DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Mércores, 23 de marzo de 2011 Páx. 4.872

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago.

Con data do 19 de setembro de 2006 publicouse o Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que delimita o ámbito de aplicación e os procedementos da rehabilitación de calidade no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia, modificado polos decretos 180/2007, do 6 de setembro (DOG nº 187, do 26 de setembro), e 90/2008, do 24 de abril (DOG nº 91, do 13 de maio).

O 27 de agosto de 2009 publicouse a Orde do 18 de agosto de 2009 pola que se determina a finalización do prazo de presentación de solicitudes de cédula de rehabilitación de calidade.

A oportuna mellora dos procedementos recollendo a experiencia da xestión destas axudas e as demandas das persoas solicitantes e a conveniencia de refundir as sucesivas modificacións da normativa de orixe aconsellan a adopción dunha nova normativa que regule a rehabilitación de vivendas con axudas da Comunidade Autónoma, no marco da normativa reguladora das subvencións públicas e, nomeadamente, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Este decreto regula as actuacións de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas, que poden acceder a incentivos en forma de subvencións, no ámbito rural e histórico patrimonial, e nos sete camiños de Santiago: o Camiño Francés, o Primitivo, o Camiño Norte, o Inglés, o de Fisterra, o Portugués e o da Prata, en canto estean declarados como áreas de rehabilitación integral.

O texto estrutúrase en tres capítulos con 36 artigos, nos cales se pretende establecer claramente as condicións xerais das actuacións, o iter procedemental que debe seguirse para poder solicitar as axudas e aprobar as bases reguladoras das subvencións. A estes tres capítulos súmase unha disposición adicional; unha transitoria, para atender as distintas situacións nas que se poden atopar os expedientes tramitados con cargo ao anterior programa de cédula de rehabilitación de calidade; unha derrogatoria e catro disposicións derradeiras, nas cales se posibilita a elaboración dun catálogo de prezos das unidades de obra, se modifica o Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, para maior claridade e adaptación dalgunha das súas previsións ao Plan estatal de vivenda e rehabilitación, que

non quedaran suficientemente perfiladas ou necesitan de emenda para acomodarse ás directrices do Ministerio de Fomento. Así mesmo, modifícase o Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia, co obxecto de precisar pequenos detalles de redacción que redundan nunha maior claridade da norma sinalada.

Como principais cuestións que hai que destacar desta norma, cómpre sinalar a simplificación das actuacións cualificables, e polo tanto, susceptibles de ser subvencionables, así como do procedemento de cualificación das actuacións como protexidas.

Especial mención merece o remate exterior de fachadas e cubertas en relación coa previsión da disposición transitoria primeira da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en canto dispón que as construcións e edificacións inacabadas deberán quedar totalmente rematadas e que, transcorrido o prazo de 3 anos desde a entrada en vigor da lei, sen ter rematada a construción ou edificación, ordenarase a execución das obras necesarias. Á vista do anterior precepto, e unha vez finalizado o dito prazo, co gallo de fomentar as actuacións de remate previstas na lei, considérase procedente establecer unha liña de axudas que teña por obxecto específico o remate das construcións inacabadas, que supón unha lacra para o patrimonio arquitectónico, paisaxístico e cultural de todos os galegos.

Cómpre tamén, referirse á Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia que regulou expresamente o fomento da rehabilitación e renovación de vivendas e que atopa neste decreto o seu desenvolvemento e materialización. É importante salientar, neste punto, que de acordo co citado texto legal, no presente decreto establécese un límite de superficie para as ampliacións da vivenda, de xeito que a superficie útil total desta non supere os 140 m2, previstos no artigo 35º da Lei para as vivendas protexidas.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago, coa finalidade de fomentar as actuacións que sexan respectuosas co patrimonio arquitectónico e o seu contorno, de xeito que as vivendas rematadas, rehabilitadas ou reconstruídas melloren as condicións de habitabilidade e, ao mesmo tempo, permitan atender as necesidades das persoas que viven nelas.

Artigo 2º.-Ámbito.

O ámbito de aplicación deste decreto esténdese ás vivendas unifamiliares situadas no ámbito rural, e ás vivendas e edificios de vivendas sitos en ámbitos históricos e no ámbito dos camiños de Santiago, tal e como se definen no artigo seguinte.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto, establécense as seguintes definicións:

a) Vivenda unifamiliar: é aquela vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante é o residencial, e no que non existe ningunha outra vivenda.

b) Entidades e núcleos de poboación no ámbito rural:

1º Entidades de poboación inferiores a 500 habitantes.

2º Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios con planeamento municipal vixente sempre que os núcleos sexan rurais ou, no caso de núcleos urbanos, cando a ordenanza de aplicación considere como compatible o uso de vivenda unifamiliar.

3º Núcleos entre 500 e 1.500 habitantes de municipios sen planeamento, sempre que teñan un claro carácter rural e non sexan característicos de aglomeracións ou concentracións urbanas.

c) Conxuntos, zonas e inmobles do ámbito histórico:

1º Conxuntos con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar oficialmente aprobada.

2º Zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

d) Vivendas no ámbito dos camiños de Santiago: entenderase por tales as vivendas situadas en parroquias ou entidades dos concellos polos que discorran os Camiños de Santiago, e que estean comprendidas no ámbito dunha área de rehabilitación integral dos camiños de Santiago, declarada ao abeiro do previsto no artigo 46º do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

e) Actuacións protexibles: son as actuacións previstas no artigo 7º deste decreto.

f) Orzamento protexible: é o orzamento das actuacións protexibles que servirá de base para determinar o importe da subvención, co límite máximo do resultado de multiplicar a superficie útil da vivenda polo módulo básico estatal vixente no momento da solicitude da cualificación provisional e co límite mínimo de 400 € por vivenda. Estará formado por:

1º O orzamento de contrata das obras protexibles con IVE. Os gastos xerais e beneficio industrial incluídos neste orzamento non poderán superar o 19% do orzamento de execución material das obras.

2º Os gastos de honorarios profesionais, taxas de licenza, tributos e calquera outro gasto necesario para a execución das obras protexibles ata un límite do 10% do orzamento sinalado no punto anterior.

Os prezos das partidas de obras deberán axustarse aos prezos medios de mercado, podéndose tomar como referencia a Base de Datos de Construción de Galicia, BDC-Galicia, promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia, ou o catálogo de prezos das unidades de obra, previsto na disposición adicional do presente decreto.

g) Gasto subvencionable: gasto ou investimento necesario para a execución das actuacións protexibles, co límite no orzamento protexible, efectivamente pagado e xustificado de acordo co previsto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

h) Cualificación: resolución administrativa que recoñece que a actuación cumpre coas condicións establecidas neste decreto, sen que, en ningún caso, supoña autorización nin verificación ningunha do cumprimento da normativa urbanística o sectorial de aplicación, polo que o seu outorgamento se fará, en todo caso, sen prexuízo da obriga do promotor de solicitar todas as licenzas, permisos e autorizacións que sexan exixibles pola normativa de aplicación. A cualificación pode ser provisional ou definitiva, esta última será requisito indispensable para que unha actuación poida dar lugar á concesión de axudas á rehabilitación.

i) Ingresos familiares: ingresos da unidade familiar ou de convivencia tal e como resulta definida no artigo 49º da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia e determinados na forma prevista no artigo 4º do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Artigo 4º.-Procedemento.

O procedemento establecido para as actuacións de fomento da rehabilitación previstas neste decreto é o seguinte:

A persoa ou persoas promotoras da actuación deberán solicitar á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a cualificación provisional das actuacións de acordo co establecido neste decreto e executar as obras de conformidade co previsto na resolución de cualificación. Rematadas as obras deberá solicitar a cualificación definitiva e, unha vez obtida esta, poderá solicitar as axudas, se cumpre os requisitos, ao abeiro da correspondente convocatoria de subvención.

Artigo 5º.-Requisitos das vivendas ou edificios.

1. Ademais das condicións específicas que se establecen neste decreto, as vivendas deben cumprir os seguintes requisitos:

a) No ámbito rural, as vivendas deberán ser unifamiliares e contar cunha antigüidade de:

1º 10 anos ou máis para as actuacións protexibles previstas no artigo 8º deste decreto.

2º 15 anos ou máis para as actuacións protexibles reguladas no artigo 9º.

3º 40 anos ou máis para as actuacións protexibles previstas no artigo 11º.

b) Nos ámbitos históricos e dos camiños de Santiago as vivendas deberán pertencer a edificios que teñan polo menos o 50% da súa superficie útil destinada ao uso de vivenda. A antigüidade do edificio deberá ser igual ou superior a:

1º 10 anos ou máis para as actuacións de remate de fachadas e cubertas.

2º 15 anos ou máis para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas.

3º 40 anos ou máis para actuacións de reconstrución de edificios e vivendas.

c) No caso de que o obxecto das obras sexa a mellora das condicións de accesibilidade da vivenda para persoas con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, a antigüidade mínima das vivendas será de 5 anos, en calquera dos ámbitos.

2. No suposto de que na vivenda se tivesen realizado obras de ampliación que supuxesen un incremento da superficie útil de máis do 25% da superficie útil da vivenda orixinal, considerarase, para os efectos do disposto neste decreto, que a antigüidade da vivenda é a correspondente á ampliación realizada.

Artigo 6º.-Destino das vivendas.

1. As vivendas nas cales se realicen as actuacións protexibles terán que dedicarse a residencia habitual e permanente durante o prazo, como mínimo, de 5 anos a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de cualificación definitiva, excepto nos supostos regulados nos números seguintes.

2. Para solicitar a subvención, será requisito indispensable acreditar a residencia no inmoble, mediante certificado do padrón, salvo no caso de que as obras se realicen coa finalidade de arrendalo, no que o destino a residencia habitual e permanente da persoa inquilina deberá acreditarse no momento de presentar a solicitude de subvención, mediante o contrato de aluguer asinado por un período mínimo de 5 anos. Neste suposto, o período de 5 anos contarase a partir da data de sinatura do contrato que deberá estar comprendida entre o día seguinte da notificación da resolución da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención.

3. Cando a actuación sexa promovida pola comunidade de propietarios, as vivendas deberán destinarse a residencia habitual e permanente dos seus titulares ou inquilinos, no caso de aluguer, e deberá acreditarse esta circunstancia no momento de solicitar a subvención.

4. No caso da poboación galega residente no exterior da comunidade autónoma, e que non destine as vivendas a aluguer, estas obrigas limitaranse á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante o período de, polo menos, 15 días ao ano establecido na disposición adicional cuarta da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.

5. As vivendas ou edificios que se beneficien das subvencións previstas neste decreto terán a cualificación de vivendas protexidas e, polo tanto, seralles de aplicación, no que proceda, o réxime xurídico previsto no título II da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.

Artigo 7º.-Actuacións protexibles.

As actuacións que poderán ser obxecto da cualificación son as seguintes:

a) Remate de fachadas e cubertas.

b) Rehabilitación de edificios ou vivendas.

c) Reconstrución de edificios e vivendas.

Artigo 8º.-Remate de fachadas e cubertas.

1. Incluiranse nesta categoría as actuacións que prevén a execución das obras de remate en edificacións cuxos paramentos de fachada ou cubertas non se remataron no momento da construción do edificio, polo que actualmente presentan como único acabamento de fachada ou de cuberta materiais que non foron deseñados para quedar vistos e que deturpan a imaxe exterior da edificación e do contorno no que esta se sitúa.

2. Para poder solicitar esta actuación deberá acreditarse que a vivenda foi habitada durante un mínimo de 5 anos computados ata a data de presentación da solicitude de cualificación provisional.

3. Cando se solicite a cualificación das actuacións de remate previstas neste artigo será preciso:

a) Incluír o remate de todas as fachadas da edificación onde se sitúa a vivenda.

b) Incluír o remate das fachadas vistas de todas as edificacións anexas á edificación principal (alboios, cortes, rochos, etc) que sexan propiedade da mesma persoa e que se atopen situados a unha distancia da edificación principal inferior a 15 m.

c) Colocación de tella, lousa ou outro material de cuberta para o tellado da edificación destinada a vivenda.

4. As construcións e edificacións inacabadas deberán quedar completamente rematadas e, de acordo co establecido no artigo 104º.e da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, deberán presentar todos os seus paramentos exteriores e cubertas totalmente rematados, con emprego neles das formas e os materiais que menor impacto produzan, así como das cores tradicionais na zona ou, en todo caso, as que favorezan, en mellor medida, a integración no contorno inmediato e na paisaxe.

Artigo 9º.-Rehabilitación de edificios ou vivendas.

1. Son as actuacións que dentro dos límites da edificación primitiva teñen por obxecto:

a) Mellorar as condicións estruturais e de seguranza do edificio e das vivendas.

b) Mellorar as condicións de accesibilidade dos edificios ou vivendas.

c) Mellorar as condicións construtivas, funcionais ou de habitabilidade dos edificios e vivendas e das súas instalacións.

d) A remodelación de vivendas, mediante obras que, realizadas dentro dos límites da vivenda orixinal, teñan por obxecto a variación da distribución interior desta, para adecuala ás necesidades das persoas usuarias ou mellorar as condicións relativas aos requisitos básicos do Código técnico da edificación.

e) A remodelación de edificios, entendendo por tal aquela que teña por obxecto:

1º A variación dos límites das vivendas.

2º A modificación do número de vivendas existentes no edificio.

3º A adaptación ao uso de vivenda de espazos que orixinalmente non tiñan o dito uso.

f) A mellora da eficiencia enerxética da vivenda, do edificio ou das súas instalacións.

g) A ampliación da superficie útil da vivenda mediante a incorporación de espazos que, incluídos dentro dos límites da edificación existente, non tivesen o uso da vivenda cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

1º A ampliación sexa precisa para mellorar as condicións de accesibilidade da vivenda para satisfacer as necesidades dalgún membro da unidade familiar con problemas de mobilidade ou maior de 65 anos.

2º Sexa preciso incrementar a superficie útil da vivenda para satisfacer as necesidades das persoas moradoras nela, sempre que a superficie útil final da vivenda non supere os 140 m2.

h) Actuacións que teñan por obxecto a protección e posta en valor do patrimonio construído.

2. As actuacións previstas neste artigo deberán procurar condicións dignas de habitabilidade para as vivendas.

3. Poderán incluírse nesta categoría as actuacións protexibles previstas no artigo 8º cando se realicen xunto con outras actuacións de rehabilitación que teñan por obxecto algunha das actuacións recollidas no punto 1 deste artigo.

Artigo 10º.-Actuacións non consideradas como de rehabilitación.

Non terán consideración de rehabilitación as actuacións proxectadas en edificios existentes que impliquen:

a) O seu baleirado.

b) A eliminación ou substitución da estrutura horizontal das plantas habitables do edificio que afecten máis do 20% da superficie da vivenda ou edificio sobre o que se actúa.

c) Actuacións de amoblamento ou de acabamentos interiores que non estean ligadas a outras obras recollidas no artigo anterior.

Artigo 11º.-Reconstrución de edificios ou vivendas.

1. Son actuacións de reconstrución de edificios ou vivendas as que teñen por obxecto recuperar para o uso, en condicións semellantes a unha obra nova, as vivendas ou edificios existentes, cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

a) Que as obras impliquen a eliminación, substitución ou nova execución de, polo menos, un 20% da estrutura horizontal da planta das vivendas ou edificios sobre os que se actúa.

b) Que teñan por obxecto a ampliación dunha vivenda unifamiliar fóra dos límites da edificación primitiva e as ditas obras sexan necesarias por algunha destas razóns:

1º Dotar á vivenda de condicións axeitadas de habitabilidade.

2º Resolver os problemas de accesibilidade das persoas moradoras na vivenda.

3º Dar cumprimento ás exixencias da normativa urbanística.

4º Por requirimentos da normativa de protección do patrimonio ou para poñer en valor o patrimonio arquitectónico.

5º Que sexa preciso incrementar a superficie útil da vivenda para satisfacer as necesidades das persoas moradoras nela, sempre que a superficie útil final da vivenda non supere os 140 m2.

2. Para poder incluírse nesta actuación, os edificios ou vivendas que se van reconstruír deberán contar, como mínimo, con todas as fachadas da edificación primitiva.

Artigo 12º.-Condicións das actuacións.

1. Para obter a cualificación as actuacións relativas á adecuación estrutural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que, se o inmoble o precisar, non se poderán acometer estas sen a previa ou simultánea realización das primeiras.

2. As solucións adoptadas na rehabilitación deberán respectar os valores arquitectónicos da edificación orixinal, utilizando as solucións tipolóxicas e construtivas daquela ou outras compatibles coas orixinais.

3. Así mesmo, as cores e materiais empregados na intervención deberán harmonizar coas características tipolóxicas e compositivas do edificio e das edificacións tradicionais do contorno. Mediante resolución, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá establecer criterios de intervención que deberán ser respectados para garantir que as actuacións de rehabilitación e reconstrución non atenten contra os valores arquitectónicos, paisaxísticos e culturais das edificacións sobre as que se intervén ou do contorno onde se sitúa.

4. Nas actuacións procurarase evitar a substitución inxustificada de elementos que poidan ser reparados ou que non perdesen o seu valor de uso.

Artigo 13º.-Ingresos familiares.

1. As persoas promotoras das actuacións protexibles non poderán superar os seguintes límites de ingresos ponderados no momento de presentación da solicitude de cualificación provisional da actuación:

a) 3,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples cando se trate de actuacións no ámbito rural.

b) 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiple, cando se trate de actuacións para uso propio nos ámbitos históricos e dos camiños de Santiago.

2. Nos supostos de que as actuacións protexibles se realicen con destino a aluguer, as vivendas destinaranse a unidades familiares con ingresos ponderados ata 4,5 veces IPREM, e deberá acreditarse este extremo no momento de solicitar a subvención.

3. No suposto de actuacións protexibles en edificios promovidas pola comunidade de propietarios, só poderán acceder ás axudas previstas neste decreto as persoas titulares do inmoble o dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións, cando as vivendas sexan para uso propio, ou as persoas titulares, no caso de que a vivenda se destine a aluguer, que acrediten os ingresos da forma prevista nos puntos anteriores.

Artigo 14º.-Ponderación dos ingresos familiares.

1. De conformidade co previsto no artigo anterior, aos ingresos familiares da unidade familiar ou de convivencia aplicaránselles os seguintes coeficientes multiplicativos correctores:

a) Familias dun membro: 1,00.

b) Familias de dous membros: 0,90.

c) Familias de tres membros: 0,80.

d) Familias de catro membros: 0,75.

e) Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

2. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese.

3. Ademais, se a vivenda estivese situada nun concello dos declarados, ao abeiro do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012, como ámbitos territoriais de prezo máximo superior, aplicarase o tramo seguinte ao que lle correspondese segundo o antes mencionado.

Capítulo II

Cualificación das actuacións

Artigo 15º.-Cualificación provisional das actuacións.

A cualificación provisional é a resolución administrativa que determina a actuación que se vai executar para poder optar á subvención, o seu prazo de execución, o orzamento máximo protexible e o cumprimento dos requisitos de ingresos, no suposto de que a vivenda se destine a uso propio.

Artigo 16º.-Procedemento para a obtención da cualificación provisional.

1. A persoa promotora da actuación, antes do inicio das obras, deberá solicitar á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a cualificación provisional das actuacións, presentando a documentación establecida no artigo seguinte. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da solicitude, poderá realizar, en calquera momento, as comprobacións dos requisitos e as inspeccións técnicas da obra que considere oportunas para verificar o cumprimento das condicións que servirán de base para o outorgamento da cualificación provisional.

2. A competencia para ditar a resolución de cualificación provisional corresponderá ao/á xefe territorial da consellería competente en materia de vivenda ou persoa en quen delegue.

3. O prazo para resolver será de dous meses contados desde a data na cal a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se notificase resolución expresa, entenderase denegada. A denegación da cualificación provisional será motivada e susceptible de recorrer en alzada ante o conselleiro ou conselleira competente en materia de vivenda.

Artigo 17º.-Documentación xeral para solicitar a cualificación provisional.

1. A persoa promotora presentará, xunto coa solicitude, a seguinte documentación xeral:

a) A documentación acreditativa da titularidade do inmoble o dun dereito real sobre el, no caso de que se trate de que a rehabilitación se realice para uso propio e a persoa promotora sexa a propietaria ou posúa un dereito real sobre o inmoble que permita acometer as actuacións que se regulan neste decreto.

b) No suposto de que a persoa promotora das obras sexa a inquilina do inmoble, deberá presentar o contrato de aluguer, xunto coa autorización da persoa propietaria para realizar as obras.

c) Cando se trate de actuacións para uso propio, deberán acreditarse os ingresos ponderados a que se refiren os artigos 13º e 14º deste decreto. Para tal fin, concederase autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para solicitar certificacións de ingresos do IRPF, ou no caso de non autorizar, presentarase a documentación xustificativa dos ingresos da unidade familiar. No suposto de que a promoción a realice a comunidade de propietarios, deberán acreditarse os ingresos das persoas titulares do inmoble o dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións nas vivendas e que pretendan solicitar as axudas.

d) Documentación acreditativa da antigüidade da vivenda, de acordo co disposto no artigo 5º deste decreto.

e) Fotografías en cor de todas as fachadas e do exterior da edificación ou edificacións nas cales se pretende obrar. No suposto de que as obras se realicen no interior das vivendas, fotografías en cor de todas as estancias nas cales se vaia actuar.

f) No suposto de que as obras afecten a distribución do inmoble, deberán achegarse planos que recollan a modificación que se pretende acometer.

2. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, de conformidade co previsto no artigo 71º.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá solicitarlle á persoa promotora que presente documentación complementaria ou aclaratoria, cando da documentación anterior non se deduza o cumprimento dos requisitos precisos para outorgar a cualificación provisional.

Artigo 18º.-Documentación específica para cada actuación protexible.

1. Nos supostos de actuacións protexibles de remate de fachadas e cubertas e de rehabilitación de edificios ou vivendas, presentaranse, ademais da documentación sinalada no artigo anterior, os seguintes documentos:

a) Memoria das obras que se van realizar na cal se debe indicar, de forma expresa, a superficie útil das vivendas.

b) Orzamento das obras, que poderá ser:

1º Orzamento desagregado por partidas de obra con indicación da medición e o prezo unitario correspondente ás ditas partidas.

2º No suposto de que se aprobe o procedemento e o catálogo establecido na disposición adicional deste decreto, poderá presentarse o orzamento simplificado segundo o establecido no dito procedemento.

c) Documentación acreditativa de que a vivenda estivo habitada durante un mínimo de 5 anos, no suposto de actuacións de remate de fachadas e cubertas.

2. Cando se trate de reconstrución de edificios e vivendas, deberá presentarse, ademais da documentación xeral do artigo anterior, o proxecto de execución asinado por técnico ou técnica competente.

3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, de conformidade co previsto no artigo 71º.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá solicitarlle á persoa promotora que presente documentación complementaria ou aclaratoria, cando da documentación anterior non se deduza o cumprimento dos requisitos precisos para outorgar a cualificación provisional.

Artigo 19º.-Execución das obras e modificación da cualificación.

1. O promotor executará as obras de conformidade co establecido na cualificación provisional, debendo solicitar todos os permisos e autorizacións que sexan preceptivos segundo a normativa urbanística e sectorial de aplicación.

2. A persoa promotora poderá solicitar a ampliación do prazo de execución previsto na cualificación provisional por un período que non exceda da metade do inicialmente establecido.

3. Sen prexuízo da ampliación regulada no punto anterior, a persoa promotora poderá solicitar a modificación da cualificación provisional, nos seguintes supostos:

a) Cando o orzamento ou o prazo de execución inicialmente previsto das obras se incremente ou diminúa, como consecuencia da variación de actuacións que se van acometer, sempre que as actuacións resultantes puidesen ser obxecto de cualificación. No suposto de que as variacións afecten as condicións do outorgamento da licenza municipal de obra, deberá achegarse a pertinente autorización municipal.

b) No caso de, que por causa xustificada non imputable ao promotor, non se poidan rematar as obras no prazo previsto ou conseguir a documentación necesaria para solicitar a cualificación definitiva.

Artigo 20º.-Cualificación definitiva.

A cualificación definitiva é a resolución administrativa que determina a realización das actuacións, e na cal se expresará o tipo de actuación e o importe do orzamento protexible.

Artigo 21º.-Procedemento para a obtención da cualificación definitiva.

1. No prazo máximo dun mes desde o remate das obras, ou, en todo caso, do cumprimento do prazo máximo de execución fixado na resolución de cualificación provisional, ou na súa modificación, o promotor deberá solicitar á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, a cualificación definitiva das actuacións, presentando a documentación establecida no artigo seguinte. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da solicitude, poderá realizar, en calquera momento, as comprobacións dos requisitos e as inspeccións técnicas da obra que considere oportunas para verificar o cumprimento das condicións que servirán de base para o outorgamento da cualificación definitiva.

2. A competencia para emitir a resolución de cualificación definitiva corresponderá ao/á xefe territorial da consellería competente en materia de vivenda ou persoa en quen delegue.

3. O prazo para resolver será de dous meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase resolución expresa, entenderase denegada.

Artigo 22º.-Documentación para solicitar a cualificación definitiva.

1. A persoa promotora presentará, xunto coa solicitude, a licenza de obras concedida que debe amparar todas as obras executadas. Esta licenza deberá vir acompañada coa copia da solicitude de licenza formulada no seu día, así como de reportaxe fotográfica en cor, das actuacións realizadas.

2. A persoa promotora, dependendo do tipo de actuación protexible, deberá presentar tamén a seguinte documentación:

a) Remate de fachadas e cubertas e rehabilitación de edificios ou vivendas:

1º Declaración de que as obras están realizadas e se axustan á licenza.

2º No caso de que as obras afectasen a estrutura do inmoble, deberá presentarse certificado de solidez asinado por técnico competente e certificado final de obra.

3º No caso de que se realizasen obras de instalacións, boletíns das ditas instalacións visados pola consellería competente en materia de industria.

b) Reconstrución de edificios e vivendas:

Certificado de fin de obra.

3. A persoa promotora deberá ter a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo a documentación técnica e económica das obras.

4. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, de conformidade co previsto no artigo 71º.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá solicitar á persoa promotora que presente documentación complementaria ou aclaratoria, cando da documentación anterior non se deduza o cumprimento dos requisitos precisos para outorgar a cualificación definitiva.

Artigo 23º.-Denegación da cualificación definitiva.

1. Serán causas de denegación da cualificación definitiva as seguintes:

a) Non executar as obras de conformidade co previsto na resolución de cualificación provisional ou executalas parcialmente.

b) Executar obras distintas das previstas na resolución de cualificación provisional sen cumprir os requisitos establecidos no artigo 19º.3 deste decreto.

c) O incumprimento do prazo de execución previsto na resolución de cualificación provisional ou de ampliación do prazo.

d) Non solicitar en prazo a cualificación definitiva.

e) Non executar as obras de conformidade coa licenza de obras ou non cumprir as condicións recollidas nela.

f) Realizar obras non amparadas pola licenza de obras.

2. A denegación da cualificación será motivada e susceptible de recorrer en alzada ante o conselleiro ou conselleira competente en materia de vivenda.

Artigo 24º.-Transmisibilidade da cualificación provisional ou definitiva.

1. Nos supostos de falecemento da persoa titular da cualificación provisional ou definitiva das actuacións, poderán suceder na condición de interesado os seus herdeiros legais, logo de autorización do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sempre que cumpran os requisitos previstos neste decreto.

2. A solicitude de autorización dirixirase á xefatura territorial da consellería competente en materia de vivenda, xunto coa seguinte documentación:

a) Certificado de defunción da persoa solicitante da subvención.

b) Acreditación da súa condición de persoa herdeira ou parella de feito ou cónxuxe supérstite.

c) Autorización de todos os membros da comunidade hereditaria para rematar as obras e o compromiso de dedicar a vivenda a residencia habitual e permanente del ou do inquilino, no suposto de rehabilitación para aluguer.

d) Cando se trate de rehabilitación para uso propio, deberán acreditarse os ingresos ponderados a que se refiren os artigos 13º e 14º deste decreto. Para tal fin, concederase autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para solicitar certificacións de ingresos do IRPF, ou no caso de non autorizar, presentarase a documentación xustificativa dos ingresos da unidade familiar.

Capítulo III

Bases reguladoras das subvencións

Artigo 25º.-Obxecto das subvencións.

1. Este decreto establece as bases reguladoras das subvencións, de acordo co procedemento do artigo 19º.2, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as actuacións previstas no artigo 7º e seguintes, que estean en posesión da cualificación definitiva regulada no capítulo anterior.

2. As subvencións deste decreto estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e nomeadamente á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. As convocatorias promoveranse mediante resolucións anuais da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 26º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, ademais, estean en posesión da cualificación definitiva e destinen a vivenda a residencia habitual e permanente súa ou da persoa inquilina, no caso de rehabilitación para aluguer, e cumpran os requisitos establecidos na correspondente convocatoria.

2. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios, poderán ser persoas beneficiarias os/as titulares do inmoble o dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións, en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

3. En caso de que a persoa solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2º do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión de 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

Artigo 27º.-Subvencións.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dentro das dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas resolucións anuais de convocatoria, poderá subvencionar as actuacións cualificadas definitivamente nunha contía equivalente ao 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que, en ningún caso, esta subvención poida superar a cantidade máxima de 6.600 euros no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación e a cantidade máxima de 8.600 euros na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

2. No suposto de actuacións promovidas pola comunidades de propietarios, a subvención máxima prevista no punto anterior calcularase para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos neste decreto. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subvención total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as contías establecidas no punto anterior.

3. Estas axudas serán compatibles coas previstas nos artigos 46º e 47º do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, sen que o importe total das axudas poida exceder o límite previsto no artigo 36º.2 deste decreto.

Artigo 28º.-Procedemento.

1. Á vista da solicitude das subvencións e da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o/a xefe/a territorial da consellería competente en materia de vivenda elevará a proposta de concesión da subvención no caso de cumprir os requisitos exixidos, ou de denegación motivada da subvención no caso de non os cumprir, ao director/directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo quen, á vista dela e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que segundo en dereito proceda.

2. De ser o caso, publicarase o esgotamento da partida orzamentaria asignada e a inadmisión de posteriores solicitudes, salvo que proceda o previsto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007.

3. Contra as ditas resolucións poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro ou conselleira competente en materia de vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas solicitantes de subvencións ao abeiro deste decreto ás que lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria anual.

Artigo 29º.-Prazos de resolución.

O prazo máximo establecido para resolver e notificar a concesión das subvencións será de seis meses, contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Vencido o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 30º.-Declaración complementaria e acreditación de non ter débedas.

1. Xunto coa solicitude presentarase unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Sen prexuízo do anterior, as persoas beneficiarias deberán comunicar ao órgano concedente, no momento en que se coñeza, ou en calquera caso, antes do pagamento, a modificación das circunstancias contidas na anterior declaración, ou calquera outra circunstancia que fundamente a concesión da subvención, de acordo co previsto no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de estar ao día nas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón as ditas certificacións.

Artigo 31º.-Xustificación da subvención.

1. A obtención da cualificación definitiva substitúe a documentación que regula o artigo 48º.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para a conta xustificativa.

2. A persoa beneficiaria deberá achegar a documentación establecida para a memoria económica no artigo 48º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para os efectos da xustificación do gasto subvencionable, observarase o previsto no artigo 42º do Decreto 11/2009, admitíndose a posibilidade establecida no número 3 do dito precepto, con base nas características das obras subvencionables de acordo con este decreto.

Artigo 32º.-Reintegro da subvención.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas en concepto de subvención e a exixencia dos xuros de demora, nos casos recollidos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38º da Lei de subvencións de Galicia, e nos artigos 77º e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/1998, do 8 de xaneiro.

Artigo 33º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións sempre que impliquen a superación dos límites previstos no artigo 36º.2, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das axudas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por proposta da xefatura territorial da consellería competente en materia de vivenda, ditará resolución expresa, debidamente motivada, en que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención, comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

3. Contra a dita resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro ou conselleira competente en materia de vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 34º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude de subvencións integraranse nun programa informático de carácter permanente á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso oficial suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 35º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 36º.-Compatibilidade.

1. Con carácter xeral, as subvencións previstas neste decreto son compatibles coas axudas establecidas en materia de rehabilitación, na normativa estatal e autonómica, excepto no suposto previsto no número 3 deste artigo.

2. En ningún caso, o importe total das subvencións concorrentes, para as mesmas actuacións, con cargo aos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e con cargo ao ministerio competente en materia de vivenda ao abeiro dos plans de vivenda poderá ser de tal contía que supere os límites da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

3. Non poderán concederse axudas para aquelas vivendas que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación, reconstrución ou renovación, ou ao abeiro da normativa estatal dos plans de vivenda, as teñan solicitado nos catro anos inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude de subvención, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes rematasen o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

Disposición adicional

Única.-Catálogo de prezos das unidades de obra.

Cos efectos de establecer un límite máximo ao orzamento protexible, facilitar o procedemento de control e simplificar a elaboración das solicitudes de cualificación, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá elaborar unha base de prezos das unidades de obra máis habituais en actuacións de rehabilitación que poderá ser utilizado na elaboración do orzamento simplificado das actuacións. A aprobación do dito catálogo poderase realizar mediante resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, na cal se regulará o procedemento e os supostos en que se poderá aplicar este orzamento simplificado.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os procedementos administrativos tramitados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, e da normativa que o desenvolve, nos que se ditase resolución de concesión de subvención, seguirán tramitándose conforme a dita normativa polo que respecta ao pagamento da subvención concedida.

Segunda.-Os procedementos administrativos tramitados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro e da normativa que o desenvolve, nos que se ditase resolución de conformidade ás actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, seguirán tramitándose conforme este decreto, equiparándose a resolución de conformidade á resolución de cualificación provisional.

Terceira.-Os procedementos administrativos tramitados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, e da normativa que o desenvolve, nos que non se ditase a resolución de conformidade ás actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, seguirán tramitándose conforme este decreto, equiparándose a solicitude de cédula de rehabilitación de calidade á solicitude de cualificación provisional, conservándose as actuacións realizadas. De se tratar de actuacións protexibles para uso propio deberase acreditar o requisito dos ingresos familiares ponderados antes de se ditar a resolución da cualificación provisional.

Cuarta.-Poderán presentarse ás convocatorias anuais de subvencións deste decreto as persoas que, estando en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, non teñan subvención concedida con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

Quinta.-Para os efectos da concesión da subvención e a súa contía equipáranse as cédulas do Decreto 157/2006 coas cualificacións definitivas reguladas neste decreto, en función das características da actuación, de acordo co previsto nos artigos 8º, 9º, 10º e 11º deste decreto.

Sexta.-Coa entrada en vigor deste decreto queda suspendida a concesión de novas resolucións de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade. Os expedientes en tramitación trataranse como solicitudes de cualificación provisional, conservándose as actuacións realizadas, aínda que se deberán acreditar os ingresos ponderados no caso de que as actuacións protexibles se realicen para uso propio.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos de Galicia, decretos 180/2007, do 6 de setembro e 90/2008, do 24 de abril, que modifican o anterior, Decreto 64/2006, do 6 de abril sobre subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción e o Decreto 38/2007, do 1 de marzo, que o modifica, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda por conta da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Modifícanse os seguintes preceptos do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda por conta da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012:

Artigo 34º. Modifícase o número 2 e engádese un novo número 5, que quedan redactados do seguinte xeito:

«2. Para o acceso á compra das vivendas reguladas nesta sección, deberá acreditarse que os ingresos familiares non sexan inferiores a 0,7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicativos correctores establecidos neste decreto. A acreditación dos ingresos mínimos referirase ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

5. Será de aplicación aos contratos de venda de vivendas usadas e libres de prezo limitado, o visado regulado no artigo 26º deste decreto».

Artigo 39º. Engádese un último inciso, e queda redactado o precepto da seguinte forma:

«Procederá a devolución das axudas recollidas nos artigos anteriores nos mesmos casos establecidos para a devolución da axuda estatal directa á entrada, e no artigo 5º do Real decreto 2066/2008».

O artigo 63º.4, queda redactado co seguinte teor:

«4. No caso da rehabilitación de edificios solicitada pola comunidade de propietarios, a subvención do 10% do artigo 60º.3 do Real decreto 2066/2008, distribuirase para cada vivenda pola comunidade de propietarios/as segundo a cota de participación nos gastos de rehabilitación».

O artigo 66º pasa a ter a seguinte redacción:

«O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá subvencionar as oficinas de xestión e información do plan dos concellos que teñan convenios de colaboración para a xestión de actuacións de acordo co establecido neste decreto mediante a concesión dunha axuda de ata o 60% dos seus gastos de mantemento, sen que, en ningún caso, a contía poida exceder os 80.000 € nos municipios de máis de 25.000 habitantes e 60.000 € nos municipios de menos de 25.000 habitantes. Estas cantidades poderán ser revisadas en función do grao de execución dos acordos e da actividade efectivamente realizada.

Esta subvención instrumentarase a través dos correspondentes convenios cos concellos».

Segunda.-Modificación do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia.

Modifícase o Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia no seguinte senso:

O artigo 14º.1.A), queda redactado así:

«A vivenda conte cun espazo reservado para cociñar no cal exista a posibilidade de instalar unha cociña, frigorífico, mesado de 1,20 m × 0,60 m, e conte coa instalación dun vertedoiro e a preinstalación precisa para conectar directamente un aparello para lavar roupa».

O anexo I ao decreto, no punto I.A.3.2.2.7 , pasa a ter a seguinte redacción:

«En toda vivenda existirá un espazo para o secado natural da roupa cuxa superficie mínima será a indicada na táboa 2, e terá unha dimensión mínima entre paramentos de 1,20 m».

O anexo I ao decreto, no punto I.B.3.2.2.a), queda redactado da seguinte forma:

«a) Naqueles edificios en que sexa obrigada a instalación dun ascensor, o núcleo de escaleira contará, como mínimo, con iluminación artificial segundo o DB-SUA 4 do CTE».

O anexo I ao decreto, no punto I.B.3.2.3, queda redactado así:

«En todas as escaleiras sen ventilación natural cumpriranse as disposicións do documento básico de seguridade en caso de incendio DB-SI do CTE sobre a ventilación mediante condutos das escaleiras protexidas (anexo SI A. Escaleira protexida)».

Terceira.-Facúltase o conselleiro ou conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto e modificar mediante resolución os modelos de solicitude que figuran nos seus anexos.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "05800D002P008.PDF"