DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 08 de marzo de 2011 Páx. 3.819

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia.

Exposición de motivos

I

A competencia é un elemento básico para o avance das economías de mercado modernas. O seu estímulo ocasiona unha mellor asignación de recursos e favorece as forzas dinámicas do mercado, de xeito que se fortalece a eficiencia económica e aumenta o benestar dos consumidores e dos usuarios de bens e de servizos. En última instancia, a competencia induce a unha maior produtividade e competitividade do tecido económico e, polo tanto, a un maior desenvolvemento económico e social.

Por esa razón, tanto a liberdade de empresa coma a defensa da competencia nos mercados constitúen eixes de crecente importancia na política económica dos países máis avanzados. Así sucede na Unión Europea e no conxunto do Estado español.

O Tratado constitutivo da Unión Europea establece no seu artigo 4º que os estados membros instaurarán unha política económica que se debe aplicar respectando o principio dunha economía de mercado aberta e de libre competencia, e nos artigos do 81º ao 89º establécense as liñas básicas do sistema de defensa da competencia que se aplica na Comunidade Europea.

A Constitución española, no seu artigo 38º, recoñece o sistema de libre empresa no marco da economía de mercado e precisa que os poderes públicos protexerán o seu exercicio. En aplicación dese principio, a través de distintas leis e doutras disposicións, desenvolveuse o sistema actual de defensa da competencia español, no que as comunidades autónomas están a xogar un papel con crecentes atribucións e protagonismo.

Desde a perspectiva de Galicia, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 30º.I.4, outorga competencias exclusivas sobre comercio interior e defensa do consumidor e do usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre defensa da competencia.

A sentenza do Tribunal Constitucional do 11 de novembro de 1999 recoñece de modo explícito a competencia executiva das comunidades autónomas con competencias en materia de comercio interior para aplicaren no seu territorio as normas de defensa da competencia no referente ás condutas que teñan ou poidan ter efectos restritivos sobre a libre concorrencia nos mercados. Esa sentenza tivo a súa plasmación normativa na Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia, na que se estableceron os mecanismos procedementais para que as comunidades autónomas puideren exercer esas competencias executivas, así como os puntos de conexión no reparto de expedientes coas institucións do Estado nesta materia.

Facendo uso desas competencias promulgouse a Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Mediante esa lei creáronse o Tribunal Galego de Defensa da Competencia, con natureza de organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía e Facenda, actualmente á Consellería de Facenda, e mais o Servizo Galego de Defensa da Competencia, integrado como subdirección xeral na mesma consellaría. Ambas as institucións comezaron a súa actividade o 1 de xaneiro de 2005.

A experiencia deses organismos desde a data da súa entrada en funcionamento e, sobre todo, a promulgación no Estado da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, aconsellan plenamente que se proceda a elaborar unha nova lei, co fin de adaptar o modelo dual que existe en Galicia ao modelo de órgano único, máis eficiente e coherente coa normativa actual de defensa da competencia e coas novas funcións e os procedementos que instaurou a Lei 15/2007.

En efecto, a nova Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, introduciu cambios institucionais, substantivos e procedementais de gran calado que afectan todo o sistema de defensa da competencia español e, de modo particular, as comunidades autónomas que veñen exercendo competencias nesta materia, como sucede no caso de Galicia.

Por todo isto, elaborouse esta lei, coa que se pretenden conseguir os seguintes obxectivos:

En primeiro lugar, fortalecer a independencia do órgano galego encargado de defender a competencia e lograr a necesaria integración nun órgano único dos labores de instrución e resolución de expedientes que ata agora viñan sendo desenvolvidos polo Servizo Galego de Defensa da Competencia e polo Tribunal Galego de Defensa da Competencia, de xeito que o esquema galego se adapte ao modelo que prevalece nos ámbitos europeo e español. Este obxectivo conséguese mediante a creación do Consello Galego da Competencia, que é o novo órgano encargado da defensa da competencia, con capacidade para actuar en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Así pois, esa integración nunha única institución faise respectando a separación funcional e orgánica das dúas funcións de instrución e resolución dos expedientes sancionadores, salvagardando a independencia da fase de instrución e a seguridade xurídica das partes que poidan resultar afectadas.

O segundo obxectivo é reforzar na medida do posible as funcións da nova institución galega de defensa da competencia, coa finalidade de obter unha eficaz persecución e sanción das condutas contrarias á libre competencia e un nivel axeitado de competencia efectiva nos mercados do noso ámbito territorial, en liña co establecido pola Lei 15/2007 e as novas tendencias que se están a producir nos ámbitos europeo e estatal nesta materia. Entre esas novas funcións cabe destacar as referentes á colaboración co órgano estatal de defensa da competencia no control de concentracións, o control de axudas públicas, as actividades consultivas, a promoción da competencia nos mercados galegos, o asesoramento ao Goberno galego en materia de defensa da competencia e, finalmente, o seguimento das repercusións da actuación das administracións públicas sobre a libre competencia.

Por último, con esta lei preténdese dotar dos medios humanos e materiais necesarios a nova institución de defensa da competencia e crear un marco xurídico flexible que permita un desenvolvemento futuro da súa estrutura administrativa, a medida que se vaia consolidando a súa actividade e vaian xurdindo novas necesidades.

II

Esta lei está estruturada en catro capítulos.

O primeiro capítulo está dedicado á creación do Consello Galego da Competencia, que é o órgano que se propón para a defensa e a promoción da defensa da competencia en Galicia. Este capítulo componse de catro seccións.

A sección 1ª establece a natureza, os fins e as funcións da nova institución. Respecto da natureza xurídica, optouse pola creación dun organismo autónomo, adscrito á consellaría competente en materia de facenda, que substitúe o anterior Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Respecto dos fins, inclúense neles, ademais da garantía e a preservación da competencia, a promoción dela no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Ao mesmo tempo, incorpóranse dúas connotacións que definen a orientación básica do novo organismo, en liña coas achegas máis modernas da teoría económica e coa práctica que se está a seguir no ámbito da Unión Europea, e identifícanse como fins últimos da política de competencia a eficiencia económica e a protección e o aumento do benestar dos consumidores.

A sección 2ª regula as funcións. Identifícanse dez actividades, que seguen o acervo normativo actual sobre defensa da competencia e a experiencia acumulada ata agora polas institucións galegas.

A sección 3ª está dedicada ás facultades da nova institución. Recóllense ao respecto o deber de colaboración das persoas físicas ou xurídicas e das administracións públicas coa nova institución galega de defensa da competencia, a facultade de inspección, a capacidade sancionadora, a vixilancia do cumprimento das resolucións e dos acordos da nova institución, a impugnación de actos e normas das administracións públicas autonómica ou locais dos que deriven obstáculos á competencia e mais a subscrición de convenios.

Este capítulo I péchase coa sección 4ª, dedicada á transparencia e ao control parlamentario da nova institución. Prevese a publicidade de actuación, tanto das resolucións e dos acordos que se diten en aplicación da lei coma dos informes e dos estudos que se elaboren. Ademais, establécese que o novo organismo elaborará con carácter anual unha memoria de actividades, un informe xeral sobre a situación da competencia en Galicia e un plan de actividades para o exercicio seguinte, que se deberá presentar mediante comparecencia perante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia.

No capítulo II regúlanse os órganos do Consello Galego da Competencia. Este capítulo está dividido en catro seccións. A sección 1ª establece que os órganos do consello son o presidente, o pleno -órgano colexiado de resolución e decisión formado polo presidente e dous vogais, estes sen dedicación exclusiva- e a subdirección de investigación, encargada especialmente da instrución dos procedementos sancionadores. A sección 2ª está dedicada ao presidente ou á presidenta do organismo e a sección 3ª á composición, ao funcionamento e ás funcións do pleno do consello. A sección 4ª ocúpase da organización e das funcións da subdirección de investigación.

O capítulo III establece o marco xeral da estrutura administrativa, o persoal e o réxime económico-financeiro do organismo.

Por último, o capítulo IV recolle varias disposicións xerais que completan o novo marco normativo, referentes ás normas de procedemento, á eventual presentación de recursos polos actos e as decisións da subdirección de investigación e do pleno do consello e mais ao deber de segredo.

Pecha a lei unha disposición adicional, tres transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

Na súa tramitación, recadouse o preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei reguladora do Consello Galego da Competencia.

Capítulo I

Do Consello Galego da Competencia

Sección 1ª

Natureza, fins e funcións

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

1. Créase o Consello Galego da Competencia como organismo autónomo, dotado de personalidade xurídica e orzamentos de seu, con capacidade de obrar e plena independencia no exercicio das súas competencias.

2. O Consello Galego da Competencia adscríbese á consellaría competente en materia de facenda.

3. O Consello Galego da Competencia axusta a súa actividade ao dereito público e réxese polo disposto nesta lei, así como polas disposicións reguladoras das entidades do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2º.-Fins e funcións.

1. O Consello Galego da Competencia ten como fin xeral preservar, garantir e promover a existencia dunha competencia efectiva nos mercados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na perspectiva de conseguir a máxima eficiencia económica e a protección e o aumento do benestar dos consumidores e das consumidoras.

2. O Consello Galego da Competencia exercerá as funcións de instrución e resolución dos expedientes vinculados coa competencia, de colaboración e coordinación, de control de axudas públicas, de arbitraxe, consultivas, de promoción da competencia e de asesoramento e representación, conforme se recolle nos artigos seguintes.

Sección 2ª

Funcións

Artigo 3º.-Funcións de instrución e resolución.

O Consello Galego da Competencia é o órgano competente para a aplicación executiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, nos procedementos que teñan por obxecto as condutas previstas nos artigos 1º, 2º e 3º da devandita lei.

En particular, correspóndelle ao consello a instrución e a resolución dos procedementos que se tramiten sobre condutas relativas a:

a) Acordos, decisións ou recomendacións colectivas, ou prácticas concertadas ou conscientemente paralelas, prohibidas no artigo 1º da Lei de defensa da competencia.

b) Condutas de explotación abusiva por unha ou varias empresas da súa posición de dominio no mercado, prohibidas polo artigo 2º da Lei de defensa da competencia.

c) Actos de competencia desleal que por falsearen a libre competencia afecten o interese público, prohibidos polo artigo 3º da Lei de defensa da competencia.

O consello desenvolverá as funcións descritas de acordo co establecido na citada Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 4º.-Funcións de colaboración e coordinación.

1. Consonte o disposto no artigo 16º.2 da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, e no artigo 15 bis da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, o consello poderá intervir, sen ter condición de parte, por iniciativa propia ou por instancia do órgano xudicial correspondente, nos procedementos abertos sobre cuestións relativas á aplicación dos artigos 1º e 2º da Lei 15/2007, nos prazos e nas condicións indicados nela, mediante a achega de información ou a presentación de observacións escritas. Poderá tamén presentar observacións verbais, coa venia do correspondente órgano xudicial.

2. O Consello Galego da Competencia emitirá, por requirimento da Comisión Nacional da Competencia, informe preceptivo non vinculante en relación con aquelas condutas que afectando un ámbito supraautonómico ou o conxunto do Estado incidan de forma significativa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no artigo 5º.4 da Lei 1/2002, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

3. O consello colaborará no control das operacións de concentración económica reguladas na Lei de defensa da competencia mediante:

a) O envío á Comisión Nacional da Competencia da información que esta lle solicite no marco do procedemento de control de concentracións regulado na Lei de defensa da competencia.

b) A emisión de informe nos procedementos de control nas operacións de concentración económica reguladas na Lei de defensa da competencia, en aplicación do disposto no artigo 58º.1 desa lei, cando así o solicite a Comisión Nacional da Competencia, nos prazos e nas condicións nela previstos.

4. O Consello Galego da Competencia solicitaralles aos reguladores sectoriais a emisión do correspondente informe non vinculante no marco dos expedientes incoados por condutas restritivas da competencia, de acordo co disposto no artigo 17º d) da Lei de defensa da competencia.

Artigo 5º.-Control das axudas públicas.

O Consello Galego da Competencia ten atribuídas as seguintes funcións de control das axudas públicas que se concedan en Galicia:

1. A elaboración dos informes previstos no artigo 11º.5 da Lei de defensa da competencia.

2. A elaboración de informes, con carácter facultativo e non vinculante, que lle soliciten as administracións públicas galegas sobre os proxectos de concesión de axudas a empresas con cargo a recursos públicos, en relación cos seus efectos sobre as condicións de competencia.

3. A emisión de calquera outro informe xeral ou particular que se elabore, por iniciativa propia do consello, sobre o impacto das axudas públicas que se outorguen en Galicia nos ámbitos obxecto da normativa verbo da defensa da competencia.

Artigo 6º.-Funcións de arbitraxe.

O consello realizará as funcións de arbitraxe, tanto de dereito coma de equidade, que lle encomenden as leis ou que lle sexan solicitadas polos operadores económicos en aplicación da Lei 30/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe, ou da norma que a substitúa.

Artigo 7º.-Funcións consultivas.

1. O consello desenvolverá funcións consultivas mediante a realización de informes sobre cuestións relativas á defensa da competencia. Tales informes poderán ser solicitados polo Parlamento de Galicia, polo Consello da Xunta de Galicia e polos seus conselleiros e conselleiras, así como polas corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo poderá ser consultado polas asociacións de consumidores ou usuarios e polas asociacións de empresarios ou produtores.

En todo caso, o consello ditaminará:

a) De modo preceptivo non vinculante, sobre as propostas de normas que afecten a competencia e, en particular, os anteproxectos de lei polos que se modifique ou derrogue, total ou parcialmente, este texto legal, así como sobre os proxectos de normas regulamentarias que o desenvolvan.

b) Con carácter preceptivo non vinculante, sobre os proxectos de apertura de grandes establecementos comerciais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, ou norma que a substitúa, desde a perspectiva do seu impacto sobre as condicións de competencia.

c) De modo preceptivo non vinculante, sobre os anteproxectos de lei e proxectos doutras disposicións autonómicas de carácter xeral que poidan ter algún efecto sobre a competencia efectiva nos mercados.

2. O Consello Galego da Competencia ditaminará, cando lle sexa requirido polo órgano xudicial competente, sobre os criterios para a cuantificación das indemnizacións que os autores das condutas previstas nos artigos 1º, 2º e 3º da Lei de defensa da competencia lles deban satisfacer aos denunciantes e a terceiros que fosen prexudicados como consecuencia delas, cando tales procedementos teñan por obxecto condutas prohibidas con repercusións significativas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos puntos de conexión establecidos na Lei de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

Artigo 8º.-Funcións de promoción da competencia.

O Consello Galego da Competencia promoverá a competencia efectiva nos mercados da Comunidade Autónoma de Galicia mediante, entre outros, os seguintes medios:

1. Realización de estudos xerais sobre a competencia.

2. Elaboración de informes sobre os distintos sectores económicos, que poderán incorporar propostas de liberalización, desregulación ou modificación normativa.

3. Seguimento e, se for o caso, realización de informes verbo dos efectos sobre a competencia efectiva nos mercados da actuación pública, tanto dos actos administrativos coma das normas con rango inferior a lei aprobadas polas administracións autonómica e locais.

4. Elaboración e remisión de propostas ás administracións públicas galegas para a remoción de obstáculos á libre competencia que poidan derivar da súa actuación, en concreto dos actos administrativos e das disposicións con rango inferior a lei.

5. Difusión na sociedade dos beneficios que comporta a libre competencia.

Artigo 9º.-Funcións de asesoramento e representación.

1. O Consello Galego da Competencia actuará como órgano de asesoramento da Administración autonómica en materia de defensa da competencia. En particular, o consello poderalle efectuar as propostas que coide convenientes á Consellería de Facenda para a súa elevación, de ser o caso, ao Consello da Xunta de Galicia sobre as liñas de actuación orientadas a promoveren unha maior competencia efectiva no mercado e cantas outras medidas poidan incidir sobre a libre competencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Consello Galego da Competencia será o órgano de apoio da consellaría competente en materia de facenda no seu labor de representación da Comunidade Autónoma en materia de competencia.

Sección 3ª

Facultades

Artigo 10º.-Deber de colaboración.

1. Toda persoa física ou xurídica e as administracións públicas quedan suxeitas ao deber de colaboración co Consello Galego da Competencia e están obrigadas a subministraren, por requirimento deste, e en prazo, toda clase de datos e información dos que dispoñan e que poidan ser necesarios para a aplicación desta lei, no marco do establecido no artigo 39º da Lei de defensa da competencia. O prazo mencionado será de dez días hábiles, agás que as circunstancias ou a natureza do solicitado motiven un prazo distinto.

2. Calquera entidade ou centro directivo das administracións públicas galegas que teña coñecemento de feitos que poidan ser contrarios ás previsións desta lei daralle traslado á subdirección de investigación de toda a información da que dispoña, co fin de que, de proceder, se inicie a tramitación do correspondente expediente.

Artigo 11º.-Facultade de inspección.

O persoal do Consello Galego da Competencia, debidamente autorizado polo subdirector ou pola subdirectora de investigación, terá a condición de axente da autoridade e poderá realizar os labores de inspección que sexan necesarios para a aplicación das previsións contidas nesta lei, coas mesmas competencias atribuídas no artigo 40º da Lei 15/2007 ao persoal da Comisión Nacional da Competencia.

Artigo 12º.-Capacidade sancionadora.

O Consello Galego da Competencia poderá aplicar o réxime sancionador descrito na Lei 15/2007, de defensa da competencia, incluída a aplicación do sistema de clemencia dos artigos 65º e 66º da mesma lei e consonte a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 13º.-Vixilancia do cumprimento das obrigas, das resolucións e dos acordos.

