DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 24 de febreiro de 2011 Páx. 3.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 21/2011, do 10 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acceso oeste a Montecelo, tramo II, PO-223 Porta do Sol-N-550, avenida Médico Ballina da Deputación Provincial de Pontevedra.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día dez de setembro de dous mil dez, aprobou o proxecto de acceso oeste a Montecelo, tramo II, PO-223 Porta do Sol- N-550, avenida Médico Ballina e, na sesión do vinte e nove de outubro de dous mil dez, ratificouse a solicitude á Xunta de Galicia para a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3º da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, esta actuación vén motivada pola necesidade de mellorar a comunicación co barrio de Monte Porreiro, núcleo de poboación en continuo crecemento, así como completar a rede de estradas, evitando a conxestión das vías existentes e desviando o tráfico rodado do centro da cidade co fin de acadar unha maior seguridade viaria.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27º.2 e 28º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acceso oeste a Montecelo, tramo II, PO-223 Porta do Sol- N-550, avenida Médico Ballina da Deputación Provincial de Pontevedra. De ser o seu caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza