DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Martes, 22 de marzo de 2011 Páx. 4.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 11 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2011.

As orientacións da política agrícola común avanzan en darlles resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimular a adaptación á produción primaria neste sentido.

No ano 2006 entrou en vigor a nova regulamentación comunitaria en materia de hixiene alimentaria que consagra a responsabilidade, na produción de alimentos seguros, dos distintos axentes da cadea alimentaria. En concreto, e no ámbito da produción leiteira, o Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal (DOCE nº L 226, do 25 de xuño de 2004) establece as normas xerais e específicas relativas á hixiene da produción de leite.

No citado regulamento establécense os requisitos que debe cumprir o leite cru no momento da súa recollida nas explotacións, así como a obriga dos centros de recollida, centros de normalización, establecementos de tratamento e establecementos de transformación de lles comunicar aos órganos competentes aqueles casos en que o leite cru recollido nas explotacións non alcance os niveis mínimos de calidade.

Por iso, considérase imprescindible orientar os programas actuais cara á consolidación de sistemas de manexo e control que permitan evidenciar nas explotacións o desenvolvemento de prácticas correctas para a produción láctea.

Por outra banda, é preciso fomentar aquelas iniciativas que establezan programas de aseguramento da calidade asimilables a sistemas de análise de perigos e puntos críticos de control en explotacións que permitan a súa certificación por entidades acreditadas de control e certificación dos alimentos.

Tendo en conta que o destinatario final destas axudas é o produtor de leite, as axudas axústanse ao que se dispón no Regulamento (CE) nº 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e por que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001.

O Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións, e a súa certificación externa.

Posteriormente, este real decreto modificouse con data do 10 de xullo de 2010 a través do Real decreto 901/2010, do 9 de xullo, no relativo aos prazos mínimos para alcanzar a condición de explotación certificada nos programas de certificación externa, así como á obtención de axudas para o dito proceso.

Con base no anterior, esta orde ten por obxecto establecer as normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite e convocalas para a campaña 2011/2012, establecendo o procedemento para a tramitación, resolución e pagamento das solicitudes presentadas, de conformidade co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e, mentres non se opoña ao disposto na referida lei, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG nº 20), polo que se aproba o regulamento da dita lei.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire o artigo 7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene en gandarías dedicadas á produción láctea procedente de vacún, ovino e cabrún. As guías que se implantarán serán as publicadas na páxina web do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño: http://www.mapa.es/es/ganaderia/ganaderia.htm

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural: http://mediorural.xunta.es/

3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as axudas para o ano 2011.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde entenderase como:

a) Central de compras: aquelas figuras definidas no artigo 2º g) 1, 2, 3 e 4 do Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea, respecto do leite de vaca, así como os centros de recollida e de transformación de leite de ovella e de cabra.

b) Centros de recollida e de transformación de leite de ovella e de cabra: empresa ou agrupación de empresas que compren leite cru de ovella ou de cabra procedente de produtores instalados en territorio español.

c) Contrato de subministración: aquel contrato homologado conforme a Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios.

d) Equipo técnico: conxunto de profesionais asesores que, en nome propio, ou dunha persoa xurídica, privada ou pública, e contando coa experiencia, cualificación e medios necesarios, a xuízo da autoridade competente, desenvolve con imparcialidade as tarefas de asesoría que son obxecto de subvención mediante esta orde, baixo a dirección técnica dun licenciado en veterinaria. O equipo técnico deberá estar formado por controladores recoñecidos pola Consellería do Medio Rural para a revisión de equipamentos de muxidura e tanques de frío, e por veterinarios, enxeñeiros agrónomos ou enxeñeiros técnicos agrícolas para os labores de asesoramento técnico.

e) Guía de prácticas correctas de hixiene: documento director do aseguramento para a mellora integral da calidade do leite de explotación, definida por especie leiteira.

f) Programa: serie ordenada de operacións necesarias para levar a cabo a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene.

Artigo 3º.-Liñas de axuda.

1. As liñas de axuda serán as seguintes:

a) Axudas para asesoramento técnico básico na implantación das guías, mediante a aplicación dos programas correspondentes.

b) Axudas para a certificación externa da implantación das guías, levada a cabo igualmente mediante os correspondentes programas. Esta liña de axudas incluirá un proceso de asesoramento técnico intensivo previo ao procedemento de certificación externa.

2. En ambas as dúas liñas de axudas os labores de asesoramento deberán estar repartidos de maneira equilibrada entre todos os puntos correspondentes ás diferentes materias que inclúen as guías.

3. Quedan excluídos destas axudas os gastos vinculados á transformación ou comercialización do leite e os produtos lácteos.

4. As axudas unicamente poderán concederse respecto de actividades iniciadas ou realizadas con posterioridade á presentación de solicitudes.

5. As axudas concederanse en especie mediante servizos subvencionados e non poderán consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as centrais de compra, as cooperativas e sociedades agrarias de transformación que comercialicen ou transformen leite de vaca, ovella ou cabra, e as agrupacións e as asociacións de produtores de leite (en diante «entidades») de acordo co establecido nos artigos 14º.2 e 15º.3 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Levar a cabo a actividade subvencionable sinalada no artigo 3º.1, letras a) ou b), nun grupo de titulares de explotación incluída nun mesmo programa, contando coa autorización, a tal fin, dos titulares de cada explotación.

b) Excluír de todos os programas as explotacións gandeiras que deixen de cumprir algún dos requisitos que establece o Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, e comunicalo á autoridade competente nun prazo de dous meses desde a exclusión.

c) Cumprir os requisitos legais e regulamentarios en materia de rastrexabilidade, e estaren ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social.

d) Cumprir o exixido nas normas ou programas complementarios establecidos, se é o caso, pola autoridade competente.

e) Ademais, no caso das centrais de compra, deberán realizar un pagamento diferencial positivo por parámetros de calidade hixiénico-sanitaria do leite cru por riba de imposto pola normativa vixente. Este pagamento diferencial poderá establecerse incluíndo, adicionalmente, aspectos ambientais, de benestar animal e de persoal da explotación, con exixencias superiores ás establecidas na normativa, ou na guía.

f) Adicionalmente, en caso de centrais de compra de leite de vaca, deberán:

1º Cumprir coas obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria.

2º Analizar as mostras de leite nun laboratorio de análise, conforme o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.

2. As entidades poderán presentar simultaneamente axudas para un programa de asesoramento e para outro de certificación externa.

No caso dos programas correspondentes á liña de axudas establecidas no artigo 3º.1 a), o programa incluirá o cen por cento das explotacións que son subministradoras de leite da entidade beneficiaria. Tamén poderá incluír, xunto a aquelas, outras que non sexan subministradoras da devandita entidade, pero que se comprometan a participar no programa xestionado por esta, agás aquelas que xa estean incluídas noutro programa, mediante o cal se soliciten estas axudas.

3. Dadas as especiais características deste programa, e de acordo co artigo 29º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o beneficiario poderá subcontratar con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. A actividade subvencionada que o beneficiario subcontrate con terceiros realizarase cumprindo as obrigas referidas no dito artigo.

4. Os destinatarios últimos destas axudas son os titulares de explotacións produtoras de leite de vacún ou de ovino ou cabrún que teñan a cualificación de pequena e mediana empresa segundo o que se establece no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado, e que, autorizando a unha entidade a súa inclusión no seu programa, segundo se establece no número 1.a), cumpran os seguintes requisitos:

4.1. Non ter cometido unha infracción sancionada en firme en vía administrativa pola autoridade competente, nos 12 meses previos á resolución da axuda, por incumprimento da normativa vixente.

4.2. Cumprir cos requisitos legais e regulamentarios en materia de rastrexabilidade e de identificación animal, así como de benestar e de sanidade animal.

4.3. Non ter a consideración de empresa en crise.

4.4. Así mesmo, en caso de ser titulares de explotacións de vacún leiteiro, deberán:

1º Ter cantidade de referencia asignada e cumprir coas obrigas impostas polo réxime da taxa láctea, non sendo que se trate de explotacións situadas na Comunidade Autónoma das Canarias, de acordo co que se establece no Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, por que se regula o sistema de xestión de cota láctea e o Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea.

2º Analizar as mostras de leite nun laboratorio de análise, conforme o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.

3º Non poderán estar incluídas nos programas obxecto das axudas previstas nesta orde aquelas explotacións en que concorra algunhas das seguintes circunstancias:

a) Incumprir calquera dos compromisos e requisitos a que se refire este artigo no ano anterior á solicitude.

b) Participar, nos cinco anos precedentes, no mesmo programa para o que se solicitan as axudas.

5. Sen prexuízo do anterior, establécense as seguintes limitacións:

a) As explotacións unicamente poderán estar incluídas nun programa, xa sexa o establecido na letra a) ou na b) do artigo 3º.1.

b) Os titulares das explotacións incluídas nos programas de referencia deberán permanecer no mesmo programa, como mínimo, ata que finalice o ano para o que se solicitou. Isto non será exixible no caso de que existise unha renuncia expresa do titular.

Artigo 5º.-Contía, compatibilidade e límites das axudas.

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra que para o mesmo obxecto ou finalidade establezan outros entes públicos ou privados, locais, autonómicos, nacionais ou internacionais.

2. Non obstante o que se establece no número anterior, a acumulación das axudas non poderá superar os límites previstos nos artigos 14º e 15º do Regulamento (CE) nº 1857/2006, da Comisión, do 15 de decembro, e terase en conta a incompatibilidade establecida no seu artigo 19º.

3. A contía das axudas non poderá superar os seguintes límites, sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias:

a) O 50 por cento dos custos subvencionables descritos no artigo 7º cos límites descritos no punto 5.

b) O 70 por cento dos custos subvencionables descritos no artigo 9º.

4. Porén, poderá subvencionarse o 70 por cento dos custos descritos no artigo 7º naqueles programas de gando ovino e cabrún en que todas as explotacións participantes no programa teñen a todos os seus animais adultos identificados conforme o que se establece no Real decreto 947/2005, do 29 de xullo, por que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.

5. Así mesmo, as axudas reguladas no Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, axustaranse ás seguintes limitacións:

a) Unha mesma entidade poderá obter subvencións para un programa determinado durante un máximo de 5 anos consecutivos.

b) Un mesmo titular dunha explotación gandeira poderá manterse nun mesmo programa durante un máximo de 5 anos consecutivos.

5.1. As accións descritas no artigo 7º ateranse ás seguintes limitacións.

a) 16 euros por punto de muxidura controlado respecto á revisión e control das instalacións de muxidura.

b) 20 euros por tanque refrixerante, admitirase un tanque de frío por explotación.

c) 10 euros por análise de leite, cuantificando o número máximo de análises como o resultado de multiplicar o numero de vacas de cada solicitude por 0,20.

d) 36 euros por análise da auga empregada para o lavado dos sistemas de muxidura e frío da explotación, cun máximo de 1 análise por explotación e ano, e cun número máximo de análise por beneficiario do 40 por cento do numero de explotacións solicitadas.

e) 240 euros por explotación para os gastos de servizos e persoal técnico, de xestión e formación, ligados ás accións de implantación da guía.

5.2. Para as accións descritas no artigo 9º:

a) Os gastos de servizos e persoal técnico de asesoramento, de xestión e formación para a certificación da guía serán, como máximo, de 1.000 euros por explotación na fase de implantación, e de 500 euros na fase de mantemento.

b) Os gastos derivados das accións da empresa certificadora poderán, ser como máximo, de 500 euros por explotación en fase de certificación, e 250 euros por explotación en fase de mantemento.

Artigo 6º.-Contido e requisitos mínimos do programa para a implantación da guía mediante asesoramento técnico.

O programa de asesoramento para a implantación da guía, establecido no artigo 3º.1 a), incluirá polo menos os seguintes puntos (6):

1º Obxectivos do programa.

Implantación de guías de boas prácticas correctas para a produción láctea en especie bovina, ovina e cabrúa.

2º Duración do programa.

Os programas solicitados ao abeiro desta orde de axudas para o ano 2011 terán unha duración de un ano que comprende o período do 1 de maio de 2011 ata o 30 de abril de 2012.

3º Sistema de seguimento e verificación da evolución do programa.

3.1. O programa incluirá, polo menos, dúas visitas do equipo técnico:

a) Unha primeira visita, que servirá de rexistro da situación de partida para o establecemento dos obxectivos do programa, e na cal se comprobará o nivel de cumprimento da guía.

Para a avaliación das condicións de produción de leite cru de vaca debe ser utilizado o modelo de enquisa referido no anexo VIII da orde. Para programas de ovino e cabrún deberá ser utilizado un modelo único ao longo de todo o programa.

b) Unha última visita, onde se comprobará a evolución e o grao de consecución dos obxectivos establecidos no programa.

c) O número máximo de explotacións de vacún de leite asesoradas por un técnico é de 150.

d) Rexistro de persoal e visitas relacionadas coa calidade do leite nas explotacións.

O equipo técnico manterá, en cada explotación integrante dos programas, un rexistro actualizado de persoal e visitas relacionadas coa calidade do leite na explotación segundo os modelos descritos nos anexos VI e VII que deberá ser conservado polo titular de explotación.

e) Establécese un tempo máximo de 15 días para a gravación periódica das accións de asesoramento de cada mes. A gravación relativa a estas accións deberá ser realizada por cada un dos técnicos nos primeiros (15) días do mes seguinte, no formato informático facilitado pola Direción Xeral de Produción Agropecuaria, e establecerase unha penalización por cada incumprimento do prazo de gravación non debidamente xustificado dun 5% da axuda ligada ao asesoramento técnico, con independencia das penalizacións derivadas doutros controis realizados ao longo do programa.

3.2. O programa incluirá, necesariamente, unha revisión e valoración do funcionamento da máquina de muxidura e do tanque de refrixeración.

3.2.1. No caso de control de instalacións de muxidura:

a) Realizarano técnicos recoñecidos pola Consellería do Medio Rural.

b) A realización da testaxe conterá un cálculo da instalación necesaria para cada explotación polos requirimentos da norma UNE 68050/98, e comprobarase se esta cumpre cos mínimos requiridos. Realizarase, a continuación, a testaxe da instalación segundo os requirimentos da dita normativa no modelo do anexo IX. Non se admitirán como válidas as revisións realizadas por anteriores normativas.

c) Será obrigatoria a gravación das testaxes de puntos de muxidura no programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

3.2.2. No caso de control de equipamentos de refrixeración de leite:

a) Deberanos realizar técnicos recoñecidos pola Consellería do Medio Rural, ou titulados en FP2, rama frigoristas, cubrindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo X baixo a normativa correspondente.

b) Será obrigatoria a gravación das testaxes de tanques de frío no programa informático facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

4º Sistema de implantación de medidas correctoras.

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria comunicaralle puntualmente a cada titular das explotacions de vacún de leite e ao seu técnico de calidade do leite a necesidade de poñer en marcha medidas que permitan a resolución, o antes posible, da situación de incumprimento puntual da normativa. Estas medidas, levadas a cabo polo técnico da explotación e polo seu responsable veterinario, deberán executarse no prazo máximo de dous meses desde que se lle comunique.

No control de execución do programa estas actuacións serán motivo preferente de inspección e comprobación. O reiterado incumprimento dos parámetros analíticos da explotación e do verificado polos técnicos nas visitas de control levará a que a explotación quede excluída dos programas de mellora da calidade do leite no futuro.

No caso de programas de ovino e cabrún, establecerase por parte do solicitante un sistema de implantación de medidas correctoras que será validado pola Direción Xeral de Produción Agropecuaria.

5º Descrición do sistema de pagamento diferencial positivo, se é o caso.

6º Ao remate do programa, o equipo técnico deberá emitir un informe por explotación, onde quede reflectido o estado inicial e o estado final, o grao de cumprimento da guía de boas prácticas, e o cronograma de visitas e actuacións realizado.

En caso de programas con elevado número de explotacións, e como alternativa á documentación prevista no punto anterior, a autoridade competente poderá requirir un número inferior de documentos descritivos, que serán seleccionados aleatoriamente, con características representativas do colectivo de explotacións incluídas no programa.

Artigo 7º.-Custos subvencionables do programa para a implantación da guía mediante asesoramento técnico.

1. Poderán concederse as axudas para sufragar os custos das actividades de asesoramento técnico sinaladas no artigo 3º.1 a), sempre que garden relación coa implantación da guía de prácticas correctas de hixiene e que revertan na mellora integral da calidade do leite cru.

2. As axudas non poderán consistir en pagamentos directos en efectivo ao produtor.

3. Serán custos subvencionables:

a) Gastos do asesoramento técnico ao gandeiro.

b) Gastos xerados na xestión do programa.

c) Gastos derivados do control efectuado nas visitas realizadas polo equipo técnico.

d) Gastos para a formación dos produtores en materia de prácticas correctas de hixiene e rastrexabilidade do leite cru, por organización de cursos, honorarios do formador e materiais didácticos necesarios.

4. Quedan expresamente excluídos os seguintes custos:

a) Os derivados do funcionamento habitual das explotacións.

b) Os derivados das análises de mostras de leite realizadas polo propio produtor ou pola entidade, entre os que se inclúen os controis habituais da calidade do leite, e aqueles para os que a normativa comunitaria dispoña que o custo dos controis debe correr por conta dos produtores.

c) Os controis analíticos de auga e leite, tanto no caso de identificación de xermes como de antibiogramas que non sexan realizados por laboratorios rexistrados segundo o especificado no Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, de rexistro de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano, ou norma que o substitúa.

d) Os medios de transporte de calquera índole ou o seu sistema de adquisición.

5. No ano 2011, excluiranse destas axudas os custos correspondentes á execución da actividade subvencionable en explotacións en que se dean calquera destas circunstancias:

a) No caso de explotacións produtoras de leite de vaca, superación, na media xeométrica de colonias de xermes a 30 ºC, correspondente ao último trimestre, dun limiar que, para o 2010, será de 95.000 colonias. Esta valoración realizarase cos resultados das análises das mostras de explotación utilizando a media de pagamento por calidade do mes de decembro de 2010 e segundo o establecido no Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.

b) No caso de explotacións produtoras de leite de ovino ou cabrún, superación, na media xeométrica de colonias de xermes a 30 ºC, correspondente ao último trimestre, dun limiar que, para o 2010, será de 1.450.000 colonias. Esta valoración realizarase cos resultados dos laboratorios de análise das mostras de autocontrol tomado da explotación.

Artigo 8º.-Requisitos do programa para a certificación externa do cumprimento da guía con asesoramento técnico.

1. Todo programa para a certificación externa para a implantación das guías, establecido no artigo 3º.1 b), deberá incluír unha primeira fase de asesoramento técnico dunha duración máxima de dous anos e outra posterior de certificación.

Aqueles destinatarios destas subvencións que xa teñan implantadas nas súas explotacións as guías de prácticas correctas de hixiene, poderán acollerse a un programa de certificación externa que non inclúa unha fase previa de asesoramento técnico.

Para iso, será imprescindible que o beneficiario do mencionado programa estea en condicións de implantar a certificación desde este primeiro ano de aplicación do programa.

2. Como conclusión do programa satisfactoriamente realizado, os titulares das explotacións obterán un certificado do cumprimento do documento normativo ou do grao de evolución que deberá ser emitido por un organismo independente de control, que deberá cumprir cos requisitos establecidos no artigo 10º.

3. Xunto coa información incluída no artigo 6º.1 relativa ao programa de asesoramento, o programa de certificación externa deberá incluír a referida no punto 2 do artigo 13º.

4. De maneira opcional, o programa poderá incluír, ademais, unha serie de características que permitan achegar valor engadido do proceso ou do produto. Estas serán características que deben acadarse no proceso ou no produto por riba das establecidas nas guías para poder acceder á certificación externa, e manterse en estado de conformidade.

5. Unicamente se poderá incluír información adicional ao leite ou produtos lácteos mediante etiquetaxe facultativa, no caso de que se inclúan no proceso de certificación características que permitan achegar valor engadido ao produto, sempre e cando se cumpra o que se establece no Real decreto 1334/1999, do 31 de xullo, polo que se aproba a Norma xeral de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios.

Artigo 9º.-Custos subvencionables dos programas para a certificación externa da implantación das guías de prácticas correctas de hixiene.

1. Serán custos subvencionables dos programas para a certificación externa da implantación das guías de prácticas correctas de hixiene, ademais daqueles sinalados no artigo 7º, os seguintes:

a) Tarifas da entidade de certificación para estes programas.

b) Formación ao titular de explotación en sistemas de autocontrol e certificación externa.

2. Durante os dous primeiros anos desde a presentación da solicitude da axuda subvencionaranse ata o 70 por cento dos gastos incluídos no artigo 7º. Durante os tres anos seguintes, subvencionaranse ata o 70 por cento dos gastos do punto anterior e ata o 25 por cento dos gastos incluídos no artigo 7º.

3. Quedan expresamente excluídos os pagamentos directos en efectivo ao produtor.

4. Adicionalmente ao cumprimento do que se establece no artigo 7º.5, desde o terceiro ano contado desde o inicio da aplicación do programa, excluiranse os custos correspondentes aos beneficiarios que non obteñan o certificado de conformidade establecido no artigo 8º.2.

Artigo 10º.-Requisitos do organismo independente de control.

O organismo independente de control deberá estar acreditado cunha antigüidade mínima dun ano, por unha entidade de acreditación das regradas no capítulo II, sección 2, do Regulamento de infraestrutura para a calidade e seguridade industrial aprobada polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, ou, se é o caso, por calquera outro organismo de acreditación asinante do Acordo Multilateral de Recoñecemento da European Co-operation for Accreditation (EA), conforme a norma UNE-EN 45011, relativa ás exixencias que teñen que observar os organismos de control e certificación de produtos no ámbito agroalimentario, así como estar acreditado especificamente cun alcance que cubra a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene.

Artigo 11º.-Criterios obxectivos de outorgamento da subvención.

1. Na concesión das subvencións previstas nesta orde, valoraranse as solicitudes de acordo co baremo seguinte:

a) Programa con, polo menos, o 50 por cento das explotacións incluídas en zonas rurais prioritarias, de acordo coa Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural: dous puntos.

b) Entidade que sexa unha sociedade agraria de transformación ou unha cooperativa: un punto.

c) Programa que inclúa máis do 50 por cento dos beneficiarios con contrato homologado de subministración de leite no momento da solicitude da axuda: catro puntos.

2. Ante igualdade na puntuación, priorizaranse aqueles programas que cumpran o que se establece no número 1 c) deste artigo e, no caso de persistir a dita igualdade, priorizaranse primeiro os programas de certificación e finalmente os programas por volume de leite.

3. As autoridades competentes ordenarán as solicitudes segundo o baremo establecido neste artigo, e atenderán ás de superior puntuación en función da dispoñibilidade orzamentaria, e ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural e presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 13º.-Documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o anexo I, acompañadas da seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

b) Relación do persoal que participa nos programas que inclúa o licenciado/a en veterinaria encargado da súa dirección técnica e os técnicos participantes e a súa titulación.

c) Cronograma de actuacións que conterá a data de inicio de traballo de cada un dos técnicos do punto anterior.

d) Unha base de datos informática coa estrutura indicada no anexo V, co formato facilitado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, antes de iniciar a execución do programa, na cal se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

e) O anexo III, no cal se reflicta o compromiso de adhesión aos programas de mellora e afianzamento da calidade do leite producido nas explotacións. Da presentación do dito anexo estarán excluídas todas aquelas explotacións que xa o presentasen para a solicitude do ano anterior e para o mesmo beneficiario. No caso de desexar cambiar de agrupación, o titular da explotación deberá de presentar, xunto co novo anexo III, unha declaración de cambio de agrupación debidamente documentada.

f) Relación informatizada da totalidade das explotacións vinculadas á agrupación que conterá, polo menos, o nome do titular e o seu NIF ou CIF.

g) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

h) Avaliación económica dos investimentos que se van realizar no equipamento, que inclúa as facturas pro forma de acordo co artigo 31º.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Cando o gasto supere a contía de 12.000 € no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

i) Relación gastos para a formación dos produtores en materia de prácticas correctas de hixiene e rastrexabilidade do leite cru, por organización de cursos, honorarios do formador e materiais didácticos necesarios.

j) Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo IV.

k) No caso de que o solicitante sexa un primeiro comprador, compromiso demostrable do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite.

2. Para programas de certificación externa da guía, ademais do referido anteriormente, achegarase:

a) Un documento no cal se establezan os requisitos que se deben cumprir para a certificación externa.

b) Un plan de controis acordado pola entidade cos titulares das explotacións.

c) Un documento de xestión da calidade con, polo menos, os seguintes procedementos escritos:

1º Sistema e obxectivos do autocontrol.

2º Sistema de seguimento e verificación da evolución.

3º Plan de continxencia, no caso de non cumprimento das especificacións do proceso ou do produto por unha ou máis explotacións.

4º Método e motivos de exclusión dunha ou varias explotacións.

5º Método de incorporación de novas explotacións.

6º Listaxe de rexistros que hai que realizar en cada explotación.

7º Sistema de implantación de medidas correctoras.

d) Un documento elaborado pola entidade de certificación con, polo menos, a seguinte información:

1º Cronograma anual das visitas que realizará a entidade de certificación, de acordo coa guía e as liñas de traballo a verificar.

2º Procedemento de mostraxe de explotacións.

3º Programa de control da entidade de certificación sobre a explotación.

4º Tarifas da entidade de certificación para ese programa.

Artigo 14º.-Autorización.

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 15º.-Tramitación e resolución.

1. Se as solicitudes non están debidamente cubertas, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, a súa baremación, segundo os criterios do artigo 11º, efectuaraa un órgano colexiado constituído para o efecto, formado por: presidente o subdirector/a xeral de Gandaría; vogal o/a xefe/a de servizo de Dotación de Medios, e secretario o/a xefe/a de servizo de Producións Gandeiras, que emitirá o informe correspondente.

3. A comisión de valoración formulará un informe de outorgamento ao director xeral que, pola súa vez, proporá a aprobación das axudas ao conselleiro do Medio Rural.

4. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

5. O prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será 6 meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Esta resolución pon fin á vía administrativa, e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 16º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Os solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas conforme o anexo XI.

2. Ademais, no momento de calquera xustificación da execución total ou parcial do proxecto e, en todo caso, antes de calquera pagamento, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas conforme o anexo XI, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 17º.-Control da execución dos programas.

O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarios, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, e facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Modificación da resolución.

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Establécese un sistema de penalización nos pagamentos finais da axuda do 5 por cento por cada acción declarada que se demostre non realizada con base no plan de inspeccións dos programas, entendéndose por acción declarada e non realizada calquera das descritas no artigo 6º desta orde.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das axudas percibidas por cada beneficiario supere os máximos previstos nesta orde ou na normativa comunitaria aplicable, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde, ata respectar o devandito límite.

Artigo 19º.-Incumprimento e reintegro.

1. O incumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que puidese incorrer o beneficiario, dará lugar á perda do dereito á subvención concedida, coa obriga de reembolsar as cantidades no seu caso, percibidas, incrementadas cos intereses de demora legais.

2. En caso de incumprimentos parciais relativos ás actividades subvencionables, procederase á redución proporcional das subvencións concedidas ou aboadas.

3. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 37º.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 20º.-Obriga de facilitar información.

O interesado ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21º.-Prazo de realización das actuacións e xustificacións.

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 31 de maio de 2012 á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa xustificación final do programa achegarase a seguinte documentación:

a) Copias das revisións do control de equipamentos de muxidura e equipamentos refrixerantes, de acordo co anexo IX (control de instalación de muxidura) e anexo X (control de instalación de frío), nos cales se fará constar o cálculo da instalación necesaria para cada explotación polos novos requirimentos da normativa UNE 68050/98.

b) Ficheiro informático no formato facilitado pola dirección xeral que conteña: a relación de visitas do equipo técnico, o resultado das revisións de control de equipamentos de muxidura e equipamentos refrixerantes, o resultado das avaliacións (enquisas) das condicións de produción mencionadas no artigo 6º desta orde, e as facturas.

c) No caso de compradores autorizados polo FEGA, se é o caso, certificación asinada polo representante da entidade dos subministradores cos que se asinase contrato homologado en vigor, que se acompañará dun ficheiro informático no formato Excel que conteña o nome e NIF dos asinantes destes contratos, e outro co mesmo formato onde figure o total da recollida dese comprador para o mes de abril de 2012.

d) Nóminas e os TC do persoal contratado para a execución do programa.

3. Por regra xeral, os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais, pagadas mediante transferencia bancaria ou documento contable con valor probatorio equivalente. Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que os beneficiarios presenten os xustificantes orixinais de investimento total, transferencia bancaria dos pagamentos, unha relación informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización das actividades auxiliadas, que probe a prestación efectiva dos servizos. Para cada concepto, presentarase unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados, e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

4. Non se considerará gasto realizado o IVE, excepto no caso de beneficiarios que acrediten estar exentos do imposto sobre o valor engadido pola axencia tributaria.

5. De acordo co artigo 29º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o beneficiario poderá subcontratar con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. A actividade subvencionada que o beneficiario subcontrate con terceiros realizarase cumprindo as obrigas referidas no dito artigo.

6. De acordo co artigo 30º, número 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

7. De acordo co artigo 31º, número 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

8. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

9. O pagamento das axudas estará condicionado á evolución e grao de consecución dos obxectivos programados. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso, o beneficiario deberá prestar o seguinte réxime de garantías:

a) A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

b) A garantía deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Artigo 22º.-Infracións e sancións.

Aos/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nestas bases seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23º.-Financiamento das axudas.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado, e financiaranse con cargo á aplicación 13.02.713C 770.6 cunha dotación de 5.000 euros para o ano 2011 e con cargo a aplicación 13.02.713C.770.6 de 550.000 para o ano 2012.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cos que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Disposicións adicionais

Primeira.-Infraccións e sancións.

Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-Normativa subsidiaria.

En todo o non previsto nesta orde observarase o establecido no Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, que establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións, e a súa certificación externa, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da dita lei, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Terceira.-Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (Diario Oficial de Galicia nº 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "05700D006P018.PDF"

Ver referencia pdf "05700D007P044.PDF"