DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Martes, 22 de marzo de 2011 Páx. 4.804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira (financiadas polo Fondo Europeo da Pesca).

O Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca establece o novo marco de intervención comunitaria para o período 2007-2013 e nel regúlase un novo eixe dirixido ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca.

En cumprimento do disposto neste regulamento e no Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación daquel, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos identificou, nunha primeira fase, as zonas ou áreas xeográficas en que se van realizar as actuacións previstas no eixe 4 do Fondo Europeo da Pesca (FEP). Como resultado deste traballo establecéronse sete zonas no litoral galego:

Zona 1: A Mariña-Ortegal: concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira e Valdoviño.

Zona 2: Golfo Ártabro: concellos de Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Bergondo, Sada, Oleiros, Arteixo, Cambre e Culleredo.

Zona 3: Costa da Morte: concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Muxía, A Laracha e Vimianzo.

Zona 4: Seo de Fisterra, Ría Muros-Noia: concellos de Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.

Zona 5: Ría de Arousa: concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño e O Grove.

Zona 6: Ría de Pontevedra: concellos de Sanxenxo, Poio, Marín e Bueu.

Zona 7: Ría de Vigo-A Guarda: concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.

De conformidade co disposto no Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, na normativa de aplicación e na Orde do 17 de xullo de 2008, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira, seleccionáronse os grupos de acción costeira (GAC) de cada zona, e posteriormente por resolucións da conselleira do Mar foron recoñecidos como tales e aprobados os seus correspondentes plans estratéxicos zonais (PEZ), en que se determinan as actuacións que se prevén segundo as liñas estratéxicas agrupadas nos eixes prioritarios, así como os criterios de valoración dos proxectos que se presenten.

Para promover a execución destes plans cómpre establecer as bases reguladoras das axudas dirixidas a subvencionar os distintos proxectos que teñan encaixe nos PEZ de cada grupo de acción costeira e así publicouse a Orde do 27 de agosto de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira, e se procede á convocatoria para o ano 2009 (DOG número 175, do 7 de setembro).

Unha das finalidades do eixo 4 é promover a cooperación interrexional e transnacional entre grupos nas zonas de pesca, principalmente a través do establecemento de redes e a difusión de boas prácticas.

Ata este momento a cooperación entre os propios grupos vénse abordando cos orzamentos dos propios grupos destinados a sensibilización e promoción pero despois das primeras inicativas de viaxes de estudos e participación en seminarios, convén permitir a posibilidade de que se poidan desenvolver proxectos de cooperación entre promotores de distintos grupos para investir conxuntamente no desenvolvemento e na explotación dun producto, unha técnica, unha ferramenta ou un servizo vinculado ao desenvolvemento do propio PEZ, e así poder unir esforzos cunha mellor utilización dos recursos humanos e financeiros.

Por outra banda, a aplicación práctica da Orde do 27 de agosto de 2009 aconsella facer algunha modificación do seu articulado para mellorar e clarificar algúns aspectos puntuais para os posibles beneficiarios e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola orde da Consellería do Mar do 27 de agosto de 2009.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora das normas da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais (en diante PEZ) aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira (en diante GAC) segundo o establecido na Orde do 17 de xullo de 2008 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira (DOG nº 144, do 28 de xullo).

2. Esta orde modifica a Orde do 27 de agosto de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira, e se procede á convocatoria para o ano 2009 (DOG número 175, do 7 de setembro) e a substitúe.

3. A finalidade dos proxectos de desenvolvemento deberán acollerse aos ámbitos de actuación que se relacionan:

a) Consolidar a competitividade das zonas de pesca.

b) Reestruturar e reorientar as actividades económicas, en particular a través da promoción do turismo ecolóxico, sempre e cando estas actividades non supoñan un incremento do esforzo pesqueiro.

c) Diversificar actividades a través da promoción da pluriactividade dos pescadores, mediante a creación de empregos adicionais fóra do sector pesqueiro.

d) Ofrecer valor engadido aos produtos da pesca.

e) Axudar a pequenas infraestruturas e servizos relacionados coa pesca e o turismo en beneficio de pequenos concellos dedicados á pesca.

f) Protexer o ambiente nas zonas de pesca, co fin de manter o seu atractivo, rexenerar e desenvolver as aldeas e vilas costeiras con actividade pesqueira e protexer e mellorar o seu patrimonio natural e arquitectónico.

g) Restablecer o potencial de produción do sector pesqueiro afectado por catástrofes naturais ou industriais.

h) Promover a cooperación interrexional e transnacional entre grupos nas zonas de pesca, principalmente a través do establecemento de redes e a difusión de boas prácticas.

i) Medidas para promocionar e mellorar competencias profesionais, a capacidade de adaptación e acceso ao emprego, particularmente destinadas a mulleres sempre que formen parte integrante dunha estratexia de desenvolvemento sustentable, e garden coherencia cos puntos anteriores.

4. Os proxectos terán que axeitarse ao plan estratéxico zonal (PEZ) da zona pesqueira onde se vaian desenvolver e que poden consultarse na páxina web www.accioncosteira.es.

5. As axudas xestionaranse en colaboración cos 7 GAC, seleccionados segundo a Orde do 17 de xullo de 2008, para as zonas sinaladas no preámbulo.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, sen prexuízo das demais normas aplicables tanto estatais como autonómicas na materia:

a) Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

b) Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca e o resto da normativa comunitaria de aplicación ás axudas.

c) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Os convenios de colaboración asinados entre a Consellería do Mar e cada un dos grupos de acción costeira.

Artigo 3º.-Tipos de proxectos e beneficiarios.

1. Os proxectos que se presenten poderán ser de dous tipos: para investimentos produtivos e para investimentos non produtivos.

Para estes efectos, defínense:

Investimento produtivo: actividades que deben favorecer unha actividade de lucro potencial para o promotor do proxecto. En xeral, poderían identificarse con proxectos de orientación empresarial ou profesional e que, por tanto, deberían proporcionar unha autosuficiencia económico-financeira a longo prazo.

Este tipo de proxectos deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Investimento non produtivo: os que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectos a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter os proxectos de interese público que, mesmo constituíndo unha actividade económica ou estando afectados a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia no territorio de que se trate. Neste caso, o elemento determinante do proxecto é a súa rendibilidade social.

2. En todos os casos as actuacións derivadas dos proxectos de desenvolvemento deberán respectar a normativa ambiental.

3. Serán beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas que sexan o último receptor da axuda pública, e que cumpran os requisitos que se determinan a continuación.

4. Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroado ou ter a súa sede social nalgún concello do ámbito territorial do GAC correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) Cumprir os requisitos de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), e recollido no anexo II desta orde.

d) Non ser unha empresa en crise segundo a definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02) e como aparece no anexo III desta orde.

e) Non estar incurso nalgunha das circunstancias dos puntos 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo aparece no anexo III.

5. Poderán ser beneficiarios dos proxectos de investimento non produtivo: entidades públicas locais, confrarías de pescadores, asociacións do sector pesqueiro e asociacións declaradas de utilidade pública que, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa sede social no ámbito territorial do GAC correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) Non estar incurso nalgunha das circunstancias dos puntos 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Os beneficiarios das axudas para as finalidades previstas no punto 3 do artigo 1º, letras b), c) e i) deberán ser traballadores ou traballadoras do sector pesqueiro ou persoas que exerzan unha actividade profesional relacionada con este sector.

7. As empresas públicas que actúen como unha empresa comercial ordinaria (é dicir, segundo as normas e prácticas da economía de mercado) consideraranse como un beneficiario privado. En consecuencia, toda operación que execute quedará incluída no mesmo grupo que outras operacións idénticas executadas por particulares, xa sexan persoas físicas ou xurídicas.

8. Unicamente os beneficiarios de proxectos de investimento non produtivo poderán subcontratar totalmente a execución destes, de acordo co disposto no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

9. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda nin antes da realización da acta de comprobación previa, en caso de investimentos materiais.

Artigo 3º bis.-A colaboración e a cooperación.

1. As entidades sinaladas no artigo anterior poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35º e 63º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8º desta lei.

4. Enténdense como proxectos de cooperación ao abeiro desta orde os proxectos que en desenvolvemento do propio plan estratéxico zonal formulen promotores dun GAC xunto con promotores doutros GAC ou grupos constituídos dentro do eixo 4 noutras rexións ou países para conseguir un obxectivo de interese común.

5. A presentación dos proxectos de cooperación deberá realizarse en cada grupo coa indicación dos participantes doutras zonas, e a súa aprobación estará condicionada a que se aproben os respectivos proxectos en cada grupo respecto da súa implicación no proxecto conxunto. Poderán concorrer do mesmo xeito que o indicado nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo.

6. Non será de aplicación para os proxectos de cooperación a exixencia do requisito establecido nos puntos 4. b) e 5. b) do artigo 3º.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Manter o investimento durante un período mínimo de 5 anos desde o último pagamento efectuado pola Consellería do Mar. Se o proxecto prevé a creación de postos de traballo estes deberán manterse como mínimo nese período.

c) Xustificar ante o GAC o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, conforme o establecido nesta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou o GAC, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente e ao GAC a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar ante o GAC, na solicitude do pagamento, que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Dispoñer dos libros contables e dun sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas coa axuda, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante o mesmo prazo que o mantemento do investimento.

i) Cumprir os requisitos de publicidade que exixe a normativa comunitaria do FEP (valados informativos, placas conmemorativas permanentes, segundo o tipo de investimento), a saber:

-Se é o caso, instalación dunha placa ou cartel cos logotipos das administracións que cofinancian o proxecto e a referencia ao Fondo Europeo da Pesca 2007-2013 co lema Europa inviste na pesca sustentable.

-En todas as publicacións, carteis e calquera outra información ofrecida en calquera medio, papel ou electrónico, incluirase de xeito claro e visible a participación da Consellería do Mar, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e da Unión Europea, a través do Fondo Europeo da Pesca.

j) No caso de proxectos conxuntos, os beneficiarios deberán ratificar ante a Consellería do Mar o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

O incumprimento destas obrigas así como os supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia será causa de reintegro da subvención.

Artigo 5º.-Gastos subvencionables.

As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables segundo o disposto no Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca e a súa normativa de aplicación e desenvolvemento.

Artigo 6º.-Gastos non subvencionables.

Para os efectos do disposto nesta orde e nos diferentes plans estratéxicos zonais, os seguintes gastos non serán subvencionables:

a) O IVE cando sexa efectivamente recuperable.

b) Os xuros debedores e outros gastos financeiros.

c) A adquisición de terreos por un custo superior ao 10% do total dos gastos subvencionables.

d) A vivenda.

e) Os vehículos destinados ao transporte de persoas.

f) As compras de materiais e equipamentos usados.

g) Os investimentos relacionados con produtos da pesca e da acuicultura destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano, excepto os investimentos destinados exclusivamente ao tratamento, transformación e comercialización de residuos de produtos da pesca e a acuicultura.

h) Os gastos orixinados por unha mera reposición de anteriores salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

i) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

j) As obras non vinculadas co proxecto de investimento vivendas, comedores e similares.

k) A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

l) Os pagamentos en especie.

Artigo 7º.-Contía das axudas.

1. O grao de financiamento dos proxectos presentados ao abeiro do correspondente PEZ dependerá de que os proxectos vaian dirixidos a:

a) Investimentos non produtivos: a axuda poderá chegar ao 100% dos custos dos gastos subvencionables do proxecto.

b) Investimentos produtivos: a axuda poderá chegar ao 60% dos custos dos gastos subvencionables do proxecto.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario destinados a financiar o mesmo gasto ou investimento, e ademais cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

b) Que o importe total das axudas públicas non exceda os límites máximos previstos na normativa de axudas de Estado da Unión Europea.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. Os beneficiarios deberanlle comunicar por escrito á entidade colaboradora a obtención de calquera outra axuda e deberán achegar, de ser o caso, a resolución de concesión.

Artigo 9º.-Dotación orzamentaria.

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa operativo FEP 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

2. En cada anualidade sucesiva ata 2013 fixarase por unha orde complementaria o crédito plurianual existente con esta finalidade. Os créditos de cada ano poderán ser incrementados, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

3. As convocatorias rexeranse polas bases reguladoras establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58º de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas ao longo de todo período do Programa operativo 2007-2013 ata o 31 de marzo de 2013.

2. Resolverase a súa selección nunha única proposta anual que se realizará con anterioridade ao 31 de maio de cada ano para as solicitudes presentadas ata o 31 de marzo de cada ano.

3. Unha vez realizada a dita proposta e de non esgotarse o crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse una nova proposta de adxudicación de axudas ata o límite do crédito dispoñible con anterioridade ao 31 de outubro de cada ano coas solicitudes presentadas ata o 30 de setembro de cada ano.

4. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente por falta de crédito poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, no caso de que o solicitante faga manifestación expresa nese sentido, sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

5. A derradeira resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 31 de maio de 2013.

Artigo 11º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen como anexo I desta orde e presentaranse no rexistro de cada un dos GAC sitos nos lugares que se indican na páxina web www.accioncosteira.es

Os modelos de solicitudes en formato electrónico poderán descargarse na web www.accioncosteira.es e na guía do cidadán da páxina web www.xunta.es

As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

As solicitudes, xunto coa documentación, que se sinala a continuación deberá presentarse por duplicado (orixinal e copia) e con copia en formato dixital.

2. Documentación que se achegará con cada proxecto.

1) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2) Memoria e orzamento que conteña unha descrición detallada do proxecto: finalidade, obxectivos, resultados esperados, persoal necesario, responsable deste, referencia expresa ás previsións de creación ou consolidación de emprego, experiencia da entidade promotora, asesores e colaboradores externos, custo, calendario de realización e prazo global, continuidade do proxecto e calquera outro aspecto que se considere de interese.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

Cubriranse nos modelos que figuran na páxina web www.accioncosteira.es, dependendo se se trata de investimentos produtivos, que se utilizará o plan de empresa, ou se son investimentos non produtivos, que se utilizará o plan de xestión.

3) Plan económico indicando que parte corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional. Forma de financiamento da actividade ata a recepción da axuda.

Cubriranse nos modelos que figuran na páxina web www.accioncosteira.es, dependendo se se trata de investimentos produtivos, que se utilizará o plan de empresa, ou se son investimentos non produtivos, que se utilizará o plan de xestión.

4) Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, se é o caso.

5) Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para os efectos do pagamento da axuda.

6) Declaración relativa a todas as axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto.

7) Proxecto técnico de execución, se é necesario. En actuacións sobre inmobles presentarase un proxecto básico ou un anteproxecto valorado que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, ademais de acreditar a dispoñibilidade sobre o inmoble en cuestión.

8) Outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

3. Se o solicitante é unha persoa xurídica, ademais, deberá presentar:

1) Copia do NIF da persoa xurídica.

2) Memoria descritiva do solicitante que comprenda unha breve descrición do seu obxecto social, órganos de goberno, organización e relación de actividades do ano anterior ao de presentación, con inclusión do orzamento de ingresos e gastos.

3) Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

4) Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

5) Copia compulsada da escritura de constitución ou dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro, segundo o caso correspondente.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores por estar xa a dita documentación en poder da Consellería do Mar.

4. Se se trata dun proxecto de investimento produtivo tamén terá que presentar:

1) Anexo II e anexo III, aos cales se refire o punto 4 do artigo 3º.

2) Último recibo pagado do imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da exención, no caso de empresarios individuais. No caso de inicio de actividade empresarial, será suficiente o compromiso de darse de alta no IAE.

5. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente presentarase toda a anterior documentación para cada un dos solicitantes, e engadirase:

1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

6. No caso de proxectos de cooperación con promotores de outros grupos sinalarase expresamente na solicitude, e deberá presentarase o proxecto de cooperación coa indicación dos cooperantes e grupos aos que pertencen así como os compromisos que adquiren cada un deles.

7. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización á Consellería do Mar para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, segundo o artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado en calquera momento.

9. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

-Anexo I de solicitude da axuda.

-Memoria e orzamento conforme o modelo exixido.

-Plan económico conforme o modelo exixido.

Non serán admitidas aquelas solicitudes nas que se aprecie a ausencia desta documentación; nestes casos emitirase resolución de inadmisión da solicitude.

Artigo 12º.-Tramitación do procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión das axudas terá as seguintes fases:

1) Instrución.

2) Selección e proposta.

3) Concesión.

Artigo 13º.-Fase de instrución.

1. Os GAC, como entidades colaboradoras da Administración da comunidade autónoma, son os órganos encargados da instrución das solicitudes. Así, unha vez recibidas as solicitudes no rexistro destas, serán revisadas polo equipo técnico dos GAC para comprobar que cumpren os requisitos que se establecen nesta orde e se atinxen a ela.

2. Se a solicitude non reúne todos os requisitos das bases reguladoras requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende as deficiencias, consonte o disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa indicación de que se non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible para a tramitación sinalada no artigo 11º.9.

3. O instrutor deberá emitir un informe de subvencionalidade do gasto conforme os artigos 5º, 6º e 7º desta orde. Se o proxecto non cumpre os criterios de subvencionalidade non poderá ser seleccionado.

4. Os proxectos turísticos que impliquen un incremento da oferta aloxativa deberán ser informados pola Secretaría Xeral para o Turismo.

5. O instrutor deberá realizar unha comprobación in situ de que os proxectos e actividades para os cales se solicitou a axuda non se iniciaron e levantará a acta de non inicio en caso de investimentos materiais no prazo de 10 días desde a presentación da solicitude xunto coa documentación mínima imprescindible. A non realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente.

6. Non se subvencionarán proxectos iniciados con anterioridade ao levantamento de acta de non inicio. No caso de que os proxectos cun investimento material e con acta de non inicio non sexan finalmente subvencionados, poderán terse en conta na convocatoria inmediata seguinte, se así o manifesta o promotor.

A realización da acta de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

7. Rematados os traballos anteriores o equipo técnico dos GAC avaliará e baremará os proxectos, atendendo aos criterios obxectivos establecidos polo GAC en cada plan estratéxico zonal. Para estes efectos velará pola correcta asignación de fondos previstos para cada anualidade e a súa distribución entre investimentos produtivos e non produtivos, e elevará á Xunta Directiva as propostas de resolución provisional de concesión de axuda.

8. En ningún caso se proporán proxectos que non se adecúen ás finalidades desta orde e ás do seu correspondente PEZ, ou que non sexan viables técnica e economicamente segundo o plan de empresa ou plan de xestión.

Artigo 14º.-Fase de selección e proposta.

1. A Xunta Directiva dos GAC seleccionará os proxectos que considere prioritarios para a execución do seu propio plan estratéxico zonal de conformidade cos criterios establecidos neste e realizará a proposta de resolución definitiva que elevará á Consellería do Mar antes do 30 de abril de cada ano. A proposta dos proxectos de cooperación estará condicionada á aprobación dos proxectos noutros grupos. Para a eventual 2ª proposta o prazo será antes do 15 de outubro de cada ano.

2. O GAC publicará no seu taboleiro de anuncios a súa proposta de resolución, coa advertencia de que esta non crea ningún dereito a favor dos solicitantes propostos.

3. Os criterios do baremo dos proxectos están incluídos nos respectivos plans estratéxicos zonais que poden consultarse na páxina web www.accioncosteira.es

Artigo 15º.-Fase de concesión.

1. A Consellería do Mar, á vista da proposta de resolución definitiva do GAC, e logo de realización dun control das actuacións das fases anteriores ditará resolución de concesión das axudas.

No caso de proxectos conxuntos os beneficiarios serán cada un dos solicitantes.

No caso de proxectos de cooperación, a concesión estará condicionada á aprobación dos proxectos en cada grupo.

O prazo máximo para a resolución do procedemento de concesión de axuda será de catro meses contados desde as datas establecidas para ter en conta as solicitudes que compiten en cada período de resolucións, segundo o artigo 10º, puntos 2 e 3. Transcorrido o dito prazo sen recibir comunicación ao respecto, os solicitantes poderán entender como desestimada a súa solicitude.

2. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar. Non obstante, de acordo co artigo 7º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, a resolución destas axudas queda delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

3. O prazo de execución dos proxectos obxecto da axuda será fixado na resolución de concesión, sen que, en ningún caso, poida exceder os 30 meses.

4. A resolución de concesión da axuda notificaráselles aos interesados para que no prazo de dez (10) días comuniquen a súa aceptación ou o rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo, sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda, segundo dispón o artigo 21º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

5. Establecerase unha listaxe de reserva con aqueles proxectos incluídos na proposta de resolución definitiva dos GAC que non poidan recibir axuda por falta de crédito, que será utilizada no suposto de que algún beneficiario renuncie á concesión da axuda ou, no caso dos proxectos de cooperación que non se aproben noutro grupo, e o importe alcance para os proxectos da listaxe de reserva.

Artigo 16º.-Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas.

1. No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no proxecto ou no beneficiario, o solicitante deberá comunicarllo por escrito con suficiente antelación ao correspondente GAC, quen, logo das comprobacións que considere pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que decidirá sobre a súa procedencia.

2. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar este prazo, solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada.

A entidade colaboradora elevará proposta de resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido e en ningún caso exceder do prazo máximo de 30 meses establecido no artigo 15º.3 para a realización da actividade obxecto da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 17º.-Xustificación.

1. O beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda.

2. Para isto, logo da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, ou ben se corresponde á primeira anualidade nos proxectos plurianuais, o beneficiario presentará no rexistro do GAC ata o 31 de outubro a seguinte documentación (orixinal e dúas copias):

a) Escrito no que solicite o pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto con especial referencia aos obxectivos acadados.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto.

d) Declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario.

e) Relación de facturas indicando número de factura, nome da empresa emisora e CIF, importe total con desagregación do IVE.

f) Facturas orixinais e fotocopias compulsadas dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios do pagamento das ditas facturas.

g) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

h) Os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como máis tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

i) No caso dunha actuación que requira proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, o promotor deberá xuntar á primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da memoria deste. Neste suposto, presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente.

j) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados na cal conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

k) Na xustificación da realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén se deben achegar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc. Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes, entregarase unha copia dos temas tratados e as conclusións.

Cando o importe de gasto unitario supere os 30.000 euros no caso de obras, ou de 12.000 euros na subministración de bens ou prestacións de servizos, deberán xuntarse como mínimo 3 ofertas de diferentes provedores solicitadas previamente á contratación. A elección realizarase segundo criterios de economía e eficiencia, e deberá xustificarse expresamente na memoria xustificativa a elección cando non recaia na proposta máis económica.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. O GAC recibirá a documentación xustificativa da execución dos proxectos seleccionados, comprobando que está completa, estampando nas facturas o selo do GAC e cotexando as copias.

5. O GAC remitirá a Consellería do Mar trimestralmente, e sempre antes do 15 de novembro, unha lista dos beneficiarios coa documentación acreditativa do investimento e pagamentos, parciais ou finais, realizados polos beneficiarios.

6. Cada certificación presentada polo GAC á Consellería do Mar deberá ir acompañada dun informe de auditoría que certifique os seguintes extremos:

-Que as subministracións de bens, as prestacións de servizos e, en xeral, a actividade subvencionada cuxo custo se certifica foron efectivamente realizadas.

-Que os gastos declarados en cada certificación son subvencionables, están soportados con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e están pagados.

7. O GAC conservará e custodiará a documentación xustificativa das operacións certificadas, e garante que esta será posta á disposición dos órganos de control que a soliciten.

Artigo 18º.-Pagamento e pagamentos parciais.

1. O pagamento das axudas efectuarao a Consellería do Mar unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo os proxectos executados.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor cuantía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste. Para estes efectos, poderán aceptarse compensacións de ata un 15% entre as partidas de gasto aprobadas que, en ningún caso aumentarán a contía total concedida.

2. Pagamento parciais:

Poderán realizarse pagamentos parciais cando se cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:

a) A contía do gasto xustificado en cada pagamento parcial supere o 25% do investimento aprobado.

b) En total non superen o 80% do total da subvención concedida.

c) A suma do pagamento parcial non sexa menor de 12.000 euros.

d) Presentación de aval solidario de entidade de crédito que deberá cubrir o 110% do importe das cantidades abonadas a conta, de conformidade do disposto no artigo 67º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia agás nos casos previstos no artigo 65º.4 dese decreto. O aval deberá ser depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Xustificar documentalmente, nos termos do artigo 28º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os gastos e investimentos realizados na actividade subvencionada.

Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37º a 40º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución.

Artigo 19º.-Verificación posterior ao pagamento da axuda.

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56º do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 20º.-Recursos.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a Consellería do Mar no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os casos a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, que sempre será expresa.

Artigo 21º.-Reintegro.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A Consellería do Mar publicará, no Diario Oficial de Galicia, as axudas concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13º, punto 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2º e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 27 de agosto de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira, e se procede á convocatoria para o ano 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "05700D007P044.PDF"