DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 31 de marzo de 2011 Páx. 5.598

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro, para actuacións de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para 2011 (procedemento administrativo PR521A).

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, exerce as competencias de liderado das iniciativas en materia da sociedade da información, así como as de fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Neste marco, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a impulsar unha serie de medidas dinamizadoras da sociedade da información, entre as cales se atopa esta resolución de axudas para potenciar as actuacións de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información por parte das entidades sen ánimo de lucro.

No referente ás actuacións de difusión dirixidas á cidadanía, é preceptivo indicar que parcialmente estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC), tema prioritario 13 Servizos e aplicacións para o cidadán, actuación 1.13.1. Polo tanto, a súa tramitación queda condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I desta resolución, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para impulsar a realización de actuacións de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011 (código de procedemento PR521A).

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que se inclúen como anexos III e IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

2. Os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir e validar necesariamente o solicitante a través da aplicación informática a que se accede seleccionando o procedemento PR521A, dentro do enlace de «Axudas» desta secretaría xeral, sita no enderezo da internet: http//imit.xunta.es. Tamén pode accederse desde o enderezo: http://www.xunta.es/

presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento PR521A. Estes modelos validados pola aplicación informática valerán tanto para a presentación en papel, unha vez impresos, coma para a presentación electrónica, que se describen no artigo seguinte.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Os anexos III e IV desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para os efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

3. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigo 54º a 56º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, téndose que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen e achegan no anexo II.

3. En lugar da presentación electrónica, as solicitudes tamén poderán presentarse en formato papel preferentemente no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia de San Caetano en Santiago de Compostela (A Coruña). Tamén poderán presentarse ante calquera outro órgano da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subcribese o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De ser o caso de optar pola presentación en papel, toda a documentación se entregará sen encadernar tendo en conta as recomendacións ambientais que se definen no anexo II.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, os requirimentos de emenda de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse preferentemente no taboleiro electrónico particular ou mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Financiamento e concorrencia.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan e que terán a modalidade de subvención, destinarase o crédito correspondente á seguinte aplicación orzamentaria:

Ver referencia pdf "06400D001P006.PDF"

Este crédito está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1-Desenvolvemento da Economía do Coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC), tema prioritario 13 servizos e aplicacións para o cidadán, actuación 1.13.1.

Artigo 6º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR521A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da secretaría xeral (http://imit.xunta.es), na súa epígrafe de «axudas».

b) O teléfono 881 99 50 58 da devandita secretaría xeral.

c) O enderezo electrónico sxmit.axudas@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

2. Unha vez presentadas as solicitudes, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica habilitará canles personalizadas (ver anexo II) de información cos interesados, con independencia dos medios preceptivos de notificación recollidos nos artigos 8º e 12º das bases reguladoras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2011.

Mª Mar Pereira Álvarez

Secretaria xeral de Modernización

e Innovación Tecnolóxica

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para actuacións de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto impulsar a realización de actuacións de difusión e sensibilización, relacionadas especificamente co desenvolvemento e implantación da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. As actuacións desta convocatoria están financiadas parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31-7-2006), 1083/2006 (DOUE 31-7-2006) e 1828/2006 (DOUE 15-2-2007) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Consideracións xerais.

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 30 de setembro de 2011, data límite de xustificación establecida no artigo 18º destas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, a comisión de valoración poderá considerar como non subvencionables, ou limitar a súa porcentaxe en relación co investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Os provedores dos bens ou servizos están suxeitos ás condicións legais sobre a subcontratación de actividades subvencionadas citadas no artigo 17º destas bases reguladoras, e en todo caso, non poderán ser provedores vinculados (ver anexo II) coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. De concorrer esa circunstancia, os investimentos non resultarán subvencionables.

O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación das actuacións subvencionables, tanto durante a súa execución como con posterioridade a súa xustificación.

Os gastos subvencionables e non subvencionables recollidos nesta resolución defínense de acordo co establecido na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, 1-3-2008).

Cando nas actividades estean incluídas contidos, aplicacións ou servizos accesibles a través da internet, deberán necesariamente cumprir os criterios de accesibilidade ao contido (ver anexo II).

Non serán en ningún caso subvencionables proxectos en que exista a posibilidade de difusión de contidos nocivos, entendendo por tales aqueles que fan un uso exaxerado e gratuíto da violencia física, psíquica e verbal. En ningún caso se subvencionarán contidos que non respecten o dereito das persoas, a súa propia intimidade e imaxe, os que inculquen expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos pola condición persoal dos individuos. Tamén se considerarán contidos nocivos aqueles que poidan atentar contra a protección da mocidade e da infancia, así como os que presenten calquera persoa ou grupo de persoas como inferiores en dignidade humana en función do seu sexo ou orientación sexual, así como calquera contido que incite ou banalice a violencia de orixe sexual.

As entidades poden optar ás distintas actuacións da convocatoria, presentando solicitudes especificas para cada unha das actuacións descritas neste artigo como A e B. Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude para cada tipo de actuación; no caso de que un mesmo solicitante presente máis dunha solicitude ao mesmo tipo de actuación, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

2. Descrición das actuacións subvencionables.

As actuacións subvencionables obxecto desta resolución estrutúranse nas seguintes liñas de actuación:

Liña A) eventos de promoción e difusión da sociedade da información.

Proxectos encamiñados á organización e celebración de eventos neste ámbito, tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso da internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan por obxecto a promoción e difusión de materias relacionadas coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e as tecnoloxías da información e a sociedade da información en xeral.

Liña B) investimentos necesarios para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social.

Equipamento necesario para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social, sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Se algunha solicitude non presenta ningún investimento subvencionable dentro da liña de actuación subvencionable seleccionada polo solicitante, pero presenta algún investimento que podería ser valorado e, se é o caso, subvencionable noutra liña de actuación, a comisión de valoración poderá apreciar que na selección inicial se produciu un erro do solicitante e adscribirá de oficio a devandita solicitude á liña de actuación que máis se axuste ao contido da solicitude, para a súa valoración competitiva.

3. Gastos subvencionables e non subvencionables.

* Gastos subvencionables:

-Gastos asociados aos relatores. O importe máximo que se concede por relator será de 300 euros por evento.

-Gastos asociados ao desprazamento, aloxamento e manutención dos relatores. O importe máximo que se concede por relator será de 300 euros por evento. Neste tipo de gasto aceptarase unha estimación inicial por parte do solicitante sen que teña que achegarse ofertas dos provedores segundo o establecido no artigo 5º destas bases reguladoras, con independencia da posterior xustificación do gasto.

-Gastos asociados ao aluguer de locais, mobiliario e/ou equipamento durante a realización do evento.

-Gastos asociados á organización do evento, así como outros gastos suplementarios, directamente derivados da actuación, que estean perfectamente xustificados, e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento. Estes gastos terán como límite máximo o 20% do investimento subvencionable total do proxecto, e deberán acadar un resultado concreto, medible e documentado. En ningún caso estes gastos poderán supor a mera subcontratación de persoal.

-Gastos de difusión e promoción en medios de comunicación social (prensa, revistas, TV, radio, internet), Estes gastos terán como límite máximo o 20% do investimento subvencionable total do proxecto.

-Para o caso específico de asociacións de discapacitados, serán subvencionables os gastos de adquisición de periféricos que permitan o acceso de persoas con discapacidade á integración cos equipos informáticos.

-Para o caso específico de solicitantes á liña A) deste artigo, gastos pormenorizados e estritamente detallados de creación e mantemento dun sitio web específico para a difusión do evento e cun dominio e contidos inequívocos vinculados ao evento e independentes da entidade organizadora.

-Para o caso específico de solicitantes á liña B) deste artigo, dedicada a entidades de interese social, os gastos de adquisición de equipamento informático (hardware e software) para o funcionamento da entidade e desenvolvemento dos seus fins co emprego das tecnoloxías da información.

* Gastos non subvencionables:

-Custos de operación, gastos periódicos ou xenéricos da actividade da entidade.

-Axudas de custo, desprazamentos en vehículo particular ou da entidade, e calquera gasto persoal non xustificado contra factura.

-Gastos de persoal da entidade solicitante.

-Con carácter xeral, agás o indicado no caso da liña B), excluiranse os investimentos en elementos que non esgoten a súa funcionalidade ao remate da actividade resultante do proxecto, tales como ordenadores, proxectores, cámaras de fotos, videocámaras, televisións, etc.

-Gastos de conexión á internet.

-Gastos de elaboración de material promocional, tales como dípticos, catálogos e folletos.

-Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas, etc.) ou gastos xerais.

-Non terán a consideración de subvencionables aqueles investimentos, ou solicitudes íntegras, en que os provedores estean relacionados coa entidade solicitante, cos seus órganos directivos ou xestores, de acordo coas definicións recollidas no anexo II provedores vinculados.

-Calquera gasto que pola súa natureza poida considerarse subvencionable, pero non sexa posible identificar o alcance concreto do gasto ou no cal figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

-Calquera gasto do cal non se achegue documentación económica completa conforme o establecido no artigo 5º destas bases reguladoras, agás a excepción sinalada para os gastos de aloxamento, manutención e viaxe dos relatores.

Artigo 3º.-Beneficiarios e non beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas.

Quedan expresamente excluídos como beneficiarios destas axudas:

-As administracións públicas previstas no artigo 2º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-As universidades públicas ou privadas.

-Así mesmo, estarán excluídas as cámaras de comercio, industria e navegación.

No caso específico dos proxectos presentados á liña B) descrita no artigo 2 destas bases, os solicitantes deberán ser entidades de interese social sen ánimo de lucro inscritas, con anterioridade á data de publicación da convocatoria, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Así mesmo, en ningún caso poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos en tales prohibicións realizarase mediante declaración responsable (anexo IV).

Artigo 4º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan e que terán a modalidade de subvención, destinarase o crédito correspondente á seguinte aplicación orzamentaria:

Ver referencia pdf "06400D001P006.PDF"

Este crédito está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC), tema prioritario 13 Servizos e aplicacións para o cidadán, actuación 1.13.1.

Estes importes consignaranse aos diferentes tipos de actuacións subvencionables recollidos no artigo 2º das presentes bases reguladoras, de acordo co seguinte detalle:

Ver referencia pdf "06400D001P006.PDF"

Non poderán outorgarse subvencións por contía superior a aquela se determine na convocatoria sen que se realice unha nova convocatoria, salvo que se produza o incremento dos créditos derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O devandito incremento de crédito poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 10º destas bases reguladoras.

No caso de que non exista suficiente número de solicitudes viables, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida, coas cales se esgote o crédito consignado para algún dos tipos de actuación aquí recollidos, o crédito sobrante poderá dedicarse a outro tipo de actuación.

Poderanse atender solicitudes en que especificamente a comisión de valoración identifique uns investimentos subvencionables de cando menos 3.000 €.

2. A intensidade da subvención acadará o 85% do custo total das actuacións subvencionables e, en ningún caso, ningunha entidade recibirá unha subvención total maior de 30.000 euros baixo este réxime de axudas.

3. As axudas reguladas nestas bases poderán ser compatibles con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que, en ningún caso, o seu importe sexa de tal contía que, illadamente ou en concorrencia, supere o custo elixible da actividade subvencionada.

4. Ao estar este réxime de axudas dentro do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 34º do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indican nos artigos 2º e 3º da resolución de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderá identificaranse polo solicitante como información accesible (ver anexo II) de xeito que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá acceder a esta documentación, sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se lle evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Tamén interesa á hora de presentar as solicitudes ter en consideración as recomendacións ambientais (ver anexo II) que indica o órgano xestor, así como o artigo 10º destas bases reguladoras no referente ao criterio de valoración g) Capacidade técnica acreditada na presentación. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación, da cal se presentará un único

exemplar:

2.1. Formularios normalizados de solicitude obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo 2 da convocatoria, e que só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legais da entidade correspondente:

2.1.a. Anexo III (modelo normalizado da solicitude, 2 follas).

2.1.b. Anexo IV (modelo de declaracións expresas, 1 folla).

Estes formularios normalizados presentaranse sen engadir novos datos e sen realizar emendas nin riscaduras no seu formato orixinal, o que será causa de non admisión a trámite.

2.2. Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante. Identificarase como información accesible (ver anexo II) ou, en caso contrario, presentarase orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

2.2.a. NIF da entidade solicitante en vigor. Se o NIF que se vai presentar dispón de código electrónico de verificación coa AEAT, poderá presentar documento sen compulsar.

2.2.b. Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante. Poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro de Asociacións ou outros rexistros públicos necesarios para ter personalidade xurídica (Rexistro de Colexios Profesionais, Rexistro Único de entidades de interese social, etc.) en que se identifiquen os representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance da dita representación e vixencia. Tamén poderá acreditarse mediante certificado do secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente, en que se faga constar a data de nomeamento do representante da entidade, así como o nome, apelidos e o número de documento de identidade e que dita representación está en vigor.

2.2.c. Escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, debendo quedar acreditada, de ser o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

2.2.d. DNI das persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG nº 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como información accesible (ver anexo II). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

2.3. Documentación técnica relativa ao proxecto, consistente en:

Memoria explicativa do proxecto en que conste o historial da entidade, obxectivos da actividade, curriculo dos relatores, de ser o caso, e demais datos que se consideren de interese para a valoración do proxecto. Esta memoria terá unha extensión máxima de 20 follas.

Nesta memoria poderá constar:

-Unha descrición pormenorizada do proxecto que se vai desenvolver.

-O interese, a oportunidade e os obxectivos dos proxectos a levar a cabo.

-Calendario de execución e orzamento desagregado e detallado ao máximo dos diferentes gastos necesarios para a correcta execución dos proxectos presentados.

-No caso da organización de congresos, xornadas, seminarios, cumios, foros e convencións, terá que especificarse a data de celebración e os relatores.

No caso de que o solicitante non presente dentro do prazo de presentación de solicitudes esta memoria técnica explicativa, entenderase que solicita a valoración do seu proxecto coa información dispoñible nos formularios normalizados.

2.4. Orzamentos e ofertas desagregadas.

Segundo o artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de que o importe do investimento (sen IVE) supere a contía de 12.000 euros, o solicitante deberá obter e achegar copia de, como mínimo, 3 ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción de compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

2.4.a. En todo caso, copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

2.4.b. Se o orzamento ou oferta superase a contía de 12.000 € deberase achegar ademais unha copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.

2.4.c. Así mesmo, se o orzamento ou oferta superase a contía de 12.000 €, deberá achegarse unha memoria económica xustificativa da elección dos provedores, se concorre calquera destas circunstancias:

-Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo o solicitante.

-Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Esta circunstancia terá que ser alegada expresamente polo solicitante, presentando dentro desta memoria económica un certificado do provedor elixido en que se recolla e xustifique que é o único provedor existente no Estado, segundo modelo dispoñible na web da consellería no enderezo descrito no artigo 2º desta convocatoria.

-Cando o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención, feito que se acreditará nesta memoria xustificativa mediante factura co seu correspondente pagamento.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas, os provedores elixidos e os datos dos recursos humanos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

2.5. Certificados acreditativos de estar ao día das obrigas coas administracións públicas.

Como caso xeral, estes certificados poden identificarse como información accesible (ver anexo II) e non teñen que ser achegados. Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder a esta información, deberá achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada) que deberá estar en vigor:

2.5.a. Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2.5.b. Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2.5.c. Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse tal documento sen compulsar.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. Coñecemento da convocatoria. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

2. Publicidade de axudas e sancións. De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Tamén, de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente as propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

3. Acceso a datos. Para os efectos da documentación definida nesta resolución como información accesible, de conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente tal autorización.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20º.3 da Lei 9/2007, se o solicitante identifica certa documentación como información accesible, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

4. Responsabilidade sobre os datos de contacto. Cando o interesado identifique nos formularios de solicitude, de xeito voluntario, un enderezo electrónico e/ou un teléfono móbil para a recepción de avisos referentes a esa solicitude concreta, enténdese que consente a recepción de información complementaria sobre o seu expediente polas canles personalizadas que estableza a secretaría xeral para tal fin, sempre que os datos facilitados polo solicitante sexan correctos.

5. Adicionalmente ao xa indicado neste artigo, no anexo IV que forma parte dos formularios normalizados inclúense declaracións expresas sobre os datos do solicitante, e as condicións que consente ou autoriza.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información pertencente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao titular da secretaría xeral ditar a resolución que corresponda.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará da documentación identificada polo solicitante como información accesible (ver anexo II) se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtivese un resultado negativo da dita información, ou non fose válida, ou con erros ou inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante. Nestes casos o solicitante deberá responder ao requirimento achegando a documentación orixinal ou copia cotexada.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6 b), 60º e 61º da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a que se remitirá desde o texto publicado no DOG. Poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

3. Adicionalmente aos requisitos legais de notificación por publicación no DOG, taboleiro electrónico ou notificación postal, o órgano instrutor disporá de xeito complementario de canles personalizadas de información (ver anexo II) para facilitar que os interesados estean informados en todo momento dos distintos actos que se lles comuniquen durante a tramitación.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da/s subvención/s aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ou persoa que o substitúa.

b) Dous vogais: os titulares da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información e do Servizo de Xestión da Sociedade da Información, ou persoas que os substitúan.

c) Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

3. Os suplentes serán designados polo presidente da comisión de valoración.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os traballadores públicos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude. Tanto os membros da comisión como os membros da subcomisión técnica poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións subvencionables recollidos nestas bases reguladoras. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuada a concesión da subvención.

7. O resto das solicitudes quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Neste último caso deberase realizar dentro dos límites que dispón tanto o artigo 31º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, como o artigo 30º.2 do regulamento que desenvolve a devandita lei, aprobado polo Decreto 11/2009. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

8. Sen prexuízo do recollido nos puntos anteriores, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida en función dos criterios a) ao f) do artigo seguinte, a comisión de valoración poderá considerar como non viable técnica, económica ou financeiramente un proxecto presentado, ben parcialmente ou ben na súa totalidade. Nese caso, eses investimentos non serían subvencionables.

9. A comisión de valoración, con carácter xeral para todos os proxectos presentados, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable naqueles conceptos en que xustificadamente se estime necesario, segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos.

Artigo 10º.-Requistos de admisión e criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración, os seguintes:

-Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.

-Requisitos de personalidade xurídica e actividade económica dos solicitantes para ser beneficiarios.

-Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración competitiva conxunta. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención e dentro de cada tipo de actuación subvencionable, serán os seguintes:

a) Repercusión social, atendendo á súa orientación a colectivos con especiais dificultades de integración na sociedade da información (0 a 25 puntos).

1. Localización da realización da actividade.

2. Colectivos e sectores a que van dirixidas as actividades.

3. Relación da temática da actividade con ferramentas especiais para colectivos desfavorecidos.

b) Concepción do proxecto e claridade da información facilitada (0 a 20 puntos).

1. Definición do alcance do proxecto.

2. Definición do colectivo, sector ou perfís a que van dirixidas as actuacións.

3. Especificación do contorno en que se imparten as actividades.

4. Identificación das partidas e provedores.

5. Detalle dos conceptos dos orzamentos.

6. Detalle e definición de cada unha das actividades presentadas.

7. Relación da traxectoria dos provedores ou relatores.

8. Relación de recursos técnicos utilizados.

c) Calidade e viabilidade técnica (0 a 20 puntos).

1. Correspondencia entre as partidas, os conceptos dos orzamentos, as actividades presentadas e os recursos utilizados para cada unha delas.

2. Capacidade técnica dos recursos humanos (traxectoria do provedor ou persoal contratado, adecuación das categorías profesionais no caso de persoal contratado).

3. Equilibrio entre a complexidade do proxecto, os recursos técnicos utilizados e a solvencia técnica dos provedores e relatores.

4. Adecuación das partidas aos prezos de mercado e ao volume das tarefas que se pretende acometer.

5. Viabilidade na planificación temporal indicada.

d) Proxectos estratéxicos, innovadores e de referencia (0 a 15 puntos).

1. Estratéxico: que poida ser considerado de importancia especial para o desenvolvemento do sector en Galicia e con incidencia social ou empresarial alta.

2. Innovador: que crea unha novidade no mercado ou que introduce perfeccionamento ou mellora sobre aplicacións ou produtos existentes.

3. De referencia: que poida ser considerado como modelo de interese ou exemplo para seguir.

e) Visibilidade pública da capacidade técnica do solicitante en materia da sociedade da información (0 a 15 puntos).

1. Web do solicitante (máximo 15 puntos).

Só se valorará se dispón dun dominio propio e figura de xeito claro a razón social, NIF e datos de contacto.

-Accesibilidade ao contido na web e selos de accesibilidade (ata 4 puntos).

-Multiidioma (ata 4 puntos).

-Claridade na información que acredita o cumprimento da LOPD (ata 4 puntos).

-Nivel de información das actividades da entidade anteriores e futuras (ata 4 puntos).

-Grao de dispoñibilidade de información sobre actividades realizadas en anos anteriores semellantes ás solicitadas a esta convocatoria (ata 4 puntos).

f) Capacidade técnica acreditada na presentación (0 a 5 puntos).

Solicitude integramente presentada ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria (5 puntos).

Para os efectos de aplicación deste criterio, non se considerará rectificación se o solicitante se acollese á posibilidade de identificar inicialmente a documentación como información accesible (ver anexo II) se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtivese un resultado negativo dita información, ou non fose válida, ou con erros ou inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante.

A valoración máxima dos criterios anteriores pode acadar os 100 puntos. Adicionalmente considerarase o impulso do código libre e software de fontes abertas, así como o emprego da lingua galega na execución das actividades. Mediante os criterios seguintes, que serán aplicados en porcentaxe, sobre a valoración acadada nos puntos anteriores. Estes criterios adicionais son:

g) Impulso ao código libre e ao software de fontes abertas (FLOSS). (0 a 15% adicional).

1. Nivel de uso de ferramentas FLOSS para a execución das actividades solicitadas e para a difusión dos resultados da actividade.

2. Nivel de uso de FLOSS na temática obxecto da actividade.

h) Emprego da lingua galega na realización das actividades (0 a 15% adicional).

Compromiso, con carácter voluntario e recollido no anexo IV, de utilización da lingua galega na realización das actividades sobre as que se solicita a axuda, considerándose polo menos este compromiso nos seguintes elementos:

-Na memoria técnica da solicitude.

-Nas referencias en materia de publicidade que faga o beneficiario sobre o financiamento con fondos públicos da actividade subvencionada e que teñan difusión dentro da comunidade autónoma.

-Nunha memoria pública do proxecto realizado, que baixo licenza Creative Commons, deberá estar dispoñible na web do beneficiario (ver obrigas de publicidade anexo II).

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará ao titular da secretaría xeral.

2. O titular da secretaría xeral, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo elixible da actividade que vaia desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será 6 meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

Non obstante, se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos ou os prazos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros/as.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esa modificación mediante instancia dirixida ao titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, así como novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV de declaracións expresas do solicitante, dispoñendo de prazo para esta solicitude ata o 1 de agosto de 2011, inclusive. De non facelo, implicará a perda da subvención afectada pola modificación e no caso de que esta implique unha variación substancial do proxecto inicial, a perda total da subvención concedida.

4. As modificacións que se refiran exclusivamente ao cambio de provedores na adquisición de bens físicos inventariables poderán solicitarse ata a mesma data de xustificación recollida no artigo 18º, debéndose achegar xunto coa solicitude de modificación un novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV.

5. A conformidade expresa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, e só será outorgada cando non se alteren significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo o titular da secretaría xeral logo da instrución do correspondente expediente, en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11º destas bases reguladoras.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992. No caso de que se comunicase a renuncia, o titular da secretaría xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión ou desfrute da subvención.

c) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20º.3 da Lei 9/2007 desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedinte, ás de fiscalización e control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicar á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control da pista de auditoría dos gastos.

g) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro deste prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

h) Conservar a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación de fondos recibidos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89º, número 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

i) Proceder ao reintegro, total ou parcial, dos fondos percibidos, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, por existir cofinanciamento da Unión Europea-Feder e a Xunta de Galicia. Seguiranse as indicacións recollidas nas obrigas de publicidade (ver anexo II).

Artigo 17º.-Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e poderá acadar o custo total da actividade proposta.

En todo caso respectarase a prohibición de subcontratación cos provedores de bens ou servizos en que recaian algunha das condición establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10º e no artigo 27º da Lei 9/2007, así como no artigo 43º do Decreto 11/2009, que desenvolve a Lei 9/2007. Faise especial indicación de que os provedores non poderán estar vinculados (ver anexo II) coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Artigo 18º.-Xustificación da subvención.

Nos termos establecidos no título III do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación polo beneficiario do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención revestirá a modalidade de Conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto.

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar un exemplar con toda a documentación xustificativa (orixinal ou copia con valor auténtico), tendo de prazo para presentala ata o 30 de setembro de 2011.

O beneficiario poderá presentar a documentación xustificativa co emprego do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT. A documentación presentarase a través do Servizo de Achegas de Documentación dispoñible na web da secretaría xeral (http://imit.xunta.es), ou accedendo directamente á seguinte URL:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_cons=PR&cod_proc=999A

1. O órgano instrutor poderá facilitar aos beneficiarios modelos de documentación para o cumprimento do aquí indicado. Deberá presentar, ante o Rexistro Electrónico ou ante un rexistro presencial da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento da subvención (modelo dispoñible na web da consellería).

b) Memoria en que se describa a realización dos investimentos e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa realización.

c) Conta xustificativa, entendéndose como tal un documento asinado polo representante legal do solicitante, en que se asume a realización do proxecto subvencionado, cunha relación das facturas, gastos e pagamentos contabilizados con cargo ao proxecto subvencionado, así como o seu sometemento á normativa aplicable en materia de subvencións públicas e demais condicións impostas na resolución de concesión. Porase á disposición dos beneficiarios o modelo deste documento para a súa formalización.

d) Copia en formato electrónico dos relatorios ou contidos da acción de difusión.

e) Xustificante dos investimentos: facturas dos provedores en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación prevista neste artigo.

f) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a cantidade e a data de pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

g) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado (modelo dispoñible na web da consellería).

h) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste a razón social e o NIF da entidade subvencionada así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

i) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea-Feder, de ser caso.

j) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, deberá achegar estas certificacións.

k) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

l) Toda aquela documentación que no momento da solicitude substituíu por unha declaración responsable de acordo co anexo IV.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o titular da secretaría xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención na secretaría xeral, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidos para a súa concesión.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 20º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 14º.1 n) da Lei 9/2007, os criterios de graduacións dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará serán os seguintes:

a. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables, ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b. Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización do investimento subvencionable ou da obriga de xustificación e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

5. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido, así como o xuro de demora correspondente, nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 21º.-Control.

1. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e poderase substituír pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Artigo 23º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que desenvolve a Lei 9/2007. Así mesmo, aplicarase ao disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, na súa condición de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá intervir na xestión desta convocatoria mediante a realización, de ser o caso, das seguintes tarefas previstas na encomenda realizada, con data do 28 de febreiro de 2011, pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á dita fundación para a xestión de determinadas actuacións relacionadas coa promoción e desenvolvemento da sociedade da información en Galicia:

-Información e orientación aos cidadáns no relativo ás convocatorias de axudas.

-Facerse cargo da documentación dos solicitantes.

-Análise da documentación presentada polos solicitantes, sistematización, depuración e ordenamento. Dixitalización da documentación.

-Elaboración da relación de solicitudes correctas e incorrectas (documentación incompleta, solicitudes fóra de prazo, etc.).

-Elaboración dunha proposta previa de valoración das solicitudes.

-Proposta de informe técnico das solicitudes, para os efectos do seu estudo por parte do órgano competente previsto nas bases reguladoras das axudas.

-Análise e proposta de actuación en relación coas modificacións nos proxectos presentadas polos beneficiarios.

-Xestión das notificacións aos solicitantes da proposta de resolución.

-Recepción, estudo e sistematización da documentación remitida polos beneficiarios na fase de xustificación dos investimentos.

-Asesoramento técnico nas reclamacións e recursos presentados polos solicitantes.

-Elaboración de informes e estatísticas sobre os datos derivados da execución das convocatorias.

-Elaboración dunha base de datos de solicitantes e beneficiarios de cada unha das convocatorias.

ANEXO II

Definicións e descricións aplicables, por orde alfabética:

-Canles personalizadas.

-Código libre e software de fontes abertas (FLOSS).

-Criterios de accesibilidade.

-Información accesible.

-Obrigas de publicidade.

-Presentación electrónica de documentación.

-Provedores vinculados.

-Recomendacións ambientais.

Canles personalizadas.

Adicionalmente aos medios de información xeral para todos os interesados, e con independencia dos medios preceptivos de notificación administrativa, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá pór á disposición dos solicitantes, a partir de que xa teñan presentada a súa solicitude, as seguintes canles personalizadas de actualización da información:

-Envío de correos electrónicos informativos ao enderezo electrónico que, para tal fin e de xeito voluntario, identifique a empresa na súa solicitude.

-Envío de mensaxes curtas de texto (SMS) informativas ao teléfono móbil que, para tal fin e de xeito voluntario, identifique a empresa na súa solicitude.

-O taboleiro electrónico da convocatoria. Este taboleiro electrónico é a canle que permite o acceso restrinxido a través da internet á documentación individual xerada para cada solicitude. Para acceder ao contido do taboleiro electrónico, cada empresa deberá empregar un contrasinal que se xera automaticamente con cada solicitude ao cubrir os formularios, e que vén identificado nos formularios de solicitude coa lenda: código electrónico. O taboleiro electrónico estará dispoñible na mesma páxina da internet a que se accede aos formularios normalizados da solicitude, agás que por publicación no DOG se remita a outro acceso a través da internet.

-Servizo de actualización de novidades RSS dispoñible sobre os contidos publicados no taboleiro electrónico. O servizo RSS permite aos interesados obter aviso de xeito automático da actualización de contidos nunha web determinada (neste caso o taboleiro electrónico da convocatoria), sen necesidade de ter que acceder a esa web a diario para verificar se esta foi actualizada.

-Blog de tramitación da convocatoria na mesma páxina da internet, que permita tratar asuntos que susciten interese ou repetidas consultas, de xeito que cumpra informar a múltiples interesados. Os blogs permiten ordenar a información por asuntos e engadir comentarios que poden ser lidos por todos os interesados.

-Calquera outra canle que, cos medios técnicos dispoñibles durante a vixencia da convocatoria, poida implantar a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en beneficio dos interesados.

Código libre e software de fontes abertas (FLOSS).

Entenderase como FLOSS aquelas aplicacións informáticas co código fonte que se ofreza baixo os termos dunha licenza GPL ou compatible (ver en http://www.fsf.org), ou ben calquera licenza das previstas pola Open Source Initiative (ver en http://www.opensource.org). Como exemplo, entre as licenzas deste tipo máis difundidas, pódense sinalar a GPL (licenza pública xeral GNU), LGPL (licenza pública xeral menor GNU), MPL (licenza pública Mozilla), BSD (licenza pública BSD), ou a EUPL (licenza pública europea).

Criterios de accesibilidade.

De conformidade co disposto no artigo 4º da Lei 56/2007, do 28 de decembro, de medidas de impulso da sociedade da información, as administracións públicas exixirán que as páxinas da internet cuxo deseño ou mantemento financien total ou parcialmente apliquen, como mínimo, os criterios de accesibilidade ao contido xeralmente recoñecidos.

Para os efectos desta convocatoria de axudas identifícanse como criterios xeralmente recoñecidos as directrices de accesibilidade definidas polo grupo de traballo permanente Web Accessibility Initiative (WAI), do Consorcio para a World Wide Web (W3C), no seu nivel AA.

Información accesible.

O órgano xestor deste procedemento administrativo facilítalles aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos de non presentar documentación que conste na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou poida ser obtida polo órgano xestor mediante consulta con outras administracións públicas, segundo se recolle nos artigos 5º.2.2 e 5º.2.5 das bases reguladoras e coas particularidades que se identifican a seguir.

Para exercer o dereito a non presentar algúns destes documentos, debe ser declarada polo solicitante como información accesible, identificando nos formularios normalizados este feito e achegar neles os datos correctos que lle permitan ao órgano xestor acceder á dita información. Os documentos que se poden identificar como accesibles son os seguintes:

-NIF, DNI ou NIE.

-Escrituras de constitución da entidade e acreditación da representación do solicitante.

-Certificados de inexistencia de débedas coa AEAT, a TXSS e a Facenda da comunidade autónoma.

a) Caso xeral, para todos os documentos.

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante declare que esa documentación está en poder da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sempre que se manteña vixente, e se identifique nos formularios normalizados de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para que foi presentada, e non pasasen máis de 5 anos desde a dita presentación. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 35º f) da Lei 30/1992 e no artigo 20º.3 da Lei 9/2007.

Tamén poderá facerse uso da información dispoñible no Rexistro Único de Entidades de Interese Social, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, no caso das entidades inscritas no dito rexistro, así como tamén aquelas asociacións inscritas no Rexistro Central de Asociacións de Galicia.

b) Casos particulares co NIF, DNI e NIE.

Poderá considerarse información accesible cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social, e domicilio fiscal), en lugar de presentar eses documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6º.2 b) e no artigo 9º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

No caso específico do DNI e o NIE, o solicitante tamén poderá prestar o consentimento para que o órgano xestor acceda ao sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) do Ministerio de Administracións Públicas, de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG nº 221, do 13 de novembre).

c) Caso particular de certificados de inexistencia de débedas.

Esta documentación ten nun principio a consideración de información accesible, xa que a presentación da solicitude da axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Non obstante, o solicitante pode denegar expresamente esta autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio eses certificados, facéndoo constar nos formularios normalizados de solicitude; nese caso, o solicitante terá a obriga de obter e presentar a documentación correspondente.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007.

Para todos os casos en que se identifique información accesible, no suposto de erros nos datos aportados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación, ou se a información non fose válida, ou con erros ou inexistente, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Obrigas de publicidade.

En cumprimento do artigo 15º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e das medidas de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemetno para o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello (DOUE 27-12-2006 L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 84/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, (DOUE 23-9-2009, L250), as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Para isto empregarán a lenda Proxecto cofinanciado, acompañada do correspondente escudo normalizado da Xunta de Galicia e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento

Rexional.

A Consellería de Facenda dispón na súa web dunha guía de publicidade que poderá ser usada polos beneficiarios(http://www.conselleriadefacenda.

es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos), aínda que a secretaría xeral facilitará información sobre estas obrigas e o xeito de cumprilas a todos os beneficiarios, debendo ter en conta que:

-Cando o proxecto se materialice expresamente nun sitio da internet, deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na páxina de inicio do proxecto; así mesmo, establecerase un enlace cara á páxina web da Comisión Europea relativa ao fondo.

-Cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

-Cando o proxecto dera lugar a documentación (arquivos, manuais, caderniños, folletos, notas informativas, CD-Rom, etc.) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

-O beneficiario deberá situar na súa páxina web principal, no caso de tela, unha epígrafe expresa que identificará como Fondos públicos, en que recollerá, durante un mínimo de dous anos desde a data de concesión, a información de publicidade consistente en data da resolución de concesión, data de publicación no DOG, norma reguladora, órgano concedente, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, coa indicación adicional do cofinanciamento con fondos Feder. Adicionalmente deberá incluír xunto coa documentación anterior un documento que recolla unha memoria explicativa do proxecto financiado; este documento deberá ser un arquivo PDF posto á disposición do público mediante unha das múltiples licenzas Creative Commons, que se poden consultar na web http://es.creativecommons.org/licencia/. A resolución de concesión eximirá desta obriga cando concorran no expediente as circunstancias previstas de salvagarda do honor e da intimidade das persoas físicas, segundo o previsto no

artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007.

Presentación electrónica de documentación.

Para a presentación electrónica de solicitudes e demais documentación, considerarase o seguinte:

1. Será necesario que o presentador da solicitude sexa a persoa física solicitante ou que posúa a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude.

2. O presentador deberá posuír algún dos seguintes certificados:

-DNI electrónico, conforme o disposto no Real cecreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

-Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

-Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.

Advírtese que os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física, polo que se acredita a vontade da dita persoa física, non sendo válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance (por exemplo: exclusivamente para fins tributarios ante a AEAT, gastos menores dunha contía, etc.).

3. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35º.2 da Lei 11/2007, os interesados poderán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade deses documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Neste tipo de presentación o solicitante tamén pode identificar determinada documentación como información accesible polo órgano xestor, co que non tería a obriga de presentala. En todo caso o solicitante deberá achegar en formato electrónico a documentación técnica e económica a que se fai referencia no artigo 5º das bases reguladoras.

Para achegar xunto cos formularios normalizados calquera destes documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF, cuns requisitos mínimos de resolución a 300 dpi e polo menos en branco e negro. A aplicación informática definida na convocatoria, para facilitar a obtención dos formularios normalizados, permitirá no momento da presentación telemática anexar aos citados formularios estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis dese tamaño, deberá xerarse con menor tamaño, ou partirse en varios arquivos PDF para ser anexados separadamente. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Unha vez asinados co certificado electrónico do presentador os formularios normalizados e todos os documentos que se lle xunten a solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento, empregando as características da aplicación telemática, expedirase un recibo en que quedará constancia do feito da presentación segundo o recollido no dito Decreto 164/2005, e que poderá ser impreso e gardado polo interesado. A obtención do dito recibo (en que entre outros datos aparecerán a data, a hora, os minutos e segundos da presentación e o número de entrada no Rexistro Electrónico) é o que lle garante ao solicitante que a presentación tivo lugar sen erros, e serve para acreditar ante terceiros ese feito.

De conformidade co disposto no artigo 10º da Lei 11/2007, o servizo de presentación electrónica ante o Rexistro Electrónico respectará os principios de accesibilidade e usabilidade de acordo coas normas establecidas ao respecto, estándares abertos e, de ser o caso, aqueles outros que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns. Estes principios non impiden que algún estándar particular non estea dispoñible. Así mesmo, de conformidade coa disposición transitoria única da Lei 11/2007, os rexistros telemáticos existentes no momento da entrada en vigor desta lei, como é o caso do creado polo Decreto 164/2005, serán considerados rexistros electrónicos e regularanse polo disposto na citada lei.

4. A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da documentación por parte dunha soa persoa física. De ser o caso de documentación que debera ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia que todos os firmantes autorizan a un deles a presentar a dita documentación ante a Xunta de Galicia. Recoméndase que se xere este documento en formato electrónico coas sinaturas de todos (por exemplo, asinando un PDF coas utilidades de sinatura electrónica Valide ou ecoFirma) ou, no seu defeicto, realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Provedores vinculados.

Sendo de aplicación diversos textos legais sobre a prohibición de provedores vinculados, achegamos os seguintes textos con carácter informativo, sen que substitúan os textos oficiais de aplicación.

-A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño de 2005), no seu artigo 27º, dedicado á subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, dispón no número 7 o seguinte:

«7. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10º desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª) Que se obteña a previa autorización do órgano concedinte nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente».

O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2009), que no seu artigo 43º, dedicado á subcontratación das actividades subvencionadas, dispón:

«2. Para os efectos do disposto no artigo 27º.7 d) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que existe vinculación con aquelas persoas físicas ou xurídicas ou agrupacións sen personalidade en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Persoas físicas unidas por relación conxugal ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade, parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo.

b) As persoas físicas e xurídicas que teñan unha relación laboral retribuída mediante pagamentos periódicos.

c) Ser membros asociados do beneficiario a que se refire o punto 2 e membros ou partícipes das entidades sen personalidade xurídica a que se refire o punto 3 do artigo 8º da Lei de subvencións de Galicia.

d) Unha sociedade e os seus socios maioritarios ou os seus conselleiros ou administradores, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

e) As sociedades que, de acordo co artigo 4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, reúnan as circunstancias requiridas para formar parte do mesmo grupo.

f) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e os seus representantes legais, patróns ou quen exerza a súa administración, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

g) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e as persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade que, conforme as normas legais, estatutarias ou os acordos contractuais, teñan dereito a participar en máis dun cincuenta por cento no beneficio das primeiras».

-No caso de sociedades, o citado artigo 4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, dispón: «Para os efectos desta lei, aplicarase á definición de grupo de sociedades establecida no artigo 42º do Código de comercio», e a redacción deste citado artigo 42º reflicte o seguinte:

«Existe un grupo cando unha sociedade pusúa ou poida posuír, directa ou indirectamente, o control doutra u doutras. En particular, presumirase que existe control cando unha sociedade, que se cualificará como dominante, se encontre en relación con outra sociedade, que se cualificará como dependente, nalgunha das seguintes situacións:

-Posúa a maioría dos dereitos de voto.

-Teña a facultade de nomear ou destituír a maioría dos membros do órgano de administración.

-Poida dispor, en virtude de acordos celebrados con terceiros, da maioría dos dereitos de voto.

-Teña designado cos seus votos a maioría dos membros do órgano de administración».

Recomendacións ambientais.

Como recomendacións do órgano xestor, cómpre establecer unha serie de pautas sobre a xestión ambiental dos expedientes administrativos, sinalando que a necesaria evolución cara á tramitación electrónica dos expedientes e a mellora na eficacia administrativa pasa polo emprego de boas prácticas, entre as que se atopan o emprego dos rexistros electrónicos ou unha xestión eficiente do papel.

En primeiro lugar recoméndase directamente a presentación electrónica das solicitudes e recórdase que nesta convocatoria, dado o sector tecnolóxico a que está dirixida, constitúe un elemento de valoración da capacidade técnica.

No caso de presentación de solicitudes e documentación en papel, recoméndase encarecidamente o emprego de papel en tamaño DIN A4, sen usar grampas, nin espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos, arames ou calquera outro trebello que dificulte os procesos de arquivo e dixitalización da documentación. Isto é, toda a documentación entregarase sen encadernar. En todo caso, recoméndase como máximo o tradeado do papel con 2 ou 4 buratos, e a súa fixación con elementos metálicos tipo Fastener, facilmente desmontables no caso de empregarse procesos de dixitalización.

Infórmase ademais que todas as carpetas, peches, encadernacións, portadas, bolsas ou separadores plásticos, ou calquera outro engadido ao papel, serán inmediatamente destruídos e reciclados en canto os expedientes cheguen ao órgano xestor, polo que se recomenda non empregalos co aforro correspondente. A estética da solicitude non é obxecto de valoración, aínda que si os contidos e a estruturación da información presentada.

Tamén se reitera a innecesariedade e ineficacia de engadir novas portadas ou follas de presentación ou calquera outro documento por diante da primeira folla dos formularios normalizados xerados pola aplicación informática, xa que esa primeira folla xa dispón de todos os datos obrigatorios para a presentación ante calquera rexistro, resultando esas novas portadas máis un elemento de confusión para os funcionarios dos rexistros que de axuda.

Tamén no caso de presentación electrónica recoméndase o emprego de arquivos dixitalizados en formato PDF con dimensións DIN A4, cunha calidade mínima de 200 dpi e polo menos en branco e negro. Non sen necesarias calidades fotográficas, senón de identificación da documentación e dos textos contidos nela.

Anexo III. (Segundo PDF adxunto validado pola D. X. Avaliación e Reforma Administrativa).

Anexo IV. (Segundo PDF adxunto validado pola D. X. Avaliación e Reforma Administrativa).

Ver referencia pdf "06400D001P006.PDF"