O Consello Galego da Competencia vixiará a execución e o cumprimento das obrigas previstas nesta lei, así como das resolucións e dos acordos que se adopten na súa aplicación.

Para o cumprimento deste obxectivo, o consello poderá solicitar a cooperación da Comisión Nacional de Competencia, dos órganos reguladores sectoriais e dos centros directivos e das entidades dependentes da Administración autonómica.

Así mesmo, no caso de incumprimento das obrigas previstas nesta lei ou das súas resolucións e dos seus acordos, o consello poderá impoñer multas sancionadoras e coercitivas e adoptar outras medidas de execución forzosa previstas na normativa vixente.

Artigo 14º.-Impugnación de actos e normas.

O Consello Galego da Competencia está lexitimado para impugnar perante a xurisdición competente os actos e as disposicións xerais de rango inferior a lei das administracións públicas autonómica ou locais da Comunidade Autónoma de Galicia suxeitas ao dereito administrativo dos que deriven obstáculos ao mantemento dunha competencia efectiva nos mercados.

Artigo 15º.-Subscrición de convenios.

O Consello Galego da Competencia poderá subscribir convenios de colaboración con outros órganos con competencia na materia, así como con outras entidades públicas ou privadas, coa finalidade de facilitar o cumprimento das disposicións previstas nesta lei.

Sección 4ª

Transparencia e control parlamentario

Artigo 16º.-Publicidade de actuacións.

1. O Consello Galego da Competencia fará públicas todas as resolucións e os acordos que se diten en aplicación desta lei, unha vez que lles fosen notificados aos interesados.

2. Os informes e os estudos que se elaboren en aplicación do disposto no artigo 8º desta lei faranse públicos, nun prazo máximo de trinta días, polos medios informáticos e telemáticos que o consello coide axeitados.

3. O Consello Galego da Competencia estará sometido á normativa galega ditada en materia de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

Artigo 17º.-Control parlamentario.

O Consello Galego da Competencia elaborará, con carácter anual, unha memoria de actividades, un informe xeral sobre a situación da competencia en Galicia e un plan de actividades previstas para o ano seguinte que lles serán remitidos ao conselleiro ou á conselleira con competencia en materia de facenda e á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego.

O presidente ou a presidenta do consello comparecerá antes do 30 de xuño de cada ano perante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para a presentación da memoria anual, do informe sobre a situación da competencia e do plan de actividades e os obxectivos para o ano seguinte. Así mesmo, o presidente ou a presidenta do consello comparecerá no Parlamento de Galicia para informar sobre asuntos relativos ás funcións e ás competencias do devandito órgano, sempre que sexa requirido para iso.

Capítulo II

Organización

Sección 1ª

Órganos

Artigo 18º.-Órganos do consello.

Os órganos do Consello Galego da Competencia son:

a) O presidente ou a presidenta do consello, que realiza tarefas de dirección, coordinación e representación daquel e mais preside o pleno do consello.

b) O pleno do consello, órgano máximo de resolución e decisión formado polo presidente ou pola presidenta e dous vogais.

c) O subdirector ou a subdirectora de investigación, que é o encargado da instrución de expedientes e da preparación de informes relativos ás condutas prohibidas pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, e ao control de concentracións aos que se refire o artigo 4º desta lei.

Sección 2ª

Da presidencia

Artigo 19º.-Nomeamento e duración do cargo.

1. A presidencia ten rango de secretaría xeral e o seu titular é nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro ou da conselleira competente en materia de facenda, entre xuristas, economistas e outros profesionais de recoñecido prestixio e experiencia no ámbito de actuación do organismo.

2. O nomeamento do presidente ou da presidenta será por un período de seis anos, non renovable. Ao expirar o prazo do seu mandato continuará no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do novo presidente ou presidenta.

3. A persoa titular da presidencia exercerá a súa función con dedicación absoluta e estará sometida ao réxime de incompatibilidades establecido con carácter xeral para os altos cargos da Administración autonómica.

Artigo 20º.-Causas de cesamento e suspensión no exercicio do cargo.

1. O cargo da persoa titular da presidencia é inamovible, sen que poida ser cesada nin suspendida, agás nos casos que se sinalan a continuación.

2. O presidente ou a presidenta cesará no seu cargo:

a) Por renuncia.

b) Por expiración do termo do seu mandato, sen prexuízo do establecido no artigo 19º.2.

c) Por incompatibilidade sobrevida, estimada por decisión administrativa ou xudicial firme, conforme o réxime de incompatibilidades de altos cargos.

d) Por ter sido condenado ou condenada por delito.

e) Por incapacidade permanente.

f) Por separación a causa de incumprimento grave dos deberes do seu cargo, acordada polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellaría competente en materia de facenda.

3. A persoa titular da presidencia do Consello Galego da Competencia só poderá ser suspendida no exercicio do seu cargo:

a) Cando se dite en contra dela auto de procesamento ou de apertura de xuízo oral en procedementos por delito doloso.

b) Cando se acorde en expediente disciplinario ou de declaración de incapacidade temporal.

c) Por sentenza firme condenatoria que impoña a suspensión como pena principal ou accesoria.

Artigo 21º.-Funcións da presidencia.

Correspóndenlle ao presidente ou á presidenta do Consello Galego da Competencia as seguintes funcións:

a) Ter a representación legal do organismo.

b) Manter a boa orde e o goberno do consello, velando polo adecuado cumprimento das súas funcións e a aplicación das súas normas de organización e funcionamento.

c) Exercer a dirección, a coordinación e a supervisión dos órganos do Consello Galego da Competencia, nomeadamente a coordinación do pleno do consello coa subdirección de investigación.

d) Convocar o pleno por propia iniciativa ou por pedimento dun dos vogais e mais presidilo.

e) Exercer as demais competencias que lles correspondan aos presidentes dos órganos colexiados administrativos, segundo o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

f) Exercer a xefatura de persoal do organismo.

g) Aprobar os gastos e ordenar os pagamentos da institución.

h) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia no Consello de Defensa da Competencia, creado pola Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

i) Comparecer antes do 30 de xuño de cada ano perante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para a presentación da memoria anual, do informe sobre a situación da competencia e do plan de actividades e os obxectivos previstos para o ano seguinte. Así mesmo, sempre que sexa requirido para iso, comparecerá por asuntos cuxa competencia para resolver ou instruír lle corresponda ao Consello Galego da Competencia.

j) Resolver as cuestións non asignadas a outros órganos do consello.

Sección 3ª

Do pleno do consello

Artigo 22º.-Composición do pleno.

1. O Pleno do Consello Galego da Competencia está integrado polo presidente ou a presidenta e por dous vogais.

2. O cargo de vogal do Consello Galego da Competencia non exixe dedicación absoluta e, polo tanto, os ou as vogais non percibirán retribucións periódicas de ningunha clase polo desenvolvemento da súa función. Non obstante, percibirán as compensacións económicas que procedan por cada acto xurídico ditado ou pola súa asistencia ás sesións do pleno e pola elaboración dos traballos que lles encomende a persoa titular da presidencia, nos termos establecidos polo orzamento do Consello Galego da Competencia de cada exercicio.

3. Os ou as vogais do Consello Galego da Competencia estarán sometidos aos réximes de nomeamento, duración do cargo, cesamento e suspensión establecidos nos artigos 19º.1 e 2 e 20º para o presidente ou a presidenta. Antes do seu nomeamento o Consello da Xunta poñerá en coñecemento do Parlamento o nome das persoas propostas co fin de que poida dispoñer a súa comparecencia, nos termos que recolle o artigo 16º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

4. O cargo de vogal do consello é incompatible co exercicio de calquera outro cargo ou actividade que poida comprometer a independencia no exercicio das tarefas que lle son propias e, en particular, con calquera actividade profesional que teña relación directa co ámbito de actuación do organismo. Tampouco poden ser nomeadas vogais as persoas que, directa ou indirectamente, no período de dous anos anteriores á data de nomeamento comparecesen perante os órganos galegos de defensa da competencia en calidade de persoa interesada ou representante dalgunha persoa interesada.

5. Os ou as vogais, unha vez que cesasen no cargo, débense abster de intervir nos procedementos iniciados durante o seu mandato.

Artigo 23º.-Funcionamento do pleno.

1. O pleno do consello quedará validamente constituído coa asistencia do presidente ou da presidenta e un dos vogais. No caso de ausencia do presidente ou da presidenta, para a válida constitución do pleno deberán estar presentes os dous vogais.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. No caso de empate decidirá o voto de quen presida.

3. O funcionamento do pleno regularase por esta lei e pola súa normativa de desenvolvemento e, no seu defecto, pola lexislación aplicable aos órganos colexiados das administracións públicas.

4. O pleno nomeará un secretario ou secretaria, que realizará as funcións previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En particular, auxiliará o presidente e os vogais na preparación das sesións do pleno, ás que asistirá con voz pero sen voto, e velará pola legalidade dos actos e acordos que se sometan a este, coidando da observancia dos prazos e dos trámites dos procedementos.

O secretario ou a secretaria do pleno será un funcionario ou unha funcionaria do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, adscrito ao Consello Galego da Competencia, con titulación de licenciatura en dereito, que poderá ser o secretario ou a secretaria xeral do organismo. No caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o secretario ou a secretaria do pleno será substituído ou substituída temporalmente por quen designe a presidencia.

Artigo 24º.-Funcións do pleno.

1. O Pleno do Consello Galego da Competencia é o órgano colexiado de decisión en relación coas funcións do consello previstas nos artigos do 3º ao 9º desta lei, así como en materia de réxime interno.

2. En particular, o Pleno do Consello Galego da Competencia é o órgano competente para:

a) Solicitar a instrución de expedientes sobre condutas restritivas da competencia pola subdirección de investigación.

b) Resolver, por proposta da subdirección de investigación, os procedementos sobre condutas prohibidas polos artigos 1º, 2º e 3º da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, de acordo coas previsións contidas nesta lei.

c) Aprobar e acordar o envío dos informes relativos a condutas restritivas e ao control de concentracións referidos respectivamente nos artigos 4º.1 e 2 e 4º.3 desta lei, por proposta da subdirección de investigación.

d) Aprobar e acordar o envío dos informes relativos ao control de axudas públicas aos que se refire o artigo 5º desta lei.

e) Exercer as funcións de arbitraxe, consultivas, de promoción da competencia e de asesoramento e representación, sinaladas nos artigos 6º, 7º, 8º e 9º desta lei, sen prexuízo das atribucións do presidente ou da presidenta do consello en materia de representación legal da institución.

f) Acordar a impugnación dos actos e das disposicións referidos no artigo 14º desta lei.

3. Ademais, o pleno exercerá as seguintes funcións de carácter interno:

a) Elaborar e aprobar as normas de réxime interno, que regularán o funcionamento do pleno e o réxime de convocatoria e sesións, de acordo co establecido nesta lei e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) Resolver sobre as recusacións e as correccións disciplinarias.

c) Nomear e acordar o cesamento do secretario ou da secretaria do pleno.

d) Propoñer ou, de ser o caso, emitir informe sobre o proxecto de relación de postos de traballo do organismo autónomo.

e) Aprobar o anteproxecto de orzamentos de ingresos e gastos do Consello Galego da Competencia, consonte o previsto no ordenamento xurídico vixente.

f) Aprobar a memoria anual de actividades do Consello Galego da Competencia.

g) Aprobar o informe anual sobre a situación da competencia en Galicia.

h) Aprobar o plan de actividades previstas para o exercicio seguinte.

Sección 4ª

Da subdirección de investigación

Artigo 25º.-Organización e funcións da subdirección de investigación.

1. A subdirección de investigación é a unidade encargada da instrución dos expedientes previstos nesta lei.

2. En particular, a subdirección de investigación é a unidade competente para:

a) Instruír e elevar a correspondente proposta de resolución dos expedientes sobre condutas restritivas da competencia referidos no artigo 3º desta lei, consonte os procedementos establecidos na Lei 15/2007, de defensa da competencia, e no Regulamento aprobado polo Real decreto 261/2008, do 22 de febreiro, ou na normativa que os substitúa.

b) Resolver sobre as cuestións incidentais que poidan suscitarse no marco da instrución deses expedientes.

c) Vixiar a execución e o cumprimento das resolucións e dos acordos adoptados en aplicación desta lei.

d) Elaborar os informes sobre condutas restritivas referidos no artigo 4º.1 e 2 desta lei.

e) Elaborar os informes sobre control de concentracións previstos no artigo 4º.3 desta lei.

f) Colaborar, no ámbito das súas funcións, cos organismos homólogos das comunidades autónomas e da Administración xeral do Estado. En especial, correspóndelle á subdirección de investigación a competencia para realizar e recibir as notificacións ás que se refiren os artigos 2º.1, parágrafo primeiro, e 2º.2, parágrafo primeiro, da Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia.

Capítulo III

Estrutura administrativa, de persoal e réxime económico

Artigo 26º.-Estrutura administrativa.

1. O Consello Galego da Competencia dispoñerá dos medios humanos e materiais adecuados para o cumprimento dos fins e das funcións establecidos nesta lei.

2. A Secretaría Xeral do Consello Galego da Competencia, con rango de subdirección xeral, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A xestión dos recursos humanos e materiais asignados ao consello, incluída a contratación administrativa.

b) A xestión orzamentaria, financeira, contable e patrimonial do organismo autónomo, así como a elaboración do anteproxecto de orzamentos, o seguimento e o control da súa execución e mais a xustificación das contas xerais.

c) A asistencia técnica e o apoio ao presidente ou á presidenta e ao pleno do consello no desenvolvemento das funcións do organismo, cando estas non estean atribuídas expresamente á subdirección de investigación.

d) A asistencia técnica aos órganos do Consello Galego da Competencia en cantos asuntos se lle encomenden, en especial os de natureza xurídica, xestión económica e réxime interior.

3. As demais unidades que eventualmente integren a estrutura administrativa do organismo quedarán establecidas na normativa de desenvolvemento desta lei.

Artigo 27º.-Persoal.

O persoal ao servizo do Consello Galego da Competencia será funcionario ou laboral nos mesmos termos que os establecidos pola normativa aplicable no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 28º.-Recursos do consello.

Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Galego da Competencia dispoñerá dos seguintes recursos económicos:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os bens e os dereitos que constitúan o seu patrimonio, así como, se for o caso, os produtos e as rendas deles.

c) Os ingresos propios que estea autorizado a percibir.

d) Calquera outro recurso que lle poida corresponder de conformidade co previsto na normativa aplicable.

Artigo 29º.-Réxime orzamentario e contable.

1. O Consello Galego da Competencia elaborará anualmente un anteproxecto de orzamentos coa estrutura que sinale a consellaría competente en materia de facenda, e remitirallo a esta para, de ser o caso, proceder á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia e posterior remisión ao Parlamento, integrado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2. Correspóndelle ao consello a administración, a xestión e a recadación dos seus propios dereitos económicos, así como a autorización dos gastos contidos nos seus orzamentos e a ordenación dos seus pagamentos. Esta última función será exercida a través do presidente ou da presidenta do consello, segundo o disposto no artigo 21º desta lei.

3. O seu réxime orzamentario, económico-financeiro e de contabilidade será o establecido para os organismos autónomos na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na demais normativa aplicable.

Capítulo IV

Outras disposicións

Artigo 30º.-Normas de procedemento.

O Consello Galego da Competencia aplicará aos procedementos que tramite as normas establecidas na lexislación estatal en materia de competencia e, con carácter supletorio, o que dispoña a normativa sobre procedemento administrativo común.

Artigo 31º.-Recursos.

1. As resolucións e os actos da subdirección de investigación que lles produzan indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos ou intereses lexítimos serán obxecto de recurso perante o Pleno do Consello Galego da Competencia no prazo de dez días desde a súa notificación. Recibido o recurso dentro de prazo, o pleno do consello poñeralles de manifesto o expediente ás partes para que formulen alegacións no prazo de quince días.

2. Contra as resolucións e os actos do presidente ou da presidenta e do Pleno do Consello Galego da Competencia non cabe recurso en vía administrativa, e só poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Os recursos aos que se refire esta alínea interpoñeranse perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 32º.-Deber de segredo.

Todas as persoas que tomen parte na tramitación dos expedientes previstos nesta lei ou que coñezan tales expedientes por razón da súa profesión ou cargo están obrigadas a gardaren segredo. A violación deste deber de sixilo considerarase falta disciplinaria moi grave.

Disposición adicional

Única.-Representación na Xunta Consultiva en materia de conflitos.

O conselleiro ou a conselleira competente en materia de facenda da Xunta de Galicia nomeará os representantes da Comunidade Autónoma na Xunta Consultiva en materia de conflitos regulada pola Lei 1/2002, do 21 de febreiro, entre os membros do Pleno do Consello Galego da Competencia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

O Consello Galego da Competencia asumirá as funcións, o patrimonio, as obrigas e os dereitos do extinto Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Segunda.-Procedementos en tramitación.

Os procedementos que se estean a tramitar no Servizo Galego de Defensa da Competencia e no Tribunal Galego de Defensa da Competencia na data de entrada en vigor desta lei pasarán a ser tramitados polo Consello Galego da Competencia nos termos previstos nesta norma.

Terceira.-Persoal.

No prazo máximo de dous meses desde a entrada en vigor desta lei cesarán no seu cargo o presidente e os vogais do Tribunal Galego de Defensa da Competencia e nomearanse os membros titulares da presidencia e das vogalías do novo Consello Galego da Competencia.

O persoal que figure como dependente do Tribunal Galego de Defensa da Competencia na correspondente relación de postos de traballo pasará a depender do Consello Galego da Competencia e conservará os seus dereitos económicos e administrativos.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogada a Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro ou da conselleira competente en materia de facenda, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente