DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 26/2011, do 28 de xaneiro, polo que se desafectan do dominio público dous inmobles situados en Laraño e Villestro, no concello de Santiago de Compostela, procedentes da extinta cámara agraria local.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do establecido na disposición adicional sétima.1 da Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), en relación coa disposición adicional segunda da Lei 23/1986, do 24 de decembro (BOE nº 312, do 30 de decembro), segundo a redacción dada no artigo 1º da Lei 23/1991, do 15 de outubro (BOE nº 249, do 17 de outubro) de varios inmobles no concello de Santiago de Compostela de natureza demanial.

O artigo 10º.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que, cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería do Medio Rural manifestou a innecesariedade destes bens para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Parcela nº 94 Novais, situada en Laraño (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 850 m2 que, segundo o rexistro da propiedade, estrema: norte, con María Suárez Blanco; sur, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; leste, María Suárez Blanco; e oeste, Ramón Rey Pais.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela como predio nº 22.970, tomo 1.202, libro 244 e folio 204.

Referencia catastral: 15079A509000940000FW.

2. Parcela nº 98 Pombal, situada no lugar de Piñeiro, parroquia de Villestro (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 663 m2, que segundo o rexistro da propiedade estrema: norte, con camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; sur, Constantino Capeáns Nieto; leste, María Capeáns Nieto e María Adán Castro; e oeste, José Noya Vidal.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela como predio nº 23.020, tomo 1.203, libro 245 e folio 4.

Referencia catastral: 3272402NH3437C0001FA.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda