DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 21 de febreiro de 2011 Páx. 2.838

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de febreiro de 2011 pola que se regula a utilización de datáfonos e caixeiros automáticos nas salas de bingo da Comunidade Autónoma de Galicia e se aproba o modelo para solicitar a súa instalación.

Constitúe cada día unha característica determinante do normal funcionamento e desenvolvemento das actividades económicas a utilización de medios de pagamento de moi distinta natureza, distintos da entrega de diñeiro en efectivo ou metálico, de acordo coas novas tecnoloxías e hábitos impostos na sociedade moderna, e na que son partícipes activos as institucións financeiras reguladas e autorizadas, gozando de rigorosos controis por parte das autoridades financeiras que garanten unha adecuada transparencia e seguridade no tráfico.

Con esta finalidade de adaptación á evolución dos hábitos de pagamento introduciuse unha modificación da regulación desta materia mediante o Decreto 113/2010, do 1 de xullo, que modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo e que derroga expresamente o Decreto 523/1990, do 29 de novembro, polo que se prohibía a instalación de caixeiros automáticos nas salas de xogo e salas de bingo, e se limitaba a utilización de datáfonos, así como de aparellos automáticos auxiliares no xogo do bingo.

Coa aprobación do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, resultou modificado o artigo 34º.5 do Decreto 181/2002, do 10 de maio, pasando a recollerse a posibilidade de regular a autorización para o pagamento dos cartóns a través de medios de pagamento electrónico.

Se ben tras esta modificación aínda se consagraba como principal medio de pagamento o tradicional pagamento en efectivo, o dito artigo xa prevía a posibilidade de que a consellería competente en materia de xogo ditase as normas conforme as cales se podería autorizar o emprego de medios de pagamento electrónicos así como da expedición de soportes ou tarxetas electrónicas de prepagamento ou reintegro.

Por outra banda, tamén se difería ao que se dispuxese nas normas aprobadas pola consellería competente en materia de xogo, a posibilidade de que se autorizase a instalación nas salas de bingo de caixeiros automáticos de entidades financeiras e bancarias.

Para permitir a aplicación dos instrumentos recollidos nesta última previsión do decreto, que son os que con máis urxencia demandaba o sector na nosa comunidade, e para que, de este modo, a Administración poida outorgar as autorizacións de instalación dos ditos datáfonos e caixeiros automáticos, garantindo, pola súa vez, unha correcta utilización dos ditos medios, procédese á aprobación desta orde.

Así mesmo, mediante a presente orde apróbase o modelo para presentar a dita solicitude ante a dirección xeral con competencia en materia de xogo.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é a regulación da instalación e utilización de datáfonos e caixeiros automáticos nas salas de bingo da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a aprobación do modelo para realizar a solicitude de instalación.

2. A solicitude realizarase de acordo co modelo que se achega como anexo a esta orde. Poderá realizarse por vía electrónica, no enderezo web:

http://www.xunta. es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia

Artigo 2º.-Prohibición de préstamos e operacións de crédito aos xogadores.

Nas salas de bingo da comunidade autónoma de Galicia, os cartóns deberán ser pagados en efectivo polas persoas que xoguen, salvo o disposto no artigo seguinte, quedando prohibido o outorgamento de préstamos ou créditos aos xogadores, xa sexa por parte dos titulares ou persoal ao servizo dos propios establecementos, ou por terceiros.

Artigo 3º.-Instalación de datáfonos.

1. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá autorizar a instalación e utilización de datáfonos para a adquisición de cartóns nas salas de xogo das salas de bingo.

Neste caso, os datáfonos só poderán estar instalados, ben na zona habilitada para caixa e cambios, ben nunha zona diferenciada especialmente para a súa instalación dentro da zona de xogo.

2. A solicitude de autorización de instalación de datáfonos para a adquisición de cartóns, que se realizará mediante a formalización do modelo que se aproba como anexo a esta orde, deberá precisar os seguintes extremos:

a) Identificación das unidades de datáfonos que se pretenden instalar.

b) Identificación da entidade financeira xestora titular destes.

3. Nas zonas destinadas a restaurante das salas de bingo, os datáfonos poderán instalarse libremente.

Artigo 4º.-Caixeiros automáticos.

1. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá autorizar nas salas de bingo, fóra da sala de xogos, a instalación de caixeiros automáticos de entidades financeiras e bancarias autorizadas.

2. A solicitude de autorización de instalación de caixeiros automáticos para a adquisición de cartóns, que se realizará mediante a formalización do modelo que se aproba como anexo a esta orde, deberá precisar os seguintes puntos:

a) Identificación das unidades que se pretenden instalar.

b) Identificación da entidade financeira xestora titular destes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación do DOG.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "03500D001P006.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA