DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 08 de marzo de 2011 Páx. 3.827

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 23 de febreiro de 2011 pola cal se aproba o Regulamento de funcionamento da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados aos parques eólicos adxudicatarios dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Preámbulo:

A xeración de enerxía eólica en Galicia, é dun dos sectores de produción de enerxía eléctrica con maior traxectoria, sendo ademais referente para outras comunidades do Estado español. Atendendo a este aspecto o Goberno Galego dentro do ámbito das súas competencias deseñou un marco legal adaptado á situación actual da produción de enerxía eléctrica, que se viu plasmado na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, estableceu un novo procedemento de adxudicación de parques eólicos polo cal adquiren unha especial transcendencia os proxectos de desenvolvemento de natureza industrial, dentro da comunidade autónoma, asociados aos parques eólicos. Non obstante, para poder levar a cabo un correcto control dos proxectos industriais presentados polos promotores eólicos engadiuse a través da lei de acompañamento, Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, unha disposición adicional segunda á Lei 8/2009, pola que se crea a comisión de seguimento da execución dos proxectos de natureza industrial, na cal se establece que a súa organización e funcionamento se desenvolverán regulamentariamente por orde da consellería con competencias en materia de enerxía.

Polo que en cumprimento da disposición adicional segunda da Lei 8/2009, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, se aproba este regulamento de funcionamento da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial asociados aos parques eólicos adxudicatarios dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Artigo 1º.-Definición.

A comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial é un órgano colexiado, dependente da Consellería de Economía e Industria que ten competencia no ámbito do control e seguimento das actuacións industriais asociadas aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula a Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial:

a) Realizar o control e seguimento do cumprimento da execución das actuacións asociadas aos parques eólicos adxudicados, mantendo de xeito periodizado o control da execución en atención ás anualidades, investimentos e empregos.

b) Solicitar aos promotores a información necesaria para poder seguir o desenvolvemento das actuacións de cada plan industrial dentro de cada unha das anualidades.

c) Realizar as propostas de modificación das actuacións englobadas nos plans industriais, unha vez avaliadas as solicitudes feitas polos promotores.

d) Establecer procedementos e calendarios de inspección que permitan determinar o grao de cumprimento das obrigas derivadas dos plans industriais que foron avaliados.

e) Realizar as propostas de revogación das adxudicacións en caso de incumprimento das obrigas derivadas das actuacións asociadas aos seus plans industriais.

Artigo 3º.-Composición.

A comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial está formada por:

Presidente/a: o/a representante da dirección xeral con competencias en materia de enerxía, designado polo titular desta.

Vogais: a comisión estará formada por cinco vogais nomeados polo presidente/a da comisión, coa seguinte distribución.

a) Un/unha vogal da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas por proposta do titular da dirección xeral con competencias en materia de enerxía.

b) Dous/dúas vogais do Inega por proposta do/a director/a do Inega.

c) Dous/dúas vogais do Igape por proposta do/a director/a do Igape.

Os nomeamentos das persoas membros da comisión de seguimento faranse procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición.

Artigo 4º.-Asistencia de terceiros.

O/a presidente/a da comisión poderá autorizar a asistencia e participación nas sesións da comisión, de persoas que non pertenzan a ela, expertas que por proposta da maioría dos membros da comisión, poidan exercer labores de asesoramento e consulta en asuntos específicos, con carácter temporal, con voz e sen voto.

Artigo 5º.-Presidente.

Correspóndelle ao/a presidente/a da comisión:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Convocar as sesións tanto ordinarias coma extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta as peticións dos demais membros formuladas con suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderando o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, co obxecto de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

g) Exercer cantas outras funcións lle sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo/a vogal da comisión de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

Artigo 6º.-Secretaría.

Actuará como secretario/a da comisión un membro da propia comisión, designado polo/a presidente/a desta, e corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións con voz e voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións, así como das citacións dos membros, por orde do seu presidente/a.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros da comisión.

d) Redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións de consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas funcións lle sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

Artigo 7º.-Vogais.

Correspóndelles aos/as vogais da comisión:

a) Recibir, coa antelación mínima que fixa o presente regulamento, a convocatoria das sesións, onde se recolla o contido da orde do día así como a información sobre os temas que figuren neste.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular, de ser o caso, o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter a información precisa que lle permita cumprir coas funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións lle sexan inherentes á súa condición.

A adquisición da condición de vogais da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial, que é persoal e indelegable, producirase no momento de ser nomeado.

3. Os membros da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial perderán a súa condición de tales por:

a) Renuncia expresa mediante escrito dirixido ao presidente da comisión.

b) Perda das condicións necesarias para ser elixido.

c) Decisión xudicial firme que anule a súa elección como membro da comisión.

d) Acordo de cesamento por parte do/a representante da dirección xeral con competencias en materia de enerxía que o nomeou.

Artigo 8º.-Convocatoria de sesións.

A comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial será convocada polo secretario/a desta, por decisión do seu presidente/a ou por petición da maioría dos seus membros.

As sesións poderán ser ordinarias ou extraordinarias. As convocatorias ordinarias serán notificadas aos membros da comisión cunha antelación mínima de cinco días naturais ao da data prevista para a realización da sesión.

No caso de sesións extraordinarias terán lugar, tan só, en caso de urxente necesidade, e deberanse notificar, polo menos, cunha antelación de corenta e oito horas á data prevista para realizar a sesión.

As notificacións das convocatorias de sesións, tanto ordinarias coma extraordinarias, poderán facerse efectivas por correo electrónico, a través das direccións facilitadas polos membros da comisión, nos termos e cos efectos previstos nos números 3 e 4 do artigo 59º de a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común, e no artigo 21º da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As notificacións das convocatorias deberán conter a orde do día, o lugar, a data e a hora sinalados para a realización da sesión en primeira e segunda convocatoria. Á dita notificación achegarase, se é o caso, a documentación necesaria para o desenvolvemento da sesión.

As sesións ordinarias terán unha periodicidade mensual.

Artigo 9º.-Inicio e desenvolvemento das sesións.

Para que a comisión estea validamente constituída, para poder celebrar as sesións, levar a cabo deliberacións e adoptar acordos, requirirase a presenza, en primeira convocatoria, do presidente/a e do secretario/a ou, de ser o caso, de quen os substitúa, e da metade, polo menos, dos seus membros.

En segunda convocatoria, se non puido realizar a sesión en primeira convocatoria, será suficiente a presenza do presidente/a e do secretario/a ou, de ser o caso, de quen os substitúa, e da terceira parte dos membros da comisión.

A orde do día será establecida polo presidente/a, e deberanse incluír preceptivamente os puntos solicitados pola maioría dos membros da comisión.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros da comisión e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría destes.

Artigo 10º.-Adopción de acordos.

Os acordos da comisión serán adoptados por maioría de votos dos/das asistentes ás sesións.

O/a presidente/a da comisión dirimirá co seu voto, para efectos de adoptar acordos, os posibles empates.

Entenderanse aprobadas por asentimento, sen necesidade de realizar votación expresa, as propostas que efectúe o/a presidente/a da comisión cando, una vez anunciadas por este/a, non provoquen obxección ni oposición ningunha.

As votacións, en caso de ser necesario, realizaranse a mano alzada, salvo que algún membro exprese o seu desexo de que sexan secretas, en cuxo caso realizaranse mediante papeletas.

Artigo 11º.-Actas.

De cada sesión que realice a comisión, levantará acta o secretario/a, que deberá recoller os/as asistentes, a orde do día da reunión, o lugar e a hora en que se realizou e os acordos que se adoptasen.

Na acta recolleranse, por solicitude dos respectivos membros da comisión, o voto contrario ao acordo adoptado, as abstencións, os motivos que as xustifiquen, así como o motivo do voto favorable, ou dentro do prazo que sinale o/a presidente/a o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar na acta ou achegarase copia a esta.

Os membros da comisión que discrepen do acordo maioritario poderán formular, no prazo de corenta e oito horas e por escrito, voto particular, que se incorporará ao texto aprobado.

As actas aprobaranse na sesión seguinte a que se refiran, e poderá non obstante, o secretario emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da aprobación da citada acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente esa circunstancia.

Disposición derradeira

Primeira.-En todo o non establecido neste Regulamento observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Segunda.-Este Regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2011.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria