DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 31 de marzo de 2011 Páx. 5.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 30 de marzo de 2011 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 70 millóns de euros.

Con base no artigo 33º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 25 de febreiro de 2011 obtívose a autorización establecida no artigo 14º.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Esta orde ten por obxecto realizar unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (o «Emisor») por un importe nominal de 70 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións senior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as «Obrigacións»), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55º e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe nominal da emisión: setenta (70) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso: 1 de abril de 2011.

Data de vencemento: 1 de abril de 2016 (con suxeición á convención de día hábil) e sen prexuízo da posibilidade de amortización anticipada a opción dos tenedores das obrigas consonte se prevé máis adiante.

Prezo da emisión por obrigación: 99,250% do importe nominal de cada obriga, libre de gastos para o subscritor.

Importe nominal de cada obrigacións: cincoenta mil (50.000) euros.

Entidade colocadora: UBS Investment Bank.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España conforme aos procedementos que este ten establecidos para os membros do Mercado de Débeda Pública en Anotacións.

Cupón: as obrigacións devengarán e o emisor pagará un cupón trimestral por trimestres vencidos, o primeiro día de cada mes de abril, xullo, outubro e xaneiro (cada un deles, unha «data de pagamento de xuros», a partir do 1 e xullo de 2011 e ata a data de vencemento (ambas inclusive), ao tipo de xuro e conforme os períodos de devengo de cupóns referidos a continuación.

Cada período de devengo de cupóns vai desde a data de pagamento de cupóns (inclusive), a seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devengo de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento.

Convención do día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema Target, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efecturase o día hábil seguinte segundo o calendario do devandito sistema.

O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia deste atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotizacións: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións en conta e inscritas na Sociedade de Xestión dos Sistemas de Rexistro, Compensación e Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión á negociación no Mercado de Débeda Pública en Anotacións na forma prevista nos artigos 55º e seguintes da Ley 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14º.5 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigacións:

(i) Amortización ordinaria: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade a par (100% do importe nominal de cada obriga), na data de vencemento.

(ii) Amortización anticipada a opción dos tedores: non obstante o anterior, os tedores das obrigacións poderán solicitar a amortización anticipada da totalidade ou parte das obrigacións da súa titularidade en calquera data de pagamento de xuros, a partir do 1 de abril de 2012 e ata a data de vencemento, mediante o envío ao emisor dun escrito de notificación de amortización anticipada, que deberá remitirse cun mínimo de treinta (30) días hábiles antes da data de pagamento de xuros en que se deba producir a amortización, e que deberá constar o importe nominal total das obrigacións das que é titular e respecto das cales se solicita a amortización. O devandito importe nominal non poderá ser inferior a cinco (5) millóns de euros, agás no suposto de que quede pendente de amortizar un importe nominal total igual ou inferior a dez (10) millóns de euros, nese caso a opción de amortizar anticipadamente terá que formularse pola totalidade do nominal pendente.

Tipo de xuro: será variable, fixarase trimestralmente e calcularase mediante a adición ao Euribor da marxe aplicable. Para estes efectos, o Euribor aplicable será o Euribor a prazo de 3 meses publicado por Reuters na páxina Euribor 01 (ou outra que a substitúa) as 11.00 horas do segundo día hábil anterior o inicio do período de xuro. A marxe aplicable será a siguinte:

-Desde o 1 de abril de 2011 ata o 1 de abril de 2012 (incluído): 1,60%.

-Desde o 1 de abril de 2012 (excluído) ata o 1 de abril de 2013 (incluído): 2,10%.

-Desde o 1 de abril de 2013 (excluído) ata o 1 de abril de 2014 (incluído): 2,60%.

-Desde o 1 de abril de 2014 (excluído) ata o 1 de abril de 2015 (incluído): 3,10%.

-Desde o 1 de abril de 2015 (excluído) ata o 1 de abril de 2016 (incluído): 3,60%.

Os xuros calcularanse sobre a base cálculo «Act/360», sen axuste ningún de cada período de devengo de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos, «Act/360» ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda serán realizados polo Banco de España, consonte o establecido no convenio marco, de data 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigas rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigas.

Notificacións: as notificacións aos titulares das obrigacións serán válidas se se publican no Diario Oficial de Galicia e nun diario de gran circulación en España.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2011.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda