DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 24 de febreiro de 2011 Páx. 3.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 18 de febreiro de 2011 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a proxectos de asociacións e concellos que desenvolven accións de saúde pública no campo do VIH/sida.

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúan sendo un dos principais problemas de saúde pública que padece a nosa sociedade, polo que cómpre impulsar e mellorar as actividades encamiñadas a enfrontalo.

Dentro do marco das actividades anti VIH/sida en Galicia priorízase o financiamento de accións anti VIH/sida para contribuír á mellora da situación epidemiolóxica en Galicia e á acción global anti VIH/sida liderada por ONUSIDA.

Polo exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 36º.6 e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e entidades destinatarias.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de accións de saúde pública relacionadas coa infección polo VIH e a sida.

2. Estas axudas van dirixidas a proxectos de asociacións e concellos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2011.

3. Non poderán ser beneficiarias as asociacións e os concellos que estean incursos nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10º.2 e 10º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades que poden ser subvencionadas por esta orde estarán encadradas dentro das accións anti VIH/sida no campo da saúde pública, e serán as seguintes:

1.1. Facilitación e fomento do uso do preservativo nos colectivos máis vulnerables.

1.2. Promoción da realización da proba do VIH ás persoas con prácticas de risco.

1.3. Programas de intercambio de xiringas.

1.4. Programas específicos de prevención para homes que practican sexo con homes (HSH).

1.5. Programas específicos de prevención para persoas que exercen a prostitución e os seus clientes.

1.6. Programas de prevención en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida.

1.7. Programas de rúa ou achegamento que faciliten o acceso á información sobre o VIH/sida e aos servizos sanitarios, especialmente en poboacións máis vulnerables.

1.8. Actividades preventivas específicas con participación de pares.

1.9. Educación para a saúde, con perspectiva de xénero, a persoas de ambos os sexos sobre hábitos sexuais saudables, a infección polo VIH e a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

1.10. Programas de loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas polo VIH e a sida.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

1. Estas axudas financiarán un só proxecto por asociación e concello. No caso das asociacións poderán estar constituídas por un máximo de 6 subproxectos.

2. As axudas concedidas van destinadas a cubrir a totalidade ou parte dos seguintes gastos:

-Nóminas (incluídos gastos de Seguridade Social).

-Aluguer de locais.

-Gastos de mantemento dos locais: electricidade, gas, auga, teléfono, lixo e comunidade.

-Material preventivo: xiringas estériles para UDI e preservativos.

-Material divulgativo en relación co proxecto.

-Gastos de desprazamento motivados polo proxecto.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención percibida para a mesma finalidade sen que, en ningún caso, o importe da subvención concedida poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto ou, se for o caso, subproxectos que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

1. O importe total destas axudas é de cento sesenta e un mil trescentos trinta e sete euros (161.337,00 €), que se pagarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, nas cales existe crédito orzamentario suficiente:

-1002.413A.481.0 (código do proxecto: 201100498): por un importe de 149.061,00 €, para asociacións.

-1002.413A.460.0 (código do proxecto: 201100498): por un importe de 12.276,00 € para concellos.

Este importe poderá verse incrementado a través das oportunas modificacións orzamentarias, de conformidade co previsto no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións.

En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento de resolución de concesión.

2. No referente ás asociacións, o importe subvencionado por proxecto será a suma dos importes subvencionados dos seus subproxectos. O importe subvencionable de cada un destes estará comprendido entre 1.000,00 e 3.500,00 euros.

Os proxectos ou, se for o caso, os subproxectos subvencionados recibirán a contía máxima subvencionable de 3.500,00 € agás o último seleccionado que recibirá o resto orzamentario se este está comprendido entre 1.000,00 e 3.500,00 €. Se o resto orzamentario é inferior a 1.000,00 €, dividirase entre tres e adxudicarase este importe a partes iguais entre os tres proxectos que acaden maior puntuación.

Os proxectos subvencionados ou, se for o caso, subproxectos, recibirán os 3.500,00 € sempre que a contía solicitada sexa igual ou supere esta cantidade. Se a contía solicitada polos proxectos ou, se for o caso, subproxectos, estiver comprendida entre 1.000,00 € e 3.500,00 € adxudicarase a contía solicitada.

3. No referente aos concellos, o importe subvencionable de cada proxecto estará comprendido entre 700,00 euros e 1.534,50 euros.

Os proxectos subvencionados recibirán a contía máxima subvencionable de 1.534,50 € agás o último seleccionado que recibirá o resto orzamentario se este está comprendido entre 700,00 e 1.534,50 €. Se o resto orzamentario é inferior a 700,00 €, dividirase entre tres e adxudicarase este importe a partes iguais entre os tres proxectos que acaden maior puntuación.

Os proxectos subvencionados recibirán os 1.534,50 € sempre que a contía solicitada sexa igual ou supere esta cantidade. Se a contía solicitada polos proxectos estiver comprendida entre 700,00 € e 1.534,50 €, adxudicarase a contía solicitada.

4. Adxudicaranse, en concorrencia competitiva, as contías descritas nos puntos anteriores segundo o crédito orzamentario dispoñible.

Artigo 5º.-Requisitos da solicitude.

1. As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e xuntarase unha memoria explicativa do proxecto que se estea a realizar ou se pretenda realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.

No caso de presentar solicitude para un proxecto que conteña varios subproxectos, deberá presentarse un só anexo I e deberán presentarse tantos anexos II como subproxectos teña o proxecto.

2. As entidades peticionarias das axudas presentarán, coa solicitude inicial do proxecto, unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas das distintas administracións públicas competentes ou, na súa falta, unha declaración de que non solicitaron ningunha outra subvención para o citado proxecto ou, se for o caso, subproxectos segundo o modelo que figura no anexo III. Por tanto, no caso de presentar solicitude para un proxecto que conteña varios subproxectos, deberá presentarse un anexo III por cada subproxecto.

3. As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde, comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se presentar a documentación exixida, requirirase o interesado para que, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días con indicación de que, de non ser así, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da citada lei.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, e mais a documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade ou nos lugares establecidos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando sexan pertinentes. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade na valoración, selección das solicitudes e adxudicación das subvencións.

1. Os criterios de prioridade na valoración de proxectos e subproxectos son os seguintes:

1.1. Dispor de local social por parte da entidade solicitante: ata un máximo de dous locais e 12 puntos.

En propiedade: 6 puntos.

En arrendamento: 5 puntos.

En cesión dunha Administración pública: 3 puntos.

En cesión dunha persoa ou institución privada: 1 punto.

1.2. Dispor no momento da solicitude de persoal asalariado dado de alta na Seguridade Social pola asociación para realizar o proxecto: ata un máximo de 200 puntos. Por traballador/a asalariado/a: 50 puntos.

1.3. Número de voluntarias/os participantes no proxecto: ata un máximo de 16 puntos. Por voluntaria/o participante: 2 puntos.

1.4. Tipo de colectivo diana a que vai dirixido. Valorarase só o colectivo principal e, de existir máis dun, valorarase só o definido como principal no proxecto. Neste número, só se puntuarán os proxectos que teñen claramente definido un colectivo principal e que inclúan nas súas actividades a facilitación regular e continuada de preservativos e/ou xiringas, realización de probas diagnósticas, cita ou acompañamentos a institucións sanitarias. A valoración dos colectivos será a seguinte:

HSH: 10 puntos.

UDI: 8 puntos.

Persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 8 puntos.

Inmigrantes: 5 puntos.

Prostitución: 5 puntos.

Persoas internas en prisións: 5 puntos.

Mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social (residente en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.): 2 puntos.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 2 puntos.

Mulleres: 2 puntos.

Poboación xeral: 1 punto.

Outros colectivos: 0 puntos.

1.5. Duración das actividades sobre a poboación diana previstas no proxecto: 10 puntos por mes.

1.6. Accións de facilitación de preservativos sobre a poboación diana prevista no proxecto:

HSH: 20 puntos.

Persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 12 puntos.

Prostitución: 10 puntos.

Inmigrantes: 4 puntos.

Mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social (residente en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.): 4 puntos.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 4 puntos.

Mulleres: 4 puntos.

Poboación xeral: 2 puntos.

1.7. Accións de intercambio de xiringas e/ou facilitación de preservativos sobre a poboación diana prevista no proxecto:

UDI: 16 puntos.

Persoas internas en prisións: 16 puntos.

1.8. Accións de información e divulgación sobre a poboación diana prevista no proxecto. Non se subvencionarán os proxectos que non presenten un exemplar do material divulgativo que se empregará no proxecto, agás aquel que fose realizado ou editado pola Consellería de Sanidade, Ministerio de Sanidad, Política Social e Igualdad ou ONUSIDA. As puntuacións das accións de información e divulgación sobre os distintos colectivos serán as seguintes:

HSH: 10 puntos.

UDI: 8 puntos.

Persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 6 puntos.

Persoas internas en prisións: 5 puntos.

Prostitución: 5 puntos.

Inmigrantes: 2 puntos.

Mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social (residente en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.): 2 puntos.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 2 puntos.

Mulleres: 2 puntos.

Poboación xeral: 1 punto.

1.9. Promoción da realización da proba do VIH nas persoas con prácticas de risco para a infección polo VIH: 20 puntos.

1.10. Participación de educadoras/es de pares no desenvolvemento do proxecto: 2 puntos.

1.11. Proxectos de prevención en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida: 4 puntos.

1.12. Proxectos de prevención con persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 3 puntos.

1.13. Proxectos específicos de loita contra a discriminación das persoas afectadas polo VIH/sida: 15 puntos.

1.14. Proxectos que continúan respecto de anos anteriores: 2 puntos.

1.15. Rigor metodolóxico do proxecto: ata un máximo de 180 puntos.

Valorarase:

A xustificación do proxecto: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida 10 puntos.

Definición e cuantificación de obxectivos: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida 10 puntos.

Material e método empregado con definición dos contidos, da poboación e do plan de traballo: 0 a 100 puntos. Puntuación mínima exixida 50 puntos.

Avaliación dos resultados: 0 a 40 puntos. Puntuación mínima exixida 20 puntos.

Deberá acadarse a puntuación mínima en todos e cada un destes criterios. Non se subvencionarán proxectos que neste número 15 non acaden a puntuación mínima en calquera dos seus criterios, independentemente das puntuacións acadadas nos outros puntos do artigo 7º.

1.16. Coherencia do financiamento do proxecto: axuste entre o orzamento e os recursos dispoñibles para a súa realización. Puntación: 0 a 10 puntos. Puntuación mínima exixida: 7 puntos. Non se subvencionarán proxectos que neste punto 16 non acaden a puntuación mínima, independentemente das puntuacións acadadas nos outros puntos do artigo 7º.

1.17. Valorarase a partida orzamentaria de gastos de nóminas (incluíndo gastos de Seguridade Social), sobre o total do orzamento do proxecto, da seguinte maneira:

-Máis do 70%: 50 puntos.

-Entre o 50-70%: 20 puntos.

-Menos do 50%: 5 puntos.

1.18. Desestimaranse aqueles subproxectos que teñan un orzamento inferior a 1.000,00 €.

1.19. Presentar unha certificación acreditativa de calidade da entidade solicitante: ata un máximo de 5 puntos.

ISO: 2 puntos.

FQM: 2 puntos.

Outras: 1 punto.

1.20. Os proxectos que recollan a perspectiva de xénero: 10 puntos.

1.21. Os proxectos que utilicen a lingua galega no seu desenvolvemento xeral, incluíndo presentacións, actividades, materiais didácticos, materiais divulgativos, redacción de memorias e documentos: 10 puntos.

1.22. En caso de empate entre dous ou máis proxectos ou, se for o caso, subproxectos priorizarase en primeiro lugar aquel proxecto ou subproxecto que vaia dirixido ao colectivo máis priorizado segundo o punto 1.4 deste artigo 7º e, en segundo lugar, o que obteña maior valoración no número 1.15 deste artigo 7º.

2. Selección das solicitudes:

Unha vez valorados, en réxime de concorrencia competitiva, todos os proxectos ou, se for o caso, subproxectos, establecerase unha relación por orde de puntuación para asociacións e outra para concellos.

3. Adxudicación das subvencións:

Adxudicaranse segundo a orde da relación descrita no punto anterior e coas contías descritas no artigo 4º.

Artigo 8º.-Instrución e comisión de valoración.

1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións corresponderá á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

2. Durante a instrución do procedemento constituirase, como órgano colexiado, unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo anterior, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe.

Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

O/a director/a xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

O/a subdirector/a xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, ou persoa en quen delegue.

O/a xefe/a do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

3. O/a director/a xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución debidamente motivada, que deberá expresar a relación de entidades solicitantes para as cales se propón a concesión das subvencións e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Unha vez emitida a proposta de resolución, a/o conselleira/o de Sanidade ditará resolución, de conformidade co previsto no artigo 34º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A devandita resolución será motivada e deberá conter, de maneira expresa, a relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen se ditar resolución, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.

A resolución deberá ser notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58º e 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. De conformidade co establecido nos artigos 14º.2 e 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13º.3 e 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial, no Diario Oficial de Galicia e nos rexistros públicos referidos, a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

4. En cumprimento do disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos ao abeiro desta orde se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento, podendo exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á:

Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, edificio adminsitrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, A Coruña.

5. Segundo o establecido no artigo 14º.1 ñ), da Lei 9/2007, infórmaselles aos interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16º da mesma lei.

Artigo 10º.-Reformulación das solicitudes.

Non se prevé a posibilidade de reformulación das solicitudes.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra a resolución do procedemento, que pon fin á vía administrativa, as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a/o conselleira/o de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade interesada, e recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida notificación.

De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata este ser resolto expresamente ou se producir a súa desestimación presunta.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez realizado o proxecto, deberá remitirse á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ata o 31 de outubro de 2011 a correspondente conta xustificativa, prevista no artigo 44º a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. De conformidade co previsto no artigo 48º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a conta xustificativa abranguerá:

1.1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Deberá entregarse unha memoria de actuación por cada proxecto ou, se for o caso, subproxecto subvencionado.

1.2. Unha memoria económica do custo das actividades realizadas por cada proxecto ou, se for o caso, subproxecto, que conterá:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se é o caso, a data de pagamento.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. Os recibís asinados terán validez para xustificar pagamentos ata un importe máximo de 1.000,00 € por proxecto.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia (anexo III).

A memoria económica dos proxectos que conteñen varios subproxectos incluirá, ademais da relación clasificada dos gastos dos subproxectos, unha relación coa suma das contías xustificadas destes subproxectos.

Independentemente da data de adxudicación da subvención, aceptaranse xustificantes de gastos relacionados co proxecto desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2011.

2. Pagamento:

O pagamento da subvención concedida farase nun só pagamento, unha vez completado correctamente todo o proceso de xustificación. Se a cantidade debidamente xustificada for inferior á cantidade subvencionada só se aboará a cantidade debidamente xustificada.

En todo caso, segundo o disposto no artigo 31º.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 60º.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, as entidades beneficiarias terán acreditado con anterioridade ao pagamento estaren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non estarán suxeitas a esta obriga as entidades beneficiarias das subvencións nos supostos sinalados no artigo 48º da Lei 17/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Tendo en conta o artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, son obrigas das entidades beneficiarias:

-Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

-Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

-Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación sexa de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se fornecerá canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

-Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

-Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

-Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

-Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15º da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

-Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33º da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 14º.-Revogación e reintegro das axudas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas desta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33º.1 b) da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Segunda.-A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos seleccionados.

Terceira.-Autorízase o/a director/a xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2011.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "03800D005P012.PDF"

ANEXO II

Aspectos que deben considerarse na memoria do proxecto, ou subproxecto, se for o caso, para o cal se solicita a subvención:

1. Datos de identificación:

-Nome da entidade que a solicita e copia cotexada do CIF.

-Datos bancarios e certificación bancaria orixinal ou copia cotexada.

-Datos de filiación do/a responsable ou coordinador do proxecto: nome, apelidos, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico.

-Datos de filiación do/a representante da entidade: nome, apelidos, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico.

-Título do proxecto, lugar de realización e cronograma do proxecto.

-Datos das persoas asalariadas para o proxecto: nome, apelidos, DNI, datos profesionais, función e tempo dedicado.

-Datos das persoas voluntarias para o proxecto: nome, apelidos, DNI, datos profesionais, función e tempo dedicado.

2. Describir as actividades en relación aos criterios de prioridade, do artigo 7º desta orde, que cumpre o proxecto.

3. Deseño:

-Xustificación.

-Obxectivos.

-Material e método.

-Criterios de avaliación.

4. Orzamento:

-Gastos de persoal.

-Gastos de local.

-Gastos de material preventivo.

-Gastos de material divulgativo.

-Gastos de desprazamento.

-Recursos propios e outras subvencións concedidas.

Ver referencia pdf "03800D005P012.PDF"