DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 24 de marzo de 2011 Páx. 4.992

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 46/2011, do 10 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito dun camiño de servizo da AC-441 entre os p.k. 14+230 e p.k. 14+630, así como un treito que vai desde o cemiterio de Baíñas ata a intersección coa AC-441, a prol do Concello de Vimianzo.

A teor do previsto no artigo 5º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54º, que as estradas provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

Na cláusula terceira do convenio asinado o 23 de xullo de 2007 entre o Concello de Vimianzo e a Xunta de Galicia prevese a transferencia, a prol do Concello de Vimianzo, da titularidade das obras recollidas no convenio, de tal xeito que se procede ao inicio do procedemento administrativo da transferencia.

A Dirección Xeral de Infraestruturas considera adecuado o cambio de titularidade dos treitos mencionados, tendo en conta que adquiriu características netamente urbanas e de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello de Vimianzo que, con data do 10 de decembro de 2010, manifesta a súa aceptación.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Vimianzo dos seguintes treitos da AC-441:

-Treito dun camiño de servizo da AC-441 entre os p.k. 14+230 e p.k. 14+630.

-Treito que vai desde o cemiterio de Baíñas ata a intersección coa AC-441.

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Vimianzo deberá incorporar ao seu Plan de Estradas as vías a que se refire este decreto.

Artigo 3º

A entrega das vías formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndenlle ao Concello de Vimianzo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas