DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 24 de marzo de 2011 Páx. 4.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A Constitución española no seu artigo 129º.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da comunidade autónoma, correspondendo a súa presidencia á Conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos, así como de promocionar a educación e a formación cooperativa, acordou establecer as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, e aprobou a súa convocatoria para o ano 2011. A súa concreción e realización levarase a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar.

As bases reguladoras do certame, así como a aprobación da súa convocatoria para o ano 2011, foron apoiadas polo Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do Pleno do 25 de novembro de 2010.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Sección primeira

Bases reguladoras do certame cooperativismo no ensino dirixido aos centros educativos de Galicia

Artigo 1º.-Finalidade.

O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

No desenvolvemento destas actividades os centros deberán ter en conta os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. As actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores. Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com

Coa finalidade de impulsar a formación nestes valores e a súa aplicación práctica, incentívase a realización de actividades específicas mediante distintos premios aos que poden optar os traballos realizados polos alumnos.

Artigo 2º.-Participantes.

1. Poden participar no certame todos os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional, así como o seu alumnado e profesorado, segundo as modalidades e nos termos previstos nestas bases.

2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Modalidades.

Os centros educativos de Galicia poderán presentarse ás seguintes modalidades:

a) Debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria.

b) Actividades cooperativizadas dirixida ao alumnado de educación secundaria obrigatoria.

c) Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado dos centros de formación profesional.

Os centros educativos que desenvolvan actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán solicitar unha compensación económica nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 4º.-Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixido ao alumnado de infantil e primaria.

1. Os centros de infantil e primaria que realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os debuxos, pinturas, fotografías e/ou vídeos realizados polo seu alumnado segundo as seguintes categorías:

-Categoría A: alumnos/as de 2º ciclo de educación infantil.

-Categoría B: alumnos/as de 1ºe 2º de educación primaria.

-Categoría C: alumnos/as de 3º e 4º de educación primaria.

-Categoría D: alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria

2. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

-Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

-Un accésit por cada categoría.

3. Condicións técnicas:

-Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignarase, en letras maiúsculas, os datos do/s autor/es: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría na que participan.

-Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles como mínimo no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp. Enviaranse copias en papel, xunto co arquivo en soporte CD. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente CD coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso indicando con letra lexible os datos identificativos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría na que participan e título.

-No caso de vídeos, as producións presentaranse nun DVD estándar, reproducible en calquera reprodutor convencional de DVD, podendo conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. As locucións e grafismos deberán utilizar o galego. A súa duración non poderá exceder de 10 minutos. O DVD non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría en que participan, título da creación presentada, así como ficha técnica.

-Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

4. En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos/as e como máximo non se poderá superar o número de alumnos pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 5º.-Modalidade de actividades cooperativizadas dirixido ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria.

1. Os centros de educación secundaria obrigatoria que realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos do seu alumnado, tales como: unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro, segundo as seguintes categorías:

-Categoría E: alumnos/as do primeiro ciclo da ESO.

-Categoría F: alumnos/as do segundo ciclo da ESO.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido aos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

-Un premio ao mellor traballo por cada categoría.

3. A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

-Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, qué beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñerlle un título ao traballo que resuma as súas intencións.

-Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

-Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

-Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordenado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense redactar actas das reunións nas cales se deixe constancia de todo isto.

-Resultado final.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editadas en Arial cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cadanseu borde. Haberá que entregar dúas copias en papel e o seu soporte en sistema informático. Deberanse engadir, como anexos: o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como: fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

4. En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos/as e como máximo non se poderá superar o número de alumnos pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 6º.-Modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido aos centros de formación profesional.

1. Os centros educativos que impartan formación profesional específica e realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados polo seu alumnado, baixo a única modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido aos centros de formación profesional, poderán optar aos seguintes premios:

-Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo.

-Dous accésit aos proxectos finalistas.

3. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na web www.cooperativasdegalicia.com

4. Os centros educativos de Galicia que impartan formación profesional específica poderán presentar un ou varios proxectos empresariais cooperativos a este concurso.

En cada proxecto deberán participar, como mínimo, tres alumnos/as, que deberán estar dirixidos na súa elaboración por un/unha profesor/a, director/a.

Artigo 7º.-Presentación dos traballos e prazo.

1. Os traballos dos/as alumnos/as debidamente identificados deberán entregarse na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela), xunto coa correspondente solicitude de participación que deberá especificar a modalidade e, se é o caso, categoría a que se presenta, no prazo indicado na convocatoria.

2. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Dirección Xeral de Relacións Laborais na data sinalada.

3. No caso dos proxectos empresariais cooperativos, xunto co proxecto e a solicitude, deberá acompañarse o currículo do grupo (nomes, apelidos, idades, estudos dos/as integrantes do grupo, así como do/a profesor/a, director/a), e a ficha resumo á que se fai referencia no número 3 do artigo 6º.

Artigo 8º.-Órgano instrutor.

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, requiriralle ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días e, se non o fixese, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Tribunais e criterios de avaliación.

1. Os traballos que participen nas modalidades de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo e actividades cooperativizadas serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros: dous representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha técnico/a especialista nas materias de debuxo e pintura e un/unha técnico/a especialista en audiovisual nomeados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

O tribunal valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do traballo realizado.

2. Os proxectos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros: dous/dúas representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha representante nomeado/a pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un/unha técnico/a especialista en cooperativismo nomeado/a pola Consellería de Traballo e Benestar e o/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

O tribunal avaliará a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación co contorno onde se desenvolven.

3. Todos os premios serán propostos polos respectivos tribunais. Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existir premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

4. A entrega dos premios terá lugar no transcurso do acto público que terá lugar con motivo do día do cooperativismo.

Artigo 10º.-Compensación económica para os centros educativos pola realización de actividades de promoción do cooperativismo.

1. Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos que o soliciten poderán contar cunha compensación económica para financiar os gastos en que incorran no desenvolvemento das actividades.

2. Unicamente serán obxecto de compensación os gastos que se especifican a continuación, que resulten precisos para a realización das actividades que igualmente se indican:

Ver referencia pdf "05900D005P013.PDF"

3. A concesión da compensación económica farase por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e atendendo ao procedemento previsto nestas bases reguladoras. O orzamento asignado para estas axudas distribuirase entre todos os centros solicitantes proporcionalmente ao orzamento previsto para as súas actividades, ata o máximo por centro que se indica na convocatoria. Unicamente se terán en conta para o cómputo as actividades e gastos compensables previstos no anterior número 2.

4. Os centros poderán presentar a súa solicitude, xunto co programa das actividades que van desenvolver e o orzamento previsto debidamente desagregado, no prazo indicado na convocatoria.

5. Unha vez recibidas as solicitudes e comprobado o cumprimento dos requisitos previstos nestas bases, procederase á repartición proporcional das compensacións económicas en función do orzamento de actividades presentado e a comunicación do resultado aos centros solicitantes.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O tribunal fará pública a relación provisional dos traballos propostos para premio na web: www.cooperativasdegalicia.com

4. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

6. O/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais resolverá a concesión dos premios e elevará á conselleira de Traballo e Benestar a dita resolución para publicar no Diario Oficial de Galicia.

7. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1º e no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros -rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. Co obxecto de efectuar o pagamento da compensación económica, os centros participantes deberán presentar no prazo indicado na convocatoria, a seguinte documentación:

-Unha certificación emitida polo órgano competente que inclúa un informe das actividades realizadas.

-Copias compulsadas de todas as facturas e xustificantes dos pagamentos realizados, así como relación detallada comprensiva de todos eles.

-Copia do CIF do centro escolar.

-Certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro.

-Declaración de non estar incursos en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación total da actividade subvencionada deberá presentarse declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

3. As solicitudes de compensación económica e a posterior xustificación, de ser o caso, deberán presentarse na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

Artigo 13º.-Financiamento e normativa reguladora.

1. A concesión das axudas económicas e premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais, aplicación 12.03324A 445.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, que se transferirán ás contas de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 14º.-Condicións xerais de participación.

1. O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor da Consellería de Traballo e Benestar, a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institución que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos, pinturas, fotografías e vídeos gañadores.

2. A Consellería de Traballo e Benestar reservará para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considerase que os/as participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.

3. Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade a Consellería de Traballo e Benestar, no caso de que os traballos resultasen danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estivesen en poder destes. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

4. A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas e no seu defecto pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11º da citada Lei 9/2007.

Sección segunda

Convocatoria do certame cooperativismo no ensino para o ano 2011

Artigo 16º.-Convocatoria.

Convócase para o ano 2011 o certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia.

Artigo 17º.-Presentación de solicitudes e traballos.

1. O prazo de presentación dos traballos remata o día 15 de maio de 2011.

2. O prazo de presentación das solicitudes da compensación económica pola realización de actividades de promoción do cooperativismo é dun mes contado desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 18º.-Xustificación das actividades de promoción do cooperativismo.

Os centros beneficiarios da compensación económica deberán xustificar a realización das actividades de promoción do cooperativismo con anterioridade ao 15 de maio de 2011.

Artigo 19º.-Contía dos premios.

1. Os traballos presentados á modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixido ao alumnado de infantil e primaria, nas súas distintas categorías, poderán optar aos seguintes premios:

-Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.

-Un accésit por cada categoría: os/as autores/as de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor de 1.700 euros.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido aos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

-Un premio ao mellor traballo por categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán material audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.

3. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido aos centros de formación profesional, poderán optar aos seguintes premios:

-Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo, coa seguinte dotación:

* O/os autor/es ou a/as autora/s do mellor proxecto recibirá/n un único premio de 6.000 euros, dos cales 3.000 euros entregaranse tras a resolución do tribunal, e 3.000 euros entregaranse tras a presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

* Unha viaxe para visitar experiencias cooperativas, por valor máximo de 1.500 euros, para o profesor/a-director/a do proxecto.

- Dous accésit aos proxectos finalistas, coa seguinte dotación:

* 2.000 euros para cada proxecto finalista, que se repartirán entre os/as alumnos/as que elaboraron cada un dos proxectos finalistas.

* 500 euros en cheques para libros para cada un/unha dos/das profesores/as-directores/as dos proxectos finalistas.

4. O orzamento para as axudas aos centros educativos pola realización de actividades de promoción do cooperativismo ascende á cantidade de 44.000 euros, que se distribuirán entre todos os centros solicitantes proporcionalmente ao orzamento previsto para as súas actividades, ata un máximo de 2.000 euros por centro.

Artigo 20º.-Financiamento.

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais, aplicación 12.03.324A 445.0 Consello Galego de Cooperativas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2011, que se transferirán as contas de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

Disposición adicional

Primeira.-Aprobarase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión dos premios e axudas previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "05900D005P013.PDF"