DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 16 de marzo de 2011 Páx. 4.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 15 de marzo de 2011 pola que se anuncian axudas económicas destinadas ao fomento do asociacionismo municipal a través de mancomunidades de municipios e consorcios locais.

Á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza compételle, entre outras materias, a relativa ás relacións coas corporacións locais, polo que, en cumprimento do establecido nos artigos 120º e 136º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, vén colaborando coas entidades locais galegas para fomentar a constitución de mancomunidades de municipios e consorcios co fin de favorecer fórmulas de agrupación intermunicipal e de asociacionismo para mellorar os servizos de competencia das entidades locais.

Así, e co obxecto de reforzar estas fórmulas de asociacionismo e colaboración, é vontade desta consellería subvencionar as mancomunidades de municipios e consorcios locais, todo isto para favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que permitan facer fronte ás novas exixencias de servizos públicos demandados polos veciños con organizacións fortes e dotadas de medios suficientes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2011 en favor das mancomunidades de municipios e consorcios locais de Galicia, no que se refire aos gastos correntes de funcionamento ou aos referidos á prestación de servizos de carácter obrigatorio para os municipios asociados.

Poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades que cumpran ademais co requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2009 ao Consello de Contas de Galicia.

Non serán consideradas as solicitudes daquelas entidades supramunicipais que non teñan actualizados os seus datos no Rexistro de Entidades Locais de Galicia desta consellería, así como as dos consorcios locais de que forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141.A.460.1, ata unha contía máxima de cento corenta mil novecentos cincuenta e nove euros con cincuenta e dous céntimos (140.959,52 €) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011.

A axuda económica que se conceda poderá acadar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta orde solicitarana, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana na Oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións territoriais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5º do Decreto 200/2003, do 20 de marzo, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

Igualmente, os modelos normalizados estarán ao dispor dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es).

2. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade en que se aproba acollerse aos beneficios desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

b) Memoria relativa ás necesidades da entidade en relación aos servizos para os cales se solicita subvención.

c) Orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os cales se solicita subvención.

d) Certificado do secretario/a da entidade da remisión das contas da entidade correspondentes ao exercicio orzamentario 2009 ao Consello de Contas de Galicia a que fai referencia o artigo 1º desta orde (anexo II da orde).

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local, que será o órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento, e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afecte o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario presentala novamente. Neste caso, a entidade solicitante indicará a data e o procedemento para os que foron presentados, ou, se é o caso, emitidos, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan, sen prexuízo de que esta dirección xeral lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. Transcorrido este prazo, se non se producise esta emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios, e valoraranse de acordo coas seguintes puntuacións:

-Número de núcleos de poboación que son atendidos pola entidade (ata 20 puntos).

-Relación e número de servizos que a entidade presta con carácter intermunicipal (ata 20 puntos).

-Proxectos que supoñan unha racionalización de actuacións e un aforro de custos en relación coa prestación de forma illada por cada concello (ata 20 puntos).

-Necesidades da entidade reflectidas na petición, segundo o artigo 3º.2.b. (ata 35 puntos).

-De conformidade co establecido no artigo 20º.2 l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por utilización da lingua galega na realización das actividades para as que se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso da entidade achegado xunto coa solicitude: 5 puntos.

Cada un dos criterios anteriores será obxecto de avaliación, e outorgarase a maior puntuación a aquelas solicitudes que presenten un maior número de aspectos valorables e o resto de xeito proporcional.

A puntuación máxima será de 100 puntos e establécese unha contía máxima de subvención de 12.000 €.

Artigo 5º.-Resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todas as persoas beneficiarias da subvención na forma prevista no artigo 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non se notificar resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42º e 43º da devandita lei.

2. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O/A representante da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo indicado na alínea anterior sen que se producise manifestación expresa, a subvención entenderase tacitamente aceptada, de acordo co artigo 21º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Para recibir a subvención, os seus beneficiarios deberán remitir á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Administración Local), ata o día 15 de setembro de 2011 (inclusive), os seguintes xustificantes en duplicado exemplar:

a) Facturas orixinais do gasto, ou copias compulsadas. No caso de gastos de persoal, deberán presentarse as nóminas e os documentos xustificativos dos seguros sociais.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación destas polo órgano competente da entidade local expedida polo/a seu/súa secretario/a.

c) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV desta orde).

Para estes efectos, e de acordo co previsto no artigo 29º.2 da Lei de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade ao período de xustificación.

d) Xustificantes de pagamento da totalidade das actuacións, mediante copia de transferencia bancaria.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo III desta orde).

3. A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. En todo caso, o libramento de fondos por parte da comunidade autónoma non superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

5. Transcorrido o prazo establecido na alínea 2 deste artigo sen ter presentado as correspondentes xustificacións, producirase a perda do dereito do concello ao cobramento da subvención, e, de ser o caso, iniciarase o procedemento de reintegro establecido no artigo 38º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e esta consellería poderá utilizar o crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 9º.-Pagamentos anticipados.

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións, de ata o 90% do importe da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 31º.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

2. A concesión dos anticipos realizarase mediante resolución motivada, logo da solicitude da entidade beneficiaria, que deberá presentar no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da notificación de concesión da subvención, e deberá ir acompañada da comunicación de aceptación da subvención e das condicións prevista no artigo 7º desta orde.

3. Non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias para a concesión de pagamentos anticipados, de conformidade co establecido no artigo 65º.4 do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro.

4. Para recibir o importe restante da subvención, ou o que corresponda no caso de non solicitar o seu pagamento anticipado, e, en todo caso, para xustificar a aplicación dos fondos percibidos, as entidades beneficiarias deberán acreditar a realización da actividade subvencionada mediante a presentación da conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto no prazo e na forma establecidos no artigo 8º da orde. En todo caso, todas as entidades subvencionadas, perciban ou non anticipo deberán presentar en forma e prazo a documentación xustificativa, procedendo o reintegro xunto cos xuros de demora e demais responsabilidades a que houber lugar no caso contrario ou cando a documentación non fose conforme co estipulado nesta orde, ou coa concesión de subvención ou coa lexislación de aplicación, e todo iso sen prexuízo da aplicación das disposicións legais vixentes.

Artigo 10º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa, non presentación das xustificacións correspondentes, desistencia, minoración por menor xustificación das cantidades inicialmente aprobadas, ou outras causas por parte das entidades beneficiarias, poderán dedicarse a subvencionar outras entidades que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde, para o cal se procederá a ditar resolucións complementarias.

As cantidades sobrantes destinaranse aos solicitantes que non obtiveron subvencións, por rigorosa orde de puntuación, segundo a orde de prelación determinada pola comisión de valoración. No caso de non existiren, estas contías sobrantes ratearanse entre os beneficiarios que a acadaron, atendendo a criterios de proporcionalidade e sen que en ningún caso poida superarse a cantidade máxima por beneficiario recollida no artigo 4º desta orde.

Artigo 11º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos, realizar a actuación que fundamenta a resolución de concesión e xustificalo perante a Dirección Xeral de Administración Local nos termos e prazos establecidos no artigo 8º desta orde. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38º da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Naqueles casos en que se realizasen pagamentos anticipados e o beneficiario non presentase a xustificación da subvención no prazo e na forma previstos no artigo 8º desta orde.

c) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Nos supostos establecidos no artigo 33º da devandita lei.

3. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da CCAA para o exercicio 2006 e artigo 16º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da comunidade autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 14º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "05300D003P028.PDF"

Ver referencia pdf "05300D004P035.PDF"