazo cualificado con algunha figura de protección ambiental (5 puntos).

Ata 20 puntos.

2º Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística:

-Acreditando certificación da marca Q de calidade turística do ICTE (5 puntos).

-Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2011 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de calidade turística (5 puntos).

-Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (5 puntos).

Ata 15 puntos.

3º Que o proxecto pretenda acadar un establecemento respectuoso co medio ambiente:

-Acreditando una certificación ambiental internacionalmente recoñecida (ISO, EMAS, etiqueta ecolóxica,...) (ata 8 puntos).

-A través da implantación de tecnoloxías que permitan aforros e eficiencias das instalacións en campos como residuos, enerxías, depuración de augas, contaminación acústica, etc. (ata 7 puntos).

Ata 15 puntos.

4º Que o proxecto incida especialmente nas condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Ata 15 puntos.

5º Que o investimento inclúa novas tecnoloxías cara a xestión e comercialización dos servizos turísticos.

Ata 10 puntos.

6º Que o proxecto supoña a implantación de novas ofertas combinadas das instalacións e servizos de turismo con outras actividades complementarias que permitan mellorar a oferta e contribuír a dinamizar turisticamente o contorno onde se asenta (turismo mariñeiro/náutico, turismo enolóxico, turismo ornitolóxico, turismo de golf, turismo termal, turismo cultural, turismo de aventura e turismo gastronómico).

Ata 10 puntos.

7º Rehabilitación dunha edificación singular ou dun elemento do patrimonio arquitectónico tradicional.

Ata 15 puntos.

Artigo 10º.-Audiencia.

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisoria debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa ao conselleiro de Cultura e Turismo.

2. O conselleiro, á vista da proposta de resolución, ditará, no prazo de quince (15) días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34º.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En calquera caso, o pagamento da subvención estará condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten a decisión de non formularen obxeccións a esta ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice, aspecto que se fará constar no acto administrativo de concesión, de conformidade co disposto no artigo 17º.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se dictar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios para que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada para súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producir o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producir o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Cultura e Turismo, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, se entenderá tacitamente aceptada.

2. Coa aceptación, o beneficiario consente a publicación da resolución en que se lle concede a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Iniciar a actividade turística (ou continuala no caso de proxectos de mellora), incluídos todos os servizos que se recolleron no proxecto, previa a declaración responsable de inicio de actividade, nun prazo máximo de seis (6) meses contados a partir da data límite da xustificación final do investimento fixada no artigo 17º destas bases.

b) Manter a entidade beneficiaria da axuda a súa actividade en Galicia, sen posibilidade de subcontratala, durante un período mínimo de dez (10) anos, contados desde a data da declaración responsable de inicio de actividade ou, na súa falta, desde que se produza a liquidación definitiva da subvención.

Así mesmo, segundo establece o artigo 57º do Regulamento 1083/2006, o investimento deberá manterse en Galicia polo menos durante os cinco anos seguintes, unha vez completada a totalidade do investimento.

De non cumprir coas citadas obrigas, procederase ao reintegro da subvención concedida.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura e Turismo e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis, tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime no presente ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. A Consellería de Cultura e Turismo comprobará que non se superan as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora producidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

-Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

-Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro; o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos; o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas, para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

-Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

g) Adscribirse á central de reservas de turismo rural cando se trate destes establecementos e a aquelas que, se é o caso, cree a Administración turística galega.

h) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

i) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

j) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE 27-12-2006, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009 (DOUE 23-9-2009, L250).

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus proxectos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo, de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «proxecto cofinanciado», acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia, podendo descargarse o logotipo na seguinte ligazón: www.xunta.es/descarga-do-manual, e o emblema normalizado da Unión Europea co rótulo «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder), e precedendo os emblemas empregarase o rótulo «Unha maneira de facer Europa». Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es

/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe). Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas, os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de seis meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no lugar das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

k) O beneficiario queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a pista de auditoría.

l) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa á execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89º, punto 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

m) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 16º.-Subcontratación.

Permítese, para a realización das obras necesarias para executar o proxecto, a subcontratación do 100%, cos límites establecidos no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. No prazo de sesenta (60) días naturais seguintes ao da notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Secretaría Xeral para o Turismo a seguinte documentación por duplicado exemplar:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada: achegarase visado e incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

O dito proxecto e programa teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente deberán ser avaliados polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

2. Para cobrar a primeira anualidade da subvención concedida (2011), o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2011 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, a documentación que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000 euros, os beneficiarios presentarán certificado de fin de obra asinado por persoal técnico competente.

c) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas facturas.

d) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

e) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente, por ningún concepto, con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15º das bases reguladoras.

g) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse actualizado o anexo IV: Modelo de declaracións.

h) Xustificante orixinal do depósito da garantía presentada no caso de pagamentos de importe superior a 18.000 euros, de acordo co establecido no artigo 62º en relación co 65º e 67º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para cobrar a segunda anualidade (ano 2012) da subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2012 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria a documentación que se sinala nas letras a), b), c) e g) do punto anterior, agás que se completase a totalidade da execución e se xustificase correctamente a súa realización coa certificación de fin de obra e demais documentación na primeira anualidade; neste caso unicamente terá que presentar en prazo a solicitude de cobramento.

4. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. De non se xustificar o investimento executado, quedará anulada toda a subvención; non obstante, se a xustificación for inferior ao investimento previsto en calquera das anualidades, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumprise o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Cando se soliciten pagamentos parciais, ademais da presentación da documentación indicada no artigo 17º tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 62º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro):

a) Os pagamentos á conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe que establezan as bases reguladoras.

b) O importe conxunto dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4. Os pagamentos parciais superiores a 18.000 euros terán que garantirse conforme o establecido no artigo 67º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca; deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto no artigo 17º destas bases reguladoras.

Tal e como establece o artigo 69º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

Unha vez comprobada a adecuada xustificación da realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

5. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

A comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Cultura e Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente o farán na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 (DOUE do 28 de decembro de 2006) relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis; o Regulamento comunitario 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo de 2006, L210), do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; o Regulamento comunitario 1083/2006 do Consello (DOUE do 27 de decembro de 2006, L371), relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao Fondo de Cohesión; o Regulamento comunitario 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009 (DOUE do 23 de setembro de 2009, L250).

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "06400D004P030.PDF"