DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 24 de marzo de 2011 Páx. 4.993

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas de proxectos empresariais cooperativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A Constitución española no seu artigo 129º.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da comunidade autónoma, correspondendo a súa presidencia á conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, tendo en conta que as sociedades cooperativas teñen amosado o seu importante potencial para o impulso do desenvolvemento, local en xeral e rural en particular, entende que cómpre apoiar o seu aproveitamento integral como elementos dinamizadores da economía local e singularmente creadores de riqueza e emprego, a través do estímulo aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, particularmente aqueles máis ligados ao ámbito local, e para tal efecto acordou establecer as bases reguladoras do concurso de iniciativas de proxectos empresariais cooperativos e proceder á súa convocatoria para o ano 2011.

As bases reguladoras do concurso de iniciativas de proxectos empresariais cooperativos, así como a súa convocatoria para o ano 2011 foron apoiadas polo Pleno do Consello Galego de Cooperativas na súa sesión plenaria do 25 de novembro de 2010.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección primeira

Bases reguladoras do concurso de iniciativas de proxectos empresariais cooperativos

Artigo 1º.-Finalidade.

A finalidade deste concurso é estimular e apoiar os axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, en especial nos proxectos ligados ao ámbito local, para que no seu labor de técnicos/as no asesoramento e impulso de proxectos fomenten o cooperativismo como fórmula de desenvolvemento local en Galicia.

Con este obxecto premiaranse os impulsores das mellores iniciativas de proxectos empresariais organizadas baixo a fórmula cooperativa. Os proxectos terán por obxecto o impulso e aproveitamento integral dos recursos locais no ámbito galego de xeito que poidan incentivar o desenvolvemento local en xeral, e rural en particular.

Artigo 2º.-Participantes.

1. Poderán participar neste concurso as persoas físicas pertencentes a colectivos tales como axentes de desenvolvemento local, axentes de extensión pesqueira, de extensión agraria, técnicos/as de emprego, técnicos/as de grupos de acción local, orientadores/as educativos e laborais, técnicos/as das consellerías do Mar, de Medio Rural e de Traballo e Benestar, así como técnicos/as das asociacións de cooperativas e asesores e consultores de cooperativas. Así mesmo, o concurso estará aberto a todas as persoas físicas, maiores de idade e de calquera nacionalidade, impulsores de proxectos empresariais cooperativos.

2. Non poderán participar as persoas en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Presentación de proxectos e prazo.

1. Poderán presentarse proxectos individuais ou colectivos. Cada persoa poderá participar nun só proxecto individual e/ou nun só proxecto colectivo. A participación en máis dun proxecto unicamente será admisible cando sexan proxectos de diferente modalidade (individual e colectivo).

2. A solicitude de participación xunto co proxecto presentaranse na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

3. Deberá presentarse unha copia de cada proxecto, en papel formato A4 (DIN-A4, 210 x 297), claramente impresa a espazo simple en Arial 12 ou tipo de letra similar e nunha soa das caras da folla. A extensión máxima dos proxectos será de 20 follas (incluíndo no cómputo os anexos). Ademais, será obrigatorio enviar os proxectos en formato electrónico de forma complementaria ao envío en papel.

4. Cada proxecto presentarase asinado cun pseudónimo na carátula e acompañado por un sobre, debidamente pechado; na súa fronte indicarase o pseudónimo usado polo/s autor/es ou autoras. No interior dese sobre deben figurar os datos persoais e de contacto do autor/a para os proxectos individuais e de cada un dos compoñentes do grupo de traballo nos proxectos colectivos: nome e apelidos, DNI ou número de pasaporte, domicilio, teléfono, e enderezo de correo electrónico, se o tivese. O dito sobre permanecerá invariablemente pechado, a excepción do correspondente ao proxecto que acade o premio e daqueles que sexan seleccionados para formar parte dun catálogo de referencia.

Cada proxecto entregado estará acompañado, ademais, dunha nota escrita polo/s autor/es ou autoras e asinado co seu pseudónimo, na cal aceptará, expresamente as bases e condicións do concurso e declarará, que a obra é da súa autoría, inédita, que non foi presentada a outro concurso pendente de resolución e que non ten cedidos ou prometidos os dereitos de edición e/ou reprodución en calquera forma con terceiros. No sobre pechado indicado anteriormente incluirase unha certificación asinada con nome e apelido do autor, en que este se fai expresamente responsable da veracidade e exactitude da declaración mencionada neste parágrafo. No caso de faltar este requisito, o proxecto quedará excluído do concurso.

5. A presentación dos proxectos farase no prazo indicado na convocatoria. Os textos entregados fóra de prazo non serán admitidos no concurso.

Artigo 4º.-Premios.

Outorgarase un único premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo.

Artigo 5º.-Órgano instrutor.

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días e, se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Tribunal e criterios de avaliación.

1. Os proxectos presentados serán avaliados pola comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas, que actuará como tribunal para a concesión do premio. O premio será outorgado polo tribunal, que poderá declarar o premio deserto ou conceder o premio compartido. A entrega do premio terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo galego.

2. Avaliarase a coherencia e viabilidade económica dos proxectos, ou o seu carácter innovador, a súa achega á posta en valor e aproveitamento sustentable dos recursos locais do contorno e a súa adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan Estratéxico para o Cooperativismo.

Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo procedemento baseado no artigo 19º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O tribunal fará pública a proposta provisional de adxudicación do premio na web:

www.cooperativasdegalicia.com

4. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación do premio.

6. O/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais resolverá a concesión do premio e elevará á conselleira de Traballo e Benestar a dita resolución para publicar no Diario Oficial de Galicia.

7. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1º e no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros -rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 8º.-Financiamento e normativa reguladora.

1. O financiamento do premio farase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais procedentes da partida orzamentaria 12.03.324A 445.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, que se transferirán á conta de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. No momento da xustificación total da actividade subvencionada deberá presentarse declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Artigo 9º.-Condicións xerais de participación.

1. O outorgamento do premio establecido neste concurso implica, sen necesidade de ningunha declaración por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor da Dirección Xeral de Relacións Laborais, a reproducir, traducir e difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

2. O Consello Galego de Cooperativas reservará para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes do/a gañador/a, polos medios e formas de comunicación que crea convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considerase que os/as participantes no concurso prestaron o seu consentimento ao presentaren o proxecto.

3. Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade á Consellería de Traballo e Benestar, no caso de que os proxectos resultaran danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estiveren no seu poder. Os materiais presentados non serán devoltos.

4. A presentación dun proxecto neste concurso implica a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11º da citada Lei 9/2007.

Sección segunda

Convocatoria do concurso de iniciativas de proxectos empresariais cooperativos para o ano 2011

Artigo 11º.-Convocatoria.

Convócase o concurso de iniciativas de proxectos empresariais cooperativos para o ano 2011.

Artigo 12º.-Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de maio de 2011.

Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 13º.-Contía do premio.

Outórgase un único premio de 7.000 euros, dos cales 4.000 euros entregaranse tras a resolución do tribunal, e 3.000 euros entregaranse tras a presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

O prazo para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento dos 3.000 euros será de 3 meses.

Artigo 14º.-Financiamento.

A concesión do premio previsto nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais, aplicación 12.03.324A 445.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2011, que se transferirán á conta de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

Disposición adicional

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión do premio previsto nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro de importes indebidamente percibidos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "05900D004P009.PDF"