DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Martes, 22 de marzo de 2011 Páx. 4.777

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 4 de marzo de 2011 pola que se modifica a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense.

Con data do 13 de febreiro de 2009 publicouse a Orde do 10 de febreiro de 2009 pola que se modificou e se refundiu a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense.

Posteriormente, con data do 28 de maio de 2009 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 14 de abril dese mesmo ano pola que se dá coñecemento do contido da dita orde para os efectos da protección nacional, comunitaria e internacional desta indicación xeográfica.

Na alínea 1 do artigo 4º da mencionada orde recóllese que a elaboración e embotellamento deste viño deben ser realizados en instalacións situadas na área xeográfica de produción delimitada e que a dita elaboración e embotellamento debe realizarse en instalacións que só elaboren e embotellen viños procedentes de uvas colleitadas na dita área xeográfica. Porén, estas dúas condicións non eran de aplicación, conforme a disposición transitoria única, ata o 1 de agosto de 2011.

Ante a proximidade desta data, e dado que o sector vitivinícola desta área xeográfica ten un importante déficit de capacidade de elaboración, faise preciso modificar este precepto no sentido de non obrigar a que as instalacións de elaboración e embotellamento funcionen en exclusiva para a indicación xeográfica, xa que esta restrición, pensada en función dun mellor control, pode supor un factor limitante importante para a súa pervivencia. Doutra banda, existen mecanismos de control suficientes que fan innecesaria esta restrición que, por outra parte, non se considera en outras indicacións xeográficas protexidas do sector vitivinícola.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da alínea 1 do artigo 4º da Orde do 10 de febreiro de 2009 pola que se modifica e refunde a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense.

A alínea 1 do artigo 4º da Orde do 10 de febreiro de 2009 pola que se modifica e refunde a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra Val do Miño-Ourense queda redactada do seguinte xeito:

«1. Os viños que pretendan ser amparados pola mención Viño da Terra Val do Miño-Ourense deberán ser elaborados e embotellados en instalacións situadas na área xeográfica de produción delimitada».

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural