DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 23 de febreiro de 2011 Páx. 2.974

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 16 de febreiro de 2011 pola que se incorporan catro novos procedementos ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, regulado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, que permite a presentación por vía telemática de solicitudes, escritos e comunicacións. Esta orde inclúe no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, un novo procedemento, co fin de continuar impulsando o emprego de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da actividade da Xunta de Galicia e no exercicio das súas competencias.

De conformidade co disposto no artigo 2º.2 e a disposición adicional primeira b) e derradeira primeira do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, créase o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regúlase a atención ao cidadán,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Inclúense no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, procedementos para os que está habilitado o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, e quedan pois, habilitados cos efectos previstos no seu artigo 5º.1, os seguintes procedementos:

IN609U. Rexistro de empresas recargadoras de botellas de equipamentos respiratorios autónomos. Declaración responsable.

IN609V. Rexistro de empresas inspectoras de botellas de equipamentos respiratorios autónomos. Declaración responsable.

IN609W. Rexistro de empresas fabricantes de pés de encravamento ou calquera outro elemento estrutural dun guindastre torre. Declaración responsable.

IN609X. Rexistro de empresas recargadoras de gases. Declaración responsable.

Segundo.-O procedemento para a tramitación electrónica estará dispoñible no enderezo:

http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza