DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2011 Páx. 3.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 23/2011, do 17 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e mellora da E.P. 8002 Caldas de Reis-San Clemente de Cesar (tramo Caldas de Reis-Aboi) da Deputación Provincial de Pontevedra.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día dez de setembro de dous mil dez, aprobou o proxecto de alargamento e mellora da EP 8002 Caldas de Reis-San Clemente de Cesar (tramo Caldas de Reis-Aboi) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos cales se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3º da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, a mellora de infraestruturas neste tramo da estrada reverterá na seguranza viaria e reducirá o perigo que supón para os condutores e os peóns a presenza dunha curva pechada de raio reducido e unha calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos con importantes deficiencias no firme.

A urxente ocupación dos bens e dereitos entenderase referida só naquela actuación que non afecte o predio e cerramento da Villa Augusta, mantendo a dimensión actual da vía nesa zona e logo de prospección arqueolóxica intensiva para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, segundo o establecido no acordo da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura e Turismo con data do vinte e tres de novembro de dous mil dez.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27º.2 e 28º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e mellora da EP 8002 Caldas de Reis-San Clemente de Cesar (tramo Caldas de Reis-Aboi) da Deputación Provincial de Pontevedra, tendo en conta a dita excepción e debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza