DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2011 Páx. 3.268

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 30/2011, do 17 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a autorización de parques eólicos experimentais con alto compoñente de I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia.

Galicia desenvolve desde hai moitos anos no seu territorio, a través do seu Plan Eólico de Galicia, a implantación de instalacións deste tipo de enerxía renovable. Temos que significar que neste sector a evolución da tecnoloxía está a acadar un alto ritmo que motiva a necesidade de actividades de I+D+i do sector. Esta actividade concrétase de forma específica no desenvolvemento de parques de carácter experimental.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, exclúe do seu ámbito de aplicación os parques eólicos experimentais que leven asociado un alto compoñente de investigación en I+D+i. A devandita lei establecía que as condicións e as características que definisen o concepto de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i determinaríanse por decreto da Xunta de Galicia.

Esta norma, fai necesaria a aprobación dun decreto autonómico no que se determinen as condicións e as características que definan o concepto de Parque Eólico Experimental con alto compoñente de I+D+i.

Por outra banda o Real decreto 1565/2010, do 19 de novembro, polo que se regulan e modifican determinados aspectos relativos á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, introduce na súa disposición adicional segunda o réxime económico específico para instalacións experimentais de tecnoloxía eólica en terra de carácter experimental e innovador, para posibilitar a realización de actividades de I+D+i no sector eólico, como peza fundamental para acadar os obxectivos últimos de redución de costos e competir, a medio prazo, coas tecnoloxías convencionais. Este real decreto crea a subsección denominada Rexistro de preasignación de retribución para instalacións experimentais no réxime especial, que indica que todas as instalacións de produción de enerxía eléctrica de carácter experimental terán que someterse ao disposto no artigo 21º.4 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e para a súa inscrición deberá cumprirse o disposto no artigo 4º.3.a),b),i) do

Real decreto lei 6/2009, do 30 de abril, polo que se adoptan determinadas medidas no sector enerxético e se aproba o bono social, por todo isto faise necesario o dispor dunha autorización administrativa, necesaria para a inscrición no devandito rexistro, que será outorgada polo órgano competente e que será elemento básico condicionado pola data de autorización para que o Estado, coa súa regulación, determine a prima correspondente.

A competencia administrativa para a autorización da instalación de produción de enerxía atópase regulada na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, desenvolta polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así, tamén cabe sinalar que o Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía en réxime especial, establece no seu capítulo II o procedemento administrativo para a inclusión dunha instalación de produción de enerxía eléctrica no réxime especial.

Porén, a necesidade de definir un procedemento para a autorización e aprobación dos parques eólicos experimentais, excluídos do alcance da Lei 8/2009, tamén motiva a publicación deste decreto. A finalidade deste decreto é fomentar as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación en tecnoloxía eólica na nosa comunidade, garantindo o carácter experimental das instalacións autorizadas e dotándoas da axilidade administrativa e flexibilidade que demanda a súa actividade.

Esta norma está composta por seis capítulos con 16 artigos, unha disposición adicional e unha disposición derradeira.

No capítulo I de disposicións xerais recóllese o concepto de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i e dos elementos das instalacións cun alto compoñente de I+D+i, e de acordo co establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, regúlase a través deste decreto o procedemento administrativo que debe seguirse para a súa autorización nos supostos que están recollidas.

Por outra banda, no capítulo II desenvólvese o procedemento de autorización administrativa onde se establecen a necesidade desta e os requisitos que teñen que acreditar os solicitantes para poder acadar a devandita autorización, sempre dentro do marco regulador establecido, así como a documentación necesaria para acadar o recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i, todo isto dentro do marco ambiental recollido neste capítulo.

Así, tamén nos capítulos III, IV, V e VI se recollen o outorgamento de instalación acollida ao réxime especial e inscrición no rexistro, o trámite de compatibilidade ou prevalencia para o recoñecemento de utilidade pública das instalacións, a consideración de modificación substancial e o procedemento de seguimento do traballo previsto no plan de I+D+i presentado.

Na súa virtude, e segundo o disposto no artigo 4º da Lei de Galicia 11/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto definir o concepto de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i de acordo co mandato establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, determinando as súas condicións e características, así como regular o procedemento administrativo que debe seguirse para a súa autorización.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Quedan sometidos ao disposto neste decreto os parques eólicos experimentais que leven asociado un alto compoñente de investigación ou I+D+i, e cuxa autorización sexa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este decreto será da aplicación para a autorización de instalacións eólicas de potencia inferior ou igual a 100 kW nos supostos nos que a devandita autorización sexa necesaria, non tendo esta consideración aquelas instalacións que se rexan polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos de interpretación deste decreto, teranse en conta as seguintes definicións:

a) Parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i: parque eólico destinado á realización de probas, ensaios, medicións e experimentación de prototipos eólicos ou preseries eólicas. Os prototipos e preseries ensaiadas deberán ter unha nula ou moi reducida implantación no mundo e, en ningún caso, haberá unidades iguais instaladas en condicións xeográficas ou de existencia do recurso enerxético análogas ás da localización prevista. Nun parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i non poderá existir máis dun prototipo eólico ou preserie eólica das mesmas características.

b) Prototipo eólico: turbina eólica ou sistema híbrido que leve asociadas novidades significativas respecto dos sistemas convencionais, ou que supoña una novidade significativa con respecto dos modelos elaborados polo seu fabricante.

c) Preserie eólica: unidade experimental dun modelo de turbina eólica ou sistema híbrido, que incorpore as modificacións pertinentes respecto dos resultado dos ensaios iniciais do prototipo, fabricadas como etapa previa á súa produción en serie, e sempre que estas continúen nun proceso de I+D+i.

d) Poligonal: envolvente da área na cal se situará o parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i e as súas futuras modificacións, incluíndo as afeccións por protección eólica, vías interiores do parque, gabias, cimentacións, subestacións eléctricas e construcións auxiliares. Non se incluirán os accesos ao parque e as liñas de evacuación da enerxía eléctrica.

Capítulo II

Procedemento de autorización administrativa de parques eólicos experimentais

Artigo 4º.-Solicitantes.

As persoas solicitantes de autorización administrativa de parques eólicos experimentais poderán ser:

a) Fabricantes de aeroxeradores ou compoñentes eólicos. Neste caso só poderán solicitar parques experimentais para a proba, ensaio e validación dos seus propios prototipos e preseries.

b) Instalacións constituídas por infraestruturas de ensaio e validación de unidades experimentais de un ou máis tecnólogos ou fabricantes e cuxo titular sexa unha entidade participada maioritariamente por capital público.

Artigo 5º.-Necesidade de autorización.

1. Os parques eólicos experimentais requirirán a aprobación das resolucións nos procedementos seguintes:

a) Recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i.

b) Autorización de instalación.

c) Aprobación do proxecto de execución.

d) Autorización de explotación.

2. As autorizacións ás que se refire este artigo serán outorgadas, sen prexuízo de calquera outra autorización, permiso ou licenza que sexa precisa, de acordo con outras disposicións legais que puidesen resultar de aplicación.

3. Os parques eólicos experimentais de potencia non superior a 100 kW e que se conecten a redes de distribución ou interiores dun consumidor de tensión inferior a 1 kV antes da súa posta en servizo deberán achegar ante o órgano competente da comunidade autónoma, co obxecto da súa inscrición no correspondente rexistro, o certificado de instalación co seu correspondente anexo de información ao usuario, por quintuplicado, ao que se acompañará, segundo o caso, o proxecto ou memoria técnica de deseño, así como o certificado de dirección de obra asinado polo correspondente técnico titulado competente, e o certificado de inspección inicial coa cualificación de resultado favorable, do organismo de control se procede.

O órgano competente da comunidade autónoma, dilixenciará as copias do certificado de instalación e, se é o caso, do certificado de inspección inicial, que equivalerá á autorización administrativa, segundo o disposto na ITC-BT-04 do Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

Artigo 6º.-Recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i.

1. As persoas interesadas en promover un Parque Eólico Experimental con alto compoñente de I+D+i presentarán unha solicitude para o recoñecemento desta condición, achegando a seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao/á director/a xeral competente en materia de enerxía, co contido previsto no artigo 70º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e presentada en calquera dos lugares comprendidos no artigo 38º.4 da mencionada Lei.

b) Memoria xustificativa do carácter experimental da instalación.

c) Plan de I+D+i, que terá un carácter plurianual, cun mínimo de dous anos e un máximo de cinco anos, incluirá a seguinte información:

-Obxecto do plan de I+D+i.

-Resumo do plan.

-Estado da arte da investigación proposta.

-Obxectivos do proxecto.

-Plan de traballo, definindo as etapas, recursos asignados, cronograma e obxectivos parciais. No cronograma especificaranse que actuacións requirirán da aprobación do correspondente proxecto de execución ou modificado.

-Orzamento.

-Acreditación da capacidade técnica e económica do solicitante para poder desenvolver o Plan de I+D+i.

d) Documentación acreditativa da condición exixida aos solicitantes segundo o artigo 7º.

2. As solicitudes de recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i, a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución poderán efectuarse de xeito consecutivo ou conxuntamente. En calquera dos casos, para a obtención da autorización administrativa con carácter previo o solicitante deberá obter o recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i. Do mesmo xeito, para a obtención da aprobación do proxecto o solicitante deberá obter con carácter previo la autorización administrativa.

3. A dirección xeral competente en materia de enerxía ditará resolución respecto ao recoñecemento ou non da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i no prazo de dous meses contados a partir da recepción da solicitude.

A falta de resolución no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará o solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

Artigo 7º.-Autorización administrativa de parques eólicos experimentais.

1. Para a obtención da correspondente autorización administrativa a persoa solicitante deberá presentar a correspondente solicitude perante a dirección xeral competente en materia de enerxía, acompañada da seguinte documentación:

a) Anteproxecto da instalación, co seguinte contido:

-Memoria descritiva das obras e instalacións previstas ao longo da vida do parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i, definindo a poligonal en coordenadas UTM e indicando os concellos nos que se pretenden construír as instalacións.

-Planos do parque eólico a unha escala mínima de 1:25.000.

-Orzamento.

-Solución de evacuación da enerxía xerada.

b) Acreditación da capacidade legal, técnica e económica para a realización dun parque eólico, segundo o establecido no artigo 30º da Lei 8/2009, do 22 de decembro:

1. Capacidade legal: o solicitante deberá ter personalidade física ou xurídica propia, e excluiranse as unións temporais de empresas.

2. Capacidade técnica: comprobarase a experiencia individual dos solicitantes, no campo das enerxías revovables e/ou do sector eléctrico. A capacidade técnica cumprirase mediante a acreditación de, cando menos, un destes requisitos:

a) Ter exercido a actividade de produción de enerxía eléctrica durante, polo menos, os últimos tres anos.

b) Contar cun socio que participe no capital social cunha porcentaxe igual ou superior ao 25 por 100 e que poida acreditar a súa experiencia durante os últimos tres anos na actividade de produción de enerxía eléctrica.

c) Ter subscrito un contrato de asistencia técnica por un período de tres anos cunha empresa que acredite experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica.

3. Capacidade económica: entenderase cumprida cando se achegue documentación suficiente que garanta a viabilidade económico-financeira do proxecto. Nas ordes de convocatoria estableceranse os medios nos que se xustificará este requisito.

c) Solicitude de iniciación do procedemento de avaliación de impacto ambiental de proxectos ou, se é o caso, de pronunciamento do órgano ambiental acerca da necesidade de tramitar o dito procedemento, co contido sinalado, respectivamente, polos artigos 6º e 16º do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

2. A dirección xeral competente en materia de enerxía ditará resolución no prazo de dous meses contados a partir da recepción da solicitude.

A falta de resolución no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará a persoa solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

A resolución de autorización administrativa das instalacións estará referida á máxima potencia que se prevé que estea instalada simultaneamente durante a vida útil do parque.

Artigo 8º.-Proxecto de execución de parques eólicos experimentais.

1. A persoa solicitante deberá presentar, acompañada do proxecto de execución, a solicitude para a súa aprobación perante a dirección xeral competente en materia de enerxía.

O proxecto de execución deberá conter a documentación establecida na sección II do capítulo II do título VII (aprobación do proxecto de execución) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e o recollido na instrución técnica complementaria MIE-RAT-20 do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, ou instrucións equivalentes que a substitúan.

2. A resolución de aprobación do proxecto de execución estará referida á potencia das instalacións cuxa aprobación se solicita. Non se aprobarán proxectos de execución que supoñan superar a potencia máxima recollida na autorización administrativa das instalacións.

3. Non se poderán iniciar as obras sen a aprobación do correspondente proxecto de execución.

4. A dirección xeral competente en materia de enerxía trasladará ao órgano ambiental da Xunta de Galicia a documentación referida no artigo 7º, alínea 1, letra c), co obxecto de que o dito órgano ambiental lle dea a tramitación procedente conforme o disposto polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxecto. Para a aprobación do proxecto de execución será indispensable que o procedemento ambiental obtivese resolución ambiental favorable.

Artigo 9º.-Acta de posta en servizo de parques eólicos experimentais.

1. Unha vez executado o proxecto de execución, o titular do parque solicitará da Xefatura Territorial da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía o outorgamento da acta de posta en servizo.

2. A solicitude deberá ser acompañada por un certificado de fin de obra subscrito por un técnico facultativo competente no que conste que o parque se executou de acordo coas especificacións técnicas aprobadas no proxecto de execución previamente autorizado.

3. A acta de posta en servizo será outorgada pola Xefatura Territorial da Xunta de Galicia con competencias en materia de enerxía, logo de recoñecemento das obras executadas no prazo dun mes, contado desde a formulación da solicitude.

Artigo 10º.-Localización dos parques eólicos experimentais.

Los parques eólicos experimentais localizaranse nas áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, excepto aqueles que experimenten con prototipos ou preseries de ata 100 kW conectados á rede baixa tensión (1 kV), sempre e cando os terreos afectados sexan compatibles co uso para produción de enerxía eléctrica, segundo o establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e as súas modificacións.

En calquera caso quedan excluídos da implantación de parques eólicos experimentais aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formar parte da Rede Natura 2000, consonte a normativa vixente en cada momento.

Capítulo III

Inclusión no réxime especial e inscrición no rexistro.

Artigo 11º.-Inclusión no réxime especial.

A condición de instalación acollida ao réxime especial rexerase polo establecido no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e será outorgada pola dirección xeral competente en materia de enerxía.

Para que un parque eólico poida acollerse ao réxime especial, o titular da autorización deberá presentar solicitude expresa xunto coa documentación que recolle o Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e deberán indicarse as principais características técnicas e de funcionamento da instalación, así como a realización dunha avaliación cuantificada da enerxía eléctrica que vai ser transferida, se é o caso, á rede.

A solicitude e a documentación indicadas nos parágrafos anteriores poden presentarse conxuntamente ou con posterioridade á solicitude de aprobación do proxecto de execución. No caso de solicitude conxunta, o recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica pode outorgarse na mesma resolución pola que se aproba o proxecto de execución da instalación.

Artigo 12º.-Inscrición no rexistro.

A condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica terá efectos desde a data de resolución pola cal se outorga a dita condición.

Para a aplicación á dita instalación do réxime especial será requisito necesario a inscrición desta no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial da Xunta de Galicia.

De todas as inscricións, modificacións e cancelacións que se realicen no rexistro daráselle conta á Administración xeral do Estado para os efectos previstos na normativa do réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

Capítulo IV

Expropiación e servidumes

Artigo 13º.-Declaración de utilidade pública.

Para os efectos previstos no título IX da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o recoñecemento da utilidade pública das instalacións incluídas no ámbito desta lei será acordado pola dirección xeral competente en materia de enerxía, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia en caso de oposición de organismos ou outras entidades de dereito público.

Para o dito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite, para o que se incluirá unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que se obtivo un acordo cos seus titulares, xunto coa documentación acreditativa deles. Así mesmo, presentarase unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación, na que se xustificarán os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo que a evite.

A dita petición someterase a información pública. Igualmente, recadarase o informe dos organismos afectados.

A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52º da Lei de expropiación forzosa e concordantes da Lei do sector eléctrico.

Artigo 14º.-Concorrencia de utilidades públicas, trámite de compatibilidade e declaración de prevalencia.

1. Se, solicitado o recoñecemento da utilidade pública polo promotor do parque eólico se opuxese á declaración desta o titular doutro dereito ou interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender que a autorización e subseguinte instalación do parque eólico prexudicaría a estes, procederase á apertura en peza separada dun trámite procedemental no que se decidirá acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados, decantándose, se é o caso, pola prevalencia dun deles.

2. O trámite de compatibilidade de utilidades públicas será iniciado polo organismo tramitador en canto teña coñecemento da existencia de aproveitamentos que poidan resultar incompatibles. Ao dito coñecemento poderá chegarse de oficio, ou por instancia de parte realizada en calquera momento anterior á resolución na que se autorice o proxecto e se declare a utilidade pública.

O órgano tramitador dará audiencia das alegacións presentadas polo titular do dereito ou interese afectado ao solicitante por un prazo de quince días e emitirá informe acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos, que se elevará, xunto co resto do expediente administrativo, ao órgano competente para ditar resolución.

3. Cando a compatibilidade ou prevalencia se suscitase entre aproveitamentos nos que sexa competente para a súa autorización a consellería con competencias en materia de enerxía, a resolución do procedemento de autorización da instalación e declaración de utilidade pública realizaraa o conselleiro competente en materia de enerxía.

No suposto de que as autorizacións ou os títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellería, a eventual autorización e declaración de utilidade pública do parque eólico realizaraa o Consello da Xunta de Galicia, ao que se lle remitirá o expediente co informe das consellerías afectadas.

No suposto de considerarse incompatibles os aproveitamentos, unha vez declarada a utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico, procederase a determinar cal é prevalente.

4. A resolución de prevalencia do proxecto do parque eólico sobre outros aproveitamentos ou infraestruturas declarados de utilidade pública será requisito indispensable para proceder á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo devandito proxecto.

Capítulo V

Modificación das instalacións

Artigo 15º.-Autorización de modificación non substancial das instalacións.

As modificacións non substanciais das instalacións que non afecten as condicións da autorización administrativa concedida precisarán unicamente da aprobación por parte da xefatura territorial do correspondente modificado do proxecto de execución e da autorización de explotación.

Entenderase por modificación non substancial a que nos afecte as condicións que deron lugar ao recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i, nin as condicións da autorización administrativa.

Capítulo VI

Seguimento do plan de I+D+i

Artigo 16º.-Seguimento.

A dirección xeral con competencias en materia de enerxía realizará un seguimento periódico do avance dos traballos previstos no plan de I+D+i.

O procedemento de seguimento do plan de I+D+i establecerase na Resolución de recoñecemento da condición de parque eólico experimental con alto compoñente de I+D+i.

O incumprimento do plan de I+D+i aprobado suporá a revogación da autorización administrativa do parque.

Disposición adicional

Única.-A todas aquelas instalacións que posúan autorización administrativa e acta de posta en servizo con anterioridade á entrada en vigor deste decreto e xustifiquen a realización de actuacións de carácter experimental achegando a documentación recollida no artigo 6º desta norma seralle recoñecida a condición de parque eólico experimental cun alto compoñente en I+D+i pola dirección xeral con competencias en materia de enerxía.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Fernández Guerra

Conselleiro de Economía e Industria