DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 24 de marzo de 2011 Páx. 5.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A Constitución española no seu artigo 129º.2 encomenda aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28º.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, co encargo de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola axeitada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da Comunidade Autónoma, correspondendo a súa presidencia á conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación, e acordou establecer as súas bases reguladoras.

As bases reguladoras dos premios á cooperación, así como a aprobación da súa convocatoria para o ano 2011, foron respaldadas polo Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa sesión plenaria do 25 de novembro de 2010.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Sección primeira

Bases reguladoras dos Premios á Cooperación

Artigo 1º.-Finalidade.

Estes premios teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que os cooperativistas, cooperativas e outras persoas e institucións veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo na Comunida de Autónoma galega.

2. Non poderán resultar premiados as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Modalidades.

Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

-Premio aos valores cooperativos.

-Premio ao mellor proxecto cooperativo.

-Premio á promoción do cooperativismo.

Artigo 4º.-Premio aos valores cooperativos.

1. Outorgarase á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.

2. O tribunal valorará a traxectoria dos/as candidatos/as, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.

Artigo 5º.-Premio ao mellor proxecto cooperativo.

1. Outorgarase ao proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia, tanto de cooperativas de nova creación como das previamente existentes.

2. O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada tanto polo seu carácter innovador ou de intercooperación, como por outras características singulares e pola súa repercusión no contorno, especialmente nos eidos económico, social e laboral.

Artigo 6º.-Premio á promoción do cooperativismo.

1. Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual que resulten particularmente significativas.

2. O tribunal terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos/as candidatos/as e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos, e valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido.

Artigo 7º.-Órgano instrutor.

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, requiriralle ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días e, se non o fixese, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Tribunal.

1. Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas.

2. Todos os premios serán propostos polo tribunal. O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

3. A entrega dos premios terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo galego.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O tribunal fará pública a relación provisional dos premiados propostos na web www.cooperativasdegalicia.com

4. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo e Benestar, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguínte ao da súa publicación.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

6. O/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais resolverá a concesión dos premios e elevará á Conselleira de Traballo e Benestar a dita resolución para publicar no Diario Oficial de Galicia.

7. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1º e no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros -rúa Domingo Fontán 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 10º.-Candidaturas, documentación e prazo.

1. Unha vez publicada a convocatoria, os interesados deberán presentar a solicitude de participación acompañada dunha memoria explicativa e a documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

2. As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo/a candidato/a ou persoa que o propoña, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo e Benestar, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo indicado na convocatoria.

3. Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

Artigo 11º.-Financiamento e normativa reguladora.

1. O financiamento dos premios farase con cargo aos recursos económicos asignados ao Consello Galego de Cooperativas procedentes da partida orzamentaria 12.03324A 445.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, que se transferirán á conta de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 12º.-Condicións xerais de participación.

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido no seu articulado e no seu defecto pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11º da citada Lei 9/2007.

Sección segunda

Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2011

Artigo 14º.-Convocatoria.

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2011.

Artigo 15º.-Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes de participación nos premios á cooperación para o ano 2011 remata o día 15 de maio de 2011.

Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 16º.-Contía dos premios.

Outórganse os seguintes premios:

-Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 6.000 euros.

-Premio ao mellor proxecto cooperativo, cunha dotación económica de 6.000 euros.

-Premio á promoción do cooperativismo, cunha dotación económica de 6.000 euros.

Artigo 17º.-Financiamento.

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais, aplicación 12.03.324A 445.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2011, que se transferirán á conta de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "05900D006P020.PDF"