DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 24 de febreiro de 2011 Páx. 3.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 22/2011, do 10 de febreiro, polo que se amplía o número de vogais da Comisión Superior para o Estudo do Desenvolvemento do Dereito Civil Galego.

O Decreto 107/1999, do 8 de abril (DOG número 84, do 4 de maio), estableceu a composición e funcións da Comisión Superior para o Estudo e Desenvolvemento do Dereito Civil Galego, que é un órgano consultivo da Xunta de Galicia encadrado na consellería con competencias en materia de xustiza.

Posteriormente, o Decreto 182/1999, do 17 de xuño (DOG número 122, do 28 de xuño), ampliou o número de vogais da dita comisión, co fin de incorporar un membro en representación da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

Co obxecto de que poidan participar todas as institucións que dispoñan de contrastados coñecementos no eido do dereito civil galego e que, polo tanto, poidan fornecer as súas achegas para a recuperación específica deste, procede incorporar un novo membro ao Pleno da referida comisión en representación do Consello Galego dos Procuradores, institución que non contaba con ningún membro nela por causa de que foi creada (mediante o Decreto 248/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba a creación do Consello Galego de Procuradores) despois da última modificación producida na composición da referida comisión superior.

Así mesmo, esta modificación ao Decreto 107/1999 aproveita para realizar a procedente adaptación ao novo marco competencial xurdido coa actual estrutura organizativa da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 4º.2 c) do Decreto 107/1999, do 8 de abril, que queda redactado como segue:

«Un representante de cada unha das seguintes institucións, elixido de entre os seus membros:

-Consello da Cultura Galega.

-Consello da Avogacía de Galicia.

-Consello Galego de Procuradores.

-Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade e Mercantís.

-Colexio Notarial de Galicia.

-Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación».

Disposición adicional

Única.-As mencións recollidas no Decreto 107/1999 relativas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais deben entenderse substituídas pola consellería competente en materia de xustiza; as relativas á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola de Dirección Xeral de Xustiza; e as referencias ao director xeral de Xustiza e Administración Local, pola expresión: O titular da Dirección Xeral de Xustiza.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil once.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza