DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2011 Páx. 3.250

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 25 de febreiro de 2011 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento presenciais da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

A organización, celebración ou realización do xogo a través de máquinas de xogo vén gravada pola taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tributo estatal creado polo Real decreto lei 16/1977, cuxo rendemento foi cedido ás comunidades autónomas.

A normativa aplicable en materia dos tributos que recaen sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo vén contida nas seguintes normas:

a) O Real decreto lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas.

b) A Lei 3/2002 do Parlamento galego, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

c) A Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

d) O Real decreto 2221/1984, do 12 de decembro, polo que se regula a taxa fiscal que grava a autorización ou a organización ou a celebración de xogos de sorte, envite ou azar.

e) As ordes da Consellería de Economía e Facenda seguintes:

a. A do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C,

b. A do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C e

c. A do 22 de decembro de 2004, pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

A Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, fixa no seu artigo 50º o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo, e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de aplicación dos tributos. Estas competencias foron asumidas pola nosa comunidade en virtude da Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da dita cesión.

A Comunidade Autónoma de Galicia xa exercera competencias normativas nesta materia no marco do amparado polas leis anteriores que regulaban o sistema de financiamento das comunidades autónomas e das leis polas que a comunidade asumiu o réxime de cesión de tributos. En virtude delas ditáronse as ordes do 13 de decembro de 1999 e do 30 de decembro de 2003 citadas con anterioridade. Estas ordes tiveron que ser modificadas ao longo deste tempo como consecuencia de diferentes disposicións normativas. Novamente xorde esa necesidade como consecuencia das modificacións establecidas na Lei 15/2010.

Esta lei acomete dúas modificacións: por unha banda, instrumenta o exercicio da opción polo fraccionamento e o aprazamento da cota anual legalmente exixida, sempre que se cumpran uns requisitos determinados polos suxeitos pasivos e, pola outra banda, arbitra un sistema de reinicio de explotación das máquinas en situación de baixa temporal para a tempada central do ano natural. Estas disposicións legais obrigan a modificar de novo a Orde do 13 de decembro de 1999 así como a Orde do 30 de decembro de 2003, para adaptar o modelo de autoliquidación e recoller dentro dos procesos establecidos nas citadas ordes esta opción e este réxime. A adaptación dos procesos obriga substituír por completo o anexo I e a modificar unha boa parte da Orde do 13 de decembro, orde que, por outra banda e como xa diciamos antes fora modificada en sucesivas ocasións. Para a claridade e a seguridade xurídica, óptase por promover unha orde nova que derrogue a Orde do 13 de decembro de 1999 e que modifique a Orde

do 30 de decembro de 2003, alí onde fose necesario.

Esta orde contén oito artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira e máis dous anexos.

O artigo 1º aproba o novo modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo, que figura como anexo I desta orde e os prazos da súa presentación ante a Administración tributaria.

O artigo 2º contén as instrucións para a formulación, ingreso e presentación da autoliquidación e a opción polo fraccionamento e aprazamento da cota anual para as máquinas autorizadas en anos anteriores á data do devengo e que o 1 de xaneiro non estean en situación de baixa temporal.

Os artigos 3º, 4º e 5º conteñen as instrucións para a formulación, ingreso e presentación da autoliquidación e a opción de aprazamento e fraccionamento, respectivamente, para as máquinas de nova autorización ou que reinicien a explotación, para o reinicio de explotación de máquinas de tempada e para os supostos de troco de máquinas.

O lugar de presentación da autoliquidación constitúe o contido do artigo 6º.

No artigo 7º, recóllese o proceso a seguir na formulación, ingreso e presentación da autoliquidación pola diferenza da cota anual como consecuencia da modificación do prezo máximo regulamentario para a partida de máquinas tipo B.

O distintivo que acredita a presentación da autoliquidación é aprobado no artigo 8º, tal e como figura no anexo II, sinalándose, ao mesmo tempo, os prazos para recollelo.

A orde, na súa disposición adicional, contén as modificacións a realizar na Orde do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realiza-do a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C, derivados dos cambios anteriormente sinalados, mentres que, na súa disposición transitoria permite a utilización do modelo de impreso 045 aprobado pola Orde do 13 de decembro de 1999, para os suxeitos pasivos que utilicen a presentación en impreso, para o prazo 1 deste ano. Por último, os anexos I e II recollen o modelo 045 e o modelo e especificacións da etiqueta identificativa.

En virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 50º da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, outorga sobre os aspectos de aplicación dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2º da Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da dita cesión,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modelo de autoliquidación.

1. Apróbase o modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo, que figura como anexo 1 desta orde, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia para todos os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar devengada por máquinas de xogo suxeitas ao pagamento do devandito tributo.

2. O modelo constará de tres exemplares: para a Administración, para o interesado e para a entidade financeira colaboradora na recadación.

3. Os prazos para a presentación presencial do modelo ante a Administración tributaria, serán:

-Prazo 1: do 1 ao 20 de marzo.

-Prazo 2: do 1 ao 20 de xuño.

-Prazo 3: do 1 ao 20 de setembro.

-Prazo 4: do 1 ao 5 de decembro.

Os prazos anteriores entenderanse prorrogados ata o primeiro día hábil seguinte, no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado.

Artigo 2º.-Máquinas autorizadas en anos anteriores ao de devengo.

1. No caso de máquinas autorizadas en anos anteriores ao de devengo, os suxeitos pasivos deberán presentar en calquera das entidades colaboradoras autorizadas, no prazo 1 do artigo anterior, unha declaración por cada máquina en explotación, e deberán autoliquidar e ingresar a cota anual legalmente establecida que lles corresponda segundo a tipoloxía e as características da autorización da máquina.

A cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores e o maior prezo de partida que amparara a autorización no período comprendido entre a data do devengo e a da presentación da autoliquidación.

Xunto coa declaración o suxeito pasivo deberá presentar relación de máquinas, indicando o número de autorización destas, das que era titular o 1 de xaneiro e que se atoparan nesa mesma data en situación de baixa temporal, ben aprobada administrativamente, ou solicitada e pendente de aprobación, salvo que, á data de presentación estiveran rehabilitadas e presentaran a autoliquidación correspondente polo reinicio de explotación. Esta relación presentarase ante a Xefatura Territorial de Facenda que corresponda, en relación coa situación da máquina na data do último devengo da taxa fiscal sobre o xogo.

2. Os suxeitos pasivos, no momento de formular a autoliquidación, poderán optar polo fraccionamento do importe que se deba ingresar, en catro pagamentos fraccionados trimestrais iguais, ingresando o primeiro deles ao tempo de presentar a autoliquidación e aprazando os outros tres para seren ingresados cada un deles, nos prazos 2, 3 e 4 sinalados no artigo 1º.3, respectivamente.

A opción polo fraccionamento e aprazamento sinalado no parágrafo anterior non precisará de achega e/ou constitución de garantía ningunha nin devengará xuros de mora. Serán requisitos para poder exercer a opción anterior:

-Autoliquidar a cota anual vixente.

-Presentar a autoliquidación no prazo sinalado no punto 1 anterior.

-Domiciliar os pagamentos fraccionados aprazados.

3. Os suxeitos pasivos, para exercer a opción ao que se refire o punto dous anterior, deberán marcar o recadro de fraccionamento sinalando o numero de pagamentos fraccionados que se aprazan e o seu importe e cubrindo os datos necesarios para a domiciliación destes, de acordo coas instrucións que se aproban no anexo desta orde e que figuran no reverso do modelo de autoliquidación.

Serán requisitos necesarios para efectuar a domiciliación os seguintes:

a) Que o obrigado ao pagamento sexa titular da conta na que se domicilie este.

b) Que a entidade financeira na que se domicilien os pagamentos preste o servizo de colaboración na xestión recadatoria de tributos cedidos.

c) Que a conta sexa única para todas as máquinas instaladas na data de devengo no ámbito territorial da xefatura ante a que se presenten as autoliquidacións.

A domiciliación efectuada para un exercicio non terá efectos para o exercicio seguinte.

4. Unha vez realizado o ingreso resultante da autoliquidación presentada, mediante a cal, de ser o caso, se domicilian os pagamentos fraccionados pendentes de ingreso, a entidade colaboradora devolveralle ao interesado, debidamente validado, o exemplar correspondente, que servirá como xustificante do ingreso realizado, e de ser o caso, da orde de débeda en conta dos pagamentos domiciliados.

5. No caso de que o suxeito pasivo cumprise os requisitos para exercer a opción á que se refire este artigo e a exercese, a Administración tributaria xerará unha única carta de pagamento por cada un dos prazos 2, 3 e 4, por suxeito pasivo e xefatura territorial, acumulando todos os pagamentos fraccionados que vencesen en cada un dos prazos anteriores, correspondentes ás autoliquidacións presentadas nas entidades financeiras colaboradoras. A entidade financeira colaboradora procederá a cargar o importe de cada carta de pagamento na conta designada para tales efectos polo contribuínte o último día de cada prazo, ingresándoo inmediatamente na conta restrinxida para a recadación de tributos que corresponda, entendéndose realizado o pagamento na devandita data, sen que caiba a retrocesión posterior do aboamento efectuado.

6. Non será posible adiar ou fraccionar os pagamentos fraccionados trimestrais. A presentación da solicitude non impedirá o inicio do período executivo, nin o devengo das recargas correspondentes e os xuros de mora e considerarase incumprimento das obrigas tributarias para todos os efectos.

7. A falta de ingreso de calquera dos pagamentos fraccionados terá os efectos sinalados na normativa xeral tributaria.

Artigo 3º.-Máquinas de nova autorización ou que reinicien a explotación.

1. Cando se trate de máquinas de nova autorización ou que na data do 1 de xaneiro se atopasen en situación de baixa temporal e se pretenda dalas novamente de alta, os suxeitos pasivos presentarán en calquera das entidades colaboradoras autorizadas a declaración correspondente, no primeiro dos prazos sinalados no artigo 1º.3 que estivese operativo. Se o último destes prazos estivese expirado deberá presentarse a declaración a que fai referencia este punto, con carácter previo á data de autorización ou alta. No momento da presentación da declaración os suxeitos pasivos deberán autoliquidar e ingresar a cota anual correspondente, segundo se especifica no punto 2 deste artigo.

2. A cota anual que deberán autoliquidar os suxeitos pasivos será:

O 100% da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no primeiro trimestre natural do ano.

O 75% da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no segundo trimestre natural do ano.

O 50% da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no terceiro trimestre natural do ano.

O 25% da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no cuarto trimestre natural do ano.

A cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores e o maior prezo de partida que amparase a autorización no período comprendido entre a data de efectos e da presentación da autoliquidación.

3. Os suxeitos pasivos poderán optar no momento de formular a autoliquidación, polo fraccionamento da cota tributaria que se deba ingresar, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades sinalados no artigo 2º. O importe do pagamento trimestral será o resultado de dividir a cota tributaria polo número de trimestres naturais que resten do ano incluíndo o trimestre da data de efectos,

O obrigado tributario deberá ingresar os pagamentos fraccionados corrente e, de ser o caso, o vencido no momento da presentación da autoliquidación, e os subseguintes, cargaranse o último día de cada prazo que procedese na conta indicada para a domiciliación, consonte co sinalado no artigo 2º desta orde.

Artigo 4º.-Reinicio de explotación de tempada.

1. Cando o suxeito pasivo reinicie a explotación da máquina no segundo ou no terceiro trimestre natural do ano en curso coa intención de explotala como máximo ata a fin do terceiro trimestre, a cota tributaria será:

-O 50% da cota anual que corresponda segundo a tipoloxía e características da máquina, se o reinicio da explotación ten efectos para o segundo e o terceiro trimestre.

-O 25% da cota anual que corresponda segundo a tipoloxía e características da máquina, se o reinicio da explotación ten efectos para un só trimestre.

En todos os casos, a cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores e maior prezo de partida que amparase a autorización no período comprendido entre a data de efectos e a da presentación da autoliquidación.

2. Para poder acollerse a este réxime, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

-Que as máquinas se atopen na situación de suspensión provisional á data do 30 de setembro do ano anterior.

-Que o suxeito pasivo exerza a opción por este réxime na autoliquidación á que se refire o punto 3 e seguintes e de acordo coas instrucións que se aproban no anexo desta orde e que figuran no reverso do modelo de autoliquidación.

-Que a autoliquidación sexa presentada en prazo.

3. Os suxeitos pasivos deberán presentar unha autoliquidación por cada máquina para a que se pretendan acoller a este réxime marcando a opción correspondente, segundo as instrucións do modelo e autoliquidando e ingresando a cota correspondente.

4. Se o reinicio da explotación tivese efectos para dous trimestres, os suxeitos pasivos poderán optar polo fraccionamento e aprazamento a que se refire o artigo 2º, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades sinaladas nel, e tendo en conta que o número de pagamentos trimestrais será un.

5. Se o suxeito pasivo, unha vez exercida a opción por este réxime, decidise manter a máquina en explotación máis alá da data comprometida, deberá presentar, no primeiro prazo dos prazos do artigo 1º.3 que estea operativo, unha declaración complementaria, autoliquidando e ingresando o importe total da diferenza entre a cota anual que procedese e a xa autoliquidada.

Artigo 5º.-Troco de máquinas.

1. O suposto de troco de máquinas autorizado non suporá novo devengo da taxa e a empresa operadora non deberá practicar autoliquidación, salvo o establecido no punto 2 seguinte. Non obstante, deberá comunicar a circunstancia á Xefatura Territorial de Facenda onde se presentase a autoliquidación pola autorización da máquina retirada á que substitúe a nova, para os efectos da obtención do correspondente distintivo acreditativo.

2. Cando se autorice un troco dunha máquina instalada tipo B para a que xa se presentase autoliquidación deste ano, por outra para a que o número de xogadores e/ou o prezo de partida sexa superior, a empresa operadora titular da autorización deberá presentar unha autoliquidación complementaria á/s que presentara no seu momento, cubrindo os espazos do modelo destinados para o efecto de acordo coas instrucións deste. A autoliquidación complementaria deberase presentar no primeiro prazo do artigo 1º.3 que estivese operativo, salvo que o ultimo destes prazos estivese expirado, o que provocará que a autoliquidación deba presentarse con carácter previo á data de autorización do troco.

Para cumprir coa obriga anterior o obrigado tributario declarará a cota anual que corresponda ao maior número de xogadores e maior prezo de partida que amparase a autorización no período comprendido entre a data de efectos e a da presentación da complementaria, e ao mesmo tempo autoliquidará e ingresará o importe total da diferenza entre a nova cota anual e a/s autoliquidada/s con anterioridade para esa autorización ao longo deste ano.

O obrigado tributario poderá optar, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades polo fraccionamento e aprazamento, segundo o disposto no artigo 2º desta orde. Simultaneamente, deberá realizar o ingreso do pagamento fraccionado correspondente ao trimestre corrente, e, de ser o caso, o correspondente ao vencido, quedando aprazados os outros.

3. No suposto de que a data de efectos da autorización do troco ao que se refire o primeiro parágrafo do punto 2 anterior corresponda ao segundo, ao terceiro ou ao cuarto trimestre, a cota anual calcularase mediante a suma do 75%, do 50% ou do 25% respectivamente, da cota correspondente ao maior número de xogadores e maior prezo de partida autorizado durante o período que corresponda e do 25%, do 50% ou do 75% respectivamente, da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior e/ou prezo de partida inferior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

Procederá facer a declaración polo importe que corresponda, que se minorará polo/s importe/s autoliquidado nese período impositivo con anterioridade, autoliquidando e ingresando a diferenza, salvo que se exercese a opción polo fraccionamento e aprazamento. Neste caso o obrigado tributario calculará o número de pagamentos fraccionados que serán respectivamente tres, dous ou un, segundo a data de efectos do troco corresponda ao segundo, terceiro e cuarto trimestres, ingresando o correspondente ao trimestre corrente e, de ser o caso, o vencido e domiciliando o resto deles.

Artigo 6º.-Lugar de presentación.

As declaracións-liquidacións dirixiranse, con independencia do lugar onde se realice o ingreso, á Xefatura Territorial de Facenda que corresponda territorialmente ao:

-Lugar onde se encontre instalada a máquina o día 1 de xaneiro cando foran autorizadas en anos anteriores e teñan vixente o correspondente boletín de instalación.

No suposto de traslado dunha máquina a un lugar no territorio doutra xefatura entenderase que este se produce na data na que a consellería competente en materia de xogo autorice o devandito traslado.

-Lugar onde se autorice a instalación da máquina pola xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo para aquelas máquinas en situación de suspensión provisional ou nova autorización.

-Lugar onde se encontre situada para os efectos da consellería competente en materia de xogo, o día 1 de xaneiro cando se trate de máquinas autorizadas en anos anteriores, que non estean no caso anterior e que nesa data non teñan boletín de instalación vixente.

Artigo 7º.-Liquidación pola diferenza por modificación do prezo máximo regulamentario para a partida de máquinas tipo B.

No caso de modificación regulamentaria do prezo máximo autorizado para a partida en máquinas de tipo B, producida con posterioridade á data na que finalice o prazo de presentación da autoliquidación, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con autorizacións de data anterior a aquela na que entre en vigor a norma, homologadas cun prezo inferior ao novo prezo máximo, deberán autoliquidar o 75%, o 50% ou o 25% da diferenza da cota que corresponda, no prazo sinalado no artigo 1º.3 que se abra a partir do día no que entre en vigor a modificación do prezo máximo regulamentario autorizado, segundo que este corresponda ao segundo, ao terceiro ou ao cuarto trimestre natural do ano. Os suxeitos pasivos cubrirán os espazos do modelo destinados para o efecto, de acordo coas instrucións que se aproban no anexo desta orde e que figuran no reverso do modelo de autoliquidación.

Artigo 8º.-Distintivo que acredita a presentación da autoliquidación.

1. Apróbase o modelo de distintivo acreditativo a que se refire esta orde e que será o que figura no anexo II desta.

2. O Servizo de Xestión Tributaria da Xefatura Territorial de Facenda ao que se dirixise a declaración-liquidación ou autoliquidación facilitará o distintivo que acredite tal presentación.

3. O suxeito pasivo deberá retirar do servizo correspondente o citado distintivo acreditativo dentro dos seguintes prazos:

-O comprendido entre o vixésimo e o último día do mes de abril nos casos de presentación dentro do prazo 1 do artigo 1º.3, ao que se refire o artigo 2º.1 desta orde.

-O comprendido entre o trixésimo e o cuadraxésimoquinto día hábil contados a partir da data de presentación da autoliquidación no resto dos casos.

4. O distintivo acreditativo deberá adherirse á máquina no prazo dos quince días seguintes á súa retirada e permanecer adherido ata a súa substitución por outro novo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Vixencia e modificación da Orde do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

1. A presentación e pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C será regulado polo disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C, sendo de aplicación as normas desta orde sempre que non se opuxesen a ela e tendo en conta as modificacións introducidas nela por esta disposición adicional.

2. Calquera referencia á Delegación Provincial da Consellería de Economía e Facenda, deberá substituírse por Xefatura Territorial de Facenda.

3. Calquera referencia feita nos artigos da orde á Orde do 13 de decembro de 1999, queda substituída pola referencia á Orde do 25 de febreiro de 2011.

4. Substitúese o punto 3 do artigo 3º polo seguinte texto: A aplicación informática xerará unha única carta de pagamento por cada suxeito pasivo e Xefatura de Facenda que sexa competente territorialmente consonte co disposto no artigo 6º da Orde do 25 de febreiro de 2011 xa citada, sobre o lugar da presentación, segundo proceda. Esta carta de pagamento suporá a presentación dunha autoliquidación por cada unha das máquinas amparadas pola súa correspondente autorización que o suxeito pasivo determinase na aplicación informática, ben pola aceptación e/ou modificación dos datos facilitados pola propia aplicación ou ben pola incorporación dos datos procedentes do seu arquivo, consonte co establecido no punto anterior. Cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación e ingreso da cota anual legalmente establecida para o exercicio corrente. Para estes efectos, a carta de pagamento que xerará a aplicación, acumulará todos os importes que se van ingresar de cada unha das autoliquidacións

correspondentes ás máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar na xefatura. Os suxeitos pasivos poderán optar polo fraccionamento do importe que se deba ingresar, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades sinalados no artigo 2º da Orde do 25 de febreiro de 2011. Para exercer a opción, deberá marcar o recadro correspondente, determinando a aplicación informática o número de pagamentos fraccionados que se aprazan e o seu importe, e debendo cubrir os datos necesarios para a domiciliación deles. Neste caso, cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación da cota anual legalmente establecida para o exercicio corrente, a obriga de ingreso do primeiro dos pagamentos e a domiciliación dos pagamentos fraccionados restantes. Para estes efectos, a carta de pagamento xerada pola aplicación acumulará todos os primeiros pagamentos fraccionados das máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar en cada xefatura e xeraranse outras tres cartas de pagamento consonte co sinalado no artigo 2º.5

da Orde do 25 de febreiro de 2001 xa citada.

5. Substitúese o punto 3 do artigo 4º pola seguinte redacción: A presentación da autoliquidación do tributo acreditarase mediante a impresión dos documentos (modelo 045) xerados pola aplicación informática, no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da autorización da máquina de xogo correspondente, da liquidación da cota anual vixente e máis do seu ingreso ou, no caso de exercer a opción polo fraccionamento, do exercicio da opción de fraccionamento e aprazamento, e do ingreso do primeiro pagamento fraccionado e dos datos dos restantes pagamentos fraccionados domiciliados. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como a súa data.

6. Suprímese a disposición adicional cuarta.

Disposición transitoria

Única.-Emprego do modelo 045.

O modelo 045 aprobado por orde da Consellería de Facenda do 13 de decembro de 1999 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C poderá ser empregado polos suxeitos pasivos para a presentación en impreso, durante o prazo 1 do ano 2011. No caso de non exercer a opción polo fraccionamento, no bloque (5) liquidación deberán cubrir só os recadros 22, e 27, debendo figurar nelas o importe correspondente á cota anual vixente, segundo a tipoloxía da máquina e as súas características. No caso de cumprir os requisitos para exercer a opción polo fraccionamento, para formalizar o seu exercicio, deberán cubrir o bloque (5) liquidación de forma completa, e deberán necesariamente cubrir todos os datos do bloque (7) domiciliación de pagamentos fraccionados, debendo seguir as instrucións do modelo aprobado no anexo I desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde. En particular, queda derrogada a orde da Consellería de Facenda do 13 de decembro de 1999, pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B, ou C, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG e terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2011.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2011.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Ver referencia pdf "04000D001P006.PDF"