DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2011 Páx. 2.893

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, configura as directrices do ordenación do territorio (DOT) como un instrumento de carácter global, expresión da política territorial, que debe constituír o marco xeral de referencia establecendo as pautas espaciais de asentamento das actividades, de acordo coas políticas sociais, económicas e culturais emanadas da comunidade, integrando, se é o caso, as emanadas desde o Estado, así como as propostas que xurdan desde as entidades locais.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, fixa a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O artigo 1º do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, establece que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o órgano de administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, vivenda e solo, infraestruturas e mobilidade consonte o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos sinalados na Constitución española. O artigo 4º do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, sinala que o conselleiro é a autoridade superior da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e con tal carácter está investido das atribucións enumeradas no artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

De conformidade co artigo 10º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, correspóndelle á consellería competente en materia de política territorial a dirección e preparación do avance das directrices de ordenación do territorio, e segundo o artigo 6º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, para os efectos establecidos na Lei 9/2006, do 28 de abril, correspóndenlle, así mesmo, á consellería competente en materia de ordenación do territorio, no que atinxe á avaliación estratéxica das directrices, as funcións correspondentes ao órgano promotor.

A formulación e aprobación das directrices de ordenación do territorio axustáronse ao procedemento establecido no artigo 10º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e artigo 7º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Así, o Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 29 de febreiro de 1996, iniciar o procedemento de elaboración das directrices de ordenación do territorio, que se publicou no Diario Oficial de Galicia número 45, do 6 de marzo de 1997.

Consonte o disposto nos números 2, 3 e 4 do citado artigo 10º, a consellería competente en materia de política territorial elaborou o avance das directrices, que foi remitido a todas as consellerías, á Administración do Estado, ás administracións locais e a máis de 500 entidades públicas e privadas para que achegasen cantas observacións, propostas e alternativas considerasen oportunas.

Igualmente, e en cumprimento da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, as directrices de ordenación do territorio sometéronse a avaliación ambiental estratéxica e tramitáronse simultaneamente co procedemento legalmente establecido para a súa aprobación.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou inicialmente as directrices de ordenación do territorio mediante a Orde do 24 de xuño de 2010, incluíndo o informe de sustentabilidade ambiental, na que se acordou así mesmo someter a información pública as directrices de ordenación do territorio aprobadas inicialmente con todos os documentos que as integran, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, durante o prazo de dous meses contados a partir da publicación da orde (no Diario Oficial de Galicia nº 123, do 30 de xuño de 2010) para os efectos establecidos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. Así mesmo, o acordo de aprobación inicial publicouse no Boletín Oficial del Estado e en dous xornais dos de maior circulación na comunidade autónoma e remitiuse o seu texto íntegro á Delegación do Goberno na comunidade autónoma e ás

deputacións provinciais, así como aos concellos.

Logo da publicación do acordo de aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia abriuse un prazo de información pública de dous meses, dentro do cal as distintas administracións e entidades públicas e privadas puideron expoñer cantas observacións e suxestións consideraron convenientes, quedando exposta a documentación das directrices nos lugares que para o efecto se sinalaron.

Finalizado o período de consultas e información pública, e analizadas as alegacións e suxestións presentadas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, realizou as modificacións procedentes e elaborou o texto refundido coas achegas e alegacións consideradas. Neste sentido e de acordo co artigo 12º da Lei 9/2006, do 28 de abril, remitiu ao órgano ambiental a documentación completa tomando en consideración o informe de sustentabilidade, as alegacións e os informes presentados no período de consultas, e o informe sobre o proceso de participación pública, así como a proposta de memoria ambiental. O órgano ambiental elaborou a correspondente memoria ambiental dentro do procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

Solicitado da Consellería de Facenda o preceptivo informe previo á aprobación provisional, este foi emitido en sentido favorable.

Mediante Orde do 3 de decembro de 2010 do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas apróbanse provisionalmente as directrices de ordenación do territorio, elevándose ao Consello da Xunta de Galicia e déuselles traslado ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación de acordo co disposto para os plans e programas remitidos pola Xunta no Regulamento do Parlamento de Galicia.

O artigo 117º.2 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, establece que, concluída a tramitación do plan ou normas de que se trate e inmediatamente antes da aprobación definitiva, a Administración competente dará traslado á do Estado do contido daquel para que no prazo de dous meses se pronuncie sobre el, informe que a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar emitiu con carácter favorable o 20 de xaneiro de 2011.

As directrices de ordenación do territorio constitúen o primeiro instrumento de ordenación territorial que establece as regras para a implantación dos usos e actividades (servizos, dotacións, actividades produtivas, entre outras) en coherencia coas necesidades sociais, económicas, culturais e ambientais.

Establécese un sistema de asentamentos graduado e que cobre axeitadamente a totalidade do territorio galego, un sistema de asentamentos harmónico e compensado. O sistema urbano proposto inclúe catro niveis básicos de asentamentos que estruturan a totalidade do territorio. Estes niveis son: as rexións e áreas urbanas, o sistema urbano intermedio, os nodos para o equilibrio do territorio e os núcleos principais municipais e parroquiais. Diferénciase a planificación territorial das rexións e áreas urbanas da organización administrativa supramunicipal. Neste sentido, formúlase que serán posteriores plans territoriais integrados (PTI) os que delimiten as rexións e áreas urbanas unha vez estudadas en detalle.

Respecto dos espazos rurais, estes ocupan a meirande parte da superficie do territorio. Con base na función que desempeñan dentro do conxunto do sistema territorial é posible diferenciar tres tipos principais de espazos rurais: os integrados, os intermedios e os periféricos. Para estes espazos establécense estratexias para o fortalecemento do espazo rural. Nas DOT recóllense como áreas estratéxicas de conservación a totalidade dos espazos naturais protexidos pola lexislación de conservación da natureza, e amplíanse con outros que teñen valor en si mesmos ou serven de nexos para crear un sistema en rede natural de Galicia, sen esquecer o papel de conexión entre os distintos sistemas de interese ecolóxico.

No tocante ao patrimonio cultural, resáltase a importancia da identificación e caracterización dos elementos patrimoniais para a súa posta en valor.

As directrices de ordenación do territorio de Galicia apostan pola sustentabilidade, a cohesión social e un crecemento económico equilibrado, obxectivos do instrumento marco da ordenación do territorio, son un instrumento que permite preservar e potenciar aqueles elementos de identidade e de diferenciación do territorio e, ao mesmo tempo, xerar novas opcións que contribúan a reforzar o seu atractivo e as súas potencialidades de cara a favorecer o benestar colectivo da sociedade. As DOT configúranse así como un apoio á planificación municipal, fixando o marco global de referencia e, en definitiva, os criterios para a elaboración dos plans urbanísticos, proporcionándolle seguridade territorial e xurídica.

O artigo 4º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio), establece que as disposición normativas dos instrumentos de ordenación do territorio se publicarán no DOG para a súa entrada en vigor.

Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 10º.8 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 37º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dez de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación definitiva das directrices de ordenación do territorio.

Apróbanse definitivamente as directrices de ordenación do territorio de Galicia, de conformidade coa Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, cuxas determinacións se incorporan como anexo a este decreto.

Disposición derradeiras

Primeira.-En cumprimento dos artigos 4º e 10º.8 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as determinacións das directrices de ordenación do territorio deberán igualmente publicarse no Boletín Oficial del Estado.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

ANEXO

Determinacións das directrices de ordenación do territorio

As directrices de ordenación do territorio (DOT) teñen como finalidade básica definir un modelo territorial para Galicia que permita orientar as actuacións sectoriais, dotándoas de coherencia espacial e das referencias necesarias para que se desenvolvan de acordo cos obxectivos xerais da política territorial de Galicia, conformando unha acción de goberno coordinada e eficaz.

O modelo territorial de Galicia toma como referencias fundamentais as establecidas na política territorial da Unión Europea e na Lei de ordenación do territorio de Galicia e pódense sintetizar nos seguintes puntos:

a) O desenvolvemento económico equilibrado e sustentable, para que Galicia se siga aproximando aos niveis de renda e de riqueza das rexións máis desenvolvidas.

b) A cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación, de xeito que todas as persoas dispoñan dun nivel axeitado de servizos e de oportunidades.

c) A utilización racional do territorio e a sustentabilidade ambiental, mediante a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do ambiente.

No marco da Lei de ordenación do territorio de Galicia as directrices son o instrumento que ofrece a visión global da ordenación territorial de Galicia e serven como referencia para o resto das figuras de planificación e para as actuacións que desenvolvan tanto as administracións coma os particulares.

De conformidade co previsto no artigo 9º de Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as determinacións que se presentan nas seguintes epígrafes terán a forza vinculante que sexa congruente coa súa función de instrumento directriz. Estas determinacións poderán ser:

a) Excluíntes de calquera outro criterio, localización, uso ou deseño territorial ou urbanístico.

b) Orientativas, e debe a Administración competente concretar a proposta que conteñan as directrices de ordenación territorial.

1. Obxectivos xerais e estrutura básica do modelo territorial.

Determinacións excluíntes:

1.1. As directrices proporcionan as referencias territoriais para a formulación das actuacións con incidencia territorial, polo que as distintas administracións se deberán axustar ás súas determinacións.

1.2. Estas referencias territoriais formúlanse para acadar os seguintes obxectivos prioritarios:

a) Lograr unha maior integración de Galicia cos ámbitos que lideran o desenvolvemento europeo e aproveitar as oportunidades asociadas a unha localización singular na fachada atlántica europea.

b) Contribuír á consolidación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e da Macrorrexión Galicia-Castela León-Norte de Portugal e afianzar o protagonismo de Galicia na plataforma atlántica para crear un ámbito de centralidade e desenvolvemento no noroeste peninsular.

c) Establecer os ámbitos supramunicipais de planificación e programación de infraestruturas, equipamentos e servizos para optimizar a súa oferta e racionalizar os procesos de desenvolvemento urbano e económico destes espazos.

d) Potenciar as principais rexións urbanas e áreas urbanas de Galicia, reforzando os seus diferentes perfís e artellar un sistema policéntrico de cidades coa fortaleza necesaria para liderar os procesos de desenvolvemento e innovación.

e) Consolidar unha rede de vilas e de pequenas cidades capaces de dotar dunha adecuada base urbana e de servizos o conxunto do territorio.

f) Potenciar os núcleos rurais de Galicia como célula básica do sistema de asentamentos e elemento identificativo do modelo de ocupación tradicional do territorio, outorgando prioridade á súa rehabilitación.

g) Impulsar procesos socioeconómicos que dinamicen as áreas rurais que máis acusan os efectos da crise demográfica e da despoboación.

h) Achegar referencias para o desenvolvemento de infraestruturas e equipamentos con criterios supramunicipais, orientadas a apoiar a configuración do modelo territorial proposto mediante unha rede xerarquizada que vertebre e articule a totalidade do territorio.

i) Establecer criterios para a consideración dos condicionantes ambientais, sociais e económicos nas iniciativas urbanísticas e sectoriais.

j) Proporcionar criterios territoriais e ambientais para a elaboración de plans e proxectos sectoriais e configurar as características dos plans territoriais integrados.

k) Consolidar a identidade e a singularidade das cidades e vilas de Galicia, apoiando os seus compoñentes de excelencia e impulsando proxectos que melloren a súa calidade urbana e a súa capacidade competitiva.

l) Establecer directrices estratéxicas para desenvolver os instrumentos de desenvolvemento rural, así como mecanismos de cooperación e colaboración urbano-rural sobre a base dun maior equilibrio entre o desenvolvemento urbano, o desenvolvemento rural e a protección de espazos abertos.

m) Aplicar o concepto e metodoloxías de desenvolvemento rural con enfoque territorial nas actuacións que se desenvolvan nos espazos rurais por parte dos distintos axentes sociais e económicos.

n) Contribuír a un modelo territorial que considere a vocacionalidade ou potencialidade do territorio na ordenación do medio físico soporte do modelo, analizando a súa capacidade de acollida para os distintos usos.

ñ) Configurar un instrumento básico da estratexia para a consecución dun desenvolvemento sustentable e promover a conservación do patrimonio natural, recoñecéndoo como activo para o desenvolvemento de Galicia.

o) Valorizar a calidade da paisaxe galega, o patrimonio cultural e o sistema rural como factores de atracción global do territorio e activos básicos da calidade de vida, e do propio potencial de desenvolvemento, especialmente nas áreas de menor dinamismo do país.

p) Desenvolver estratexias de xestión creativa das paisaxes culturais galegas como factores de competitividade territorial cunha especial referencia á valorización do patrimonio rural vinculado ao sistema de asentamentos rurais, principalmente no seu inventario, caracterización e valoración e na difusión desta información para a súa consideración por parte dos diferentes axentes económicos e institucións.

q) Combater o fenómeno do cambio climático, para o que se propón afondar no coñecemento das súas evidencias en Galicia e actuar decididamente nos principais sectores que contribúen ás emisións de gases de efecto invernadoiro, de acordo cos principios recollidos na estratexia galega fronte ao cambio climático.

r) Previr e minimizar os efectos derivados de riscos naturais e tecnolóxicos, incorporando a avaliación e xestión de riscos na formulación dos restantes instrumentos de ordenación do territorio e do urbanismo.

s) Estruturar o litoral como un ámbito de excelencia territorial, que integre zonas naturais, centros urbanos e núcleos tradicionais, reorientando os procesos de urbanización difusa cara a un sistema máis compacto, de maior complexidade (diversidade de usos) e atractivo, caracterizado pola súa calidade e pola diversidade de posibilidades de vida e traballo.

t) Crear un potente sistema de infraestruturas de transporte para persoas e mercadorías capaz de conectar eficazmente o espazo rexional co espazo global para aproveitar ao máximo as vantaxes locais de Galicia e aumentando a eficacia das interconexións entre os principais centros urbanos da comunidade para facer valer as oportunidades derivadas do seu policentrismo, reforzando este como unha das potencialidades de futuro.

u) Fortalecer os equipamentos e dotacións dos núcleos estruturantes do sistema rural aumentando a súa variedade e, sobre todo, elevando os niveis de servizo co fin de proporcionar unha oferta de calidade, adecuada ás necesidades da poboación e con capacidade para aumentar o atractivo destes núcleos como centros de residencia e actividade.

v) Potenciar infraestruturas de telecomunicación capaces de garantirlles a toda a cidadanía e ás empresas a súa integración nunha sociedade da información e coñecemento, co fin de aumentar a calidade de vida, a competitividade dos sectores produtivos e a eficiencia dos servizos públicos.

w) Desenvolver espazos orientados ás actividades de I+D+i como elementos determinantes para asentar o potencial de futuro de Galicia e da súa capacidade para configurar un ámbito de liderado espacial.

x) Marcar criterios para a execución de novas fórmulas de goberno territorial, como as agrupacións voluntarias de municipios, que dean resposta aos cambios e dinámicas recentes do modelo territorial e social.

1.3. Para alcanzar estes obxectivos as DOT establecen un modelo territorial cunha estrutura básica que se define a partir dun sistema xerarquizado de asentamentos, articulado polas redes de infraestruturas e equipamentos, que se implanta sobre un medio rural que conta cunha biodiversidade e patrimonio cultural que hai que protexer e xestionar.

1.3.1. O sistema de asentamentos de Galicia quedará configurado por:

a) O Sistema de grandes cidades.

-Está constituído por dúas grandes rexións urbanas, a de Vigo e Pontevedra e a Coruña e Ferrol, así como polas áreas urbanas da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol.

-As áreas urbanas formaranse por asociación voluntaria dos municipios inmediatos ás cidades que as centralizan. A consellería competente en ordenación territorial da comunidade autónoma poderá elaborar un PTI no cal se concretará a delimitación do seu ámbito e se definará o modelo territorial específico do espazo en cuestión e os aspectos que lle competan no ámbito da planificación territorial.

-A estas áreas correspóndelles liderar o sistema urbano da comunidade e a súa función básica é garantir unha adecuada cobertura dos servizos urbanos e organizar e apoiar os procesos de cambio nos seus respectivos territorios con criterios de complementariedade para configurar unha rede urbana que impulse a modernización de Galicia.

b) O sistema urbano intermedio.

-Constituído por un conxunto de vilas e pequenas cidades que exercen a función de cabeceiras de carácter supracomarcal e proporcionan unha base urbana sólida aos seus respectivos ámbitos de influencia para que a totalidade do territorio dispoña dunha axeitada cobertura de servizos.

-Nalgúns destes ámbitos funcionais figuran vilas con influencia supramunicipal que exercen de subcabeceiras para a prestación de servizos de forma complementaria ás cabeceiras.

-Estas cabeceiras e subcabeceiras constitúen referencias territoriais imprescindibles para previr o despoboamento e a agudización dos desequilibrios territoriais en amplas zonas do interior.

c) Os nodos para o equilibrio do territorio.

-Núcleos con influencia supramunicipal que actúan como centros de prestación de servizos e de dinamización dos espazos rurais.

-Constitúen unha base imprescindible para impulsar estratexias de desenvolvemento social e económico en ámbitos ameazados polo despoboamento.

d) Os núcleos principais dos restantes concellos e das parroquias rurais.

-Constitúen a estrutura de base da xerarquía de asentamentos no territorio, conxuntamente coas pequenas entidades de poboación.

-Constitúen as células elementais dun medio rural vivo, que garante a conservación dos valores culturais, ambientais, paisaxísticos, sociais e económicos, e constitúen condición básica para evitar o abandono e os seus efectos derivados.

-Promoveranse estratexias e actuacións integradas para o consolidación de polo menos unha entidade de poboación por parroquia, para acadar a sustentabilidade do modelo de accesibilidade.

1.3.2. A planificación territorial dos ámbitos funcionais deste sistema de asentamentos poderá ser desenvolvida a través de plans territoriais integrados (PTI) nos cales se concretará a delimitación do seu ámbito e se definirá o modelo territorial específico do espazo en cuestión e os aspectos que lle competan nese eido da planificación territorial.

Na elaboración dos PTI poderán participar os concellos de forma voluntaria e asociada ben a través de entidades supramunicipais existentes (áreas metropolitanas, mancomunidades ou consorcios) ou ben con asociacións creadas para o efecto. En calquera caso o plan territorial integrado concretará e delimitará o ámbito por acordo do Consello da Xunta de Galicia, e será conforme cos principios da escala, lexilibilidade e coherencia territorial necesaria para acadar os obxectivos para os cales se redacte.

1.3.3. Este modelo de asentamentos articularase mediante as redes de infraestruturas de transporte, de telecomunicacións, de abastecemento e saneamento de auga, de transporte e distribución de enerxía, de xestión de residuos, de equipamentos colectivos supramunicipais e de grandes áreas de actividade económica.

1.3.4. Os espazos litorais, os recursos e patrimonio naturais, a paisaxe, o patrimonio cultural e a calidade ambiental son sinais de identidade que singularizan o territorio de Galicia achegando elementos de dinamización e desenvolvemento social.

1.4. Os instrumentos de ordenación territorial, os restantes da planificación sectorial, así como os instrumentos de planeamento urbanístico, deberán xustificar a súa coherencia e conformidade coas determinacións e criterios establecidos polas directrices de ordenación do territorio, incorporando unha valoración da correspondencia dos seus contidos con respecto ao disposto nas DOT.

1.5. Os instrumentos de ordenación territorial e os instrumentos de planeamento urbanístico serán sometidos ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ou ao procedemento de avaliación de impacto ambiental atendendo á normativa de aplicación e ao exercicio do órgano ambiental competente.

1.6. As administracións públicas que desenvolvan actuacións con incidencia territorial actuarán axustándose aos principios de información mutua, colaboración e coordinación co obxectivo de optimizar a rendibilidade social dos recursos públicos.

2. O sistema de asentamentos.

2.1. Determinacións para o sistema de cidades de Galicia.

Determinacións excluíntes:

2.1.1. Os espazos urbanos configurados ao redor das cidades de Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol conforman as dúas rexións urbanas de Galicia. Serán ámbitos para a planificación territorial, de infraestruturas, equipamentos e de servizos aos cidadáns de carácter estruturante.

2.1.2. Os espazos urbanos configurados na contorna das cidades da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Ourense e Lugo conformarán cadansúa área urbana, o que configurará o sistema de grandes cidades de Galicia. Serán ámbitos para a execución, partindo de criterios de flexibilidade e voluntariedade, de políticas coordinadas de xestión pública dos servizos comunitarios de incidencia directa na calidade de vida dos cidadáns.

2.1.3. A Xunta de Galicia poderá formular un Plan territorial integrado (PTI) para cada unha das rexións urbanas, así como para cada unha das dúas áreas urbanas da Coruña, Vigo, e das áreas urbanas de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense, co obxecto de ordenar os elementos e criterios de carácter supramunicipal.

Determinacións orientativas:

2.1.4. Os criterios e liñas básicas para a formulación dos correspondentes PTI contéñense na memoria destas directrices de ordenación do territorio, e con carácter xeral, terán os seguintes obxectivos, sen prexuízo dos que en cada caso se concreten no momento de elaborar os propios plans:

a) Fortalecer as conexións por estrada e ferrocarril entre as dúas cidades centrais das rexións urbanas e entre estas e as súas áreas de influencia.

b) Facilitar a mellora de sistemas de transporte colectivo de carácter supramunicipal, incluído, de ser o caso, o transporte marítimo ou de ría.

c) Potenciar e fomentar mecanismos de especialización e complementariedade entre as cidades centrais.

d) Determinar a localización das áreas estratéxicas de solo para actividades empresariais-industriais e loxísticas e de subministración eléctrica.

e) Identificar as zonas de recualificación co obxectivo de reconducir as dinámicas de ocupación do solo incompatibles cos modelos de desenvolvemento sustentable.

f) Orientar a localización de novos equipamentos ou servizos de rango de conxunto de rexión urbana en lugares que ofrezan adecuadas condicións de accesibilidade desde as cidades centrais e desde as áreas de influencia supramunicipal.

g) Determinar a localización estratéxica das estacións de tratamento de auga potable (ETAP) ou das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) que poidan ter un carácter supramunicipal, así como da súa rede de conducións, prevendo as reservas de solo necesarias para lograr un ciclo integral da auga. Considerarase a distancia das EDAR aos centros urbanos aos cales deben servir pola súa incidencia no custo de reutilización da auga depurada.

h) Analizar o grao de dotación de espazos con rango de rexión urbana destinados ao gozo social da poboación e prever as reservas de solo necesarias, para que os instrumentos de planeamento urbanístico municipal materialicen a súa obtención e execución.

i) Determinar as áreas ou elementos que, polos seus valores e funcións ambientais (incluíndo os culturais), deban ser obxecto de protección, procurando a correcta integración no conxunto das áreas estratéxicas de conservación e no conxunto de ámbitos de interese do patrimonio cultural. Procurarase a formación de corredores ecolóxicos e prestarase especial atención aos espazos naturais, ás zonas costeiras e aos elementos do patrimonio cultural.

j) Fixación dos usos do solo e o equilibrio entre as distintas partes do territorio, baixo a perspectiva da súa sustentabilidade, baseándose para iso na capacidade de carga entendida como a aptitude dun territorio para soportar un nivel de intensidade de usos sen que, en ningún caso, se produza un proceso de deterioración ambiental, social ou cultural.

k) Establecer as medidas ou normas de coordinación precisas para que as determinacións dos instrumentos de planeamento urbanístico municipal sexan coherentes entre si, tanto no relativo á clasificación do solo como na previsión de redes de infraestruturas e servizos, equipamentos e na localización de novos desenvolvementos residenciais, industriais ou terciarios, así como nas respectivas estratexias de protección ambiental e conformación de redes de espazos verdes e libres.

l) Definir medidas de mellora do metabolismo urbano co obxectivo de reducir a pegada ecolóxica destes ámbitos e incrementar a súa sustentabilidade.

m) Establecer as condicións para que o planeamento urbanístico municipal interveña na actual dispersión do asentamento, procurando a compactación e densificación para acadar novas centralidades urbanas de densidade suficiente.

n) Estimar as necesidades de reserva de solo para vivenda sometida a algún réxime de protección pública.

ñ) Prever intervencións de mellora do espazo urbano, mediante a reurbanización, a previsión de itinerarios peonís alternativos e a conexión entre espazos libres e zonas dotacionais.

2.1.5. Mentres non se desenvolvan os PTI, estes obxectivos terán a consideración de determinacións excluíntes para os planeamentos xerais municipais, para o que deberán conter unha análise de integración supramunicipal.

2.1.6. En ausencia dun PTI, os programas, plans sectoriais e o planeamento municipal que formulen as distintas administracións considerarán as interrelacións residenciais, laborais e de servizos que se producen entre os asentamentos que conforman as rexións urbanas e as áreas urbanas.

2.2. Determinacións para os nodos do sistema urbano intermedio.

Determinacións excluíntes:

2.2.1. As vilas e pequenas cidades de Ribadeo, Viveiro, Carballo, Cee-Corcubión, Noia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Tui, A Estrada, Lalín, Chantada, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Xinzo de Limia, Verín, As Pontes de García Rodríguez, Vilalba e Sarria constitúen as cabeceiras do denominado sistema urbano intermedio e representan o seguinte nivel do sistema de asentamentos de Galicia.

2.2.2. Os plans, programas e actuacións en materia de infraestruturas, equipamentos, vivenda de protección oficial e creación de solo empresarial potenciarán o papel territorial destes nodos urbanos, promovendo iniciativas que prioricen o seu fortalecemento.

2.2.3. O planeamento urbanístico destas vilas e pequenas cidades deberá potenciar as dinámicas urbanas proporcionando unha estrutura urbana sólida e prever unha reserva de solo axeitada para atender a demanda de servizos, actividades produtivas e equipamentos de carácter supramunicipal que non poidan atopar acomodo nos niveis urbanos e rurais de menor rango.

2.2.4. Estas vilas e pequenas cidades estarán conectadas co sistema de cidades mediante vías de altas prestacións.

2.2.5. As vilas de Burela, Foz, Muros, Porto do Son, Boiro, Rianxo, Cambados, O Grove, A Guarda, Silleda e A Rúa constitúen as subcabeceiras do sistema urbano intermedio e son unha parte integrante deste nivel do sistema de asentamentos de Galicia.

2.2.6. As administracións públicas terán en conta na súa planificación que estas vilas subcabeceiras exercen funcións complementarias das súas respectivas cabeceiras, debido a que constitúen un subsistema urbano policéntrico.

Determinacións orientativas:

2.2.7. Os plans municipais, territoriais e sectoriais formularanse tendo en conta as referencias territoriais para a articulación do sistema urbano intermedio contidas na memoria destas DOT. Concretamente, respecto aos instrumentos territoriais, poderán desenvolverse plans territoriais integrados para os ámbitos de influencia das cabeceiras do sistema urbano intermedio, no cal quedarán incluídas as subcabeceiras que correspondan no seu caso.

Con carácter xeral os PTI incorporarán os obxectivos recollidos na determinación 2.1.4 que non sexan exclusivos do sistema de cidades, concretamente os previstos desde a letra i) ata a letra o) (incluídas), sen prexuízo dos que en cada caso se concreten no momento de elaborar os propios plans.

2.3. Determinacións para os nodos para o equilibrio do territorio.

Determinacións excluentes:

2.3.1. As vilas que as DOT propoñen como nodos para o equilibrio do territorio son: Ortigueira, Mondoñedo, Meira, A Fonsagrada, Becerreá, Quiroga, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Castro Caldelas, Maceda, Allariz, Celanova, Bande, Ribadavia, A Cañiza, Caldas de Reis, Padrón, Negreira, Vimianzo, Santa Comba, Ordes, Melide, Guitiriz, Curtis, Arzúa e Monterroso. Estas vilas, xunto coas subcabeceiras do sistema urbano intermedio, completan o terceiro nivel do sistema de asentamentos do modelo territorial.

2.3.2. Os plans e programas e actuacións con incidencia urbanística e territorial orientaranse cara aos seguintes obxectivos:

a) Mellora das infraestruturas de comunicación, aumentando a accesibilidade dos nodos para o equilibrio do territorio, facilitando os desprazamentos entre eles e a súa conexión cos elementos superiores do sistema de asentamentos.

b) Mellora dos equipamentos e dotacións, aumentando a súa variedade e, sobre todo, elevando os niveis de servizo co fin de proporcionar unha oferta de calidade, adecuada ás necesidades da poboación e con capacidade para aumentar o atractivo destes núcleos como centros de residencia e actividade.

c) Potenciación das súas infraestruturas de telecomunicación como factor esencial para a xeración de novas actividades e de redución das desvantaxes derivadas dunha posición relativamente afastada dos principais centros urbanos.

d) Accións de mellora urbana que incidan na imaxe dos núcleos, a oferta residencial de calidade, a valorización dos atractivos naturais e patrimoniais e na preparación de espazos de actividade adaptados ás necesidades de cada ámbito para lograr así un aproveitamento máximo das oportunidades de desenvolvemento existentes.

e) Deseño de iniciativas territoriais orientadas a potenciar modelos de desenvolvemento endóxeno que permitan a diversificación e ampliación da base produtiva, introducindo novas actividades que xeren empregos de calidade, especialmente aqueles vinculados aos recursos do territorio. Neste sentido cómpre destacar a necesidade de favorecer a concentración e axeitado dimensionamento das industrias da madeira, potenciando desde as administracións públicas unha maior competitividade e equilibrio que induza ao desenvolvemento da cadea da madeira no seu conxunto, fomentando a cooperación interempresarial e a dispoñibilidade de infraestruturas comúns.

f) Potenciación das sinerxías con espazos máis dinámicos e a valorización das iniciativas e oportunidades locais para superar estrangulamentos inducidos polo illamento e pola falta de capacidade para acceder á información e aos mercados de bens, servizos e capitais exteriores.

g) Os obxectivos recollidos na determinación 2.1.4 que non sexan exclusivos do sistema de cidades, concretamente os previstos desde a letra i) ata a letra o) (incluídos).

2.3.3. En canto non se desenvolvan os correspondentes instrumentos, estes obxectivos terán a consideración de determinacións orientativas para os planeamentos xerais municipais, para o que deberán conter unha análise de integración supramunicipal do plan.

Determinacións orientativas:

2.3.4. Os plans municipais, territoriais e sectoriais formularanse tendo en conta as referencias territoriais para a articulación dos nodos de equilibro do territorio contidas na memoria destas DOT. Concretamente, respecto aos instrumentos territoriais, poderán desenvolverse plans territoriais integrados para os ámbitos de influencia dos nodos identificados neste nivel do sistema de asentamentos.

2.4. Determinacións para os núcleos principais dos restantes concellos e parroquias rurais.

Determinacións excluíntes:

2.4.1. Constitúen núcleos principais dos restantes concellos e das parroquias rurais aqueles onde se localice a capitalidade municipal, así como aqueloutros que comparativamente desempeñan unha maior centralidade socioeconómica na súa contorna.

2.4.2. Procurarase que se concentren nos núcleos principais dos concellos as dotacións básicas de tipo administrativo, docente, sanitario, cultural e demais servizos de carácter local.

Determinacións orientativas:

2.4.3. O planeamento urbanístico municipal e os plans e programas das administracións considerarán os ámbitos parroquiais nos seus diagnósticos para a planificación e procurarán localizar as súas actuacións de dotación ou desenvolvemento nos núcleos principais das citadas parroquias, aproveitando o seu carácter de centralidade e relación parroquial, para optimizar a rendibilidade social dos recursos.

2.4.4. Facilitarase a accesibilidade local desde os núcleos rurais dependentes, mediante a mellora das redes viarias de proximidade e impulsando estratexias de transporte público de baixa intensidade.

3. Desenvolvemento e ordenación dos asentamentos, das áreas empresariais e das actividades produtivas.

3.1. Determinacións para o desenvolvemento e ordenación dos asentamentos.

Determinacións excluíntes:

3.1.1. Para aproveitar as potencialidades e vantaxes do sistema de asentamentos definido nestas DOT e corrixir as actuais disfuncións, potenciaranse os nodos ou núcleos de referencia dos diferentes niveis.

3.1.2. Só poderán ter a consideración de ámbitos aptos para o desenvolvemento urbano aqueles solos que reúnan os requisitos de necesidade e idoneidade e que, de acordo coa lexislación urbanística e os criterios e determinacións destas DOT, sexan clasificados como solo urbano ou urbanizable.

3.1.3. Os instrumentos de ordenación do territorio e os plans xerais de ordenación municipal identificarán aqueles asentamentos ou novas agrupacións que non se integren na malla urbana ou na rede de núcleos e que precisen de accións de recualificación para acadar os obxectivos de calidade de vida, cohesión social e integridade ambiental e paisaxística propostos no modelo territorial destas directrices. Co dito fin, outorgaráselles a clasificación urbanística que lles corresponda atendendo á lexislación vixente.

3.1.4. Os instrumentos de ordenación territorial e o planeamento urbanístico que prevexan o desenvolvemento de actuacións de carácter residencial deberán fundamentar as súas previsións nun diagnóstico xustificado da necesidade de novas vivendas no horizonte temporal establecido na súa estratexia de actuación que, para tal efecto, deberá fundamentarse nas previsións do ritmo da evolución das condicións sociodemográficas e socioeconómicas do seu ámbito de influencia.

Ademais, deberán cuantificar e analizar o parque actual de vivenda e o seu estado de conservación, incluíndo as vivendas baleiras e sen uso e valorar as medidas que, de ser o caso, haxa que adoptar para a substitución ou a mellora de edificacións non habitables ou ruinosas, así como de estímulo á rehabilitación.

3.1.5. Os instrumentos de ordenación territorial e o planeamento urbanístico:

a) Non poderán conter previsións de crecementos residenciais desvinculados dos asentamentos preexistentes ou que se desenvolvan mediante aquelas áreas de recualificación identificadas co obxectivo de reconducir as dinámicas de ocupación do territorio incompatible cun modelo de desenvolvemento sustentable.

b) Deberán garantir a accesibilidade e mobilidade, prestando especial atención a fórmulas de transporte sustentable (colectivo, en bicicleta, a pé, etc.), en función das necesidades e características de cada un deles en concreto, para o cal preverán as análises necesarias baseadas na consideración das necesidades de desprazamento existentes e derivadas das previsións do planeamento.

c) A localización de centros atractores de desprazamentos (centros comerciais, grandes desenvolvementos residenciais, hospitais, etc.) considerará a súa articulación coas ditas fórmulas de transporte sustentable.

d) Priorizarán a compactación das cidades, vilas e núcleos existentes fronte á súa expansión sobre terreos en estado natural, mediante operacións de rehabilitación, reforma e consolidación no seu interior. Ademáis, evitaranse os crecementos ao longo das vías de comunicación.

e) Establecerán medidas tendentes á incorporación de usos deficitarios (distintos do residencial) e á mestura de usos complementarios, evitando ordenacións monofuncionais e segregacións económicas e sociais.

f) Incluirase a perspectiva do metabolismo urbano nas súas análises de partida na medida do posible, estableceranse medidas para a súa mellora atendendo as consideracións contidas na memoria destas DOT.

g) Deberán conter as análises e a planificación precisa para que o organismo de bacía correspondente poida avaliar a garantía da existencia de reservas de auga suficiente e da viabilidade da captación, tratamento e distribución da auga potable, da recollida da auga residual e a súa depuración, reutilización ou vertedura a medio receptor de forma sustentable, para as necesidades presentes e futuras da poboación e actividades existentes, de maneira que non se permitan novos desenvolvementos urbanísticos sen garantía de servizo a modo de planeamento.

h) Incluirán unha parte de análise, caracterización e diagnóstico das principais actividades socioeconómicas do concello, en termos tanto de ocupación do territorio como de ocupación da poboación activa, así como das respectivas estratexias de acción futura, sobre todo no que atinxe á utilización do solo.

3.1.6. Terán consideración de solo de núcleo rural as áreas do territorio que serven de soporte a un asentamento de poboación singularizado, identificable e diferenciado administrativamente nos censos e padróns oficiais, que o planeamento municipal defina e delimite. Teranse en conta unha serie de criterios: a súa clasificación en planeamentos anteriores, o número de vivendas, o grao de consolidación, a vinculación e presenza de actividades propias do medio rural e aqueloutros definidos na lexislación urbanística.

3.1.7. A definición do solo de núcleo rural corresponde ao planeamento municipal, para o que se terá en conta a súa estrutura morfolóxica, a funcionalidade e a variación tipolóxica existente no sistema de asentamentos rurais.

3.1.8. Os instrumentos municipais de planeamento regularán os asentamentos rurais atendendo como mínimo a unha serie de criterios: tamaño medio da parcela edificable, criterios de compactación, tipoloxía construtiva, funcionalidade e dinámica dos núcleos ou a disposición das edificacións e as actividades económicas que se desenvolvan ligadas ao medio rural, concretamente as agroalimentarias, gandeiras e forestais, de cara a garantir a compatibilidade entre a calidade do hábitat e a viabilidade demográfica dos asentamentos rurais, a conservación do medio natural e da contorna, e unha actividade agraria competitiva e sustentable.

3.1.9. Na delimitación dos núcleos rurais dos asentamentos de tipo polinucleares prestarase especial atención á existencia de lazos de cohesión que garantan a súa integración como tales.

3.1.10. Co fin de evitar crecementos lineais, os planeamentos municipais deseñarán á escala pertinente as vías internas dos núcleos en que será posible consolidar as novas edificacións.

3.1.11. Respecto aos núcleos rurais, o planeamento urbanístico deberá estudar as necesidades de crecemento que teñan en conta criterios socioeconómicos, así como a tipoloxía do modelo de asentamento rural que co menor impacto posible sobre o medio se integra na contorna, identificando as dinámicas recentes de transformación e evitando conxuntos indiferenciados.

3.1.12. En solo rústico as administracións públicas non poderán executar nin financiar directa ou indirectamente obras de urbanización salvo cando estean previstas nos instrumentos de ordenación do territorio ou no planeamento urbanístico.

3.1.13. As actividades de turismo rural admisibles en solo rústico especialmente protexido desenvolveranse en edificacións preexistentes de interese patrimonial ou etnográfico, sempre que sexa posible ou, en todo caso, rehabilitando as edificacións tradicionais existentes. Deberán potenciarse, entre outros, os seguintes usos: termalismo, gastronomía, enoloxía, oficios tradicionais, labores agrarios, a diversificación e promoción das producións agrarias e o aproveitamento dos recursos endóxenos en xeral, así como aqueles que fomenten o contacto coa natureza, a conservación do medio natural e da biodiversidade e a interpretación da paisaxe.

3.1.14. Os instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico deberán conter unha análise dos riscos naturais e antrópicos aos que se expón o territorio do seu ámbito de influencia, e deberán estes terreos expostos quedar excluídos do proceso urbanizador e, en todo caso, dos usos polos que poidan verse afectados persoas e bens materiais ou que deixen de ser funcionais no caso de materialización do risco.

Para a análise destes riscos naturais e tecnolóxicos partirase das delimitacións e estimacións realizadas polos órganos sectoriais competentes en cada caso ou, se procedese, empregaranse as fontes e metodoloxías de cálculo e estimación que estes establezan.

Determinacións orientativas:

3.1.15. O diagnóstico xustificado da necesidade de novas vivendas terá en conta, entre outras, as seguintes cuestións:

a) A evolución recente do parque de vivenda (incluíndo as vivendas baleiras) e as tendencias na demanda.

b) As dinámicas demográficas, as variacións estacionais de poboación e a evolución da estrutura familiar.

c) As consecuencias derivadas da implantación de actividades produtivas ou de novas infraestruturas ou equipamentos con capacidade de dinamización socioeconómica.

d) A posición no territorio e a función que desempeña cada termo municipal dentro do sistema territorial en que se integra.

3.1.16. Os plans xerais de ordenación municipal e os instrumentos de ordenación do territorio resolverán as necesidades de crecemento de conformidade cos principios de sustentabilidade e atendendo aos seguintes criterios:

a) Prestarase especial atención ás características propias e diferenciadoras de cada núcleo ou asentamento, tales como a súa inserción topográfica, a relación co seu contorno máis próximo, as actividades realizadas nese contorno próximo e o seu encadramento parroquial, morfoloxía viaria e parcelaria, tipoloxías arquitectónicas, elementos patrimoniais e a paisaxe que entre eles compoñen.

b) No interior das áreas urbanas preveranse espazos destinados a cumprir funcións ecolóxicas como a redución ou mitigación da contaminación, a integración en corredores ecolóxicos ou a drenaxe, de ser o caso, depuración de augas de escorremento.

c) As áreas libres situadas dentro das áreas urbanas disporanse, sempre que sexa posible, de xeito que poida establecerse unha conexión entre elas, propiciando a conformación de corredores ecolóxicos.

d) No caso de que existan zonas con risco de asolagamento estableceranse as limitacións necesarias de usos, especialmente en zona de fluxo preferente, de cara a garantir a protección das canles, evitando e diminuíndo os danos ambientais e sobre bens e persoas, seguindo as prescricións establecidas na planificación hidrolóxica e nos plans de xestión de inundacións.

e) Consideraranse preferentes as actuacións que se desenvolvan en continuidade coas tramas urbanas xa existentes, respectando en calquera caso as zonas ou espazos que deban preservarse do desenvolvemento urbanístico polos seus valores naturais ou polo seu necesario destino ás funcións ecolóxicas anteriormente enunciadas.

f) Procurarase establecer modelos de ordenación urbana de densidade media ou alta que contribúan a acadar niveis de masa crítica suficientes para facilitar as relacións sociais e viabilizar a implantación de dotacións, servizos e actividades terciarias e de lecer, tanto públicas como privadas.

g) Considerarase a mobilidade no deseño do modelo territorial de maneira que se reduza a demanda de transporte e se favorezan a intermodalidade e o transporte colectivo.

h) Nas obras de urbanización, sempre que sexa a opción de maior eficiencia global, e conforme a lexislación sectorial competente, establecerase no deseño das redes de servizos (abastecemento e saneamento de auga, subministración de enerxía, telecomunicacións) que o seu trazado sexa mediante galerías subterráneas ou gabias compartidas.

3.1.17. Nos ámbitos de interese do patrimonio cultural e nos núcleos vinculados ás áreas estratéxicas de conservación consideraranse prioritarias as estratexias de rehabilitación fronte ás operacións de novos crecementos.

3.1.18. Nos concellos turísticos e nos territorios de preferente actuación turística fomentarase a promoción e protección dos recursos turísticos e potenciaranse os servizos de aloxamento de calidade como alternativa preferible á segunda residencia.

3.2. Determinacións para o desenvolvemento das áreas empresariais.

Determinacións orientativas:

3.2.1. A planificación sectorial de áreas empresariais de Galicia estudará as demandas de solo para usos industriais e terciarios, e establecerá as súas determinacións baixo criterios de sustentabilidade e en congruencia co modelo territorial das DOT. Para tal efecto establécense as seguintes orientacións, sen menosprezo das consideracións máis específicas realizadas ao longo da memoria:

a) Preveranse parques de carácter estratéxico nas rexións urbanas de Vigo-Pontevedra e da Coruña-Ferrol, así como nas áreas urbanas da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense. Para determinar a súa localización teranse en conta as posibilidades de conexión coa rede de estradas de altas prestacións, a rede ferroviaria e os servizos de transporte colectivo, tanto preexistentes como de nova implantación.

b) Asociados ás vilas e pequenas cidades do sistema urbano intermedio preverase un nivel de parques empresariais de influencia supracomarcal, tendo en conta as posibilidades de conexión coa rede de estradas de altas prestacións e, de ser o caso, coa rede ferroviaria, e deberanse facer, en todo caso, as oportunas previsións de mobilidade sustentable que garantan a accesibilidade con diferentes modos.

c) Asociados aos nodos para o equilibrio do territorio e as vilas subcabeceiras do sistema urbano intermedio, estudarase a implantación de parques empresariais de rango comarcal, orientados á localización preferente da industria local e á oferta de solo para novas iniciativas dinamizadoras.

d) Preverase a posible implantación de parques tecnolóxicos orientados á innovación, desenvolvemento e investigación, vinculados aos campus universitarios.

e) Estudarase a implantación de parques especializados, como os agroforestais, orientados á atención de zonas dinámicas concretas ou a acompañar medidas de reequilibrio territorial.

f) Para novas implantacións ou ampliacións das áreas existentes estudarase a necesidade do recurso (auga) e a posibilidade da súa utilización para abastecemento. Buscarase a integración do saneamento de augas residuais e da recollida e tratamento de augas pluviais no marco territorial e ambiental en que se encontre.

g) A planificación das áreas empresariais e dos espazos para actividades económicas, tanto por ser de nova construción como por reconversión dos existentes, deberá facerse desde a perspectiva da ecoloxía industrial co fin de buscar a eficiencia e contribuír ao desenvolvemento sustentable.

h) As diferentes áreas empresariais poderán acoller usos comerciais e terciarios, sempre que non desvirtúen a súa finalidade nin comprometan a súa funcionalidade.

3.2.2. Preveranse plataformas loxísticas asociadas aos portos comerciais autonómicos, aos portos de interese xeral do Estado, aos nodos de confluencia de infraestruturas viarias de altas prestacións ou ferroviarias, así como aos núcleos do sistema urbano que destaquen pola súa accesibilidade.

3.2.3. Os parques empresariais localizaranse respectando os valores ambientais (incluíndo os culturais) do territorio e conectados coas estradas de maiores prestacións do termo municipal e considerando os servizos de transporte colectivo preexistentes.

3.2.4. As administracións públicas impulsarán medidas para favorecer a relocalización de actividades empresariais incompatibles co medio en que se insiren. Neste sentido preverase o seu traslado a espazos adecuados ás súas características e necesidades, outorgando prioridade de destino aos solos de carácter empresarial-industrial.

3.2.5. Poderán admitirse instalacións de apoio á explotación e transformación dos recursos primarios, como pode ser a actividade agrogandeira, forestal e mineira, que poidan localizarse en solo rústico mediante os procedementos establecidos na lexislación urbanística e nos plans ou instrumentos de ordenación do territorio das administracións sectoriais implicadas. Poderanse incluír neste tipo edificacións de certa dimensión con limitacións específicas, que deben integrarse na contorna co menor impacto posible e que deberán estar dotadas dos servizos ambientais precisos. Inclúense neste grupo serradoiros, adegas, plantas de clasificación, fábricas de pensos e calquera outra de natureza agroalimentaria.

3.2.6. Na elección das alternativas da localización das áreas empresariais primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio fronte á súa corrección, mitigación ou compensación, polo que se considerarán as limitacións derivadas dos condicionantes topográficos, da proximidade a asentamentos de poboación, da posible afección ao ámbito de influencia do patrimonio natural e cultural ou doutras actividades produtivas primarias ou terciarias, da visibilidade ou fraxilidade paisaxística, etc., e deberase xustificar neste sentido a idoneidade da localización finalmente seleccionada.

En todo caso, estableceranse as medidas correctoras que resulten necesarias a pesar da priorización da prevención, e recolleranse entre elas as de integración paisaxística.

3.2.7. Como elementos de dinamización e xeración dun tecido produtivo moderno e diversificado procurarase reservar e promover espazos destinados á investigación, á innovación e a viveiros de empresas. Ademais, nesta mesma liña priorizaranse aqueles espazos promovidos polos cluster sectores económicos ou apoiados nos resultados dos seus estudos.

3.2.8. Para a xestión dos seus recursos e os servizos urbanísticos asociados, os espazos destinados ás actividades empresariais ou industriais, preverán a alternativa dunha xestión autónoma respecto aos servizos municipais. En todo caso, a opción finalmente seleccionada será aquela de maior eficiencia desde un punto de vista integral (funcional, económico, social e ambiental).

3.3. Determinacións para o desenvolvemento das actividades produtivas no medio rural.

Determinacións orientativas:

3.3.1. Co obxectivo de acadar unha mellor integración territorial das actuacións promovidas polas diferentes administracións sectoriais con competencias en agricultura, gandaría, montes, espazos naturais, etc. as actuacións de xestión de terras como concentracións parcelarias, agrupacións de propietarios, ordenación forestal, ordenación de cultivos, regulación e ordenación de usos, execución de infraestruturas e equipamentos rurais, etc., desenvolveranse en coordinación cos instrumentos de ordenación do territorio para garantir unha mellor coordinación territorial.

Agricultura, gandaría e aproveitamentos forestais.

Determinacións excluíntes:

3.3.2. A Xunta de Galicia cartografará as zonas do territorio de maior aptitude agrogandeira e forestal, tendo en conta, entre outros criterios, as condicións edafoclimáticas, orografía, usos actuais e evolución pasada, os valores culturais asociados a estruturas e usos, así como a presenza de explotacións agrogandeiras e forestais, e a consideración dos distintos aproveitamentos forestais (madeira, froitos e pastos, entre outros).

Para a súa integración no sistema de ordenación territorial, esta zonificación poderase realizar por medio dun Plan de ordenación de medio físico (POMF) para o conxunto de Galicia. O contido básico deste POMF incluirá a dita definición de áreas territoriais con idoneidade actual do potencial para a explotación agrícola, gandeira ou forestal, así como as condicións que permitan o cambio de uso en cada ámbito territorial.

O Banco de Terras poderá colaborar na identificación das áreas de maior aptitude agrogandeira.

3.3.3. Os plans e programas das administracións competentes establecerán os destinos prioritarios e secundarios, de ser o caso, para os usos agrícola, gandeiro e forestal atendendo á capacidade produtiva identificada no estudo e POMF referido na determinación 3.3.2. Non obstante, os instrumentos de ordenación do territorio e de urbanismo considerarán esta asignación conforme os principios de escala, lexibilidade e coherencia territorial necesaria.

3.3.4. Os plans e programas das administracións competentes favorecerán a eficiencia dos sistemas de explotación agrícolas e gandeiros, de maneira que o aumento da súa rendibilidade se produza co menor impacto posible sobre o medio.

3.3.5. A Xunta de Galicia fomentará os modelos de xestión forestal e promoverá actuacións que superen o grao de fragmentación extrema existente, priorizándoos en todo caso nos programas de fomento forestal desenvolvidos polas administracións competentes. Preferiblemente, os ditos modelos basearanse na xestión conxunta dos aproveitamentos e apoiaranse en plans con enfoques territoriais integrados (plans de ordenación de recursos naturais, plans de ordenación de recursos forestais, plans de uso e xestión) promovendo, entre outras, a produción forestal sustentable, as outras actividades agrarias presentes na área, a calidade paisaxística, as función ecolóxicas e a prevención de riscos ambientais, sobre todo os incendios forestais e as inundacións.

3.3.6. A Xunta de Galicia promoverá a xestión forestal sustentable, entendendo por tal a que prevé nas súas actuacións o equilibrio das funcións produtivas, sociais e ecolóxicas dos terreos forestais, para o que serán de aplicación os instrumentos de ordenación forestal, é dicir, os instrumentos de ordenación de todos os aproveitamentos de cada monte ou terreo forestal, segundo criterios técnicos e de sustentabilidade.

3.3.7. A Xunta de Galicia regulará os cultivos de tipo enerxético, tanto de tipo agrícola como de tipo forestal, asegurando a súa integración territorial e a súa harmonía coas outras función produtivas, sociais e ecolóxicas, cunha mención expresa á diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

3.3.8. A Lei 45/2007, do 13 de decembro, de desenvolvemento sustentable do medio rural, establece que as comunidades autónomas adoptarán directrices estratéxicas de ordenación rural, previamente á definición dos plans de zona. Estas directrices de ordenación do territorio, tal e como ocorre noutras comunidades autónomas, realizarán esa función ao entender que o territorio rural non pode desvincularse do resto e que, polo tanto, está dentro do ámbito deste documento.

