DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 07 de marzo de 2011 Páx. 3.715

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 36/2011, do 17 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

A entrada en vigor da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, supón o mandato do Parlamento de Galicia para que se acaden importantes obxectivos no ámbito da protección civil e a xestión de emerxencias, sendo un dos máis destacables a necesidade de acadar a maior homoxeneidade posible da prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento en toda Galicia do xeito máis eficaz.

A citada lei recolle no seu artigo 26º d) a competencia das deputacións provinciais para garantir o servizo de extinción de incendios e salvamento naqueles concellos que non teñan servizos propios.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servizo fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Así, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio que centralice e coordine as actuacións dos distintos parques que formarán parte del, permitindo un aforro nos recursos que se utilicen na prestación dos servizos que se van executar. Polo tanto, considerouse a fórmula do consorcio como a organización idónea para facilitar o funcionamento ou, se é o caso, a posta en marcha dos distintos parques comarcais contra incendios e de salvamento da provincia de Pontevedra, no que se poderán integrar os xa existentes e aqueloutros que se constitúan e equipen ao abeiro dos estatutos que rexerán este consorcio.

Esta consideración vén recollida na disposición adicional terceira da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, que impón á Xunta de Galicia a obriga de impulsar a creación dos consorcios provinciais para a prestación do servizo contra incendios e salvamento xunto coas deputacións provinciais, como o xeito máis apropiado para que se acaden os obxectivos previstos.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 1 de xullo de 2010, acordou participar no Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, segundo o disposto no artigo 196º.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Do mesmo xeito acordou nomear os seus representantes para a Comisión Xestora, na que se integraron, así mesmo, os representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, logo de acordo do Pleno desta, desenvolvéndose no seo da dita Comisión Xestora os traballos preparatorios necesarios para consensuar o texto dos estatutos.

A elaboración e aprobación dos estatutos do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137º e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196º da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

Apróbanse os estatutos do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, sendo o seu texto o que se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Estatutos do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira a necesidade de homoxeneizar as prestacións do servizo de extinción de incendios e salvamento en todo o territorio de Galicia.

A existencia destes servizos profesionais na maior parte da provincia de Pontevedra, pero como consorcios comarcais, obriga a integrar todos eles, ademais dos que puidesen constituírse a maiores, nun único consorcio provincial, como fórmula máis axeitada para conseguir esta homoxeneidade na prestación deste servizo esencial.

Con este obxectivo, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 1 de xullo de 2010, acordou participar no Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades consorciadas.

Ao abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 196º e concordantes, así como na demais lexislación vixente, e para dar cumprimento ao disposto nas disposicións adicional terceira e transitoria terceira da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, constitúese o Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra, que terá para todos os efectos a consideración de Administración pública.

Artigo 2º.-Constitución do consorcio.

Para a constitución do consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte do Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no Diario Oficial de Galicia xunto co seu texto íntegro.

Unha vez publicados os estatutos, polo presidente da Comisión Xestora, constituída con carácter previo segundo se recolle no expoñendo, convocaranse os representantes das entidades que o integran, co fin de elixir os órganos reitores e iniciar o seu funcionamento.

Artigo 3º.-Carácter.

O consorcio, que ten a condición de entidade local non territorial, constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente.

Artigo 4º.-Sede.

1. O consorcio terá a súa sede na Deputación Provincial de Pontevedra.

2. Por acordo do Pleno do consorcio, poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou desenvolver as reunións en lugar distinto ao do seu domicilio.

Artigo 5º.-Denominación e obxecto.

1. A denominación deste consorcio será a de Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

2. Constitúe obxecto do consorcio a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento, que se lles atribúen na lexislación vixente aos entes consorciados, mediante a xestión e coordinación e, de ser o caso, a creación dunha rede de parques que garanta a prestación homoxénea do servizo, por calquera das modalidades de xestión previstas na lexislación.

3. Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.

4. Para a súa disolución terase en conta o previsto nos artigos 143º e 144º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 6º.-Ámbito de actuación.

O ámbito de actuación deste consorcio será toda a provincia de Pontevedra, coas seguintes precisións:

a) Con independencia do ámbito provincial do consorcio, este poderá establecer as áreas de actuación preferente de cada parque de bombeiros, atendendo basicamente os tempos de resposta en funcións das comunicacións por estrada do parque.

b) Excepcionalmente, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia poderá solicitar, de acordo co protocolo que se estableza para o efecto, a actuación do consorcio fóra da provincia de Pontevedra, cando as circunstancias o requiran.

Neste caso, o titular da Presidencia ou persoa en quen delegue deberá autorizar esta actuación, agás en casos de risco inminente, valorado pola Axencia Galega de Emerxencias, nos cales non será imprescindible a dita autorización. Neste caso, estableceranse as compensacións económicas a que houber lugar.

c) No caso de activación de plans de emerxencia da comunidade autónoma, tanto territoriais como especiais, o ámbito de actuación será o fixado mediante as directrices do director do plan activado.

d) O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ao cumprimento dos fins expresados nestes estatutos.

e) Quedan excluídos do ámbito de actuación deste consorcio aqueles concellos, mesmo os de menos de 20.000 habitantes, nos que se preste o servizo de extinción de incendios e salvamento con persoal propio e teñan parque de bombeiros de seu, tanto de tipo local como comarcal, agás que prefiran incorporarse ao consorcio provincial mediante os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 7º.-Réxime xurídico.

1. Sen prexuízo do establecido nestes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local, como na Lei de Administración local de Galicia, Lei de emerxencias de Galicia e demais normativa que, se é o caso, se dite no seu desenvolvemento.

2. O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servizos, de acordo con estes estatutos, coa lexislación do réxime local e do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e daqueloutras que lles sexa de aplicación.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e de xestión do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidencia.

-Vicepresidencia.

-Consello Asesor.

Artigo 9º.-Pleno.

O Pleno do consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-A persoa titular da Presidencia da Deputación Provincial de Pontevedra ou deputado/a en quen delegue.

-A persoa titular da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias ou persoa en quen delegue.

-Dous deputados/as da deputación provincial designados pola presidencia da deputación.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

Con voz, pero sen voto, asistirán:

-O persoal funcionario que desempeñe as funcións de secretario/a e interventor/a do consorcio.

-A persoa titular da xerencia do consorcio.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Por petición da maioría dos membros con voto do Pleno do consorcio, poderán convocarse, con voz pero sen voto, e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros das administracións ou de entidades públicas ou privadas que se xulguen oportunas.

Artigo 10º.-Presidencia e Vicepresidencia.

A persoa titular da Presidencia do consorcio será elixida polo Pleno, por maioría absoluta do número legal dos membros do consorcio. De igual xeito, será elixida a persoa titular da Vicepresidencia.

Os cargos da Presidencia e Vicepresidencia renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixese necesario. A Presidencia exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

As competencias da Presidencia serán exercidas pola Vicepresidencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda.

Artigo 11º.-Consello Asesor.

1. Para asesoramento e informe das materias que se determinen créase un Consello Asesor integrado do seguinte xeito:

-Presidencia: titular da Presidencia do consorcio ou membro do Pleno en quen delegue.

-Vicepresidencia: titular da Vicepresidencia do consorcio ou membro do Pleno en quen delegue.

-O/a alcalde/sa ou persoa en quen delegue, en representación de cada concello onde se instalen os parques ou subparques que se integren no consorcio.

-Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencia en materia de atención ás emerxencias.

-Dous representantes da Deputación Provincial de Pontevedra designados pola súa Presidencia.

2. Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

As funcións de secretario/a do Consello Asesor serán exercidas por quen exerza as funcións de secretario/a do consorcio, de acordo co previsto no artigo 17º.

Artigo 12º.-Cesamento dos membros.

Os membros do Pleno e do Consello Asesor, poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomeou, ou pola perda da condición de membro da institución que representen. Neste último caso, permanecerán en funcións ata que regulamentariamente se nomeasen os novos membros.

Artigo 13º.-Competencias do Pleno.

1. As atribucións do Pleno serán as seguintes:

1) A organización do consorcio.

2) A aprobación da integración de entidades no consorcio.

3) A aprobación das ordenanzas e regulamentos.

4) A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación das contas; todo iso de acordo co disposto na normativa reguladora das facendas locais.

5) A aprobación do programa anual de actividades.

6) A aprobación da memoria anual de actividades xunto co seguimento, control e valoración.

7) A aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

8) A adquisición de bens e dereitos, a transacción sobre estes, e a concesión de quitación e espera, dentro dos límites das súas competencias, agás que estas estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

9) O control e fiscalización dos órganos de goberno.

10) A aprobación do cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos empregados públicos, e o número e réxime do persoal propio do consorcio.

11) A administración do patrimonio.

12) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

13) O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio no referente a competencia plenaria.

14) A concertación das operacións de crédito cuxa contía acumulada no exercicio económico exceda do 10% dos recursos ordinarios, agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15% dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na normativa reguladora de facendas locais.

15) As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento, e, en todo caso, os de importe superior a 6.000.000 €, así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos en todo caso, e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, e, en todo caso, cando sexa maior que a contía sinalada neste número.

16) A aprobación dos proxectos de obra e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estea previsto nos orzamentos.

17) A aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servizos e subministracións que sexan da súa competencia.

18) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento, así como os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles, que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstas no orzamento.

-Cando, estando previstas no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

19) Aquelas atribucións que deban corresponder ao Pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

20) A alteración da sede do consorcio e o cambio de nome deste.

21) As demais que expresamente lle atribúan as leis.

2. O Pleno poderá delegar as súas competencias na Presidencia, por resultar o único órgano viable para esta delegación, de acordo co artigo 21º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, sendo de aplicación o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

Artigo 14º.-Competencias da Presidencia.

Serán funcións propias da Presidencia as seguintes:

1. Dirixir o goberno e a administración do consorcio.

2. Representar o consorcio.

3. Convocar e presidir as sesións do Pleno e calquera outro órgano do consorcio, e decidir os empates co voto de calidade.

4. Supervisar o funcionamento administrativo e técnico do consorcio, en especial a actuación da persoa titular da Xerencia como xefe/a directo desta, dando conta ao Pleno.

5. Elaboración do proxecto de orzamento anual para a súa aprobación polo Pleno.

6. Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras nos que a súa titularidade e o seu exercicio corresponde ao consorcio.

7. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo aos orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente e, en xeral, o desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as recollidas no artigo 158º.5 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10% dos recursos ordinarios, agás os de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15% dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo iso de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

8. En materia de persoal:

1º Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo Pleno.

2º Aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo.

3º Determinar o sistema de distribución daquelas retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

4º Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal, acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios/as do consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao Pleno na primeira sesión que realice, así como todas as facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o Pleno.

9. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegase noutro órgano e, en caso de urxencia, en materias da competencia do Pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.

10. Presidir as poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

11. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento; incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

12. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento, así como o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicadas nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se encontre previsto no orzamento.

13. Ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos do consorcio.

14. O exercicio daqueloutras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

15. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

16. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable, aos titulares da presidencia de entidades locais, e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O titular da presidencia pode delegar na persoa titular da Vicepresidencia o exercicio das súas atribucións, agás a de concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo dos funcionarios/as e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos puntos 1 e 9 do número anterior.

Artigo 15º.-Competencias do Consello Asesor.

Corresponderalle ao Consello Asesor a emisión de informe preceptivo con carácter previo á adopción polo Pleno do consorcio dos seguintes acordos:

a) Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seguimento, control e valoración.

b) Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outros que se establezan coas administracións públicas ou entidades privadas.

Así mesmo, o Consello Asesor servirá de comité asesor de protección civil a nivel provincial e entidade de apoio á persoa titular da presidencia do consorcio.

Tamén poderá emitir ditame sobre calquera asunto sempre que sexa solicitado pola persoa titular da presidencia do consorcio ou pola maioría absoluta dos membros do Pleno.

Capítulo III

Outros órganos do consorcio

Artigo 16º.-Xerencia.

1. A Xerencia é o órgano ao que corresponde realizar a xestión ordinaria, é dicir, a técnico-administrativa, dos asuntos de competencia do consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia da persoa titular da Presidencia.

A persoa titular da Xerencia terá a condición de persoal directivo: funcionario ou laboral de alta dirección de acordo co establecido na normativa de función pública.

2. Serán funcións da xerencia:

a) Dirixir, xestionar os servizos e resolver os asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presentar o anteproxecto de orzamentos, que se presentará para a súa aprobación á Presidencia do consorcio, o máis tardar o primeiro día hábil de setembro do ano anterior ao de vixencia do devandito orzamento. Elaborar e presentar os plans de actuacións e o programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica aos órganos colexiados do consorcio.

d) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións dos órganos colexiados do consorcio.

e) Exercer a dirección do persoal ao seu cargo, baixo a dependencia da Presidencia así como propoñer as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento, das dependencias e servizos.

f) Instruír os expedientes para adquisición de material e realización de obras e mellora e mantemento do servizo, así como os demais que se refiren ao funcionamento do consorcio.

g) Propoñer á Presidencia do consorcio os pagamentos que deban realizarse.

h) Elaborar as estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servizos ao seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servizo.

i) Asistir ás sesións dos órganos colexiados con voz e sen voto.

j) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

Artigo 17º.-Funcións reservadas a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter estatal.

1. No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do consorcio fixaranse as prazas de postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter estatal, que serán exercidas a través dunha das seguintes modalidades:

a) A través de funcionarios con habilitación de carácter estatal de acordo co sistema de provisión previsto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal.

b) A través do servizo de asistencia da deputación de acordo co establecido no artigo 5º do devandito texto regulamentario.

2. As funcións que desempeñarán son:

a) Asistir ás reunións do Pleno e do Consello Asesor, realizar as correspondentes convocatorias por orde da súa Presidencia, e elaborar e notificar a orde do día.

b) Formalizar e cumprir os acordos adoptados nas sesións, así como elaborar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente os órganos de goberno do consorcio.

d) Calquera outra que lle veña atribuída polo ordenamento xurídico.

Capítulo IV

Réxime funcional

Artigo 18º.-Reunións.

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez ao semestre.

2. Realizarase sesión extraordinaria por convocatoria da Presidencia cando o considere oportuno ou por petición dun terzo dos membros do Pleno.

3. A Presidencia poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente.

Nas sesións extraordinarias urxentes, o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, concluirase a sesión. Para estes efectos para o cómputo das maiorías aplicarase o disposto no artigo 20º.

4. O Consello Asesor reunirase sempre que así o acorde a Presidencia do consorcio, ou ben o solicite a maioría absoluta dos membros do Pleno do consorcio ou do propio Consello Asesor.

5. O quórum necesario para a constitución válida das sesións será o seguinte:

a) Para o Pleno: a comparecencia dun terzo dos seus membros que nunca poderá ser inferior a tres, e que deberá manterse durante toda a sesión.

b) Consello Asesor: requírese maioría absoluta na primeira convocatoria, e en segunda convocatoria a presenza de tres membros.

En calquera caso, para todos eles requirirase sempre un mínimo de tres membros e estar representadas tanto a Xunta de Galicia como a Deputación Provincial de Pontevedra.

Artigo 19º.-Convocatoria.

1. A persoa titular da Presidencia convocará as sesións cunha anticipación mínima de cinco días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno quedará validamente constituído coa asistencia dun terzo do número legal dos seus membros que nunca poderá ser inferior a tres. A Presidencia poderá considerar validamente constituído o órgano se está presente un representante de cada unha das dúas administracións consorciadas. O quórum deberá manterse durante toda a sesión.

3. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que legalmente os substitúan.

Artigo 20º.-Acordos.

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría dos membros presentes, agás os indicados nos números 2, 4 e 10 do artigo 13º, que requirirán maioría cualificada de dous terzos.

2. Os acordos adoptados obrigan a todas as entidades integrantes do consorcio.

Artigo 21º.-Persoal.

1. O persoal ao servizo do consorcio estará integrado por:

a) A persoa titular da Xerencia.

b) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, agás no caso de que se opte pola prestación do servizo baixo o réxime de xestión indirecta.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 17º, atenda as funcións reservadas a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter estatal.

d) Calquera outro que se estableza, tanto funcionario como laboral que, en todo caso, deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do consorcio; en todo caso o persoal previsto no punto c) realizará as funcións previstas no artigo 17º destes estatutos.

Capítulo V

Do réxime económico e financeiro

Artigo 22º.-Recursos do consorcio.

Para o cumprimento dos seus fins o consorcio disporá do seu propio orzamento que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As achegas dos entes consorciados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo consorcio que se integran no seu patrimonio.

e) O produto de operacións de crédito.

f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 23º.-Financiamento.

1. As achegas dos entes consorciados para sufragar os gastos ordinarios de funcionamento do consorcio efectuaranse da maneira seguinte:

-Xunta de Galicia: 50% do total do orzamento.

-Deputación Provincial de Pontevedra: 50% do total do orzamento.

2. Se durante o exercicio económico se producisen ingresos superiores aos previstos inicialmente no orzamento do consorcio, estes excesos serán dedicados, por criterio do Pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minorar as achegas que lle corresponden ás partes consorciadas.

3. En todo caso, poderase acudir aos mecanismos previstos na lexislación vixente para obter a satisfacción das achegas en caso de que algunha das administracións consorciadas non achegasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas por este artigo, e co fin todo isto de facer efectivas estas cantidades.

Artigo 24º.-Ingresos das contribucións.

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo 23º, a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atender as súas obrigas económicas relativas ao consorcio.

2. A parte correspondente da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase con carácter mensual por doceavas partes na tesouraría do consorcio.

Artigo 25º.-Aprobación do orzamento.

O proxecto de orzamento do consorcio para cada ano deberá ser elaborado e comunicado aos entes consorciados antes do día quince do mes de setembro do ano anterior ao da súa vixencia. Posteriormente o Pleno aprobará o proxecto de orzamento do consorcio e elevarao aos entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 26º.-Réxime xurídico.

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nestes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 27º.-Modificacións, incorporacións e baixas e disolución.

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio, posibles incorporacións ou baixas ou para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica de réxime local e polos artigos 143º e 144º da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. No caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de todos os seus bens, obrigas e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos entes integrantes, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ao consorcio.

Artigo 28º.-Informe anual.

O consorcio facilitará aos entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposición adicional

O consorcio iniciará o seu funcionamento cos parques comarcais do Salnés, do Morrazo e do Baixo Miño-Condado-Louriña; a localización do resto dos parques, de ser o caso, deberá ser aprobada previamente pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Disposición transitoria

Primeira.-No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto os consorcios comarcais do Salnés, do Morrazo e do Baixo Miño-Condado-Louriña deberán desenvolver a correspondente sesión plenaria para a súa disolución e integración no Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, achegando os medios técnicos e os recursos cos que conten. Os bens, dereitos e obrigas contractuais vixentes asumidas polos consorcios comarcais, logo da súa integración quedarán asumidas polo consorcio provincial.

Disposición derradeira

Unha vez publicados no Diario Oficial de Galicia estes estatutos, o titular da Presidencia da Comisión Xestora procederá, no prazo máximo de dous meses á convocatoria da sesión constitutiva do Pleno do consorcio na que se procederá á elección da persoa titular da Presidencia e Vicepresidencia do consorcio, do xeito establecido no artigo 10º dos estatutos, iniciándose o seu funcionamento.