DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 11 de febreiro de 2011 pola que se convoca a concesión de subvencións para as persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivenda, que conten co financiamento cualificado do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012. O seu artigo 4º, punto 2, establece que: «as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19º, punto 2, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Á vista do anterior, para dar cumprimento ao disposto no artigo 4º, punto 3, do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e en virtude do disposto no artigo 4º do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro) para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a axudar a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que conten co financiamento cualificado do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das devanditas subvencións aquelas persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral, ou adquirentes de vivendas usadas ou vivendas de prezo limitado acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

2. As circunstancias persoais do solicitante e da súa unidade familiar que serán tidas en conta para resolver sobre estas subvencións serán as acreditadas no expediente polo cal se outorgou o financiamento estatal así como as acreditadas pola documentación indicada no artigo 6º, punto 1, desta orde.

Para tal fin, para a tramitación destas solicitudes terase en conta a documentación xa presentada coa solicitude de financiamento estatal, sen que sexa preciso volver a presentala para a tramitación desta subvención.

Artigo 3º.-Requisitos.

Para a concesión das subvencións é preciso que o solicitante formalizara o préstamo convido do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 entre o 6 de novembro de 2009 e a data de publicación desta orde, e ademais:

a) Cando se trate de promotor individual para uso propio de vivenda protexida, que conte coa cualificación definitiva da vivenda.

b) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conte coa escritura pública inscrita no rexistro da propiedade que acredite a transmisión da vivenda e na cal conste separadamente o prezo da vivenda e de cada un dos anexos se os tiver.

c) Que non obtivera con anterioridade as mesmas axudas que se convocan nesta orde.

d) Que na anterior convocatoria das axudas indicadas no punto anterior non se considerara que desistiu da súa solicitude salvo que fora por non achegar a escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

1. Para as persoas beneficiarias con dereito a protección preferente de acordo co establecido no artigo 1º, punto 2, do Real decreto 2066/2008, excepto a sinalada na letra l), corresponden 2.000 euros. As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros. Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo dos establecidos neste número, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles.

2. Ás persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e se atopen na circunstancia sinalada na letra l) do artigo 1º, punto 2, do Real decreto 2066/2008, e ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude en especial situación de necesidade, corresponderalles como subvención o 25% do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, da suma dos valores da edificación e do solo que constarán na escritura de obra nova. A contía desta subvención terá un límite absoluto de 17.000 euros. As circunstancias acreditaranse mediante informe social do Concello e por certificación do organismo competente en materia de emigración. Estes colectivos non poderán acollerse ás axudas recollidas no punto 1 deste artigo.

Artigo 5º.-Crédito orzamentario e contía total máxima da convocatoria.

As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 07.90.451B.780.1 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para o ano 2011, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na cal se reserva o importe total de 600.000 euros para atender as concesións que procedan.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda pola situación da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante e xuntando os documentos seguintes:

a) Autorización para consultar os datos de identidade ou, no seu defecto, copia compulsada do DNI.

b) Certificación da entidade de crédito de ter ao seu nome unha conta en que desexe que se realice o pagamento.

c) Certificación da entidade de crédito conforme o solicitante obtivo o préstamo convido ao abeiro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 en que se indique a data de formalización e o seu importe.

d) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, a escritura pública inscrita no rexistro da propiedade que acredite a transmisión da vivenda.

e) No caso de persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, o informe social e económico do concello sobre a familia afectada así como sobre a súa situación legal de residencia e capacidade de integración.

f) No caso de emigrantes galegos retornados nos dous anos anteriores ao momento da solicitude en especial situación de necesidade, informe da Secretaría Xeral de Emigración.

2. As solicitudes presentaranse en calquera rexistro do IGVS, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puideran obter de oficio, requiriráselle ao interesado a súa presentación.

Sen prexuízo do anterior, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións indicadas.

Artigo 7º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 8º.-Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde e debidamente cuberta, á cal se deberá xuntar a documentación que nela se indica consonte o artigo 6º, punto 1 desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non completar o citado requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do anterior, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 5º desta orde, resolverá o que en dereito proceda.

3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo competente para a súa tramitación e, en caso de empate, priorizaranse aqueles que teñan os menores ingresos en número de veces do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) tomando como referencia aqueles tidos en conta para os efectos do cálculo das subvencións.

Artigo 9º.-Resolución das subvencións.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7º do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude, tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.

2. Contra a resolución de concesión ou denegación da subvención da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7º do Decreto 402/2009.

Artigo 10º.-Pagamento das subvencións.

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 11º.-Compatibilidade e incompatibilidade.

1. Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o prezo máximo de venda da vivenda obxecto de axudas por esta convocatoria.

2. No caso de que a adquisición, adxudicación ou promoción individual para uso propio dunha vivenda se fixera en réxime de cotitularidade, só se concederá unha subvención por vivenda.

Artigo 12º.-Reintegro da subvención.

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34º da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

2. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos nos artigos 33º da Lei de subvencións de Galicia e 39º do Decreto 402/2009.

3. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38º da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/A director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial, ditará resolución expresa, debidamente motivada, en que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención e comunicaralle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

3. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7º do Decreto 402/2009.

Artigo 14º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13º, punto 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, este organismo publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun programa informático de carácter permanente, á disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a consignar calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 15º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Disposición adicional

Delégase no director xeral do IGVS a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste o orzamento nesta ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30º e 31º do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "03900D016P048.PDF"