DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 16 de marzo de 2011 Páx. 4.461

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 15 de marzo de 2011 pola que se regula a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, procedeu a coordinar as policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39º da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade.

Pola súa vez, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece, entre outros principios, o de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación aos de colaboración, cooperación e auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas, entre as cales está a de seguridade en lugares públicos.

Así, o artigo 17º do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG do 3 de febreiro), establece que é competencia da Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas entidades locais e coas demais institucións relacionadas co ámbito do poder local, así como o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións a elas destinadas.

Por medio desta orde preténdese dar efectividade ao mandato xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de corpos e forzas de seguridade, polo que, ao abeiro do disposto no artigo 12º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia, a Comunidade Autónoma galega procede á coordinación das policías locais de Galicia coa finalidade de obter un funcionamento homoxéneo destes corpos e así acadar unha acción conxunta e eficaz no sistema de seguridade pública galega. Para estes efectos, e por medio desta orde, establécese o procedemento para a concesión de axudas destinadas á contratación temporal de auxiliares de policía local por parte de concellos que incrementen considerablemente a súa poboación na tempada de verán, cumprindo cos requisitos recollidos no artigo 95º da mencionada lei.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá cos concellos, co fin de aumentar a eficacia dos seus corpos de policía local, no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán (xuño, xullo, agosto e setembro), convocando axudas, en réxime de concorrencia competitiva e para o ano 2011, destinadas a sufragar os custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que a súa poboación non supere os 30.000 habitantes, segundo o padrón municipal en 1 de xaneiro de 2010.

b) Que vexan aumentada de forma notoria a súa poboación durante os meses de verán e que isto faga necesario reforzar os servizos que presta a policía local.

c) Poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades que cumpran, ademais, co requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2009 ao Consello de Contas de Galicia.

2. O número de contratos temporais que efectúe o concello non poderá superar o cincuenta por cento do persoal funcionario da policía local do concello peticionario, coa excepción prevista no artigo 95º.7 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia.

O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza non poderá superar o cincuenta por cento do persoal funcionario da policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ao concello peticionario o pagamento, como mínimo, do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, e será por conta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o pagamento, como máximo, do 75% do custo da contratación, incluídos os custos sociais.

4. Non serán tidas en conta as solicitudes dos concellos que non teñan actualizado o envío de datos da súa policía local ao Rexistro de Policía Local de Galicia (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de cento cincuenta e cinco mil euros (155.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141A.460.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos a que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse aos seus beneficios deberán presentar a solicitude no modelo que figura como anexo I na oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións territoriais da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, mediante a cobertura dos modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5º do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, de xeito que todos os interesados poderán presentar as súas solicitudes pola internet a través desta web.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario/a xeral da corporación relativa ao acordo adoptado polo órgano competente do concello sobre a contratación temporal dos auxiliares de policía local, e de que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Orzamento de gastos para a realización da actividade para a cal se solicita axuda, cuantificando o importe correspondente ao 75% solicitado en concepto de subvención, así como o custo total por auxiliar contratado.

c) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada na data de publicación desta orde, que inclúa as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

d) Número de auxiliares que a corporación prevexa contratar e período de contratación (meses), así como unha memoria en que se recollan as necesidades de incremento do cadro de persoal para este período temporal, sinalando a cuantificación do incremento de poboación e visitantes no concello durante o período de verán debido á súa afluencia turística.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

f) Certificado do/a secretario/a do concello da remisión das contas da entidade correspondentes ao exercicio orzamentario 2009 ao Consello de Contas de Galicia a que fai referencia o artigo 2º.1 c) desta orde.

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foi presentada, variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegala novamente. Neste caso, o concello solicitante indicará a data e o procedemento para os cales foron presentados, ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan, sen prexuízo do previsto con carácter xeral no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de que esta dirección xeral lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e concederáselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o devandito prazo sen se ter producido a emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación co último padrón de habitantes aprobado: 25%: outórgase a maior puntuación (25 puntos) ao concello que presenta unha mellor ratio policía/habitante e ao resto en proporción á ratio que obterían.

b) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición: 30%, de acordo coa seguinte táboa:

-Municipio costeiro: ata un máximo de 30 puntos.

-Municipio de interior: ata un máximo de 20 puntos.

c) Declaración de municipio turístico: 20%; outorgaranse 20 puntos a aqueles concellos declarados turísticos pola Xunta de Galicia, sempre que conste na presentación da memoria en que se recollan as necesidades de incremento do cadro de persoal para este período temporal, a cuantificación do incremento de poboación e visitantes no concello durante o período de verán debido á súa afluencia turística, segundo o artigo 4º.2 d).

d) Por presentar unha memoria relativa a actuacións que poderá realizar a policía local durante a tempada de verán que redunde na mellora da calidade de vida dos cidadáns no municipio: 20%: ata un máximo de 20 puntos.

e) De conformidade co establecido no artigo 20º.2 l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por utilización da lingua galega no exercicio da actividade para a que se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso da entidade achegado xunto coa solicitude: 5 puntos.

A puntuación máxima será de 100 puntos, e establecerase unha contía máxima por subvención de 20.000 euros.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, remitiranse á Dirección Xeral de Administración Local como órgano instrutor, e serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da dita dirección xeral e da cal formarán parte a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou un/unha funcionario/a da dita dirección xeral con nivel mínimo de subdirector xeral, e os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local ou un/unha funcionario/a da dita dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, será elevada á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada aos concellos aos cales se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo, todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42º e 43º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co artigo 21º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos e privados, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais. Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións, segundo o estipulado no artigo 41º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38º da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Naqueles casos en que se realizasen pagamentos anticipados e o beneficiario non presentase a xustificación da subvención no prazo e na forma previstos no artigo 10º desta orde.

c) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11º e 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Nos supostos establecidos no artigo 33º da devandita lei.

e) Nos demais supostos de aplicación.

3. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2006 e artigo 16º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da comunidade autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 10º.-Libramento de fondos.

1. Os concellos beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibir a subvención, os concellos beneficiarios deberán remitirlle á Dirección Xeral de Administración Local, ata o día 17 de outubro de 2011 (inclusive), os seguintes xustificantes en duplicado exemplar:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice cos auxiliares.

b) Copia compulsada do diploma acreditativo de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia, de acordo co disposto no artigo 95º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais de Galicia.

c) Certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social, conformada polo interventor/a do concello, e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).

e) Xustificantes de pagamento da totalidade das actuacións, mediante copia de transferencia bancaria.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 75% do importe dos xustificantes presentados.

4. O concello beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resulten sobrantes por causa de renuncia expresa, falta de presentación das xustificacións correspondentes, desistencia, minoración ou outras causas, por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar as entidades que presentaron en prazo a solicitude de subvención ao abeiro desta orde. Tamén poderán dedicarse a incrementar a subvención concedida aos concellos que obtiveron maior puntuación, de xeito proporcional ata o límite da cantidade dispoñible, sempre que os citados concellos tivesen xustificada toda a subvención, incluída a achega mínima.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentado as correspondentes xustificacións, producirase a perda do dereito do concello ao cobramento da subvención e, de ser o caso, iniciarase o procedemento de reintegro establecido no artigo 38º da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Esta consellería poderá utilizar este crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 11º.-Pagamentos anticipados.

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións, de ata o 90% do importe da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 31º.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións.

2. A concesión dos anticipos realizarase mediante resolución motivada, logo da solicitude do concello beneficiario, que deberá presentar no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da notificación de concesión da subvención, e deberá ir acompañada da comunicación de aceptación da subvención e das condicións prevista no artigo 8º desta orde.

3. Non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarios para a concesión de pagamentos anticipados, de conformidade co establecido no artigo 65º.4 do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro.

4. Para recibir o importe restante da subvención, ou o que corresponda no caso de non solicitar o seu pagamento anticipado e, en todo caso, para xustificar a aplicación dos fondos percibidos, as entidades beneficiarios deberán acreditar a realización da actividade subvencionada mediante a presentación da conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto no prazo e na forma establecidos no artigo 10º da orde. En todo caso, todas as entidades subvencionadas, perciban ou non anticipo, deberán presentar en forma e prazo a documentación xustificativa, procedendo o reintegro xunto cos xuros de demora e demais responsabilidades que procedan no caso contrario ou cando a documentación non fose conforme co estipulado nesta orde, ou coa concesión de subvención ou coa lexislación de aplicación, e todo iso sen prexuízo da aplicación das disposicións legais vixentes.

Artigo 12º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Publicidade das subvencións concedidas.

Os concellos beneficiarios e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos termos previstos no artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "05300D002P021.PDF"