DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 29/2011, do 10 de febreiro, polo que se desafecta do dominio público un inmoble, antiga caseta de legoeiros, situado no lugar do Barqueiro, concello de Mañón (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular das antigas casetas de legoeiros en virtude do Real decreto 2708/1983, do 21 de setembro, sobre transferencia de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas, que concretamente no seu anexo, parágrafo F), c), establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia os bens inmobles afectos ás estradas transferidas, descritos na relación 2º.3, especificando parcelas, viveiros, almacéns, casas de legoeiros anexas ás estradas transferidas.

O artigo 10º.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben descrito a seguir:

Soar dunha superficie total de 304 m2, sobre o que se asenta unha edificación principal de planta baixa de 110 m2 e faiado alto de 58 m2, xunto cun alpendre contiguo polo norte de 27 m2, segundo as actuais medicións do Catastro, situado no punto quilométrico 64,420 da estrada AC-862, Ribadeo-Ferrol, (antigamente estrada AC-642, punto quilométrico 58,200), lugar do Barqueiro, municipio de Mañón (A Coruña). Estrema: norte, Purificación Rodríguez Fernández; sur, Francisco Vidal Rego, leste, Purificación Rodríguez Fernández e Francisco Vidal Rego e oeste, estrada da súa situación, AC-862.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira, no tomo 509, libro 46, folio 118, predio nº 7.408.

Correspóndese o inmoble coas referencias catastrais 4134210PJ0443S0001AK e 4134209PJ0443S0001YK de urbana.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda