DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 30 de marzo de 2011 Páx. 5.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, así como de videoclips, e se convocan para o ano 2011.

A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento do audiovisual galego, é consciente da importancia de establecer liñas de apoio para facilitar a emerxencia do talento, o desenvolvemento das industrias culturais galegas e a innovación audiovisual, co propósito de contribuír á promoción da diversidade cultural e ao desenvolvemento de novas formas de expresión audiovisual dentro do noso país.

Por medio desta convocatoria de subvencións, a Agadic pretende fomentar a creación cultural no campo do sector audiovisual e, en concreto, a realización de curtametraxes ou videoclips, realizados por empresas produtoras.

Nesta resolución establécense as bases polas cales se rexerá a concesión de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal galega -entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega- co obxectivo de estimular a creación de novos profesionais da industria audiovisual galega, impulsar as novas tecnoloxías e contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Mediante esta resolución establécense as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Agadic para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips, producidos por empresas.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 115.000 euros correspondente á aplicación 11.A1.432B.770.0 do orzamento da Agadic para o ano 2011 e 80.500 euros da aplicación correspondente do orzamento do ano 2012. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31º.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. Esta axuda asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía non poderá superar o 60% do orzamento total do proxecto. As axudas a videoclips serán incompatibles coas convocadas e concedidas pola Agadic para o mesmo obxecto na súa convocatoria anual de axudas ás industrias culturais.

3. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100% do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

4. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nestas bases. Así mesmo, os gastos subvencionados non poderán servir como xustificación a subvencións de distintas convocatorias ou que afecten varios exercicios económicos, salvo nos casos expresamente previstos nestas bases.

5. Cando os proxectos, actuacións ou actividades obxecto de subvención fosen financiados, ademais, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberase acreditar na xustificación que se presente o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

6. Do mesmo xeito, e segundo as previsións contidas no artigo 27º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43º do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario dunha subvención da Agadic unicamente poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada ata o 50% do seu importe, e en ningún caso poderá subcontratar unha única persoa física ou xurídica por máis do 25% do importe total da subvención outorgada, nin tampouco se poderán subcontratar as actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non engadan valor engadido ao seu contido.

7. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28-12-2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma de axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2º do citado regulamento.

En ningún caso, o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

8. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías, ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3º das bases reguladoras.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, no Rexistro Xeral de Servizos Centrais da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42º.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6º.-Prazo de xustificación da subvención.

O prazo de xustificación da realización das actividades subvencionadas será entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 29 de febreiro de 2012. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Agadic a través da páxina web oficial da Agadic (www.agadic.info).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a dirección da Agadic para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2011.

Roberto Varela Fariña

Presidente do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega e videoclips

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o financiamento dos seguintes tipos de proxectos:

1.1. Modalidades de curtametraxes.

Serán obxecto de subvención os proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal en lingua galega -ficción ou documental- cunha duración inferior a 30 minutos, nas seguintes modalidades:

-Modalidade A: curtametraxes en soporte cinematográfico. Esta modalidade abrangue as producións cinematográficas realizadas por produtoras audiovisuais. A axuda máxima por proxecto sitúase nos 14.000 euros.

-Modalidade B: curtametraxes de animación en soporte cinematográfico. Esta modalidade abrangue as producións de animación realizadas por produtoras audiovisuais. A axuda máxima por proxecto fíxase en 25.000 euros.

-Modalidade C: curtametraxes en soporte dixital, de imaxe real ou de animación. A axuda máxima por proxecto ascende a 10.000 euros.

-Modalidade D. Videoclips. Serán obxecto de subvención nesta modalidade os relatos audiovisuais que acompañen ou promovan unha produción discográfica de música galega producidos por empresas audiovisuais, en colaboración con empresas discográficas titulares dos seus dereitos de explotación. A axuda máxima será de 4.000 euros.

Cada empresa solicitante só poderá ser beneficiaria dun máximo de dous proxectos de realización de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega e videoclips.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do tratado das axudas de minimis (DOUE do 28-12-2006, L 379).

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á realización do proxecto. Os gastos indirectos poderán formar parte da xustificación sempre que os impute o beneficiario ao proxecto, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que se realiza o proxecto e nunha porcentaxe non superior ao 20% do gasto xustificado. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e a fin da data de xustificación establecida na correspondente convocatoria anual.

4. En todos os casos, o importe que hai que xustificar será o do orzamento total.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos, as produtoras audiovisuais independentes ou empresas discográficas, legalmente constituídas como tales, domiciliadas polo menos por un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que teñan ou instalen unha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, a definición de produtor audiovisual independente será a recollida no artigo 4º n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro.

2. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10º.2 e 10º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ou da Agadic nos dous exercicios anteriores aos desta convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no número 1 deste artigo deberase manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario, e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

4. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º, alínea h) do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado, ás axudas minimis.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa obrigatoria:

a) Acreditación suficiente da representación que exerza a persoa solicitante, mediante poder notarial debidamente inscrito no rexistro mercantil, se é o caso.

b) Copia cotexada ou compulsada da escritura de constitución da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no rexistro mercantil, se é o caso.

c) Copia cotexada ou compulsada da tarxeta de identificación fiscal, se é o caso.

d) Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe e subepígrafe que corresponda (produtora audiovisual ou empresa discográfica), no exercicio actual.

e) Declaración responsable de ser empresa de produción independente, conforme o establecido no artigo 2º das bases, e de ter sede permanente en Galicia.

f) Inscripción do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

g) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou que o solicitante posúe os dereitos suficientes do guión, da obra literaria ou de calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

h) Declaración comprensiva de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións.

i) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na cal conste: ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente.

j) Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º, alínea h), do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado, ás axudas minimis.

O/A solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Agadic para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse cinco exemplares da seguinte documentación técnica, que serán enviados directamente á comisión, para a súa avaliación, unha vez que a documentación administrativa estea completa:

a) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

b) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de dúas páxinas.

c) Guión definitivo da produción.

d) Calendario do proxecto e plano de produción.

e) Orzamento do proxecto: segundo os modelos oficiais do ICAA.

f) Plan de financiamento do proxecto, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións.

g) Currículo do equipo técnico-artístico.

h) Declaración que especifique a lingua orixinal de rodaxe/gravación.

i) Calquera outra documentación que o solicitante ache pertinente para a mellor defensa do proxecto.

A documentación técnica citada poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF, ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos serán en formato JPG. Os servizos administrativos da Agadic comprobarán, antes da súa remisión á comisión, que os arquivos son lexibles.

4. A documentación técnica dos proxectos que non fosen subvencionados poderá ser retirada por petición dos solicitantes no prazo de tres meses a partir da data da resolución de adxudicación. En todo caso, transcorrido o dito prazo, esta documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 4º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización á dirección da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, se é o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20º.4 e 31º.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectivamente.

Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5º.-Órganos competentes.

A dirección da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle ao presidente do Consello de Dirección da Agadic ditar a resolución de concesión da subvención.

Artigo 6º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude ou a documentación administrativa obrigatoria citada no artigo 3º.1 non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e presenten a documentación administrativa necesaria, a documentación técnica será remitida á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes nomeados polo presidente do Consello de Dirección da Agadic e será presidida polo seu director. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións da industria audiovisual, e actuará como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic con voz e sen voto. Os membros das comisións de expertos declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, de ser o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios de valoración, e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotar o crédito dispoñible, respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable en función das diferentes modalidades da convocatoria sinaladas no anexo I, artigo 1º, así como as súas posibilidades de financiamento.

4. A asignación dos importes das subvencións realizarase, separadamente para cada modalidade, de forma proporcional á puntuación recibida por cada proxecto, con atención ás contías máximas establecidas no artigo 1º.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 50 puntos):

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto (ata 10 puntos).

b) A contribución ao desenvolvemento dos valores culturais de Galicia a través dunha perspectiva que supoña unha mirada propia ou que contribúa á innovación e diversidade da linguaxe audiovisual (ata 10 puntos).

c) O grao de elaboración e desenvolvemento do proxecto (ata 10 puntos).

d) A utilización de recursos do sector audiovisual galego (persoal artístico, técnico e de servizos), así como a rodaxe/gravación na comunidade autónoma (ata 10 puntos).

e) A viabilidade do proxecto: axuste entre o proxecto e o orzamento, e cobertura do financiamento (ata 10 puntos).

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez examinadas as solicitudes, a comisión de valoración emitirá o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor enviaralle o informe da comisión de valoración, xunto coa proposta de resolución, á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic.

2. A Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.5 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.agadic.info. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación ou publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que non estivesen recollidas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3º destas bases reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da mesma lei.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título ou modificación nos responsables do equipo técnico e/ou nos papeis protagonistas do elenco artístico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Os beneficiarios deberanlle comunicar á Agadic a data de inicio e finalización da rodaxe ou gravación da produción subvencionada, que deberán estar comprendidas dentro do período subvencionable, así como da súa estrea, nun prazo non inferior aos quince días anteriores ou posteriores ás datas de referencia.

4. Nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: Subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais, de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, en todos os materiais de promoción e publicidade, farase constar que a produción foi subvencionada pola Agadic.

5. Os beneficiarios dan autorización expresa á Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa socialización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden.

6. Os beneficiarios deberán enviar unha ficha do proxecto debidamente cuberta para a súa publicación na páxina web www.agadic.info, segundo o modelo do anexo IV.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención.

O beneficiario deberá presentar no rexistro xeral da Agadic, co prazo límite da data indicada na correspondente convocatoria anual, a conta xustificativa da realización da produción audiovisual subvencionada, que conterá:

1. Entrega de dúas copias en galego da produción subvencionada, no formato final que figure na solicitude. As copias enviadas en 35 mm deberán acompañarse dunha copia en DVD. As copias (DVD e 35 mm) estarán en perfecto estado e poden ser utilizadas pola Consellería de Cultura e Turismo ou pola Axencia Galega das Industrias Culturais para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. En todo caso, e para a comprobación da realización da actividade ou para a socialización non lucrativa dela, a Agadic poderá realizar cantas copias considere precisas.

2. Memoria xustificativa, que conterá:

a) Memoria descritiva das actuacións realizadas.

b) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. A relación poderá ser enviada en soporte papel, soporte CD-ROM ou en memoria USB. O modelo deberá descargarse na páxina web da Agadic www.agadic.info

c) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Contratos laborais, mercantiles e relativos a adquisición de dereitos.

e) Xustificantes do ingreso na Facenda Pública das cantidades retidas a conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidos, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas de seguridade social correspondentes aos ditos contratos.

f) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, subministración e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda Pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

g) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes e desprazamentos.

En todo caso deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

3. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación

4. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 15% do gasto executado en concepto de gastos de amortización de instalacións, equipamentos e maquinaria directamente relacionados coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

Amortización de material informático e audiovisual: poderá realizarse durante os tres anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción. Para que se poidan aboar os gastos será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se realiza a produción. Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construción ou adquisición do elemento que se vai amortizar. Deberán xuntar á amortización a copia do título de propiedade ou escritura de compra e o certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Só será amortizable a parte proporcional, en metros cadrados, utilizada na produción. Fórmula: porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra/240 meses=custo mensual (custo mensual)×(número de meses de produción)=importe amortización. Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión da subvención.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. Tras a resolución de concesión, a Agadic abonará o 30% da contía concedida a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios. O pagamento parcial exixirá a presentación dun certificado de inicio das actividades, e as declaracións de axudas exixidas no artigo 14º.3 destas bases. O 70% restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados no artigo 14º destas bases.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria, ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe da subvención.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases, haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do tratado das axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "06300D010P091.PDF"