DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 28/2011, do 3 de febreiro, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, ao Concello de Arteixo dunha parcela onde se asentan os campos de fútbol de Meicende.

O Concello de Arteixo solicitou a cesión a título gratuíto da parcela na que se asentan os campos de fútbol de Meicende.

A titularidade do ben corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, (BOE nº 235, do 1 de outubro), sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura.

A parcela desafectouse do dominio público polo Decreto 134/2010, do 15 de xullo (DOG nº 150, do 6 de agosto), e declarouse a súa alleabilidade pola Orde do 13 de agosto de 2010, (DOG nº 179, do 16 de setembro).

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Facenda, tramitou o expediente de cesión da parcela de acordo co previsto nos artigos 83º e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Arteixo, da propiedade do ben inmoble que se describe a continuación:

Parcela sita na rúa Oviedo, 1, no lugar de Meicende, concello de Arteixo (A Coruña), que ten unha superficie segundo rexistro de 19.881 m2 onde se asentan os campos de fútbol de Meicende. Linda: norte, Manuel Sánchez Figueroa, Repsol Petróleo, S.A. e antiga La Artística; sur, rúa Oviedo; leste, rúa Oviedo e José Míguez de la Iglesia; e oeste Repsol Petróleo, S.A. Inscrita no Rexistro da Propiedade nº 3 da Coruña, no libro 549, folio 1, predio nº 37.864. Referencia catastral 4797409NH4949N0001UQ.

Artigo 2º

A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) A parcela destinarase a instalacións deportivas.

b) No caso de que a parcela non sexa dedicada ao uso previsto no acordo de cesión dentro do prazo dun ano contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade ou se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen. A Consellería de Facenda poderá comprobar o cumprimento das obrigas que leva implícita a cesión. A reversión producirase con todas as súas pertenzas e accesións sen que proceda a favor do concello ningunha indemnización.

c) A Comunidade Autónoma de Galicia, terá dereito a seguir accedendo e utilizando a sirena ou obxecto similar que nalgún momento a substitúa.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita pola secretaria xeral e do Patrimonio ou funcionario no que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario. Os custos de formalización serán de conta do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

A Coruña, tres de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda