DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2011 Páx. 2.954

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Fisterra (A Coruña), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (Expediente IN627A 10/6-0).

Para os efectos previstos no artigo 73º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78º do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1º do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario.

Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes.

Gas Galicia SDG, S.A. presentou, o 8 de xullo de 2010, solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Fisterra, xunto co preceptivo proxecto.

Ante esta solicitude, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu, o 13 de xullo de 2010, iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5º do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de agosto de 2010 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Obxecto da petición.

Autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Fisterra (A Coruña), de conformidade co proxecto presentado para o efecto, titulado Proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Fisterra.

Descrición das instalacións.

A subministración de gas natural á localidade de Fisterra canalizarase desde a rede existente no concello de Corcubión. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

-Unha rede básica de distribución en rango MOP (máxima presión de operación) 2 < P = 5 bar, que parte da rede de Corcubión e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Fisterra.

-Unha rede secundaria de distribución en rango MOP 0,1 < P = 2 bar, constituída polas redes de menor diámetro (menor de 160 mm) que parten da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable de 160 a 90 mm, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 15.789 metros, dos cales 12.843 corresponden á rede básica e 2.943 á rede secundaria.

Área de autorización.

A solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal de Fisterra, na provincia da Coruña.

Orzamento.

Seiscentos oitenta mil catrocentos corenta euros con vinte e sete céntimos (680.440,27 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución; poderase examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela, así como no Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, praza Luís Seoane, s/n.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas