DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.170

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 20 de xaneiro de 2011 pola que se regula o procedemento de adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Traballo e Benestar para o ano 2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27º.23, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser usuarios das residencias traspasadas todos os traballadores españois e os seus familiares, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2º define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Traballo e Benestar a través do Decreto 335/2009, do 11 de xuño.

A Consellería de Traballo e Benestar dispón de dous centros destinados ao gozo do ocio e o lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás cales se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso de familias a un período de vacacións nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante esta orde ofértanse quendas de estadías nas ditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e sociofamiliar, cumprindo unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para o ano 2011, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2º.-Persoas destinatarias.

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade, ou menores sempre que vaian acompañados dos seus proxenitores ou titores legais, que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos residentes no exterior.

Artigo 3º.-Distribución das prazas.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a Consellería de Traballo e Benestar e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

Artigo 4º.-Tipos de servizo.

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza, en réxime de pensión completa, durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II desta orde.

2. Servizos para non residentes.

Poderán gozar do servizo de comedor os familiares e persoas con relación de amizade cos residentes, que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine a directora de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5º.-Os prezos.

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para os non residentes, establécense no Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre ou na norma que o substitúa.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

Polo que respecta ás prazas adxudicadas pola Consellería de Traballo e Benestar, farase unha única solicitude por unidade familiar para as quendas solicitadas.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que disfrutasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

1. Solicitantes da quenda de familias numerosas deberán presentar:

Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

Copia do título de familia numerosa.

2. Resto de familias:

Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

Acreditación da discapacidade, de ser o caso.

A persoa solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos (anexo I). No caso de que o solicitante non queira autorizar a Consellería de Traballo e Benestar para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes: lugar e prazo.

1. As solicitudes de estadías na residencia de tempo libre de Panxón presentaranse no Rexistro da Delegación Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo (rúa Concepción Arenal nº 8, 36201 Vigo) e as solicitudes de estadías na residencia de tempo libre do Carballiño presentaranse no Rexistro da Delegación Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (avda. da Habana nº 79, 32004 Ourense), sen prexuízo do disposto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes tamén se poderán presentar vía telemática, accedendo a este tipo de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.xunta.es/servicios, onde se disporán os medios de axuda para a presentación de solicitudes.

Unha vez asinado co certificado dixital do solicitante o anexo I da solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño, modificado polo Decreto 38/2009, do 19 de febreiro.

3. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de marzo de 2011.

Artigo 8º.-Requirimento de emenda.

As directoras das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde, e en caso contrario procederán a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que, se así non se fan nun prazo de dez (10) días, se terán por desistidas da súa petición de acordo co artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do xefe territorial competente que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42º da dita lei.

Artigo 9º.-Adxudicación de estadías.

A adxudicación das prazas correspondentes á Consellería de Traballo e Benestar efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á localidade en que están situadas as residencias. A data e o lugar en que se realice o sorteo, daráselles publicidade mediante anuncio nas páxinas web http://traballoebenestar.xunta.es/ e familiasgalegas.org No dito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido.

Todas as datas do prazo establecido no artigo 7º.3 entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaránselles ás persoas solicitantes que non obtivesen praza. Para estes efectos seguirase a orde de adxudicación establecida no sorteo.

A primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias queda reservada ás familias que acrediten a súa condición de numerosas; estas poderán, non obstante, solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II. A adxudicación desta quenda farase igualmente por sorteo de datas, e as sobrantes serán incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación. As familias numerosas que se presenten ao resto das quendas entrarán no sorteo xeral e non terán preferencia ningunha.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Correspóndelle ao xefe territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías, que redactará unha acta do dito sorteo e remitirá o resultado ás respectivas directoras das residencias. Estas notificaranlles ás persoas interesadas a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 11º.-Pagamento do prezo da estadía.

As persoas beneficiarias realizarán, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito de 30 € por cuarto en concepto da reserva, e outro depósito, 30 días antes do inicio da quenda adxudicada, pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía.

Artigo 12º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

Se a persoa adxudicataria anula as estadías, perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causas de forza maior debidamente acreditadas. A anulación efectuarase por calquera medio en que quede constancia da data de entrada da anulación, e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda.

Terá dereito a que se lle devolvan as cantidades que depositase con posterioridade, para o cal terá que facer a reclamación correspondente. A continuación, instruirase e resolverase un expediente, e farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

-Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 100%.

-Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 75%.

-Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías: 25%.

Para calcular a porcentaxe da devolución, tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia; a residencia non se fará en ningún caso responsable dos eventuais atrasos que se poidan producir no envío da documentación.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías nos xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre do Carballiño) e de Vigo (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre de Panxón).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral de Familia e Benestar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "03900D018P054.PDF"

Ver referencia pdf "03900D019P058.PDF"