DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 24/2011, do 20 de xaneiro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Lugo, dunha parcela de terreo.

Con data do 14 de outubro de 1977, o Concello de Lugo cedeu a título gratuíto á Administración do Estado, mediante escritura pública, unha parcela de terreo para a construción dun centro de formación profesional ocupacional.

Unha vez comprobado que a Administración do Estado nunca aceptou a cesión, e de conformidade coa Lei 12/1983, do 14 de outubro, do proceso autonómico, e co Real decreto 146/1993, do 29 de xaneiro, de traspaso de funcións e servizos da xestión da formación profesional ocupacional á Comunidade Autónoma de Galicia, a Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16º, 17º e 23º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33º, 34º e 38º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase nos termos establecidos polo Concello de Lugo a cesión, a título gratuíto, do inmoble seguinte:

Urbano. Predio destinado a soar, denominado Carballeira das Mercedes, na rúa Montirón, s/n, desta cidade. Ten a superficie de sete mil setecentos cincuenta e oito metros cadrados. Estrema: norte, con Virtudes Carreira e rúa de Montirón; sur, camiño coñecido por de Lamas, Ángel Miragaya e Concello de Lugo; leste, camiño de Lamas; oeste, parcela do concello e deputación, onde está a Escola Técnica de Artes Aplicadas.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Lugo, no tomo 836, libro 418, folio 136, predio nº 33.498. Inscrición 1ª.

Referencia catastral: 8918402PH1681N0001RU.

Artigo 2º

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da aceptación da cesión no correspondente documento público.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda