DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 15 de marzo de 2011 Páx. 4.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 7 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e se procede á súa convocatoria.

Antecedentes de feito.

A existencia de liñas e outras instalacións eléctricas aéreas de alta e baixa tensión en zonas poboadas xera unha crecente preocupación social polo seu impacto ambiental e sobre a seguridade pública, aspectos que afectan a calidade de vida dos cidadáns.

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúelle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas as competencias en materia de execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración eléctrica.

En virtude da dita competencia, é responsabilidade da Consellería de Economía e Industria apoiar as actuacións que teñen como finalidade a adecuación e mellora das infraestruturas eléctricas de alta e baixa tensión, así como apoiar as corporacións locais para que poidan acometer este tipo de proxectos, os cales sen este apoio por parte da Administración autonómica non se podería levar a cabo debido á situación económica actual.

Trátase de apoiar actuacións de soterramentos, recuamentos e outras accións dirixidas á adecuación de infraestruturas eléctricas xa existentes, que debido ao desenvolvemento urbanístico dos concellos en que están, precisan da súa adaptación a estes plans urbanísticos promovidos polas propias corporacións locais. Estas actuacións supoñen unha serie de beneficios de orde social, eliminación do impacto paisaxístico, maior calidade de vida, mellora das súas características técnicas e, como consecuencia, unha mellora da calidade da subministración eléctrica, que contribúen ao desenvolvemento rexional da nosa comunidade autónoma.

Por todo isto convócase esta liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, que ten como obxecto o apoio a actuacións de recuamento e soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases (anexo I) polas que se rexerán as concesións das subvencións da Consellería de Economía e Industria para o soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2011.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011-2012, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria: 08.04.-733B.760.0.

Importe (€) 2011: 1.380.085,18.

Importe (€) 2012: 966.059,62.

A procedencia dos fondos correspondentes ás achegas concedidas pola Consellería de Economía e Industria para o 2011 na aplicación 08.04.733B.760.0 é a seguinte:

Fondos Feder 65%-Fondos FCI que cofinancian 35%.

Resultan de aplicación o Regulamento (CE) 1080/2006, o Regulamento (CE) 1083/2006 e o Regulamento (CE) 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito e non supoñen a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, III e IV desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6º das bases reguladoras.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

Os formularios de solicitude de axuda poderaos obter, cubrir, validar e imprimir o solicitante a través da aplicación informática «Axudas Virtual» (procedemento IN619A-presentación electrónica), dispoñible no seguinte enderezo da internet: https://axudasindustria.xunta.es/att

Tamén se pode acceder, na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet:

http://economiaeindustria.xunta.es e no enderezo: http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN619A.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo de Infraestruturas Enerxéticas, a través do teléfono 981 54 55 73 ou do enderezo de correo electrónico cei.dxiem.axudassoterramentos@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral de Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal do solicitante, e teranse que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firma profesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 6º das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (preferentemente en formato PDF e cun tamaño máximo de 7MB por arquivo). No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes irán dirixidas ao conselleiro de Economía e Industria e presentaranse no rexistro xeral dos servizos centrais da Consellería de Economía e Industria, no rexistro xeral dos seus departamentos territoriais ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Artigo 6º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN619A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:

(http://economiaeindustria.xunta.es), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Nos teléfonos 981 54 45 78 e 981 54 55 73 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2011.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para soterramento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas bases teñen por obxecto regular e convocar axudas para o soterramento e/ou recuamento de infraestruturas eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

2. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberán inicarse na anualidade 2011 e poderán ter carácter bianual.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10º.2 e 10º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Gastos subvencionables.

1. As axudas concedidas con cargo a esta orde destinaranse a financiar os gastos derivados do soterramento e/ou recuamento de infraestruturas eléctricas de alta e baixa tensión, e consideraranse gastos subvencionables os relativos á obra civil.

Non obstante, para considerarse cumprido o fin da axuda concedida, será necesario que a obra estea totalmente rematada, entendendo por isto a realización tanto da obra civil como das instalacións eléctricas.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos imputados desde o 1 de xaneiro de 2011.

3. En ningún caso serán gastos subvencionables os custos salariais propios e os gastos derivados de pagamento de permisos de paso ou expropiacións, así como os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. As actuacións que se realizarán ao abeiro desta orde encádranse dentro do tema prioritario 4.33.5 do Programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

6. Os gastos subvencionables ao abeiro desta orde deberán axustarse ao disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

7. De acordo co artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados.

Artigo 4º.-Financiamento.

As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

A intensidade máxima das axudas será dun 80% do importe total da actuación.

En ningún caso a subvención concedida a un proxecto poderá superar o 5% do total da partida orzamentaria correspondente a cada anualidade, a non ser que o número de solicitudes non esgote o orzamento dispoñible.

Artigo 5º.-Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza e a Administración ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo elixible do proxecto, e non se poderán acoller a outras axudas procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de acordo co disposto no artigo 34º do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello do 11 de xullo de 2006.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

1.1. Formularios normalizados de solicitude: anexo II e anexo III.

1.2. Documento acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

1.3. NIF do concello solicitante en vigor. Se o NIF que se deberá presentar dispón de código electrónico de verificación coa AEAT, poderá presentar documento sen compulsar.

1.4. No caso de tratarse de soterramentos ou recuamentos de instalacións de distribución, acordo asinado polo concello coa empresa distribuidora para a execución da obra solicitada.

1.5. Certificado en que se consigne a cualificación urbanística dos terreos onde se van desenvolver as actuacións obxecto da solicitude.

1.6. Acordo do Pleno do concello para acometer a actuación solicitada.

1.7. Memoria técnica e orzamento detallado da actuación.

1.8. Planos da actuación a escala adecuada.

1.9. Declaracións expresas recollidas no anexo IV.

2. A documentación presentada incluirá orixinais ou copias cotexadas.

3. En aplicación do disposto no artigo 49º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, os concellos están exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social de non ter pendentes de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou de ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 7º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da comisión.

4. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes dos interesados irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006 de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Declararanse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos de San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou mediante o procedemento habitual para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 8º.-Órgano competente.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e corresponde ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6 b), 60º e 61º da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria a que se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 10º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) Vogais: o subdirector xeral de Enerxía, os xefes territoriais da Consellería de Economía e Industria ou a persoa en quen deleguen e o xefe de servizo de Infraestruturas Enerxéticas ou funcionario que o substitúa, que actuará como secretario.

c) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11º.-Criterios de valoración.

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables. Ademais, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de concesión das subvencións:

1. Tipo de actuación:

Soterramento: 3 puntos.

Recuamento: 1 punto.

No caso de se preveren ambas as dúas actuacións no mesmo proxecto considerarase a actuación de máis puntuación.

2. Tensión nominal da infraestrutura que se vai modificar:

Ata 30 kV: 3 puntos.

Máis de 30 kV: 1 punto.

3. Proximidade da liña que se vai substituír a centros de interese social (colexios, centros de saúde, hospitais...):

Distancia en proxección horizontal ata 50 m: 3 puntos.

De 50 a 100 m: 2 puntos.

Máis de 100 m: 1 punto.

4. Clasificación do solo recollida no artigo 10º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que favorece os distintos tipos de solo seguindo a orde seguinte:

Solo urbano: 3 puntos.

Solo de núcleo rural: 2 puntos.

Solo urbanizable e solo rústico: 1 punto.

No suposto de que a obra pase por zonas con solos de distinta clasificación, computarase aquel que dea máis puntuación.

5. Valoración do número de habitantes dos concellos, favorecendo aqueles con menor número de habitantes:

Menos de 5.000 habitantes: 3 puntos.

Entre 5.000 e 20.000 habitantes: 2 puntos.

Máis de 20.000 habitantes: 1 punto.

6. Presentación da documentación da solicitude en lingua galega: 1 punto.

7. No caso de empates terán preferencia os proxectos presentados polos concellos de menor número de habitantes.

Artigo 12º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolva o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia poderán remitirse os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os requisitos previstos no artigo 35º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a súa condición de beneficiario. Conforme o disposto no artigo 21º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xustificando motivadamente a causa da renuncia.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determina na concesión e o gozo da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31º.4 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29º.4 a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 21º.3 desta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobacións que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien nas actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Os beneficiarios da axuda deberán facer referencia, na súa publicidade ou na información que xeren en relación aos proxectos subvencionados, ao cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, cumprindo as medidas en materia de información e publicidade establecidas nas disposicións comunitarias de aplicación e, en especial, no Plan de Comunicación Feder Galicia 2007-2013 e na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013.

En concreto, durante a execución das obras subvencionadas deberá estar visible un cartel informativo de acordo co disposto no artigo 15º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Durante a execución dos proxectos cun custo total (en contribución pública total) superior a 500.000 €, o beneficiario colocará un cartel informativo no propio enclave da obra, de acordo co artigo 8º.3 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizado, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, nun prazo máximo de 6 meses.

Recoméndase que se o custo total non supera os 500.000 € se coloque un cartel informativo no propio enclave da obra, de acordo co sinalado no parágrafo anterior, especialmente se se superan os 100.000 €.

Artigo 18º.-Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

1. Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100% das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43º do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe observarse o disposto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Artigo 19º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención os beneficiarios deberán presentar, nos lugares sinalados no artigo 4º da convocatoria e antes do 15 de novembro de cada anualidade, a seguinte documentación:

1.1. Xustificación de ter realizado o investimento para o que se concedeu a subvención mediante os documentos que se relacionan a continuación:

Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

Orixinal ou copia cotexada das facturas das actuacións realizadas así como xustificante de pagamento delas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.2. Certificado da Secretaría ou Intervención do cumprimento coa normativa de contratación pública (Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público), no cal se recolla que os gastos derivados da contratación da actuación subvencionada non se corresponden con proxectos modificados e/ou complementarios.

1.3. Certificado da Secretaría ou Intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello solicitante.

1.4. Informe técnico en que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, incluíndo a xustificación da necesidade ou non de avaliación ambiental dos proxectos de acordo coa normativa vixente.

De acordo co recollido no artigo 3º.1 destas bases reguladoras, deben estar rematadas todas as actuacións necesarias para o fin do soterramento e/ou recuamento, tamén as correspondentes ás instalacións eléctricas aínda que non formen parte dos gastos subvencionables.

1.5. Certificado en que se recolla o cumprimento da tramitación ambiental do proxecto ou xustificante da non procedencia deste, asinado por técnico municipal.

1.6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

1.7. Certificación bancaria orixinal acreditativa da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda, en que consten o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

1.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, o beneficiario deberá acreditar a obriga establecida no artigo 29º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de solicitar tres ofertas de diferentes provedores (salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención), e que a elección entre elas se realizou de acordo con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

4. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha “pista de auditoría” apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos ditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60º e 90º do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 20º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobacións oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases para cada anualidade, de acordo co establecido no artigo 31º.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63º,65º e 67º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 80% do importe da subvención concedida en cada unha das anualidades, por ter sido autorizado polo Consello da Xunta.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65º.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21º.-Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros por demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación da subvención, así como o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprimento do requisito de permanencia das instalacións subvencionadas establecido no artigo 17º.c) desta orde, coa excepción recollida nos artigos 31º.5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 29º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, de Galicia, e nos casos previstos nos artigos 36º e 37º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e no Decreto11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Además do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e o Decreto11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da comisión.

Artigo 24º.-Remisión normativa.

Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Regulamento (CE) 1080/2006, no Regulamento (CE) 1083/2006, e no Regulamento (CE) 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e no resto da normativa de aplicación.

Ver referencia pdf "05200D002P006.PDF"