DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 24 de febreiro de 2011 Páx. 3.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 18 de febreiro de 2011 pola que se fixan as tarifas e os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á xuventude da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2011.

Dando cumprimento ao disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, procede establecer os prezos dos servizos prestados nos campamentos, albergues, residencias e demais instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, ata agora fixados pola Orde do 18 de febreiro de 2010 (DOG nº 39, do 26 de febreiro), así como establecer os prezos dos diferentes carnés dirixidos á xuventude que se expiden a través dos servizos de xuventude, casas da xuventude, oficinas TIVE e outras entidades colaboradoras.

A Lei 6/2003, dispón no seu artigo 51º que a contía destes se acordará por orde da consellería correspondente, logo do informe favorable da Consellería de Facenda. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os prezos exixibles pola prestación de servizos e actividades en campamentos, albergues, residencias e demais instalacións de xuventude, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, son os que se fixan no anexo I desta orde.

2. Os prezos relativos á expedición do Carné Xove, carnés de alberguista nas súas diferentes modalidades e carnés TIVE recóllense no anexo II.

3. Estes prezos enténdense, se é o caso, co IVE incluído. A xestión destes prezos privados farase de acordo co disposto no artigo 52º da Lei 6/2003, do 9 de decembro.

Artigo 2º

1. Os prezos recollidos no anexo I desta orde serán expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro.

2. Os grupos que usen unha instalación xuvenil terán preferencia para o uso de todas as súas dependencias. Non aboarán suplemento polo uso das pistas polideportivas descubertas, pero terán a obriga de aboar as tarifas establecidas no anexo I desta orde, pola utilización dos polideportivos cubertos ou calquera material dos que alí figuran.

3. Calquera material incluído nesta orde que sexa usado polos grupos devolverase no mesmo estado en que lles foi cedido e reporase ao mesmo lugar en que se atopaba. Así mesmo, serán responsables tanto das deterioracións que se causen no material coma da responsabilidade civil en que puideren incorrer por posibles danos a terceiros.

Para o emprego do material que pola súa especificidade así o exixa, os grupos deberán contar con persoal especializado e coas titulacións necesarias para a súa utilización.

Os grupos deberán presentar no momento en que vaian facer uso de material que pola súa especialidade así o requira tanto o seguro que cubra a realización da actividade coma a acreditación das titulacións referidas no parágrafo anterior.

Artigo 3º

Os membros de familia que teñan o título de familia numerosa terán un desconto do 50% sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no programa Campaña de Verán.

Para estes efectos, o beneficiario do desconto deberá presentar, xunto coa documentación que proceda en cada caso, unha fotocopia compulsada do título de familia numerosa onde figure.

Artigo 4º

Os usuarios do Carné Xove gozarán en todas as actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dun desconto como mínimo do 10% e como máximo do 50%. A porcentaxe de desconto aplicable en cada caso especificarase no folleto informativo de cada un dos programas e actividades que se leven a cabo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 18 de febreiro de 2010 pola que se fixan as tarifas e os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á xuventude da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2010.

Malia o disposto no parágrafo anterior, segue vixente o prezo do servizo (por praza e mes) nas residencias xuvenís para estudantes contido na alínea C do anexo I da Orde do 18 de febreiro de 2010, durante o curso 2010/2011.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Prezos relativos á utilización e aos servizos prestados nos

campamentos, albergues e residencias xuvenís titularidade

da Consellería de Traballo e Benestar

A. Pola utilización dos campamentos e albergues xuvenís durante a campaña de verán establécense os seguintes prezos por praza:

A.1. En réxime de oferta concertada (dirixida a grupos).

A.1.1. Campamentos:

Tarifa en euros

Por quenda de quince días: 114.

Por quenda de doce días: 92.

Por día: 11.

A.1.2. Albergues e residencias:

Por quincena: 153.

Por día: 16,30.

Estes prezos abranguen os seguintes servizos: o aloxamento, a alimentación en réxime de pensión completa, o uso das instalacións e material de conformidade co establecido no artigo 2º.2 e 2º.3, o consumo de auga, electricidade e combustible, agás o material de actividades específicas de animación.

Aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Secretaría Xeral de Familia e Benestar da Consellería de Traballo e Benestar como entidades prestadoras de servizos sociais gozarán dun desconto do 50% sobre os prezos deste punto.

A.2. En actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A.2.1. Campamentos:

Actividades náuticas (por quenda de doce días): 168.

Actividades ao aire libre/na natureza, lúdico-deportivas e culturais (por quenda de doce días): 143.

Actividades ao aire libre/na natureza, lúdico-deportivas e culturais (por quenda de 8 días): 82.

Actividades turístico-deportivas (por quenda de doce días): 168.

A.2.2. Albergues:

Actividades náuticas (por quenda de doce días): 188.

Actividades ao aire libre/na natureza, lúdico-deportivas e culturais (por quenda de doce días): 180.

Actividades ao aire libre/na natureza, lúdico-deportivas e culturais (por quenda de 8 días): 92.

Actividades turístico-deportivas (por quenda de doce días): 180.

A.2.3. Campos de traballo:

Ámbito autonómico e nacional (por quenda): 72.

Ámbito internacional (por quenda): 72.

B. Por servizos nos albergues e residencias integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAX), establécense os seguintes prezos por persoa:

Servizos Ata 30 anos Maiores de 30 anos

Pensión completa 16,50 21,50

Aloxamento 7,50 11,00

Almorzo 2,50 2,50

Xantar ou cea 6,70 6,70

Para facer uso destes servizos deberase posuír o carné de alberguista en calquera das súas modalidades.

C. Servizo nas residencias xuvenís para estudantes (por praza e mes), durante o curso 2011/2012:

Residentes internos: 263.

D. Pola utilización das instalacións recreativo-deportivas:

D.1. Uso de pavillón polideportivo cuberto/hora: 20.

D.2. Uso de pistas polideportivas descubertas/hora: 8.

D.3. Uso de piscina non climatizada/hora: 2,50.

D.4. Uso de material náutico. A gasolina será por conta do solicitante:

Un barco de vela media xornada: 6.

Un barco de vela unha xornada: 11.

Unha embarcación pneumática a motor media xornada: 11.

Unha embarcación pneumática a motor unha xornada: 21.

Unha canoa media xornada: 4.

Unha canoa unha xornada: 7.

E. Polo uso de locais ou salas:

Sen equipamento informático:

Media xornada: 7.

Unha xornada: 11.

Con equipamento informático:

Media xornada: 14.

Unha xornada: 22.

Media xornada é unha mañá ou unha tarde cun máximo de catro horas.

O réxime de pensión completa para grupos xa inclúe o uso das dependencias necesarias para o desenvolvemento do programa.

F. Pola utilización dos campamentos e albergues para actividades recreativas ao aire libre:

F.1. Acampadas (con tendas da entidade): 3 euros/día e persoa.

F.2. Actividades recreativo-culturais en albergues (convivencia):

15 euros/día/grupo de ata 50 usuarios.

22 euros/día/grupo de 51 a 100 usuarios.

37 euros/día/grupo de 101 a 200 usuarios.

71 euros/día/grupo de 201 a 300 usuarios.

ANEXO II

Prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos

á xuventude

Carné xove: 6.

Carné alberguista xove: 5.

Carné alberguista adulto: 12.

Carné alberguista grupo: 15.

Carné alberguista familiar: 24.

Carné alberguista para estranxeiros (completo): 21.

Carné alberguista para estranxeiros (cupón): 3,50.

Carné teacher (ITIC): 8.

Carné internacional xove (IYTC): 6.

Carné student (ISIC): 6.