DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 27/2011, do 28 de xaneiro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do edificio e terreos anexos sitos na rúa Montesacro, 45, feita polo Concello de Cambados á Comunidade Autónoma de Galicia, para a construción dun centro de día.

O Pleno do Concello de Cambados, en sesión plenaria do día 30 de outubro de 2010, acordou ceder, a título gratuíto, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, o edificio e os terreos anexos sitos na rúa Montesacro, 45, para a construción dun centro de día dependente da Consellería de Traballo e Benestar, que ten conferida a competencia en materia de asistencia social.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16º, 17º e 23º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33º, 34º e 38º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase nos termos establecidos polo Concello de Cambados a cesión, a título gratuíto, segundo rexistro, do inmoble seguinte:

Urbano. Edificio destinado a matadoiro municipal e terreo anexo a este, situado no municipio de Cambados, barrio de Santo Tomé, no chamado Prado de Canibelas, rúa Montesacro, nº 45, de superficie mil catrocentos cincuenta e oito metros cadrados, dos cales corresponden á superficie construída seiscentos un metros cadrados. Estrema: norte, Evaristo Daporta Pérez; sur, Rosa Domínguez Piñeiro e Ramón Piñeiro; leste, Miguel Fernández Chaves, Marina Ambrós e Rosa Domínguez; e oeste, rúa Montesacro.

O inmoble está inscrito no Rexistro da Propiedade de Cambados no tomo 1.403, libro 173, folio 96, predio nº 16.857. Ten o número de referencia catastral: 5362908NH1056S0001WL.

Artigo 2º

O destino do inmoble será a construción dun centro de día.

Artigo 3º

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda