DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 16 de marzo de 2011 Páx. 4.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 2 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20º da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e no seu punto segundo establece indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34º.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde regúlanse os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que se especifican nos anexos.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54º do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos nos ficheiros regulados por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo, e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelles aos órganos que se especifican nos anexos, encadrados na Presidencia da Xunta de Galicia.

No anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

Os ficheiros creados por esta orde atópanse clasificados atendendo ao disposto no artigo 80º e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 7º.-Supresión de ficheiros.

No anexo II desta orde relaciónanse aqueles ficheiros para os cales será solicitada a súa supresión ao Rexistro da Axencia de Protección de Datos. O titular do órgano responsable destes ficheiros establece no citado anexo o destino que se vaia dar aos datos ou, se é o caso, as previsións que se adopten para a súa destrución.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "05300D001P005.PDF"