DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 25 de marzo de 2011 Páx. 5.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO TECNOLÓXICO PARA O CONTROL DO MEDIO MARIÑO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2011, da Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), pola que se modifica a clasificación de diferentes zonas de produción de moluscos bivalvos.

O Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece no punto 1 da alínea A do capítulo II, que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente, como pertencentes á clase A, B ou C de acordo co Regulamento (CE) 854/2004 do Parlamento e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

Polo tanto é a autoridade competente quen debe determinar a localización e os límites das zonas tanto de produción como de reinstalación que se clasifiquen.

A Orde do 19 de xullo de 2010 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece nos seus anexos I e II as zonas de produción resultado dunha profunda revisión.

O artigo 4º da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños indica que cando os controis establecidos nas zonas de produción demostren unha modificación das condicións que determinaron a súa clasificación, a Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), mediante resolución, prohibirá a recollida e explotación de moluscos bivalvos, gasterópodos ou equinodermos na zona de que se trate ou procederá ao cambio de clasificación da zona de produción que poderá ser periódico ou temporal, ata que se restablezan as condicións orixinais.

Para garantir a idoneidade dos produtos extraídos nas diferentes zonas, a Consellería do Mar, a través do Intecmar, realiza os controis de todas as zonas de produción de acordo cos regulamentos que resulten de aplicación.

Nos resultados dos controis efectuados nas distintas zonas de produción detectouse que hai niveis de E. coli que ofrecen resultados diferentes aos que determinaban a clasificación establecida no anexo I da Orde do 19 de xullo de 2010 que modifica a Orde do 8 de setembro de 2006.

En virtude do exposto anteriormente, a Dirección do Intecmar

RESOLVE:

Proceder ao cambio de clasificación das zonas de produción GAL 01/01, GAL 01/07, GAL 07/01, GAL 07/03, GAL 10/04, GAL 22/01 e GAL 26/03 que quedarían definidas como se indican a continuación:

Ver referencia pdf "06000D006P054.PDF"

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a presidenta do consello de administración do Intecmar, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 114º e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 4º da Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vilaxoán, 14 de marzo de 2011.

Mª Covadonga Salgado Blanco

Directora do Instituto Tecnolóxico para o Control

do Medio Mariño de Galicia