DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 25/2011, do 28 de xaneiro, polo que se desafecta do dominio público unha franxa de terreo dun inmoble situado no concello de Padrón procedente da extinta cámara agraria local con motivo da expropiación polas obras do modificado número 1 do proxecto do eixo atlántico de alta velocidade.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do establecido na disposición adicional 7ª.1 da Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), en relación coa disposición adicional 2ª da Lei 23/1986, dO 24 de decembro (BOE nº 312, do 30 de decembro), segundo a redacción dada no artigo 1º da Lei 23/1991, do 15 de outubro (BOE nº 249, do 17 de outubro) dun inmoble situado no concello de Padrón de naturaleza demanial.

O inmoble está afectado por un expediente expropiatorio iniciado polo Ministerio de Fomento con motivo das obras do proxecto construtivo eixe atlántico de alta velocidade. Tramo Rialiño-Padrón. Plataforma.

O artigo 10º.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que, cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería do Medio Rural manifestou a innecesariedade deste ben para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público o ben descrito a continuación:

Franxa de terreo de 426 m2 que forma parte da parcela nº 422, situada en Santa Mª de Cruces (Padrón) cunha superficie de 665 m2 que segundo o Rexistro da Propiedade linda: norte, José Rabuñal Cruces, cauce de rega en medio; sur, Ernesto Mariño Ríos; leste, camiño; oeste, Rosa Ríos Boquete.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 487, libro 110, folio 84, predio 9.640. Referencia catastral: 15066B503004220000FZ.

Artigo 2º

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda