Ante o proceso de eleccións sindicais para representantes da xunta de persoal e membros de comités de empresa e delegados de persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde que terá lugar neste ano, cómpre establecer o sistema de permisos aos membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e aos electores das devanditas institucións sanitarias.
Xa que logo, esta dirección, en uso das competencias previstas no Decreto 311/2009, do 28 de maio (DOG nº 109, do 5 de xuño) polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 15 de xuño de 2009 (DOG nº 119, do 19 de xuño) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do organismo,
RESOLVE:
Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.
Esta resolución ten por obxecto establecer os permisos necesarios para executar o proceso de eleccións sindicais de representantes da xunta de persoal, membros de comités de empresa e delegados de persoal das institucións sanitarias de Servizo Galego de Saúde, que terá lugar este ano nos meses de marzo abril e maio, para os membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e aos electores das devanditas institucións sanitarias.
Segundo.-Reunións previas.
Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración desfrutarán de permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntanzas da mesa electoral, incluídos os desprazamentos fóra da súa residencia oficial.
Terceiro.-Permisos mesas electorais.
Os membros das mesas, titulares ou suplentes, representantes da Administración, interventores ou apoderados, disporán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación, así como a xornada inmediatamente posterior, sempre que exercesen o seu cargo como membros das mesas. Así mesmo, os membros das mesas, incluídos os que figuran como primeiros suplentes, disporán da licenza retribuída correspondente á garda, quenda, atención continuada que inclúa necesariamente a noite inmediatamente anterior á data de votación, sempre que posteriormente se confirme a súa asistencia ao acto de constitución da mesa no día de votación, aínda que finalmente non forme parte da mesa por figurar o titular.
Os primeiros suplentes que comparezan ao acto de constitución citado e non exercesen o cargo serán compensados co tempo de desprazamento e comparecencia, cunha hora na inmediata quenda que lle corresponda traballar, de coincidir a mesa co centro de traballo. De non ser así, serán compensados ademais co tempo que razoablemente se calcule como de desprazamento.
Cuarto.-Permiso especial para mesa coordinadora.
Os membros das mesas coordinadoras, titulares ou suplentes, de exerceren o seu cargo, disporán de permiso durante os dous días inmediatamente posteriores á data da votación.
Quinto.-Permiso electores.
O persoal que presta servizos nas institucións sanitarias xestionadas polo Servizo Galego de Saúde que teña a condición de elector disporá, en función da situación da mesa electoral en que exercerá o seu dereito de voto, dos permisos seguintes:
1. De atoparse a mesa electoral no mesmo centro de traballo onde presta os seus servizos, do tempo imprescindible para depositar o seu voto.
2. Cando a mesa electoral estea situada en diferente centro de traballo do que se atopa prestando os seus servizos o elector, pero na mesma localidade, ata un máximo de dúas horas.
3. Se a mesa está situada nun centro de traballo fóra da localidade do centro de traballo do votante, ata un máximo de catro horas.
4. O persoal de cota e zona disporá do permiso correspondente, establecido nos parágrafos anteriores, fóra do horario de consulta, durante o período da xornada correspondente á asistencia domiciliaria.
Nos supostos 2º e 3º demandaráselles aos electores o xustificante da efectividade do voto, expedido pola/o presidenta/e da mesa electoral en que exerza o seu dereito.
O persoal que teña unha xornada ou quenda de traballo, que na data da votación non coincida polo menos en catro horas co horario establecido para a apertura da mesa electoral en que lle corresponda votar, non terá dereito a permiso.
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2011.
Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos