DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Martes, 22 de marzo de 2011 Páx. 4.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.

No Decreto 310/2009, do 28 de maio, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspondéndolle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e está adscrito á Consellería de Sanidade. No Decreto 311/2009, do 28 de maio, fíxase a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coa disposición transitoria do Decreto 83/2009, do 21 de abril, e os seus fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, sinala no artigo 136º que a atención sociosanitaria deberá atender as diferentes necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións. A Consellería de Sanidade fomentará tamén actuacións integrais sociais e sanitarias ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade e discapacidade ou outras en que a cooperación dos dous sistemas comporte vantaxes sociais e asistenciais.

O artigo 53º desta lei considera atención sociosanitaria o conxunto de coidados sanitarios e daqueloutros que lles correspondan dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específicica, destinados a aqueles pacientes, xeralmente crónicos, que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social. No eido sanitario, a atención sociosanitaria comprenderá: os coidados sanitarios de longa duración, a atención sanitaria á convalecencia e a rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable. Ademais, establece que a continuidade da atención sociosanitaria será garantida polos servizos sanitarios e sociais mediante unha coordinación efectiva entre as administracións públicas correspondentes.

Tendo en conta estas premisas, promóvese unha liña de subvencións para aqueles colectivos dependentes e afectados por enfermidades crónicas con déficits funcionais non recuperables e que necesiten coidados de mantemento de longa duración e actividades de rehabilitación e apoio para o mantemento da súa autonomía dentro da comunidade.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, e o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011 teñen por obxecto establecer as directrices xerais de actuación en saúde mental e asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración das persoas enfermas mentais. Asegurar que estas persoas poidan manter aquelas habilidades psíquicas, emocionais, sociais e intelectuais que necesitan para vivir e relacionarse na comunidade debe ser un fin da rehabilitación.

Neste sentido, o Plan Estratéxico de Saúde Mental establece, entre outros programas, os de atención a problemas relacionados co consumo prexudicial de alcohol, o apoio á rehabilitación e a abstinencia, así como a prevención de recaídas.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a sectores con especiais necesidades sociosanitarias.

Así mesmo, esta Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións de carácter sociosanitario que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas, así como con asociacións sen ánimo de lucro, para desenvolver e xestionar programas de carácter sociosanitario. Conscientes da importancia que as ditas asociacións teñen para desenvolvelos en cada un dos colectivos mencionados, foméntase a súa realización mediante novos programas e oriéntanse os actualmente existentes cara ás necesidades de carácter sociosanitario formuladas por estes colectivos mediante unha liña de subvencións correntes con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34º.6 e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas con problemática asociada ao alcoholismo, así como de persoas con secuelas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras e trastorno do espectro autista, coa finalidade de aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración dos ditos colectivos con especiais necesidades de atención sociosanitaria.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

1. Para ser beneficiario das subvencións publicadas nesta orde será indispensable cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que solicitan a subvención: alcohol, alcohol e outras adiccións sen substancia, dano cerebral adquirido, enfermidades raras e trastorno do espectro autista.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de anterioridade á data de publicación da convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cuxa antigüidade sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo.

Ningunha entidade poderá solicitar subvención individual se o fixo a federación á que pertence, sempre que os programas solicitados sexan de igual ou idéntico contido. O dito incumprimento dará lugar á inadmisión da solicitude individual da entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada pola federación.

c) Desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes.

e) Ter un horario mínimo de atención ao público de 15 horas semanais, para dar información e prestar axuda principalmente ás persoas afectadas pola problemática referida.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta circunstancia deberá acreditarse mediante unha declaración responsable por parte do solicitante consonte o anexo I desta orde.

3. Estes requisitos deberán cumprirse na data de finalización da presentación das solicitudes e manterse ao longo do período para o cal se concede a subvención das actividades obxecto desta orde.

4. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención dará lugar ao reintegro da subvención outorgada.

Artigo 3º.-Tipos de subvencións.

As subvencións que se poderán solicitar son de dous tipos:

A. Para desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas con problemática asociada ao alcoholismo:

1) Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas con problemas de adicción ao alcoholismo e non sometidas a tratamento ambulatorio.

2) Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

3) Programas sociosanitarios dirixidos a persoas afectadas por alcoholismo con trastorno mental asociado.

B. Para desenvolver outros programas de carácter sociosanitario en persoas con secuelas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras e trastorno do espectro autista, coa finalidade de aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración dos ditos colectivos con especiais necesidades de atención sociosanitaria:

1) Programas sociosanitarios de apoio á rehabilitación de persoas con secuelas por dano cerebral adquirido (DCA).

2) Programas sociosanitarios de apoio á rehabilitación de persoas afectadas por enfermidades raras.

3) Programas sociosanitarios dirixidos a persoas afectadas por trastorno do espectro autista.

A entidade deberá contar coa estrutura adecuada para levar a cabo estes programas. Todos os programas deberán estar avaliados e supervisados por un/unha profesional con titulación universitaria relacionada coas actividades que se van desenvolver, da cal haberá que xuntar orixinal ou copia compulsada.

As entidades só poderán concorrer a un tipo de axuda (A ou B). No caso de que acheguen solicitude para os dous tipos, esta subdirección requiriralle ao solicitante, nos termos establecidos no artigo 8º.1, que aclare tal circunstancia.

Só se poderán solicitar dous programas por cada tipo de subvención (A ou B), indicando obrigatoriamente a orde de prioridade entre eles e o custo repercutido tal e como se sinala no cadro correspondente do anexo I (solicitude). Destes dous programas solicitados, a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental soamente subvencionará un deles, seguindo os criterios da Comisión de Valoración. No caso de que a entidade achegue un número maior de programas, esta subdirección só terá en conta os sinalados no anexo I, rexeitando o resto.

Artigo 4º.-Período de vixencia e contía das subvencións.

1. O período de vixencia desta orde será desde o 1 de xaneiro de 2011 até o 31 de decembro do mesmo ano.

2. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 250.000 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, que se satisfarán con cargo á aplicación 5001.413A.481.21 e co código de proxecto 201100048:

a. Para as subvencións tipo A destinarase a cantidade de 170.000 €.

b. Para as subvencións tipo B destinarase a cantidade de 80.000 €.

3. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde poderán financiar total ou parcialmente o gasto das actividades subvencionables e serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, aínda que non para o mesmo programa. Non obstante, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver o beneficiario.

4. A obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberán ser comunicadas á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental no momento da súa concesión.

Artigo 5º.-Réxime de outorgamento.

A concesión das subvencións farase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación requirida.

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde deberán dirixir a petición, por medio de instancia á presidenta do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, segundo o modelo normalizado que figura como anexo I, e poderán presentala por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes serán subscritas pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante ou persoa en quen delegue, ás cales se achegará a seguinte documentación:

3.1. Documentación común:

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Copia compulsada ou lexitimada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Copia compulsada ou lexitimada dos estatutos da entidade, agás que estes xa estean en poder desta subdirección e non fosen obxecto de modificación.

d) Documentación que acredite que a entidade está debidamente inscrita no correspondente rexistro administrativo.

e) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico 2010.

f) Memoria da entidade correspondente ao ano 2010 segundo modelo que se publica como anexo II.

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados (indicando o número de boletín da publicación); así como tamén de non atoparse incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario que establece o artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

h) Declaración responsable de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social, e de non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

3.2. Documentación obrigatoria que hai que achegar para cada un dos programas que se solicitan:

a) Denominación do programa (enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas, dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos).

b) Clase de programa segundo a clasificación establecida no artigo 3º.

c) Descrición e metodoloxía aplicada a cada programa.

d) Obxectivos que se pretenden acadar e indicadores de seguimento e avaliación.

e) Poboación a que vai dirixido e criterios de inclusión.

f) Datas, horario e lugar/es de realización de cada programa solicitado. Calquera modificación nas datas, no horario e nos lugares de realización de cada programa solicitado deberá ser comunicada a esta subdirección antes do seu comezo.

g) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa.

h) Persoal que vai levar a cabo o programa, indicando o nome, os apelidos e a cualificación profesional.

i) Cualificación profesional da persoa responsable do programa, indicando nome e apelidos.

j) Valoración económica do custo total do programa.

k) Desagregación o máis aproximada posible dos gastos previstos para levar a cabo a súa realización, os cales despois serán obxecto de subvención (gastos de persoal, seguridade social, alugamento, subministracións, material de oficina, …).

l) Lingua oficial elixida para o seu desenvolvemento.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

5. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue á solicitude, ou nesta, seralle comunicado á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que poderá recadar do solicitante, en todo caso, cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 7º.-Criterios de valoración das solicitudes.

Para a adxudicación destas subvencións teranse en conta os seguintes criterios de valoración e a súa ponderación.

1. Valoración da entidade solicitante (40 puntos):

a) Implantación (máximo 10 puntos): valorarase o maior ámbito territorial de implantación da entidade.

-Asociación independente: 3 puntos.

-Asociación pertencente a unha federación: 7 puntos.

-Federación de ámbito autonómico ou que agrupe asociacións galegas: 10 puntos.

-Outras entidades: 3 puntos.

b) Antigüidade (máximo 5 puntos): cada dous anos desde a creación da entidade valorarase con 1 punto.

c) Grao de consolidación e experiencia da entidade no campo de atención ao alcoholismo, dano cerebral adquirido, enfermidades raras ou trastorno do espectro autista (máximo 5 puntos): 1 punto por cada ano en que a entidade obtiver unha axuda para a realización deste tipo de programas.

d) Calidade na xestión da entidade (máximo 5 puntos): mediante o desenvolvemento, implantación e mantemento de sistemas de xestión de calidade ou procesos de autoavaliación e mellora continua de forma periódica, debidamente acreditados mediante premios ou recoñecementos de calidade.

Auditoría interna: 3 puntos.

Auditoría externa: 5 puntos.

e) Grao de dedicación (máximo 15 puntos):

-Asociación ou entidade dedicada exclusivamente á atención da problemática do alcohol; alcohol e outras adiccións sen substancia; dano cerebral adquirido; enfermidades raras ou trastorno do espectro autista: 15 puntos.

-Asociación ou entidade non dedicada exclusivamente ás devanditas problemáticas: 3 puntos.

2. Valoración dos programas (60 puntos):

Amplitude territorial do programa, da cal se xuntará xustificación documental, especificando se se levará a cabo en (máximo 10 puntos):

Un concello: 3 puntos.

De dous a cinco concellos: 7 puntos.

Máis de cinco concellos: 10 puntos.

b) Contido e calidade do programa (máximo de 35 puntos):

b.1. Descrición das actividades que se pretenden realizar e metodoloxía (máximo 10 puntos):

-Descrición e organización do plan de actividades mediante un protocolo que recolla a secuencia de actividades que se van desenvolver.

-Descrición do número de horas, número de profesionais para levar a cabo o programa, poboación a que vai dirixido, datas de realización e horario, e fundamentos.

b.2. Obxectivos que se intentan acadar co programa (máximo 7 puntos).

b.3. Indicadores propostos para o seguimento e avaliación das actividades (máximo 7 puntos).

b.4. Programas innovadores e aplicación de novas tecnoloxías (máximo 7 puntos).

b.5. Ámbito de actuación destinado especificamente para determinados colectivos: mocidade ou adolescentes, mulleres ou colectivos en risco de exclusión social (4 puntos).

c) Que as actividades e programas que desenvolva a entidade sexan realizadas onde non haxa dispositivos de saúde mental nin dispositivos asistenciais conveniados que cubran as necesidades de atención sociosanitaria relacionadas cos ditos programas: 5 puntos.

d) Que as actividades do programa tendan a complementar os programas previstos nas liñas estratéxicas do Sistema Nacional de Saúde para o ano 2011 e as estratexias Sergas 2014. A sanidade pública ao servizo do paciente: 5 puntos.

e) Polo uso do galego nos programas: 5 puntos.

As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos:

1. A valoración obtida pola aplicación dos criterios referidos á entidade solicitante non poderá superar os 40 puntos.

2. Cada programa valorarase por separado ata un máximo de 60 puntos, puntuación á cal se engadirá a acadada pola entidade. Desa puntuación resultará unha listaxe ordenada de maior a menor que nos dará a orde de prelación necesaria para a asignación dos importes a cada unha das entidades a que se lles conceda a subvención.

O crédito destinado a este tipo de axudas, segundo se recolle no artigo 4º, distribuirase proporcionalmente aos puntos obtidos por cada entidade sen que supere o importe solicitado por esta. Este crédito concederase para un máximo de 25 axudas do tipo A e 12 do tipo B segundo a orde de prelación.

A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental poderá realizar os axustes que considere adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

Se a entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4º.2, quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na orde de prelación resultante deste artigo 7º.

Artigo 8º.-Instrución e Comisión de Valoración.

1. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental.

2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental comprobará que as solicitudes e a documentación reúnen os requisitos exixidos e procederá, en caso contrario, a requirirlle ao solicitante os datos, documentos e aclaracións que considere necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixer nun prazo de dez días, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42º.

3. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo seguinte, avaliará os programas presentados e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos ditos programas.

Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que actuará como presidenta.

-O xefe do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

-O xefe do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias.

-Dous técnicos/as da devandita subdirección, asumindo un deles a secretaría.

Esta comisión poderá estar asistida polos técnicos que se consideren oportunos en número non superior a 3, por proposta da presidenta do devandito órgano.

Se por calquera causa algún dos integrantes do órgano colexiado non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a presidenta do dito órgano e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento recaerá noutra persoa da mesma subdirección ou servizo a que pertenza o substituído.

4. A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, realizará a proposta de resolución.

Artigo 9º.-Resolución do procedemento e a súa notificación.

1. As persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. Correspóndelle á conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

3. As resolucións serán motivadas e notificadas aos/ás interesados/as no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, os/as interesados/as poderán entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución deberá ser notificada aos interesados de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. De conformidade co previsto no artigo 15º.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar, no Diario Oficial de Galicia, as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

5. Igualmente, de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe e finalidade das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 10º.-Recursos.

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase recorrer potestativamente en reposición ante a presidenta do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto no artigo 116º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben seren impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data de notificación, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. Poderá realizarse un pagamento parcial de ata o 80% do importe da subvención concedida e á conta da liquidación definitiva, logo da presentación dos orixinais ou das copias compulsadas ou lexitimadas dos xustificantes que acrediten ter realizado un gasto por importe igual ou superior a aquel, así como dos correspondentes xustificantes de pagamento, acompañados dunha relación ordenada deles, onde se faga constar o acredor e o documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto, o importe, e da certificación expedida polo/a secretario/a ou representante da entidade que acredite que os gastos que se xustifican se aplicaron para os fins para os que a subvención foi concedida; así como a certificación bancaria a nome da entidade onde conste o seu número de conta.

A porcentaxe restante da subvención non se fará efectiva ata que estean integramente xustificados a totalidade dos gastos correspondentes á actividade subvencionada.

2. De acordo co artigo 65º.4.h) do regulamento e tendo en conta o obxecto desta orde, os beneficiarios das axudas concedidas quedan exonerados da constitución de garantía.

3. A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28º, 29º e 30º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 41º e 42º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, achegando a seguinte documentación:

-Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada deles.

-Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

-Certificación da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento de actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectada por este.

5. No caso de que o interesado non realice o 100% da actividade obxecto da axuda, só percibirá a parte proporcional correspondente á actividade realizada, reducíndose proporcionalmente a subvención concedida ou aboada.

6. Consideraranse gastos subvencionables os destinados a sufragar os gastos correntes e de persoal necesarios para a realización dos programas subvencionados. Para estes efectos, serán gastos subvencionables os realizados desde a entrada en vigor desta orde ata o 30 de novembro do 2011.

7. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente.

8. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que emitirá informe favorable de ser conforme.

9. Establécese como data límite para presentar os xustificantes o 30 de novembro de 2011.

10. Os programas obxecto destas subvencións deberán levarse a cabo ao longo deste ano 2011.

11. Así mesmo, as entidades subvencionadas deberán presentar con anterioridade ao día 31 de xaneiro do exercicio seguinte unha memoria dos programas realizados e financiados con esta subvención ao longo do ano 2011.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Así mesmo, deberanlle comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

3. As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como polos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

4. Así mesmo, ademais do cumprimento das obrigas recollidas no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse cos/coas profesionais da Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental para o mellor desenvolvemento dos programas subvencionados.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

No caso de se producir algunha das causas establecidas no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74º e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, no seu caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 14º.-Réxime sancionador.

No tocante ao réxime sancionador, será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Rexistro Público de Subvencións.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde inscribiranse no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; os interesados poderán exercer os dereitos alí contidos, así como o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15º da lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Segunda.-A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "05700D003P006.PDF"