Os plans de zona serán elaborados polo órgano de coordinación dos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia que se designe para esta función, coa participación dos axentes de cada territorio. Para que resulten un instrumento eficaz para o cumprimento dos obxectivos e principios emanados da Lei 45/2007 e respondan aos numerosos retos e mandatos establecidos nela, é preciso que o seu contido responda a un método apropiado de planificación territorial e que as súas actuacións estean adaptadas ás necesidades e potencialidades de cada zona rural e que na súa elaboración se preste unha especial atención aos criterios definidos polos instrumentos territoriais definidos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

3.3.9. A Xunta de Galicia poderá identificar as zonas de actuación intensiva para incrementar a súa sustentabilidade, competitividade e desenvolvemento rural integral. Estas zonas poderán apoiarse nos límites parroquiais (e poderán incluír unha ou varias parroquias) e serán obxecto dun plan de actuación integral en, polo menos, un ou varios dos seguintes ámbitos: dotación e mellora da infraestrutura viaria, abastecemento e saneamento de auga, xestión de residuos, equipamentos e servizos comunitarios, vivenda rural, electrificación rural e telecomunicacións, reorganización parcelaria, ordenación de usos, restauración da paisaxe ou calquera outro que permita o desenvolvemento rural.

Determinacións orientativas:

3.3.10. As administracións, para evitar o despoboamento e o envellecemento do interior de Galicia e para asegurar o desenvolvemento sustentable, promoverán o mantemento, recuperación e nova implantación de actividades con capacidade de xerar e diversificar emprego nas zonas rurais baseándose nas potencialidades endóxenas do territorio, neste caso relacionadas co sector primario (agrarias, gandeiras e forestais) e a súa fase de transformación de produtos, pero tamén nos restantes sectores económicos, e desenvolverán programas co obxectivo de mellorar a produtividade e competitividade e introducir fórmulas de explotación máis sustentables.

3.3.11. Os órganos competentes prestarán especial atención aos principios de ordenación territorial e especialmente ás determinacións destas DOT no desenvolvemento e aplicación das actuacións no marco da política agraria común, co obxectivo de adecuar as accións en materia agraria ás especificidades e prioridades de cada un dos ámbitos rurais identificados e da importancia relativa das actividades agroforestais.

3.3.12. A Xunta de Galicia e o conxunto de administracións públicas no marco das súas competencias desenvolverán accións destinadas a superar a elevada fragmentación da propiedade, a reducir e reverter o abandono das terras, á mellora nas condicións de desenvolvemento sustentable de actividades agrícolas, gandeiras e forestais, mais tamén aquelas tendentes á mellora e protección ambiental e paisaxística, á mitigación e adaptación aos riscos ambientais, en especial aos incendios forestais. Con estes cometidos considerarase:

a) A mellora ou habilitación de instrumentos en materia de xestión de terras ou reforma de estruturas que posibiliten a súa agrupación e xestión conxunta, como pode ser o Banco de Terras ou outros baseados no fomento da agrupación ou asociación de propietarios particulares ou dos montes veciñais en man común para a constitución de mancomunidades.

b) O fomento da competitividade das actividades agrícolas, gandeiras e forestais.

c) A aplicación de fórmulas que permitan asegurar a conservación das especies e variedades autóctonas nos ámbitos agrícola, gandeiro e forestal.

3.3.13. A Xunta de Galicia inventariará os montes públicos e veciñais en man común e traballará na integración da súa cartografía na infraestrutura de datos espaciais de Galicia.

3.3.14. A planificación territorial e urbanística que afecte a estrutura agraria ou o marco formal definitorio dos usos agrarios, como grandes obras de infraestrutura, explotacións mineiras, instalacións de produción enerxética, plans urbanísticos, entre outros, no seu procedemento de avaliación ambiental estratéxica ou de avaliación de impacto ambiental, segundo corresponda, poderán incluír unha análise específica da afección sectorial sobre as actividades agrarias, coas súas respectivas medidas correctoras e compensatorias se procedese, amais de incluír a consellería competente en materia de medio rural entre as administracións públicas interesadas para a fase de participación pública e consultas.

3.3.15. Defínese o solo rústico como aqueles terreos que atendendo aos seus elementos singulares de carácter produtivo agrogandeiro-forestal, ecolóxico, paisaxístico, ou como consecuencia da necesidade de previr riscos, preservar o dominio público ou manter espazos abertos, terán como destino preferente os usos que lle son propios, e así quedar á marxe do proceso urbanizador, co que se poderá incorporar a xestión urbanística do solo preservando os seus valores.

3.3.16. O planeamento municipal definirá as diferentes tipoloxías de solo rústico de todo o seu termo, atendendo aos criterios establecidos na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural e modificacións posteriores e considerando, entre outras, as delimitacións e determinacións que acheguen as administracións sectoriais con competencia nos usos inherentes á natureza deste solo rústico. Así mesmo, establecerase un réxime de uso en que se salvagarde a funcionalidade de cada unha das clasificacións e o seu uso sustentable.

Explotación dos recursos minerais e xeolóxicos.

Determinacións excluíntes:

3.3.17. A Xunta de Galicia elaborará un plan específico para a ordenación dos recursos minerais e xeolóxicos na comunidade autónoma como soporte ao desenvolvemento da actividade mineira, considerando os valores da contorna natural polas súas características xeolóxicas, morfolóxicas, ecolóxicas e paisaxísticas diferenciadas, variables dun lugar a outro, e as potencialidades de aproveitamento propias de cada zona. O dito plan establecerá as directrices e previsións para conxugar o necesario aproveitamento racional destes recursos naturais e a protección, rehabilitación, conservación e mellora do espazo natural afectado por labores e o seu beneficio.

3.3.18. Os instrumentos de ordenación e plan urbanístico na elaboración das súas propostas terán en conta as solicitudes e os dereitos mineiros outorgados na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes instrumentos, entre as súas previsións para a compatibilización dos usos existentes e potenciais do territorio, deberán motivar calquera disposición restritiva en relación ás actividades incluídas na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

3.3.19. A planificación e ordenación dos recursos minerais e xeolóxicos concederá especial atención á función ecolóxica que poidan desempeñar os terreos afectados polo seu aproveitamento e a mellora das condicións iniciais de uso destes terreos como consecuencia da súa rehabilitación posterior.

Determinacións orientativas:

3.3.20. Acometeranse estudos co obxecto de ponderar as diversas circunstancias e tecnoloxías que concorren no aproveitamento dos recursos minerais e xeolóxicos coas técnicas de rehabilitación dos terreos afectados e cos requirimentos que derivan das características da contorna natural e social. Entre os resultados destes estudos figurará a elaboración dun manual de boas prácticas que recolla estratexias de integración paisaxística e de minimización de impactos para as explotacións de recursos mineiros e xeolóxicos.

Pesca e acuicultura:

Determinacións excluíntes:

3.3.21. Os instrumentos de ordenación territorial e o planeamento urbanístico, na formulación das súas propostas de ordenación, terán presente o valor do litoral e das augas interiores como soporte da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

3.3.22. A Xunta de Galicia elaborará un plan específico para a ordenación da acuicultura en terra. Este plan establecerá as previsións e posibles localizacións de plantas de acuicultura a partir da capacidade de acollida do territorio, é dicir, localizacións que cumpran os requisitos de sustentabilidade respectando as limitacións derivadas doutras funcións produtivas e turísticas, e da protección dos valores ecolóxicos, paisaxísticos e do patrimonio cultural.

3.4. Determinacións para os núcleos interiores vinculados ao patrimonio rural.

Determinacións orientativas:

3.4.1. Os núcleos interiores vinculados ao patrimonio rural establecidos polas DOT son os que aparecen relacionados no anexo II deste documento. Esta relación ten carácter orientativo e poderá ser ampliada e axustada polos diferentes instrumentos de ordenación do territorio e planeamento urbanístico sempre que se xustifique axeitadamente e en coherencia cos criterios considerados na memoria destas directrices para a súa identificación.

3.4.2. Estes núcleos intégranse nunha contorna de gran valor rural (natural e cultural) e paisaxístico e deben conservar o seu carácter tradicional para acoller servizos turísticos e de lecer e outros usos con potencialidade de desenvolvemento. Nos concellos destes núcleos promoveranse actuacións e medidas que compatibilicen e resolvan os posibles conflitos entre usos residenciais, turísticos, gandeiros, mineiros ou da pequena industria, por medio da elaboración dos correspondentes instrumentos de planeamento de desenvolvemento.

3.4.3. As administracións fomentarán medidas que favorezan a súa promoción socioeconómica e que permitan xerar emprego e fixar a súa poboación.

3.4.4. Os procesos de dinamización destes núcleos apoiarase preferentemente na rehabilitación e reutilización das construcións existentes e na mellora de infraestruturas e equipamentos. Cando se proxecten crecementos edificatorios estes deberán garantir a súa integración coas características naturais, culturais, paisaxísticas e urbanísticas do contorno.

3.4.5. Os instrumentos de ordenación do territorio e o planeamento urbanístico deberán ordenar estes núcleos en congruencia coa súa posición estratéxica en relación ás áreas estratéxicas de conservación, aos ámbitos de interese patrimonial e á rede de itinerarios de interese paisaxístico e ambiental.

3.4.6. A Xunta de Galicia poderá realizar un inventario, caracterización e tipificación da totalidade dos asentamentos e construcións rurais de Galicia (independentemente do seu número de residentes, número de edificacións, estado de conservación del, tipoloxía edificatoria, etc.).

A partir da caracterización realizada poderán promoverse medidas de protección e xestión preventiva de cara a evitar a perda deste patrimonio rural que, en moitos casos, se pode converter nun activo para o desenvolvemento de novas actividades e acoller novos rurais.

4. As infraestruturas e os vectores ambientais do modelo territorial.

4.1. Determinacións relativas ás estradas.

Determinacións excluíntes:

4.1.1. Corresponde ao Plan Director de Estradas-Plan MOVE establecer a estrutura xerarquizada da rede de estradas, os programas de actuación necesarios para o seu desenvolvemento e os criterios de coordinación e planificación, para garantir a coherencia e funcionalidade do sistema viario de Galicia, de acordo coas determinacións previstas na Lei 4/1994, de estradas de Galicia.

4.1.2. Este plan terá como obxectivos fundamentais para a articulación do territorio os seguintes:

a) Completar as comunicacións de Galicia co exterior: Asturias, Castilla-León e Portugal.

b) Reforzar a articulación interior e garantir a accesibilidade ao sistema de asentamentos mediante unha rede viaria xerarquizada, situando o 80% da poboación a menos de 10 minutos dalgún enlace cunha vía de altas prestacións.

c) Mellorar o acceso aos equipamentos de carácter supramunicipal e ás grandes áreas empresariais.

d) Asegurar as conexións cos sistemas portuarios, aeroportuarios e ferroviarios.

e) Articular as cidades e as súas periferias.

4.1.3. Co obxectivo de coordinar as infraestruturas viarias correspondentes aos ámbitos onde se produce un maior número de desprazamentos, poderán desenvolverse plans sectoriais da rede viaria das áreas de influencia do sistema de cidades.

Determinacións orientativas:

4.1.4. Con carácter xeral toda actuación sobre a rede de estradas incorporará medidas de mellora da seguridade viaria e as necesarias para asegurar a integración ambiental e paisaxística e a protección do patrimonio cultural, prestando especial atención aos niveis de ruído.

4.1.5. Procederase de forma progresiva á eliminación de travesías e de tráficos de longo percorrido polas zonas urbanas. A execución de variantes de poboación implicará a transferencia aos diferentes municipios daqueles tramos de estrada que foron substituídos pola nova infraestrutura no momento da súa posta en servizo e a posta en marcha de medidas de humanización.

4.1.6. Os plans e proxectos das administracións públicas estudarán a implantación de solucións de deseño que outorguen prioridade ao transporte colectivo (carril-bus, apeadeiros, intercambiadores...) e faciliten a mobilidade peonil, fomentando ademais a mellora das redes existentes fronte aos novos trazados.

4.1.7. As novas vías urbanas estruturantes das cidades deberán prever a posibilidade de implantar varios modos de transporte diferentes (peonil, bicicleta, autobús, metro lixeiro, vehículo particular), dándolles prioridade aos modos de transporte colectivo.

4.1.8. O acceso ás parcelas resultantes dos novos desenvolvementos urbanísticos deberá realizarse a través de estradas cando menos de rango local. As conexións coas estradas supramunicipais coordinaranse coa administración titular da vía.

4.1.9. Respecto ao transporte de mercadorías, proxectaranse e construiranse áreas de estacionamento e descanso para os transportistas de estrada, asociadas aos corredores principais e centros de carga.

4.2. Determinacións relativas ás infraestruturas ferroviarias.

Determinacións excluíntes.

Alta velocidade:

4.2.1. Priorizarase o desenvolvemento da rede de alta velocidade ferroviaria como un elemento fundamental do funcionamento integrado do sistema de grandes cidades de Galicia e as súas conexións exteriores.

4.2.2. As estacións de alta velocidade localizaranse atendendo a criterios de máxima accesibilidade desde o conxunto de cada rexión urbana ou área urbana e terán o carácter de estación intermodal.

Rede convencional:

4.2.3. Manterase e potenciarase a rede convencional para uso preferente, pero non exclusivo, do transporte de mercadorías ou de proximidade. Cando sexa preciso estableceranse os mecanismos que garantan a compatibilidade de tráficos na rede de alta velocidade.

4.2.4. Todos os portos de interese xeral do Estado contarán con acceso ferroviario, incluídas as novas dársenas dos portos exteriores da Coruña e Ferrol.

4.2.5. Procederase á posta en servizo de medidas que contribúan a garantir a seguridade dos pasos a nivel, en función do momento de circulación. Estas medidas estarán baseadas en dispositivos de protección e sinalización naqueles casos de baixos momentos de circulación, chegando á eliminación do paso naqueles casos con momentos de circulación máis elevados.

Determinacións orientativas:

4.2.6. Potenciaranse os servizos ferroviarios nas relacións interiores de Galicia, particularmente nas rexións urbanas da Coruña-Ferrol e de Vigo-Pontevedra.

4.2.7. Fortaleceranse os servizos de FEVE na relación Ferrol-Ribadeo como elemento de integración dos sistemas urbanos do corredor do Cantábrico.

4.2.8. Potenciarase a rede convencional para as relacións rexionais e de proximidade.

4.2.9. Estableceranse as medidas necesarias para reducir o impacto ambiental do ferrocarril, con especial atención á xeración de ruídos e á integración na trama urbana e na paisaxe.

4.2.10. Nas liñas ferroviarias que queden fóra de servizo procurarase manter as afeccións das instalacións e franxas de dominio, orientándose prioritariamente o seu uso a outros usos ferroviarios e, excepcionalmente, nos casos de inviabilidade desta opción excepcionalmente poderán transformarse en vías verdes para a prestación de servizos de transporte alternativo ou incluiranse dentro da rede de itinerarios recreativos establecidos polas DOT.

4.2.11. Fomentarase a implantación de sistemas eficientes de transporte colectivo de proximidade nas rexións urbanas e nas áreas urbanas da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense, adaptados ás súas particularidades.

4.3. Determinacións relativas ás infraestruturas aeroportuarias.

Determinacións excluíntes:

4.3.1. O sistema aeroportuario primario de Galicia está integrado polos aeroportos de Santiago (Lavacolla), A Coruña (Alvedro) e Vigo (Peinador).

4.3.2. Potenciarase a mellora da accesibilidade dos aeroportos co sistema de cidades, prestando especial atención á intermodalidade con outros modos de transporte.

4.3.3. Os instrumentos de ordenación do territorio e do urbanismo que ordenen ámbitos afectados polas servidumes aeronáuticas vixentes, incluíndo as acústicas, incorporarán as limitacións que estas impoñen.

Paralelamente, os plans urbanísticos dos concellos afectados polas ditas servidumes, establecerán as condicións de uso do solo afectado e o contorno que sexa preciso coa finalidade de evitar impactos ambientais e acústicos sobre a poboación existente e a dos posibles novos desenvolvementos como consecuencia do seu funcionamento.

Determinacións orientativas:

4.3.4. Os plans directores dos aeroportos preverán as necesidades de mellora das súas instalacións e sistemas para garantir maiores niveis de servizo e o acceso a novas funcións, especialmente nas actividades loxísticas.

4.3.5. Os tres aeroportos deben coordinar as súas ofertas para lles ofrecer aos cidadáns galegos a mellor oferta posible de voos.

4.3.6. O aeroporto de Santiago (Lavacolla) configurarase como o aeroporto de conexión internacional de Galicia para voos transoceánicos.

4.3.7. Os instrumentos de ordenación do territorio e os plans urbanísticos dos concellos onde se localizan os aeroportos considerarán as oportunidades existentes para o desenvolvemento das zonas de actividade económica vinculadas aos aeroportos.

4.3.8. Potenciarase a participación da Administración autonómica na planificación e xestión do sistema aeroportuario de Galicia.

4.3.9. Estas determinacións orientativas, no que se refire aos aeroportos cualificados de interese xeral, aplicaranse con pleno respecto ás competencias exclusivas do Estado sobre eles e á súa normativa reguladora.

4.4. Determinacións relativas ás infraestruturas portuarias.

Determinacións excluíntes:

4.4.1. Integran o sistema portuario de Galicia os portos de interese xeral do Estado (Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín-Pontevedra e Vigo), xunto cos 122 portos de titularidade autonómica xestionados por Portos de Galicia.

4.4.2. Os portos de interese xeral do Estado deberán ter conexións ferroviarias, e contarán con acceso viario enlazado coa rede xeral do Estado a través de vías de alta capacidade.

4.4.3. A xestión dos portos optimizará o uso dos espazos da súa competencia en actividades portuarias que dependan do transporte marítimo en xeral, a pesca e as actividades náutico-recreativas, promovendo a recolocación en áreas exteriores próximas daquelas actividades produtivas que non requiran a súa localización dentro do dominio público portuario.

4.4.4. Nesta liña, planificarase o desenvolvemento dunha rede intermodal de transporte de mercadorías, na cal os portos e as plataformas loxísticas constitúan os nodos sobre os que se realiza non só o intercambio modal, senón tamén operacións de tipo loxístico, con xeración de riqueza e emprego.

4.4.5. A Administración autonómica elaborará un plan director de portos deportivos que, como criterio xeral, fronte á construción de novas instalacións portuarias priorizará o acondicionamento dos portos tradicionais e instalacións existentes para acoller actividades vinculadas á náutica deportiva. En particular, para minorar a afectación á lámina de auga fomentarase a ordenación de fondeaduras e a instalación de mariñas secas e, asemade, considerarase a protección do patrimonio natural e cultural costeiro, incluíndo o patrimonio arqueolóxico subacuático.

Determinacións orientativas:

4.4.6. Mellorarase a integración dos espazos portuarios coas súas contornas urbanas e territoriais desenvolvendo actuacións de eliminación de barreiras e de integración porto-cidade, garantindo, en todo caso, a funcionalidade portuaria.

4.4.7. Potenciaranse as iniciativas de coordinación entre as cinco autoridades portuarias dependentes da Administración xeral do Estado e o ente Portos de Galicia.

4.4.8. A consolidación das liñas de transporte de viaxeiros por vía marítima existentes e a aparición doutras novas nas rías galegas debe articularse axeitadamente con servizos coordinados de transporte baseados noutros modos (tamén colectivos) nos portos, que reforzan o seu papel de nodos intermodais.

4.4.9. A Administración autonómica promoverá a coordinación e a paulatina integración funcional dos portos situados nas rexións urbanas de Vigo-Pontevedra e da Coruña-Ferrol e os da ría de Arousa co obxectivo de favorecer as posibilidades conxuntas de crecemento.

4.5. Determinacións relativas aos sistemas de transporte e á mobilidade alternativa

Determinacións excluíntes:

4.5.1. Os sistemas de transporte e a mobilidade alternativa son eidos de actuación de natureza transversal, polo que para a súa consideración deberá atenderse ás determinacións de cada un dos anteriores grupos de infraestruturas.

4.5.2. A Xunta de Galicia elaborará plans de transporte metropolitano nos ámbitos das revisións e áreas urbanas co obxectivo de dotar de solucións de transporte accesibles e sustentables espazos con crecentes demandas de mobilidade e riscos de conxestión. Nestes plans consideraranse as referencias territoriais establecidas na memoria destas directrices.

4.5.3. A Xunta de Galicia realizará unha planificación da mobilidade alternativa cuxo obxectivo será o fomento do uso dos modos de transporte non motorizados, incrementando a súa importancia na repartición modal con relación á dos modos motorizados privados, tanto no ámbito metropolitano como no rural. Entre as actuacións que hai que considerar figurará propiciar a coordinación das actuacións das diferentes administracións públicas tendentes ao fomento desta mobilidade alternativa, impulsar a intermodalidade dos modos non motorizados cos modos de transporte público colectivo, e dotar Galicia dunha rede básica de vías ciclistas, nas cales se poida circular a pé ou en bicicleta de maneira cómoda e segura.

Determinacións orientativas:

4.5.4. Poderanse desenvolver sistemas integrados de transporte colectivo nos espazos de maior densidade do litoral, como as Rías Baixas ou a Mariña de Lugo.

4.5.5. En relación aos espazos rurais, será preciso desenvolver solucións específicas que concilien as necesidades de mobilidade da poboación coa viabilidade dos servizos. Estas solucións precisarán conxugar distintas propostas como o fomento de modos de transporte colectivos adaptados ás necesidades de espazos con baixa densidade de poboación, entre os cales cómpre destacar os servizos á demanda, como os baseados no proxecto europeo Ruto (Rural transport integration in the East of Ourense), xunto coa posta en uso da rede existente de camiños rurais, así como a rede de vías aptas para ciclistas e peóns da planificación da mobilidade alternativa.

4.6. Determinacións relativas ás infraestruturas de telecomunicacións.

Determinacións excluíntes:

4.6.1. As actuacións en materia de infraestruturas de telecomunicacións orientaranse a aumentar as interconexións das redes de fibra óptica e dos sistemas de transmisión de datos de alta capacidade entre Galicia, o resto de España e Portugal.

4.6.2. Completaranse as infraestruturas de telecomunicacións para facilitar o acceso a todo tipo de servizos telemáticos (banda larga ou telefonía) a todos os núcleos do sistema de asentamentos proposto nas DOT en condicións de axeitada calidade.

4.6.3. En toda planificación de obras de urbanización se preverán os espazos e sistemas necesarios que faciliten a implantación posterior de redes de telecomunicacións.

Determinacións orientativas:

4.6.4. As administracións propiciarán a prestación de servizos administrativos, educativos, sanitarios, sociais, culturais ou de emerxencias por vía telemática.

4.6.5. En todos os desenvolvementos de telecomunicacións da Xunta de Galicia e entes adscritos se fomentará o emprego das redes de operadores públicos.

4.6.6. Todas as novas edificacións destinadas a usos dotacionais, tanto públicos como privados, deberán construírse co seu respectivo proxecto de telecomunicacións.

4.6.7. A implantación ou renovación de infraestruturas de telecomunicación realizarase conciliando a súa maior eficiencia no servizo e a redución ou eliminación do seu impacto sobre os elementos de interese paisaxístico, ambiental ou patrimonial. Para tal efecto establécense os seguintes criterios:

a) Outorgarase prioridade ás infraestruturas e servizos de telecomunicacións, tanto públicos como privados, vinculados aos sistemas de transportes. Así, a planificación en materia de transportes e comunicacións deberán incorporar actuacións específicas en relación cos sistemas de telecomunicacións, incluíndo nos proxectos de execución a previsión dos espazos necesarios para a súa posterior implantación.

b) Consideraranse como localizacións preferentes en calquera clase de solo as instalacións preexistentes de telecomunicación, as instalacións destinadas á publicidade, as construcións ou instalacións industriais ou comerciais e outras infraestruturas ou mobiliario urbano, sempre que sexa compatible.

c) As súas dimensións e características serán as que, preservando a funcionalidade da instalación, produzan un menor impacto visual.

d) Evitarase a implantación en lugares protexidos ben pola lexislación reguladora do patrimonio histórico ben pola de protección do medio.

e) Os diferentes operadores deberán chegar a acordos sobre o uso compartido das instalacións de telecomunicación. En tal sentido, non se autorizarán novas instalacións que non cumpran con este requisito.

4.7. Determinacións relativas ás infraestruturas de xeración e abastecemento enerxético.

Determinacións excluíntes:

4.7.1. A Xunta de Galicia formulará un plan sectorial de produción e distribución de enerxía en Galicia, coas seguintes finalidades:

a) Valorar o estado dos actuais centros de produción e redes de transporte e distribución, e diagnosticar as necesidades actuais e futuras.

b) Deseñar estratexias para favorecer a eficiencia e o aforro enerxético.

c) Compatibilizar a preservación dos valores e da calidade do ambiente cos principios de eficiencia, seguridade e diversificación das actividades de produción, transformación, transporte e usos da enerxía. Deberá incorporar medidas de acción que se inclúan no programa marco de acción fronte ao cambio climático.

d) Propoñer, de conformidade cos criterios e obxectivos dos programas e estratexias autonómica, estatal e europea, as actuacións necesarias para aumentar a contribución da enerxía procedente de fontes renovables, analizando as posibilidades e condicións para a instalación das distintas tipoloxías.

e) Fixar as actuacións necesarias para a racionalización e mellora da rede existente valorando a posibilidade de establecer corredores eléctricos e gasodutos.

4.7.2. Os instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico deberán prever as infraestruturas necesarias para o abastecemento tanto eléctrico como gasista, segundo o caso, para o que deberán prever e cuantificar o aumento da demanda de enerxía en todos os sectores.

Así mesmo, deberán ter en conta as posibilidades de conexión coas redes de transporte e distribución de enerxía, tanto preexistentes como de nova implantación, prevendo corredores de infraestruturas.

4.7.3. Co fin de determinar a viabilidade das actuacións, as compañías subministradoras establecerán, no momento da ordenación municipal, as necesidades e o custo das infraestruturas asociadas aos desenvolvementos urbanísticos.

4.7.4. Nos novos desenvolvementos urbanísticos os tendidos e redes de instalacións enerxéticas serán subterráneos.

Determinacións orientativas:

4.7.5. Nas actuacións relativas á enerxía eólica, regularanse as condicións para o desenvolvemento dos parques eólicos, priorizando a repotenciación dos xa existentes cunha planificación realizada a través dun plan sectorial. Así, só se poderán instalar parques eólicos nas áreas reservadas para tal fin no dito instrumento de ordenación e será necesaria a elaboración dun proxecto sectorial para o seu desenvolvemento, sen prexuízo da excepcionalidade considerada na Lei 8/2009, do 22 de decembro, para as instalacións de menos de 100 kW e os parques eólicos experimentais.

4.7.6. A posible implantación de instalacións de produción de enerxía mariña de calquera tipo someterase aos seguintes criterios e en consonancia co acordo parlamentario acadado:

a) A distancia, disposición e características dos xeradores estará condicionada polos valores paisaxísticos, ecolóxicos, culturais e produtivos pesqueiro-marisqueiros do tramo litoral de estudo.

b) As liñas de evacuación da enerxía producida tenderanse sobre o leito mariño, sen modificar nin afectar a plataforma continental nin os fondos das rías.

c) A entrada en terra firme producirase soterrada, sen máis alteracións topográficas nin movementos de terras que os imprescindibles para o soterramento das liñas. En ningún caso estas liñas de evacuación poderán atravesar nin afectar os espazos protexidos en virtude da lexislación sobre medio natural nin os que estas directrices ou o PTI do litoral de Galicia sometan a unha protección especial coa cal tales tendidos resulten incompatibles.

4.7.7. Considérase conveniente estender as infraestruturas de abastecemento de gas natural ás tramas urbanas das áreas urbanas e, progresivamente, aos restantes nodos do sistema de asentamentos.

4.7.8. Nas áreas estratéxicas de conservación non se permitirá a instalación de novos parques eólicos nin hortas solares agás que nos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos se prevexa, e aquelas asociadas ás infraestruturas e usos xa existentes ou que nun futuro se determinen compatibles.

4.7.9. Nas novas instalacións de produción de enerxía primará a integración ambiental e paisaxística, polo que para a xustificación da idoneidade da localización se deberán valorar as diversas alternativas, outorgando prioridade aos solos xa transformados, e descartando, en calquera caso, as que deriven nunha maior incidencia, sen prexuízo das medidas correctoras correspondentes.

4.7.10. Establécense os seguintes criterios fundamentais para a ordenación dos tendidos eléctricos aéreos:

a) En xeral, o percorrido das instalacións adaptarase á topografía e xeomorfoloxía do terreo.

b) Preferentemente estas instalacións seguirán un percorrido paralelo ás vías de comunicación existentes (estradas, ferrocarril), evitando abrir novos trazados no territorio, respectando sempre as distancias de seguridade.

c) Sempre que existan outras liñas próximas, priorizarase o desdobramento das existentes antes da construción dunha liña nova. Cando isto non sexa posible por razóns técnicas, instalarase a nova liña o máis preto posible da xa existente, para aproveitar o mesmo corredor.

d) No que respecta ás liñas eléctricas de alta tensión, atenderase ás disposicións recollidas no Real decreto 263/2008, do 22 de febreiro, polo que se establecen medidas de carácter técnico en liñas eléctricas de alta tensión, co obxectivo de protexer a avifauna, nas zonas de protección definidas en Galicia seguindo as indicacións desa norma.

4.7.11. Os instrumentos de planificación establecerán medidas, en coordinación coas empresas subministradoras, para a eliminación progresiva dos tendidos aéreos nas zonas de influencia das zonas de interese patrimonial natural e cultural.

4.7.12. Os instrumentos de planeamento urbanístico establecerán accións e determinacións que contribúan a executar os seguintes obxectivos do metabolismo urbano enerxético:

a) Integrar o concepto de eficiencia enerxética na organización das cidades, no deseño urbanístico, na edificación, nos sistemas de mobilidade e accesibilidade e na xestión urbana, tanto en sectores residenciais de nova construción como en tecidos urbanos preexistentes.

b) Establecer no planeamento urbanístico un nivel mínimo de enerxías renovables e un determinado grao de autosuficiencia enerxética que permita combinar a xeración local coas medidas de aforro e eficiencia.

c) Adaptar a morfoloxía urbana, as tipoloxías e o deseño dos espazos exteriores ás condiciones bioclimáticas.

d) Deseñar, onde resulte posible e de interese, estruturas urbanas compatibles con sistemas centralizados de calefacción.

4.8. Determinacións relativas ao ciclo integral da auga.

Determinacións excluíntes:

4.8.1. A planificación que conteña os plans e programas sectoriais, os instrumentos de ordenación do territorio e o planeamento urbanístico deben ser acordes coa planificación hidrolóxica, considerando a auga como un sistema complexo que abrangue as augas continentais, tanto superficiais como subterráneas, as augas de transición e as costeiras, independentemente do seu tamaño e características, así como as augas moi modificadas ou augas artificiais.

4.8.2. Esta planificación oriéntase polos seguintes principios xerais relacionados coa auga:

a) Protección e mellora do estado de todas as augas.

b) Prevención da deterioración adicional, protección e mellora do estado dos ecosistemas acuáticos, dos ecosistemas terrestres e zonas húmidas que dependan destes.

c) Garantía da subministración suficiente de auga superficial ou subterránea en bo estado, e promover o seu uso sustentable, equilibrado e equitativo.

d) Promover a xestión sustentable da auga baseada na protección a longo prazo dos recursos hídricos.

4.8.3. Para acadar estes obxectivos a planificación territorial establecerá as medidas necesarias no relativo a:

a) Establecer medidas concretas para a redución de verteduras, emisións e perdas de substancias prioritarias e a interrupción ou supresión gradual de verteduras que permitan garantir a redución progresiva da contaminación das augas.

b) Respectar as zonas protexidas delimitadas.

c) Respectar as limitacións establecidas en zonas inundables para minimizar os efectos das inundacións.

d) Garantir a subministración suficiente de auga superficial ou subterránea en bo estado.

e) Contribuír a paliar os efectos das inundacións e as secas.

4.8.4. As infraestruturas hidráulicas de abastecemento e saneamento constitúen o conxunto de elementos construídos ao servizo do ciclo integral da auga, e que engloban:

a) A garantía de dispoñibilidade do recurso.

b) A posibilidade da súa utilización.

c) A captación, tratamento, transporte e distribución de auga potable.

d) A recolla da auga residual e a súa condución ás estacións depuradoras.

e) A depuración das augas residuais.

f) A reutilización ou vertedura ao medio receptor nas condicións indicadas polas distintas normativas sectoriais.

g) A xestión da auga de escoamento en redes unitarias e separadoras mediante a aplicación de técnicas de drenaxe urbana sustentable (TDUS), xa sexan en orixe (non estruturais e independentes da tipoloxía da rede) ou augas abaixo das redes (estruturais), que serán diferentes segundo as redes sexan unitarias ou separadoras.

4.8.5. Esta planificación orientarase polos seguintes obxectivos xerais relacionados coas infraestruturas hidráulicas:

a) Garantir a subministración suficiente de auga superficial ou subterránea en bo estado, e promover o seu uso sustentable, equilibrado e equitativo cerrando o ciclo da auga.

b) Reducir de forma significativa a contaminación de todas as masas de auga: continentais (superficiais e subterráneas), de transición e costeiras.

c) Acadar os obxectivos dos acordos internacionais que teñen por finalidade previr e erradicar a contaminación do medio mariño.

4.8.6. As administracións e concesionarios velarán por un mantemento técnico das redes de distribución de auga que reduzan o nivel de perdas, e na planificación das súas actuacións de reforma e mellora procurarán un obxectivo de perda cero.

4.8.7. As administracións non poderán executar nin autorizar novas redes de subministración de auga fóra dos núcleos urbanos ou rurais sen teren en conta os criterios establecidos de planificación territorial, de planificación hidrolóxica e as previsións dos plans de abastecemento. Poderanse autorizar no caso de que se trate de:

a) Novos desenvolvementos residenciais ou industriais previstos por instrumentos de ordenación do territorio ou polo planeamento urbanístico.

b) Dotacións, infraestruturas ou instalacións previstas por instrumentos de ordenación do territorio.

c) Os sistemas de abastecemento para a rega ou abastecemento de explotacións agrarias.

d) Redes principais de transporte de auga.

4.8.8. As actividades que se desenvolvan en solo rústico abasteceranse por medios propios, sempre que se obteña a autorización administrativa para a extracción da auga en condicións de sustentabilidade. Alí onde xa existen redes de abastecemento de auga, poderanse servir delas, tras autorización, cando non comprometan o abastecemento ás vivendas actuais.

4.8.9. Non se poderán executar novos desenvolvementos residenciais, industriais ou comerciais, dotacións ou explotacións agroforestais ou mineiras se non está previamente garantido o abastecemento de auga e o saneamento de augas residuais e a xestión das augas pluviais conforme a criterios de sustentabilidade e á planificación hidrolóxica.

4.8.10. En calquera caso, no estudo de alternativas, priorizaranse as localizacións en que se poidan aproveitar redes existentes fronte ás que implican a construción de novas redes, aínda que estea garantido o seu financiamento.

4.8.11. Calquera novo desenvolvemento residencial, industrial ou terciario preverá obrigatoriamente dúas redes de evacuación de augas, separadas e independentes, para augas pluviais e para augas residuais. Incluiranse as TDUS (técnicas de drenaxe urbana sustentable) precisas para garantir dun xeito cualitativo e cuantitativo a volta da auga pluvial ao medio receptor.

4.8.12. As redes de evacuación de augas residuais para os novos desenvolvementos urbanísticos conducirán a elementos ou instalacións de depuración que garantan que os efluentes cumpran os límites ambientais establecidos legalmente.

4.8.13. Co fin de determinar a viabilidade das actuacións, as compañías titulares das infraestruturas establecerán, no momento da ordenación municipal, as necesidades e o custo das infraestruturas hidráulicas asociadas aos desenvolvementos urbanísticos.

4.8.14. No contexto dos núcleos rurais, os sistemas de abastecemento e saneamento poderán prever solucións específicas adaptadas ás particularidades do medio rural en que se atopan, como poden ser as tecnoloxías de baixo custo ou outras de tipo autónomo.

Respecto aos sistemas de tratamento de augas residuais, poderase analizar o uso de sistemas alternativos aos convencionais como poden ser as gabias filtrantes, filtros verdes, zonas húmidas artificiais, lagoas ou sistemas combinados naqueles asentamentos onde debido á súa localización ou tamaño, os custos da construción e mantemento dunha EDAR ou o transporte das augas residuais ata unhas instalacións deste tipo sexan maiores que o da implantación dalgún dos sistemas alternativos propostos, rexéndose na determinación por criterios de eficiencia e sustentabilidade e sempre e cando sexan compatibles cos criterios sinalados polo organismo de bacía en materia de verteduras, en función das características do medio receptor.

4.8.15. O contorno dos ríos, regueiros e encoros de Galicia terán a consideración de solo rústico de protección das augas, e quedará excluído do proceso urbanizador e sometido ao réxime de uso que para esta clase de solo establece a lexislación urbanística, e limitándose especialmente os usos en zona de fluxo preferente.

A delimitación deste solo rústico de especial protección de augas polo planeamento urbanístico nunha área inferior á zona de policía de augas deberá xustificarse empregando estudos e análises de asolagamento, determinados polo organismo de bacía correspondente.

4.8.16. A Administración autonómica ou os organismos de bacía elaborarán cartografía de zonas inundables de Galicia e estableceranse as medidas necesarias para previr os danos por inundacións sobre persoas e bens. Con carácter xeral, estes terreos non poderán ser obxecto de transformación urbanística e, en todo caso, limitaranse os usos permitidos.

Determinacións orientativas:

4.8.17. As administracións fomentarán a transferencia paulatina á titularidade pública das redes veciñais de abastecemento de auga.

4.8.18. Nas explotacións agroforestais, zonas industriais e comerciais, parques públicos e zonas residenciais de vivendas con xardíns privados, así como, en xeral, en novas zonas de desenvolvemento urbanístico, preveranse TDUS en orixe (detención, retención ou filtración da auga pluvial) que poden ser útiles como sistemas de almacenamento de augas pluviais para a rega, o proceso industrial ou a limpeza do espazo público.

4.8.19. As administracións desenvolverán accións para a paulatina substitución de redes unitarias por redes separadoras sempre que sexa posible, garantindo a calidade da auga pluvial na vertedura ao medio receptor ou na súa reutilización mediante TDUS en orixe ou estruturais como estanques de retención, de detención, etc. Cando sexa inviable a separación das redes aplicaranse TDUS en orixe para minimizar a entrada da auga pluvial nos sistemas de saneamento (pavimentos porosos, gabias de infiltración, etc.) e aplicaranse TDUS estruturais (na rede) como tanques de detención, tanto para garantir a calidade da auga en exceso que alivie cara ao medio receptor como para permitir a xestión do volume de auga resultante na rede e nas estacións depuradoras.

4.8.20. As novas urbanizacións reducirán ao mínimo posible a selaxe do solo, mediante a utilización de pavimentos filtrantes e a interposición de espazos verdes ou sen pavimentar.

4.8.21. As administracións desenvolverán as actuacións precisas para a mellora e adaptación das redes de saneamento.

4.8.22. Na planificación das redes de estacións depuradoras, as administracións estudarán a viabilidade de execución de sistemas para a reutilización das augas, logo de depuradas, para a rega, o proceso industrial ou a limpeza do espazo público polo que a súa localización debe estar acorde con este obxectivo.

4.8.23. Con carácter xeral, evitaranse as canalizacións cubertas dos cursos de auga.

4.8.24. Para as canalizacións e rectificacións do leito proponse a adopción de solucións brandas (noiros verdes, diques revexetables, dobres leitos, etc.) que compatibilicen a prevención de inundacións coa conservación da vexetación da ribeira para favorecer a vitalidade ecolóxica dos ríos.

4.8.25. Nos casos en que, conforme a lexislación urbanística, as correntes de auga de escasa entidade queden integradas nos sistemas de espazos libres públicos en solo urbanizable, manterase o seu curso e as súas características naturais procurando conservar a vexetación de ribeira.

4.8.26. Como criterio xeral, para as zonas inundables en solo urbano e nos núcleos rurais, as administracións competentes desenvolverán as medidas de xestión ou estruturais precisas para minimizar os efectos das inundacións, sempre dentro dun marco de planificación e restrición de usos que minimicen os danos.

4.8.27. Como criterio xeral, as administracións competentes dos distintos usos e actividades consumidores de auga impulsarán o aforro e a eficiencia no seu uso.

No ámbito específico da edificación, establecerase un nivel mínimo de autosuficiencia, como podería ser a través da recolla das augas pluviais nos edificios ou o emprego de sistemas de aproveitamento de augas grises, así como a instalación de solucións tecnolóxicas de aforro e maior eficiencia.

4.9. Determinacións relativas á xestión de residuos

Determinacións excluíntes:

4.9.1. A Xunta de Galicia elaborará, de modo coordinado, os plans sectoriais que resulten necesarios en materia de xestión de residuos, nos cales diagnosticará a situación actual da produción e tratamento, e concretará as medidas relativas a:

a) Fomento da prevención e da redución da produción de residuos.

b) Implantación da recolla selectiva en orixe.

c) Potenciación dun verdadeiro mercado de reciclaxe, baixo criterios de autosuficiencia e proximidade.

d) Redución das necesidades de eliminación de residuos mediante vertedura final.

e) Incorporación do factor humano nas actividades de xeración e xestión de residuos, maximizando a implicación e coñecementos da poboación e dos xestores.

f) Establecemento das bases estratéxicas de organización e loxística necesarias para a futura implantación de infraestruturas de transferencia e xestión de residuos de conformidade cos principios de autosuficiencia, equidade territorial, descentralización, proximidade xeográfica á orixe dos residuos e eficiencia económica e ambiental.

4.9.2. As administracións competentes adoptarán as medidas necesarias para o progresivo peche e recuperación de vertedoiros non controlados.

Determinacións orientativas:

4.9.3. Os residuos inertes procedentes de escavacións, da construción e demolición serán destinados preferentemente á súa utilización como areas e, nun segundo lugar, poderán ser empregados para restaurar, de xeito controlado, aqueles ocos xerados coa actividade mineira.

4.9.4. De conformidade coas pautas establecidas polo plan de xestión de residuos aprobado pola Xunta de Galicia, esta fomentará a elaboración de plans locais de recolla de residuos urbanos ou, subsidiariamente, a integración da xestión de residuos no planeamento urbanístico municipal co fin de establecer a organización dos servizos de recolla e prever a implantación da recolla selectiva en coherencia coas necesidades do concello, segundo o volume e a natureza dos residuos producidos no seu ámbito, garantindo o autofinanciamento da entidade local no cobramento das taxas pola prestación dos servizos de recolla e xestión de residuos urbanos.

4.9.5. En coherencia coas restantes determinacións, os instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico incorporarán as accións e determinacións necesarias para pular pola integración dos obxectivos e medidas previstas sobre o metabolismo urbano do ciclo dos materiais e residuos tendentes tanto á redución do consumo de materiais como á redución na produción de residuos:

a) Empregar materiais locais tradicionais na construción (naturais, renovables), evitando materiais de alto impacto ambiental.

b) Reducir os movementos de terras e incluír medidas de xestión dos movementos de terras e das súas verteduras.

c) Reducir en xeral o consumo de materiais na edificación, incrementar o uso de materiais renovables ou con menor consumo enerxético na súa fabricación e posta en obra, ou reciclados ou reutilizados.

d) Establecer medidas para fomentar o emprego de materiais reciclados ou reciclables e técnicas construtivas que posibiliten a reciclaxe/desmontaxe, así como a coordinación coa regulamentación da produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

e) Dimensionar e localizar axeitadamente os espazos necesarios para os sistemas de recolla selectiva de residuos.

5. Os equipamentos supramunicipais.

Determinacións excluíntes:

5.1. Os equipamentos colectivos sanitarios, asistenciais, educativos, culturais, deportivos, administrativos e recreativos planificaranse de acordo co sistema xerarquizado de asentamentos que define o modelo territorial destas directrices, co fin de acadar un axeitado grao de cobertura para a poboación e a optimización de recursos, tendo en conta as diferentes esferas de influencia dos equipamentos segundo o tipo, a función e o destino concreto.

5.2. Para a localización destes equipamentos considéranse tres niveis de influencia en función da súa entidade, agás que debido ás peculiaridades do tipo de dotación ou do estado actual da súa oferta a Administración competente xustifique a utilización doutros ámbitos territoriais de referencia:

a) Nivel de influencia da comunidade autónoma, que se aplicará aos equipamentos que prestan servizo ao conxunto de Galicia, con localización preferente nas rexións urbanas de Vigo-Pontevedra e da Coruña-Ferrol, nas áreas urbanas da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense.

b) Nivel de influencia intermedia. Situaranse preferentemente nas vilas e pequenas cidades do sistema urbano intermedio e nas áreas urbanas.

c) Nivel de influencia supralocal, que deben localizarse nas subcabeceiras do sistema urbano intermedio e nos nodos para o equilibrio do territorio.

5.3. Os equipamentos localizaranse nas zonas de mellor accesibilidade para as persoas do seu ámbito de influencia, en lugares apropiados e congruentes co carácter do equipamento, facilitando o acceso peonil, nas proximidades de estacións ou apeadeiros de transporte colectivo, prevendo os aparcadoiros suficientes e contribuíndo á mellora e articulación dos espazos públicos. Priorizarase, asemade, unha localización en ámbitos xa urbanizados ou, en todo caso, evitando a afección de valores naturais e culturais.

5.4. Este sistema de equipamentos supramunicipais compleméntase cos equipamentos de nivel de influencia local, que se sitúan nos principais núcleos municipais e parroquiais, para garantir a súa axeitada dotación ata a escala máis próxima a toda poboación.

Determinacións orientativas:

5.5. Para a ordenación dos equipamentos supramunicipais, os correspondentes plans e programas sectoriais terán en conta os seguintes criterios, así como as restastes consideracións realizadas na memoria destas directrices:

a) Satisfacer as necesidades da poboación considerando a residente máis, no seu caso, a estacional, ademais das súas singularidades en canto á súa estrutura de idades e principais actividades produtivas que poidan condicionar o deseño dos sistemas dotacionais.

b) Ordenar os niveis superiores do sistema de equipamentos con criterios de singularidade na súa implantación, procurando a excelencia e a especialización urbana das cidades onde se localizan.

c) Evitar a acumulación de equipamentos do mesmo tipo e nivel de influencia dentro do mesmo ámbito territorial.

d) Procurar o establecemento de equipamentos que deban situarse en solo rústico mediante a reutilización de edificios, sempre que sexa posible.

6. O litoral.

Determinacións excluíntes:

6.1. A Xunta de Galicia elaborará un Plan de ordenación do litoral que terá natureza de Plan territorial integrado. Este plan terá por obxecto o diagnóstico integrado do sistema litoral, no que se inclúen todos os terreos e elementos en que se produce algunha relación natural, cultural, funcional, urbanística ou visual coa costa. Ademais, concretará as medidas de protección necesarias e establecerá as condicións para o desenvolvemento urbanístico e a implantación de instalacións destinadas a usos produtivos, turísticos e recreativos.

6.2. As actuacións en solo rústico de protección de costas, incluída a adecuación de espazos para uso e gozo público, procurarán o mantemento da máxima naturalidade e, se é o caso, a restauración da calidade ambiental e a protección do patrimonio cultural costeiro.

Determinacións orientativas:

6.3. Fomentarase a colaboración e a coordinación das diferentes administracións públicas e a participación dos axentes sociais para mellorar a xestión integrada do espazo litoral.

6.4. No litoral de Galicia configúranse un conxunto de núcleos, relacionados no anexo I, que polas súas características constitúen elementos de identidade cultural do espazo costeiro coa denominación de núcleos de identidade do litoral. Esa relación ten carácter orientativo e poderá ser ampliada e axustada polos correspondentes instrumentos de planeamento territorial, sempre que se xustifique axeitadamente.

6.5. Os instrumentos de ordenación de territorio e o planeamento urbanístico deberán ordenar estes núcleos en congruencia co papel que estas DOT lles outorgan para articular o sistema litoral e contribuír á funcionalidade, ao mantemento da calidade ambiental e paisaxística e ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

6.6. O planeamento municipal dos concellos costeiros terá en conta a renovación da fachada litoral con criterios de calidade e integración co contorno. Neste contorno evitarase, na medida do posible e con carácter xeral, a localización de usos industriais e infraestruturais xeradores de impacto ou que non teñan a necesidade de localizarse xunto ao mar para garantir a súa viabilidade.

6.7. O planeamento urbanístico municipal configurará o contorno dos portos pesqueiros tradicionais como áreas de centralidade, identidade cultural e imaxe urbana.

6.8. Nos tramos de praia con acceso de tráfico rodado preveranse reservas de solo para aparcadoiro de vehículos en cantidade suficiente para garantir o estacionamento fóra da zona de servidume de tránsito.

6.9. A localización dos aparcadoiros seleccionarase con criterios paisaxísticos e, en todo caso, de tal xeito que se integren na paisaxe.

6.10. Na franxa litoral inmediata ao límite interior da ribeira, cunha largura mínima de 500 metros, as construcións evitarán a formación de pantallas arquitectónicas ou acumulación de volumes, sen que, para estes efectos, a densidade de edificación poida ser superior á media do solo urbanizable programado ou apto para urbanizar (ou equivalentes) no termo municipal respectivo.

6.11. O acceso ao mar en ámbitos urbanos desenvolverase preferentemente mediante vías de uso peonil, debendo preverse no planeamento urbanístico, e executarase con criterios de máxima integración ambiental e paisaxística prevendo, no caso das praias, a accesibilidade de persoas discapacitadas.

6.12. As administracións competentes definirán unha rede de itinerarios costeiros, (senda dos faros), co obxectivo de habilitar o tránsito público peonil e, de ser o caso, de bicicletas, que permita percorrer o litoral galego, respectando en todo momento os compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade.

6.13. As administracións promoverán accións para a ampliación do dominio público marítimo terrestre mediante a adquisición de solo estremeiro co fin de recuperar as súas funcións naturais e paisaxísticas.

7. O patrimonio natural.

7.1. Determinacións de carácter xeral

Determinacións orientativas:

7.1.1. Os instrumentos de ordenación territorial e urbanística incorporarán as accións e medidas necesarias para garantir a protección dos recursos naturais e incentivar a mellora da calidade ambiental do territorio, garantindo o seu uso sustentable por parte da sociedade.

7.1.2. As actuacións territoriais e sectoriais considerarán como prioritarios os seguintes obxectivos e criterios de protección do patrimonio e dos recursos naturais:

a) Favorecer o mantemento da integridade funcional dos sistemas naturais. Neste senso os instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico pularán por:

a.1. Fortalecer as funcións de conservación e desenvolvemento sustentable das áreas protexidas (espazos protexidos pola normativa ou convenios de conservación da natureza internacional, comunitaria, nacional ou galega), establecendo medidas que contribúan a garantir o mantemento dun estado de conservación favorable dos hábitats de interese comunitario e das especies de flora e fauna protexidas.

a.2. Promover a protección e valorización doutros posibles elementos, formacións ou espazos con valores de calquera tipo físico-natural (xeolóxico, morfolóxico, paleontolóxico, biolóxico, etc.), identificados nalgún outro catálogo ou normativa ou mesmo que poidan ser identificados a través dos devanditos instrumentos e presenten un interese supramunicipal ou local, de maneira complementaria ás áreas protexidas.

b) Facilitar a conectividade ecolóxica entre as distintas áreas protexidas, así como dentro destas, e entre os restantes posibles espazos de interese, favorecendo a funcionalidade dunha rede de corredores ecolóxicos e adaptando con este fin as infraestruturas e estruturas que supoñen un efecto barreira, tales como tendidos eléctricos, infraestruturas de comunicación, infraestruturas hidráulicas, etc.

c) A restauración dos espazos deteriorados e a prevención de impactos ambientais, incorporando criterios de integración ambiental ás actividades con incidencia no medio.

d) Promover a xeneralización de modelos de ordenación e xestión sustentable do territorio, mediante:

d.1. A incorporación dos plans e estratexias de conservación do patrimonio natural e da biodiversidade ás iniciativas de protección do patrimonio cultural e de desenvolvemento socioeconómico, como factor esencial para garantir a súa conservación e incentivar a súa mellora e como factor de desenvolvemento endóxeno das zonas rurais.

d.2. O deseño de estratexias territoriais para a revalorización das oportunidades do medio rural e para evitar situacións de presión sobre espazos e recursos fráxiles.

d.3. A incorporación e promoción de reservas da biosfera á política territorial da comunidade.

d.4. A xestión dos procesos de cambio nas actividades que se desenvolven no medio físico mediante a consolidación de usos de interese territorial. Débense producir cambios estruturais que garantan a viabilidade das actividades agropecuarias sustentables. Cando esta opción non sexa viable haberá que introducir usos substitutivos que eviten procesos de deterioración e asignen novas funcións ao territorio. Entre estas considéranse prioritarias as accións de reforestación naqueles ámbitos en que se poida dar lugar tanto con criterios de uso múltiple, como á recuperación de hábitats de interese comunitario que se atopen alterados ou degradados por causas antrópicas. En todo caso, pularase polo fomento de especies autóctonas, establecendo medidas para minimizar a presenza de especies invasoras. Igualmente, promoverase a protección e valorización da actividade agraria como factor de mantemento da paisaxe e da naturalidade.

e) A redución dos procesos erosivos como factor necesario para o desenvolvemento dos ecosistemas e o aproveitamento dos usos potenciais dos terreos, desenvolvendo accións de conservación de solos e regulando aquelas actividades susceptibles de incrementar os procesos de erosión.

7.1.3. Os instrumentos de ordenación territorial e urbanísticos, así como os instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos segundo a lexislación de conservación da biodiversidade e do patrimonio natural, deberán tomar medidas de prevención, corrección, mitigación e adaptación ás consecuencias de alta probabilidade do cambio climático, considerando, así mesmo, as de media certeza, atendendo ás previsións e estudos realizados polos organismos e institucións con competencia na materia, sen menosprezo das directrices e orientacións que se establezan no plan marco galego de acción fronte ao cambio climático.

7.1.4. Na elaboración e redacción dos diferentes instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos teranse presentes os catálogos de especies ameazadas, os correspondentes plans de conservación e documentación concorrente.

7.2. Determinacións para a ordenación das áreas estratéxicas de conservación e corredores ecolóxicos.

Determinacións excluíntes:

7.2.1. As áreas estratéxicas de conservación, como ámbitos de especial valor natural e ecolóxico, corresponderanse con algún dos dous grandes grupos de áreas que se expoñen a continuación e quedarán sometidas ás seguintes determinacións:

a) Ás áreas protexidas establecidas pola lexislación estatal (Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio natural e da biodiversidade, BOE nº 299, do 14 de decembro) e autonómica (Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, DOG nº 171, do 4 de setembro), en materia de espazos naturais e conservación da natureza, que serán ordenadas mediante os seus correspondentes plans e instrumentos específicos (Plan de ordenación dos recursos naturais, Plan reitor de uso e xestión, Plan de acción). As futuras declaracións de novos espazos protexidos, como a prevista ampliación da Rede Natura, suporán a automática cualificación deses espazos como áreas estratéxicas de conservación.

b) Outras posibles áreas ou formacións que poidan presentar valores de calquera tipo físico ou natural cun interese local ou supramunicipal, e que complementen a funcionalidade das xa protexidas, revalorizando todo o territorio. Para este tipo de áreas complementarias, o planeamento territorial e urbanístico deberá realizar unha análise que permita a súa identificación e consideración. Para tal efecto, os elementos ou formacións incluídos nos inventarios ou catálogos que figuran no anexo III constituirán o punto de partida subsidiario como áreas complementarias, ata que os devanditos instrumentos os poidan concretar coa precisión adecuada á súa correspondente escala de aproximación ao territorio.

7.2.2. Os instrumentos de ordenación territorial e planeamento urbanístico deberán prever mecanismos de conectividade ecolóxica do territorio, establecendo ou restablecendo corredores ecolóxicos, cando menos entre as áreas estratéxicas de conservación. Para a identificación destes corredores ecolóxicos consideraranse os cursos fluviais, as áreas de montaña e outros posibles elementos lineais que sós ou en conxunción con outros poidan actuar de elementos de enlace entre formacións de interese ecolóxico.

7.2.3. Os instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico incorporarán unha análise específica, de carácter supramunicipal, acerca da conectividade dos ecosistemas e biotopos, integrando valores produtivos e a compoñente paisaxística, co fin de evitar o fraccionamento do solo rústico.

Determinacións orientativas:

7.2.4. Corresponderalles aos instrumentos de ordenación das áreas protexidas, referidas na determinación 7.2.1.a, establecer unha regulación máis pormenorizada dos usos que se desenvolverán nestes ámbitos. A xestión dos espazos da Rede Natura 2000 farase mediante o instrumento de xestión denominado Plan de conservación, específico para cada espazo, cuxa tramitación incluirá a correspondente participación pública.

7.2.5. Corresponderalles aos instrumentos de ordenación territorial e do planeamento urbanístico establecer a regulación pormenorizada dos usos e da cualificación dos solos dos ámbitos das áreas identificadas como complementarias referidas no punto 7.2.1.b, en función do nivel de alcance das súas determinacións e considerando os obxectivos e criterios xerais establecidos na epígrafe 7.1. Determinacións de carácter xeral.

7.2.6. Co fin de garantir o mantemento da poboación e dos usos tradicionais vinculados aos ecosistemas, nos ámbitos dos espazos naturais protexidos que conteñan núcleos rurais, con especial atención aos incluídos na Rede Natura, desenvolveranse plans ou programas orientados ao mantemento e potenciación de actividades tradicionais e novos usos sustentables baseados na conservación dos seus valores naturais.

7.2.7. Os servizos e instalacións asociados ao uso e xestión das áreas estratéxicas de conservación e ás diferentes actividades que se desenvolverán nelas localizaranse preferentemente nos núcleos de poboación e nas edificacións tradicionais existentes no seu interior ou no seu contorno inmediato.

7.2.8. Os instrumentos de planificación das áreas protexidas poderán determinar, se for o caso, os ámbitos susceptibles de considerarse como áreas de uso público, ou percorridos para incluír na rede de itinerarios de interese paisaxístico e ambiental, establecendo as súas condicións de uso e as accións de adecuación e mantemento necesarias para concentrar nestes puntos a maior parte dos visitantes do ámbito natural.

7.3. Determinacións relativas á rede de áreas de interpretación da natureza e de Itinerarios de interese paisaxístico e ambiental

Determinacións orientativas:

7.3.1. Desenvolverase unha rede de áreas de interpretación da natureza formada por espazos caracterizados pola súa calidade ambiental e o seu atractivo natural, destinados a canalizar as demandas de ocio en contacto co medio físico e natural, a ser un recurso de educación ambiental que promova a compresión e coñecemento dos valores dos sistemas naturais, e para o cumprimento dos obxectivos relacionados na parte correspondente da memoria.

7.3.2. A rede de áreas de interpretación da natureza estará integrada polos ámbitos compatibles con usos de ocio e de educación ambiental considerando as restantes propostas do modelo territorial relativas á recualificación do litoral, o aumento do atractivo urbano das principais cidades e o aproveitamento das oportunidades singulares dos espazos rurais, sempre nos termos que estableza a normativa específica de cada caso. Non obstante, figurarán incluídos nesta rede os espazos acondicionados polas diferentes administracións para o desenvolvemento de actividades de lecer ao aire libre, así como aqueles espazos ou áreas con recursos de educación ambiental.

7.3.3. A intensidade de uso das áreas de interpretación da natureza deberá sempre formularse por debaixo da súa capacidade de carga, evitando deterioracións sobre os recursos naturais e creando os sistemas de xestión que permitan garantir un uso sustentable destes espazos.

7.3.4. O sistema viario interior deseñarase en función do grao de accesibilidade que se considere axeitado para as distintas zonas de cada ámbito, e serán prioritarios os destinados a usos ciclistas, peonís e ecuestres. As zonas de acceso dotaranse de áreas de aparcadoiros axeitadamente integradas e dimensionadas.

7.3.5. Desenvolverase un sistema de itinerarios que constituirán a rede de itinerarios de interese paisaxístico e ambiental, formando un conxunto de elementos lineais, que conecte entre si os diferentes elementos de interese paisaxístico, cultural e natural, e as áreas de interpretación da natureza, e permita completar un sistema integrado de elementos de grande interese, a través dos cales gozar dos activos singulares do territorio e conseguir valorizar estes recursos, favorecendo, ademais, o mantemento dos fluxos ecolóxicos básicos, polo que nalgúns casos poderían formar parte da rede de corredores ecolóxicos. Entre os elementos de interese paisaxístico e cultural prestarase especial atención ás paisaxes agrarias tradicionais para a súa inclusión no sistema de itinerarios.

7.3.6. A rede de itinerarios de interese paisaxístico e ambiental deberá planificarse maioritariamente a través de elementos existentes e executarse evitando calquera efecto negativo sobre os espazos naturais protexidos e sobre os compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade, especialmente sobre os hábitats prioritarios de interese comunitario, recuperando antigos camiños, corredoiras e carreiras, con métodos respectuosos co ambiente e que non supoñan unha mingua na súa calidade paisaxística. Neste senso, esta rede poderá incluír os itinerarios de uso público establecidos nas áreas protexidas, os paseos marítimos e fluviais, os parques periurbanos, etc.

7.3.7. A circulación ao longo dos itinerarios de interese paisaxístico e ambiental limitarase, en función da súa capacidade de carga, ao tránsito peonil, bicicletas ou cabalgaduras, salvo nos tramos de vías abertas ao tráfico de vehículos de motor que se integren nesta rede e que se acondicionarán con criterios de percorridos paisaxísticos. Nos itinerarios que discorran por áreas protexidas, o réxime de uso estará suxeito ás determinacións dos seus correspondentes instrumentos de planificación e ás necesidades de cumprir cos obxectivos de conservación de cada espazo.

7.3.8. Os posibles equipamentos e instalacións de apoio a estes itinerarios deberán desenvolverse sobre edificacións existentes na medida do posible. Asemade, a posible utilización de mobiliario urbano-rural deberá ser respectuosa e acorde cos elementos naturais do territorio, evitando a artificialización e unha excesiva humanización.

8. A paisaxe.

Determinacións excluíntes:

8.1. As administracións públicas integrarán, conforme os criterios da Lei 7/2008, do 7 de xuño, de protección da paisaxe de Galicia, a consideración da paisaxe nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística así como noutras políticas sectoriais que poidan producir un impacto directo ou indirecto sobre ela.

8.2. A Xunta de Galicia desenvolverá os instrumentos da lexislación paisaxística necesarios para asegurar unha axeitada protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, que son:

a) Os catálogos de paisaxe.

b) As directrices de paisaxe.

c) Plans de acción da paisaxe en áreas protexidas.

8.3. Calquera actuación sobre o territorio incluirá, no marco do proceso de avaliación ambiental, un estudo de impacto e integración paisaxística.

8.4. Os catálogos e directrices de paisaxe, considerados no seu conxunto, concíbense como un instrumento normativo complementario dos instrumentos de ordenación do territorio, por canto achegan uns obxectivos e disposicións baseados nas relacións funcionais de todos os elementos estratéxicos do territorio e contribúe a unha gobernanza máis participativa.

8.5. En ausencia dos catálogos e directrices de paisaxe, os instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico considerarán a perspectiva global e integral da paisaxe e seguirán as definicións e criterios xerais recollidos na parte correspondente da memoria destas directrices.

Determinacións orientativas:

8.6. O planeamento urbanístico realizará un estudo da paisaxe urbana, prestando especial atención ás tipoloxías edificatorias, aos medianís vistos e aos chousumes, aos materiais das fachadas e pavimentos dos espazos públicos, ás zonas verdes e arboredas, ao mobiliario urbano, á iluminación pública, aos tendidos aéreos e ao tráfico e aparcadoiros de vehículos.

8.7. Nas áreas xeográficas transfronteirizas ou interautonómicas promoveranse políticas e programas comúns en materia de paisaxe.

8.8. Os instrumentos de ordenación territorial identificarán as oportunidades para a incorporación das manifestacións artísticas á mellora da imaxe do territorio prestando especial atención ás posibilidades existentes para restaurar ámbitos deteriorados.

8.9. Recollerase a elaboración dunha guía metodolóxica de boas prácticas de intervencións nos contorno dos núcleos rurais, desde o punto de vista da integración paisaxística.

9. O patrimonio cultural.

Determinacións excluíntes:

9.1. A Xunta de Galicia adoptará as medidas precisas para completar e sistematizar o inventario de bens do patrimonio cultural de Galicia, conforme o previsto na lexislación reguladora do patrimonio cultural. As restantes administracións e institucións públicas e privadas colaborarán no cumprimento desta misión.

9.2. As administracións fomentarán a preservación do patrimonio cultural mediante medidas de protección e de accións positivas para a súa restauración, rehabilitación e conservación.

9.3. Calquera actuación sobre o territorio debe atender á súa compatibilidade cos bens do patrimonio cultural que se vexan afectados, o que require a súa identificación, o recoñecemento das súas características e das súas relacións co territorio e a análise das posibilidades de integralos como un elemento máis da actuación.

Os traballos de análise referidos incorporarán unha prospección, entendida como a exploración e recoñecemento sistemático do ámbito de estudo, para a detección de elementos do patrimonio cultural non identificados no inventario de patrimonio cultural de Galicia, con especial incidencia sobre o patrimonio etnográfico e arqueolóxico.

9.4. As intervencións nos bens do patrimonio cultural deberán estar encamiñadas á súa conservación e mellora e deben garantir a súa protección, revalorización e difusión, integrándoas de xeito harmónico no territorio e na paisaxe. En todo caso, deberán respectar as súas características esenciais, sen prexuízo de que poida autorizarse o uso de elementos, técnicas ou materiais actuais para a mellor adaptación do ben ao seu uso.

9.5. Os instrumentos de ordenación territorial e urbanística deberán incorporar as accións e medidas necesarias para garantir a protección e conservación dos ámbitos de interese do patrimonio cultural relacionados no anexo IV, así como aqueloutros ámbitos susceptibles de presentaren valores patrimoniais de calquera das súas manifestacións.

Particularmente deberase garantir a compatibilidade do desenvolvemento e ordenación dos asentamentos, das áreas empresariais e das actividades produtivas cos anteditos ámbitos de interese do patrimonio cultural e os seus plans especiais previstos na Lei 8/1995, do patrimonio cultural, cando corresponda.

9.6. O planeamento urbanístico promoverá a revitalización urbana das zonas históricas considerándoas como espazos emblemáticos esenciais na imaxe da cidade e como ámbitos residenciais e de actividade que deben potenciarse, dotándoas das condicións urbanísticas e de relación co resto da cidade necesarias para reforzar a súa vitalidade e atractivo, así como a rehabilitación dos núcleos rurais de interese patrimonial.

Asemade, o planeamento urbanístico contemplará a arquitectura e as paisaxes vinculadas ao sector agrario e ao medio rural e promoverá a súa rehabilitación, dotándoas de condicións que reforcen o seu interese patrimonial e cultural.

9.7. A Xunta de Galicia elaborará un Plan especial de protección dos camiños de Santiago para a identificación, delimitación e protección do territorio histórico asociado aos camiños de Santiago, atendendo tanto a criterios históricos como á paisaxe cultural, e por tanto considerando todos os aspectos de índole territorial e social que os configuran.

9.8. O plan especial de protección dos camiños de Santiago debe establecer:

a) O inventario e catalogación e a protección xurídica dos elementos vinculados ao camiño de carácter histórico-artístico, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico, natural, paisaxístico e inmaterial.

b) Os criterios para a ordenación territorial das áreas situadas no territorio histórico e, se for o caso, na súa área de influencia.

c) A delimitación de áreas de actuación de rehabilitación preferente, e áreas de recuperación e mellora ambiental, paisaxística e urbana, se proceder.

d) Medidas e criterios para a prevención e corrección de posibles impactos derivados de infraestruturas, usos e actividades.

Determinacións orientativas:

9.9. As administracións priorizarán as estratexias de rehabilitación sobre os ámbitos de interese do patrimonio cultural mencionados no anexo IV.

9.10. As administracións fomentarán a reutilización de edificios do patrimonio cultural en desuso para destinalos a novos fins, outorgando preferencia a aqueles usos que sexan máis compatibles cos orixinais da edificación, para o que se deberán ter en conta, en todo caso, as limitacións que poidan establecerse nos instrumentos que fixen a protección concreta do elemento patrimonial de que se trate.

9.11. As administracións competentes en materia de turismo deberán incorporar nas súas estratexias de mellora da oferta turística elementos que conforman o patrimonio cultural que fortalecen a identidade territorial de Galicia.

9.12. O planeamento urbanístico municipal, na delimitación dos ámbitos de interese patrimonial en solo rústico, especificará as áreas a que asignar a categoría de protección patrimonial ou histórica.

10. Aplicación, desenvolvemento e revisión das directrices de ordenación do territorio.

10.1. Determinacións para o desenvolvemento das directrices.

Determinacións excluíntes:

10.1.1. Estas directrices completaranse e desenvolveranse por medio doutros instrumentos: plans territoriais integrados, programas coordinados de actuación, plans e proxectos sectoriais e plans de ordenación do medio físico. Ademais, as administracións, no exercicio das súas competencias, poderán formular programas ou estratexias que, no que se refiran ou teñan incidencia sobre o territorio, deberán ser orientadas en congruencia coas determinacións das DOT.

10.1.2. Acorde coas previsións destas DOT poderán desenvolverse, ademais daqueles que o Consello da Xunta de Galicia estableza, os seguintes plans territoriais integrados:

a) Plans territoriais integrados para o desenvolvemento dos distintos niveis do sistema de asentamentos proposto nestas directrices que teñan un alcance supramunicipal, desde as distintas rexións e áreas urbanas, ás áreas de influencia de cada cabeceira do sistema urbano intermedio ou dos nodos para o equilibrio do territorio:

b) PTI Camiños de Santiago e rutas históricas de Galicia.

c) PTI de bacías hidrográficas.

10.1.3. O Consello da Xunta poderá acordar a formulación doutros PTI, sinalando o seu ámbito territorial e os obxectivos que se pretenden acadar, de acordo cos criterios e principios expresados nestas DOT. Este acordo tamén poderá ser a instancia de calquera organismo, local ou autonómico, que motive suficientemente a necesidade e idoneidade de desenvolver o devandito PTI.

10.1.4. O Plan de ordenación do litoral, en fase de tramitación simultánea a estas directrices, desenvólvese por mandado da Lei 6/2007 e por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 24 de maio de 2007.

10.1.5. Polo seu carácter territorial e integrador, os PTI serán formulados e impulsados pola consellería competente en materia de ordenación do territorio, coa participación das consellerías con competencias sobre algún dos aspectos a que se refiran os PTI.

10.1.6. Os PTI no seu ámbito territorial pularán, igual que as DOT, por un desenvolvemento do territorio ordenado e eficiente, contribuíndo a unha planificación racional do uso do solo, identificando as áreas funcionais presentes no seu ámbito territorial e definindo os usos máis idóneos en coherencia co modelo territorial que se formula e cos diagnósticos de partida. Para tal fin:

a) Delimitarán o ámbito concreto de actuación.

b) Orientarán os usos do solo de maneira racional en consonancia coas áreas funcionais que se identifiquen.

c) Establecerán relacións entre as paisaxes e as áreas funcionais identificadas.

d) Identificarán e analizarán as actividades económicas estratéxicas en consonancia coas áreas funcionais.

10.1.7. A Xunta de Galicia poderá elaborar programas coordinados de actuación (PCA) para acompañar a planificación establecida nos PTI ou para concretar e desenvolver as previsións dos plans sectoriais.

10.1.8. Polo seu carácter netamente investidor e polo seu compoñente interadministrativo, corresponde ás consellerías con competencia en economía, facenda e coordinación administrativa elevar ao Consello da Xunta de Galicia as propostas para a elaboración e aprobación dos PCA, ben por iniciativa das consellerías ben por proposta das entidades locais.

10.1.9. Os departamentos da Xunta de Galicia que, en virtude das súas competencias, deban desenvolver actuacións para a implantación territorial de dotacións, instalacións ou infraestruturas, ou a creación de solo urbanizado destinado á construción de vivendas de protección pública, formularán os correspondentes plans sectoriais, de acordo coa regulación establecida na Lei 10/1995 e a normativa que a desenvolve.

10.1.10. Cando se formule un plan sectorial, o departamento responsable procurará que teña un carácter integrador e, por tanto, que se refira ao conxunto de actuacións que pola súa función ou destino requiran dunha planificación conxunta.

10.1.11. Respecto ao seu alcance territorial, os plans sectoriais referiranse a toda a comunidade autónoma, agás que pola súa especificidade se poida facer excepción do cumprimento desta regra.

10.1.12. Os plans sectoriais axustaranse aos obxectivos e criterios plasmados nestas directrices. Particularmente, os plans sectoriais que se citan a continuación desenvolverán as previsións que as DOT establecen respecto deles:

a) Plan sectorial de áreas empresariais.

b) Plan sectorial de acuicultura en terra.

c) Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia.

d) Plan sectorial de produción e distribución de enerxía.

e) Plan sectorial de xestión de residuos.

f) Plan sectorial de portos deportivos.

g) Plans sectoriais de saneamento das rías.

h) Plans sectoriais da rede viaria das cidades e a súa área de influencia.

i) Plan sectorial de infraestruturas de telecomunicacións.

10.1.13. Os plans sectoriais desenvolveranse por medio de proxectos sectoriais de conformidade co previsto na Lei 10/1995. Cando se tiver aprobado un plan sectorial só poderán formularse, con esa mesma finalidade, os proxectos sectoriais que desenvolvan o plan sectorial. A realización dunha actuación non prevista no plan sectorial requirirá a súa modificación, que en ningún caso poderá supor unha alteración substancial dos obxectivos e criterios de implantación territorial nel establecidos, pois en caso contrario o plan deberá ser revisado.

10.1.14. Tamén poderán formularse proxectos sectoriais sen a previa existencia dun plan sectorial. Neste caso seguiranse os seguintes criterios:

a) O proxecto sectorial deberá axustarse aos criterios e obxectivos xerais que establecen estas directrices, e deberá ser congruente e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes con que puider concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto.

b) Con carácter xeral os proxectos sectoriais que impliquen a transformación urbanística do solo non se referirán a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente.

10.1.15. Unha vez aprobado un plan sectorial concreto, non poderán desenvolverse proxectos sectoriais que regulen a implantación de dotacións, instalacións ou infraestruturas, ou a creación de solo urbanizado destinado á construción de vivendas de protección pública, segundo corresponda, diferentes das previstas polo antedito plan sectorial, debendo formularse nese caso a súa modificación, ou, se for o caso, a súa revisión.

10.1.16. Os plans de ordenación do medio físico (POMF) establecerán as determinacións e actuacións necesarias para a ordenación e xestión dos recursos rurais, nos seus respectivos ámbitos, atendendo a obxectivos e características morfolóxicas, agrícolas, gandeiras, forestais, mineiras, paisaxísticas ou ecolóxicas diferenciadas que exixan tratamento unitario. Dado o modelo de asentamentos e a súa densidade, para un mellor logro dos seus obxectivos, os POMF poderán incluír determinacións para a ordenación das entidades de poboación incluídas dentro do seu perímetro.

10.1.17. A Consellería do Medio Rural poderá elaborar para o conxunto de Galicia un POMF cos contidos que regulamentariamente se establezan. Como contidos básicos definiranse as áreas territoriais con idoneidade actual ou potencial para explotación agrícola, gandeira ou forestal, ou que pola súa riqueza paisaxística ou ecolóxica deban ser obxecto de protección especial. Así mesmo, neste POMF estableceranse para cada ámbito territorial específico as condicións que permitan o cambio de uso.

Asemade, poderá elaborarse un POMF para a xestión de terras de Galicia, que pretenda unha mellor implantación territorial das actuacións de xestión de terras como as relativas á concentración parcelaria, ao Banco de Terras, á ordenación forestal, etc.

10.1.18. Co fin de acadar unha adecuada coordinación territorial, os instrumentos de ordenación territorial, e de urbanismo en ausencia destes, axustaranse ás determinacións das DOT, concretando aquelas que se desenvolvan de xeito particular no seu ámbito de actuación, evitando redundancias e incoherencias.

Asemade, incluirán unha análise de compatibilidade estratéxica (ACE) nos termos en que se recolle no informe de sustentabilidade ambiental destas directrices, para garantir a coherencia da planificación sucesiva e a consideración da prevención e minimización dos posibles efectos que puideren xerar.

Tanto a xustificación da integración das determinacións destas determinacións como a ACE deberán formar parte da documentación de ditos instrumentos.

10.1.19. A Xunta de Galicia impulsará un sistema de seguimento da sustentabilidade territorial e das DOT atendendo ás orientacións recollidas no informe de sustentabilidade ambiental e ás determinacións da memoria ambiental emitida polo órgano ambiental do procedemento de AAE e co obxectivo de emprender unha xestión dinámica do territorio. Este sistema de seguimento deberá ser aprobado por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

10.1.20. A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias, establecerá e manterá actualizada a infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) que garanta o almacenamento, a dispoñibilidade e o mantemento dos datos espaciais ao nivel máis axeitado; que sexa posible combinar, dun xeito coherente, datos espaciais de diversas fontes en toda a comunidade, e que poidan ser compartidos entre distintos usuarios e aplicacións; que poida darse difusión aos datos espaciais en condicións que non restrinxan indebidamente a súa utilización; e que sexa posible localizar os datos espaciais dispoñibles, avaliar a súa adecuación para un determinado propósito e coñecer as súas condicións de uso.

10.1.21. A Xunta de Galicia formulará e executará, a través da Comisión dos Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, o Plan Cartográfico de Galicia como instrumento para planificar dun xeito coordinado a produción, o uso e a difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio galego, coa finalidade de garantir a coherencia e interoperabilidade dos datos espaciais, favorecer a eficiencia no gasto público e asegurar a calidade da produción e a súa utilidade como servizo público.

10.1.22. Estas directrices terán na educación ambiental un dos seus instrumentos de aplicación e desenvolvemento. Para tal fin, a Xunta de Galicia incluirá nos seus programas de educación ambiental actividades especialmente deseñadas para trasladar á poboación a importancia da ordenación territorial, urbanística e ambiental, dos procesos de participación pública asociados, así como da necesidade da contribución individual ao proxecto colectivo que tales actividades supoñen.

10.2. Determinacións para a aplicación, modificación e revisión das directrices.

Determinacións excluentes:

10.2.1. Corresponde á consellería competente en materia de ordenación do territorio:

a) A interpretación das directrices de ordenación do territorio.

b) Formular e tramitar os plans territoriais integrados, podendo definir en cada caso os mecanismos máis axeitados para unha maior coordinación e colaboración interadministrativa.

c) Marcar criterios de referencia e informar, con carácter previo á súa aprobación, os instrumentos de ordenación do territorio tramitados por outras consellerías.

d) Informar sobre o nivel de correspondencia co modelo territorial definido polas DOT dos plans e programas promovidos pola Administración do Estado e polos organismos e as entidades desta dependentes que incidan sobre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

10.2.2. As DOT terán vixencia indefinida.

10.2.3. O Consello da Xunta de Galicia poderá acordar de xeito motivado a modificación das DOT. Considérase modificación a alteración do seu contido sempre que non varíe substancialmente a estrutura básica do modelo territorial, en cuxo caso procederase á súa revisión.

10.2.4. O procedemento para a aprobación das modificacións das DOT será o seguinte:

a) Inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica (AAE) coa elaboración do documento de inicio da modificación das DOT e remisión ao órgano ambiental.

b) Establecemento dun período de consultas previas do órgano ambiental ás administracións públicas afectadas e ao público interesado para a decisión de continuación do sometemento da modificación ao procedemento de AAE, e en caso afirmativo, para a recolla de suxestións que considerar no documento de referencia.

c) Emisión da decisión de sometemento ou non sometemento da modificación das DOT ao procedemento de AAE.

d) En caso de determinación da necesidade de sometemento ao procedemento de AAE, o órgano ambiental emitirá o correspondente documento de referencia que servirá de guía para o dito proceso.

e) Aprobación inicial da modificación das DOT pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio. Se se estiver a someter a AAE, o documento que aprobase inicialmente contería o informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

f) Participación pública e consultas polo prazo de dous meses con anuncio publicado no DOG e en dous xornais de maior circulación na comunidade autónoma.

g) Remisión simultánea aos organismos e ao público interesado exposto no documento de referencia, se for o caso, incluíndo en todo caso a Delegación do Goberno e as entidades locais afectadas.

h) En caso de que se estea a someter a AAE, remisión ao órgano ambiental do documento previo, aprobación definitiva que considere os resultados do Informe de sustentabilidade ambiental e do proceso de participación pública e consultas. Validación por parte do órgano ambiental do proceso de AAE da modificación das DOT coa emisión da preceptiva memoria ambiental, que poderá conter determinacións vinculantes para seren integradas na versión que se aprobe definitivamente.

i) Aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia.

j) Publicación no DOG.

10.2.5. As determinacións das DOT serán de aplicación a todos os instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico, agás aqueles aprobados provisionalmente ou definitivamente á entrada en vigor das DOT.

10.2.6. O Consello da Xunta de Galicia poderá acordar de xeito motivado a modificación dos plans territoriais integrados. Considérase modificación a alteración do seu contido sempre que non altere substancialmente a estrutura básica do modelo territorial, pois en tal caso procederase á súa revisión.

10.2.7. O procedemento para a aprobación das modificacións dos PTI seguirá uns pasos análogos ao procedemento de aprobación do propio PTI, establecendo o seguinte:

a) Inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica (AAE) coa elaboración do documento de inicio da modificación dos PTI e remisión ao órgano ambiental.

b) Establecemento dun período de consultas previas do órgano ambiental ás administracións públicas afectadas e ao público interesado para a decisión de continuación do sometemento da modificación ao procedemento de AAE, e en caso afirmativo, para a recolla de suxestións que considerar no documento de referencia.

c) Emisión da decisión de sometemento ou non sometemento da modificación do PTI ao procedemento de AAE.

d) En caso de determinación da necesidade de sometemento ao procedemento de AAE, o órgano ambiental emitirá o correspondente documento de referencia que servirá de guía para o dito proceso.

e) Redactado o proxecto de modificación do PTI e antes da súa aprobación inicial, someterase a informe das corporacións locais afectadas, das deputacións provinciais respectivas e das entidades de carácter supramunicipal con incidencia na área, que o avaliarán no prazo máximo de dous meses.

f) Aprobación inicial da modificación do PTI pola persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio. Se se estiver a someter a AAE, o documento que aprobase inicialmente contería o Informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

g) Participación pública e consultas polo prazo de dous meses con anuncio publicado no DOG e en dous xornais de maior circulación na comunidade autónoma.

h) Remisión simultánea aos organismos e ao público interesado exposto no documento de referencia, se for o caso, incluíndo en todo caso a Delegación do Goberno e as entidades locais afectadas.

i) En caso de que se estea a someter a AAE, remisión ao órgano ambiental do documento previo, aprobación definitiva que considere os resultados do informe de sustentabilidade ambiental e do proceso de participación pública e consultas. Validación por parte do órgano ambiental do proceso de AAE da modificación do PTI coa emisión da preceptiva memoria ambiental, que poderá conter determinacións vinculantes para seren integradas na versión que se aprobe provisionalmente.

j) Aprobación provisional por orde do conselleiro competente en materia de ordenación do territorio.

k) Elevación ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

l) Publicación no DOG.

10.2.8. Os proxectos sectoriais aprobados ou en tramitación, que establezan a execución nun só polígono de actuación, poderán ser modificados co obxectivo de dividir a execución da actuación en máis dun polígono co fin de executar en distintas etapas. Aprobada a modificación para estes efectos, poderanse realizar procedementos expropiatorios por cada un dos polígonos ou fases previstos na modificación puntual do proxecto sectorial.

10.2.9. A función das imaxes e gráficos incluídos na memoria das DOT é a de apoio gráfico e visual, sen que deles deriven delimitacións normativas, posto que estas son ou serán establecidas polos instrumentos de ordenación e de urbanismo que as desenvolvan.

O documento das directrices de ordenación do territorio de Galicia estará publicado igualmente na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infrastruturas (http://www.cmati.xunta.es). Igualmente estará á disposición dos interesados tanto nas dependencias da Dirección Xeral de Sustentabilidade e Paisaxe e da Secretaría Xeral Técnica desta consellería, en Santiago de Compostela, nos edificios administrativos de San Lázaro e San Caetano, respectivamente, como nas xefaturas territoriais desta consellería na Coruña (praza Luís Seoane, s/n, 15008 A Coruña), Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo), Ourense (rúa Sáenz Díez, 1, 32003 Ourense) e Pontevedra (rúa Fernández Ladreda, 43, 36003 Pontevedra) e na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8, 36201 Vigo).