DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 15 de marzo de 2011 Páx. 4.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de marzo de 2011 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2009-2010.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou mediante a Orde ECD/1696/2002, do 1 de xullo (BOE do 5 de xullo) os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ao alumnado que rematou os seus estudos de formación profesional de grao superior.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios extraordinarios nacionais o alumnado que resultase merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Na súa virtude, co obxectivo de recoñecer os méritos baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, cun excelente resultado académico, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño),

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizou os estudos de formación profesional de grao superior no curso 2009-2010 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Número e características dos premios.

1. Poderanse conceder ata vinte e dous premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior que se imparte na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 18.700 € con cargo á partida orzamentaria 09.04.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2011, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de formación profesional de grao superior.

Artigo 3º.-Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2010 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,50. Esta obterase como media aritmética das cualificacións dos módulos que compoñen o ciclo formativo, non computándose o módulo de formación en centros de traballo que se cualifica en termos de apto ou non apto, nin os que fosen obxecto de validación, e expresarase con dous decimais, arredondando á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Artigo 4º.-Documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios deberá solicitalo na secretaría do centro público de educación no que se atope o seu expediente académico.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a) Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Relación dos méritos que se desexe alegar vinculados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 7º.1 b), xunto coa documentación xustificativa correspondente. Os méritos acreditaranse mediante certificado orixinal ou fotocopias cotexadas das certificacións, en que conste expresamente o número de horas de duración.

c) Declaración responsable de ter ou non ter percibido ou solicitado outras axudas ou premios convocados co mesmo fin polas administracións públicas competentes segundo o modelo do anexo II desta orde, co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao último pagamento, no caso de non producirse variación.

3. Os centros públicos de educación en que se atope o expediente académico do alumno/a, elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicta a cualificación final media, expresada con dous decimais, a que se refire o artigo 3º.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprime, unha vez introducidos na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premiosfp, por solicitude do alumnado.

4. Sen prexuízo do anterior, o alumnado poderá presentar a documentación indicada nos números 2 e 3 deste artigo, na forma prevista no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Os centros educativos remitirán a documentación, no prazo de presentación das solicitudes e por envío urxente, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

6. De acordo co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos ou non se acompañase da documentación indicada no artigo anterior, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2009-2010, deberá solicitalo no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Xurado de selección.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección presidido pola persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa na que delegue, e integrado polas persoas responsables do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, do Servizo de Ordenación e Formación Profesional, do Servizo da Xestión da Formación Profesional e do Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas, funcionarios dos corpos de inspectores de educación e/ou profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario/a do xurado, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional polo cal se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 1,50 puntos, e outorgaranse 0,01 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional. Para os efectos de valoración só se terán en conta as actividades de formación, cursos, congresos ou xornadas, relacionadas directamente cos contidos do ciclo formativo correspondente, obtidos con posterioridade á matrícula no ciclo formativo polo cal opta ao premio e finalizados antes do 31 de decembro de 2010. Os cursos de linguas estranxeiras, TIC e prevención de riscos laborais considéranse actividades relacionadas con todos os ciclos.

Se o/a alumno/a realiza o ciclo en máis de dous cursos académicos, só se valorarán as actividades realizadas nos dous últimos cursos.

A valoración expresarase numericamente do 0 a 10 con dous decimais.

I. As actividades de formación organizadas polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologados ou recoñecidos polas administracións anteditas, así como os organizados polas universidades e desenvolvidos durante o período en que se cursaron os estudos que posibilitan a presentación a esta convocatoria, valoraranse con 0,10 puntos por cada 10 horas de formación, ata un máximo de 8 puntos.

Os cursos conducentes á obtención dun título académico non se valorarán, agás os das linguas estranxeiras de ensinanza oficial nas escolas oficiais de idiomas que, coa cualificación de apto, se valorarán como 130 horas.

II. Outras actividades de formación organizadas pola Xunta de Galicia ou nas que colabore a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, valoraranse con 0,10 puntos por cada 20 horas de formación, ata un máximo de 2 puntos.

2. A valoración final expresarase con dous decimais, arredondando á centésima máis próxima e en caso de equidistancia, á superior, e será o resultado de aplicar os factores de ponderación recollidos no anexo II: 80% do número 1.a) e 20% do 1.b) deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Maior valor da nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional por que se opta ao premio extraordinario.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que forme parte de todos os ciclos da mesma familia profesional.

c) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 8º.1.b.I).

d) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 8º.1.b.II).

e) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 8º.-Resolución provisional da concesión dos premios.

1. Antes dun mes a partir do remate do prazo de solicitude o xurado de selección confeccionará unha acta provisional coas puntuacións dos aspirantes e os méritos xustificados. Os resultados publicaranse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Contra esta poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do xurado de selección, no Rexistro Único da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano de Santiago de Compostela, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación, e remitida á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 2º andar, 15781 Santiago de Compostela. Unha copia poderase enviar ao fax 981 54 65 50.

Artigo 9º.-Resolución definitiva.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e remitirase unha copia dos resultados coas puntuacións definitivas ás xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. Contra a resolución de adxudicación dos premios poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Obriga dos/as gañadores/as.

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos de comprobación competentes, para o que achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11º da Lei 9/2007.

2. O alumnado premiado presentará certificación de titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos en que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indica o artigo 14º j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Información aos/ás interesados/as.

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo http://www.edu.xunta.es/portal, na páxina de inicio da aplicación http://www.edu.xunta.es/premiosfp e no teléfono 902 90 54 45 da Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación ou resolución no premio concedido, conforme o artigo 23º da Lei 9/2007.

Artigo 13º.-Transparencia das prácticas da Administración.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "05200D003P018.PDF"