DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2011 Páx. 2.957

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2011, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita a instalación eléctrica no concello de Ponte Caldelas. (Expediente IN407A 10/322-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita da instalación eléctrica que a continuación se cita:

Solicitante: Eléctrica Los Molinos, S.L.

Domicilio social: avda. Pontevedra, 14, baixo, 36820 Ponte Caldelas.

Denominación: subestación transformadora 66/20 kV A Reigosa.

Situación: Ponte Caldelas.

Características técnicas: subestación transformadora 66/20 kV de intemperie coas saídas de liña no interior do edificio de control, contando coas seguintes posicións: posición de entrada 66 kV, posición de transformación 66/20 kV con trafo de 25 MVA ONAF e catro posicións de saída de liña a 20 kV. A instalación está situada no polígono O Campiño, concello de Ponte Caldelas.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 3 de novembro, no BOP do 28 de outubro e no xornal Faro de Vigo do 29 de outubro de 2010, e no taboleiro de anuncios do concello de Ponte Caldelas. Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Polo tanto, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar e declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no anteproxecto e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

O prazo para solicitar a aprobación do proxecto de execución é de seis meses a partir da data desta resolución.

Producirase a caducidade desta autorización se transcorrido o dito prazo aquela non for solicitada, podendo solicitar o peticionario, por razóns xustificadas, prórrogas do prazo establecido.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquer outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 3 de febreiro de 2011.

Ignacio Rial Santomé

Xefe territorial de Pontevedra