DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 16 de marzo de 2011 Páx. 4.477

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 10 de marzo de 2011 pola que se convocan, no ano 2011, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia.

O Regulamento (CE) 491/2009 do Consello, do 25 de maio, polo que se modifica o Regulamento (CE) 1234/2007 polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, incorpora, na súa totalidade, o sector vitivinícola ao Regulamento único para as OCM e introduce nel as decisións normativas adoptadas polo Regulamento (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril, que establecía a organización común do mercado vitivinícola. Este regulamento marcaba, entre outros obxectivos xerais, a mellora do equilibrio do mercado comunitario, introducindo, no título II unhas medidas de apoio financeiro ao sector, entre as que figura o réxime de axudas á reestruturación e reconversión dos viñedos.

O Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, recolle a nivel nacional as disposicións comunitarias fixando as normas básicas para a implantación do réxime de reestruturación e reconversión no territorio do Estado.

Pola súa banda, a Orde do 29 de xaneiro de 2009, da Consellería do Medio Rural, modificada pola Orde do 19 de febreiro de 2010, fixa as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A dita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras da concesión das subvencións, no artigo 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e previstas as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia, con vixencia indefinida, na Orde do 29 de xaneiro de 2009, cómpre realizar a convocatoria correspondente a este ano 2011.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30º.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer a convocatoria para o ano 2011, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 29 de xaneiro de 2009 (DOG nº 24, do 4 de febreiro), coas modificacións introducidas pola Orde do 19 de febreiro de 2010 (DOG nº 38, do 25 de febreiro).

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 29 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os plans de reestruturación e reconversión de viñedo no marco do obxectivo xeral, de aumentar a competitividade dos viticultores por medio dalgunha das accións seguintes:

a) Reconversión varietal.

b) Reimplantación de viñedos.

c) Melloras das técnicas de xestión do viñedo.

Artigo 3º.-Instrución, resolución e recursos.

1. Os órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento son, respectivamente, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria e o conselleiro do Medio Rural.

2. O prazo máximo de resolución e os recursos que cabe interpoñer contra esta son os indicados no artigo 13º da Orde do 29 de xaneiro de 2009.

Artigo 4º.-Presentación das solicitudes de axuda.

1. O prazo de presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se o mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes de axuda presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural, ou nos demais lugares e formas previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes e documentación serán os fixados con carácter xeral no artigo 10º da Orde do 29 de xaneiro de 2010, salvo a solicitude do plan que se axustará ao modelo que figura como anexo a esta orde.

Artigo 5º.-Prazos e xustificación.

1. A execución dos plans e de cada unha das medidas contidas neles axustaranse aos prazos máximos indicados no artigo 14º da Orde do 29 de xaneiro de 2009.

2. Consonte o artigo 15º da Orde do 29 de xaneiro de 2009, o prazo máximo para a presentación da documentación acreditativa da realización dos investimentos, será de dous meses contados desde a súa certificación en campo pola consellería competente en materia de agricultura. Alén o anterior, a xustificación dos investimentos correspondentes á campaña vitícola 2012/2013 farase, inescusablemente, xunto coa comunicación do remate dos traballos, e nunca con posterioridade ao 31 de xullo de 2013.

Artigo 6º.-Xustificantes.

Segundo o disposto no artigo 49º.1 l) da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2011, quedan exentos de xustificar o cumprimento das obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, ás que se refire o artigo 4º.1 da Orde do 29 de xaneiro de 2009, os beneficiarios das axudas que non superen os 1.500 euros.

Artigo 7º.-Pagamentos anticipados.

No caso de solicitar o pagamento anticipado, rexerá o que determina o artigo 8º.2 da Orde do 29 de xaneiro de 2009, que establece que se poderán conceder anticipos do 50% da axuda aprobada para unha campaña, cando se cumpran as seguintes condicións:

a) Se teña comezada a execución da medida para a cal se solicita o anticipo. Para estes efectos, considérase que comezou a execución cando se teña realizado o arrinque da plantación ou se achegue factura de compra da planta xunto co xustificante bancario que acredite o seu pagamento, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Se teña constituída unha garantía financeira por un importe igual ao 120% do anticipo da axuda.

Artigo 8º.-Financiamento.

1. As axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713-C 772.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

2. A súa dotación para o exercicio 2011 será de 700.000 euros. Para o exercicio futuro 2012 disporase de 500.000 euros, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713-C 772.1. Estas dotacións poderán verse incrementadas con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "05300D006P037.PDF"