DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2011 Páx. 2.952

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución dunha modificación substancial da instalación de coxeración que Paquito, S.L. posúe en Boiro (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 19 de setembro de 1996, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar a Paquito, S.L. a planta de coxeración que promovía en Boiro (A Coruña), e incluíla no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994.

Segundo.-O 1 de outubro de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da planta de coxeración citada, tendo as seguintes características básicas:

-Un motor de catro tempos alimentado por fuel óleo de 3.825 kW de potencia.

-Un alternador síncrono autoregulado e autoexcitado cunha potencia nominal de 3.675 kVA.

-Un transformador de 4.000 kVA e relación 20/6 kV.

-Un transformador de alimentación a servizos auxiliares de 400 kVA e relación 20/0,4 kV.

-Instalacións de almacenamento de combustible, de interconexión coa rede, de protección, sinalización, mando e medida.

Terceiro.-O 8 de setembro de 1998, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio autorizou a posta en marcha da planta de coxeración.

Cuarto.-O 3 de xuño de 2010, Francisco López Silva, en nome de Paquito, S.L., solicitou autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución dunha modificación substancial da instalación de coxeración citada.

Quinto.-O 27 de outubro de 2010 publicouse no BOP da Coruña nº 205, e con data 29 de outubro de 2010 no Diario Oficial de Galicia nº 209, a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución indicada no antecedente de feito cuarto, sen que conste que se presentase alegación ningunha. As características do proxecto que se somete a información pública son as seguintes:

Solicitante: Paquito, S.L.

Domicilio social: lugar Careixo s/n, 15930 Boiro.

Denominación: modificación de planta de coxeración.

Situación: Boiro (A Coruña).

Principais características técnicas:

Modificación da instalación de coxeración actual consistente en:

-Conexión co intercambiador existente da soleira da cámara 5 da fábrica de conservas co circuíto de baixa temperatura (LT), para un aproveitamento de 21 kW.

-Instalación dun sistema de tratamento de auga para a súa utilización como auga técnica, tanto auga de alimentación de caldeiras como auga no proceso produtivo da planta conserveira, que consta dun equipamento de evaporación de baleiro en dobre etapa para producir 55 m3/día de auga desmineralizada de 5 ppm de contido de sales, para aproveitar os 1,683 MW dispoñibles do circuíto de alta temperatura (HT).

-Instalación do sistema de prequecemento de auga de alimentación á caldeira de recuperación, mediante a instalación dun economizador de feixe tubular en espiral na cheminea de saída de gases e tanque de acumulación de 5 m3.

-Instalación dun acumulador de vapor previo ás aplicacións de vapor en planta, cunha presión de servizo de 6 bar e 2 m3 de volume.

-Desmantelamento do intercambiador HT coa instalación dun novo de 1,800 kW.

-Ampliación da instalación eléctrica con 2 cadros para novos equipamentos.

Sexto.-O 17 de decembro de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Sétimo.-O 14 de xaneiro de 2011, Paquito, S.L. presenta acordo de compra de equipamentos por importe superior ao 50% do orzamento do proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 28º da Lei 54/1997, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo.-O artigo 28º do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Terceiro.-A disposición transitoria terceira do Real decreto 1565/2010, do 19 de novembro, polo que se regulan e modifican determinados aspectos relativos á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, establece que as solicitudes de autorización dunha modificación substancial dunha instalación presentadas con anterioridade á entrada en vigor deste real decreto poderán tramitarse e resolverse conforme a normativa vixente no momento da presentación da dita solicitude, sempre que o titular da instalación dispoña dun acordo de compra asinado entre o promotor da instalación e o fabricante ou subministrador de equipamentos correspondente para a adquisición de equipamentos por un importe equivalente polo menos ao 50 por cento do valor da súa totalidade fixado no proxecto de instalación. Este é o caso desta modificación substancial, pois foi solicitada o 3 de xuño de 2010 e presentouse acordo de compra de equipamentos por importe superior ao 50% do orzamento do proxecto

o 14 de xaneiro de 2011.

Cuarto.-Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, na orde da Consellería de Economía e Industria do 14 de decembro de 2009 pola que se regulan os criterios para aplicar o concepto de modificación substancial valorada con criterio de reposición que recolle o artigo 4.3º do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle administrativamente a Paquito, S.L. a modificación substancial da instalación de coxeración que posúe en Boiro (A Coruña).

Segundo.-Aprobar o proxecto de execución da devandita modificación substancial, Proyecto reformado de modificación substancial de la planta de coxeración de Paquito, S.L., Boiro, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Diego Rioseco López, colexiado número 2392, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 10 de setembro de 2010, co número CO102856.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba e referido no punto segundo da parte dispositiva desta.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Terceira.-O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data de publicación desta resolución.

Cuarta.-Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Paquito, S.L.

Quinta.-Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Sexta.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava.-Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, deberase solicitar a modificación da súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo).

Contra esta resolución que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114º e 115º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas