DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2011 Páx. 2.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2011 pola que se convocan para o exercicio 2011, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para o programa de apoio ao acceso ao financiamento para circulante, refinanciamento de pasivos e ampliación de capital das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Re-Solve +), conforme as bases reguladoras aprobadas polo Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica o 29 de xuño de 2010 e modificadas polo dito Consello de Dirección o 30 de decembro de 2010, publicadas nos diarios oficiais de Galicia número 182, do 21 de setembro de 2010 e número 23, do 3 de febreiro de 2011.

Mediante Resolución do 21 de setembro de 2010 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica do 29 de xuño de 2010 que aprobou as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o programa de apoio ao acceso ao financiamento para circulante, refinanciamento de pasivos e ampliación de capital das pequenas e medianas empresas (Re-Solve +) (DOG número 182, do 21 de setembro de 2010), facultando ao director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia. As ditas bases foron modificadas mediante acordo do Consello de Dirección do Igape o 30 de decembro de 2010 e publicada a súa modificación no Diario Oficial de Galicia número 23, do 3 de febreiro de 2011.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Convocar para o ano 2011, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas do Igape para o programa de apoio ao acceso ao financiamento para circulante, refinanciamento de pasivos e ampliación de capital das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Re-Solve +), segundo as bases reguladoras aprobadas polo Consello de Dirección do Igape do 29 de xuño de 2010 e modificadas polo dito Consello de Dirección o 30 de decembro de 2010 e publicadas inicialmente no Diario Oficial de Galicia número 182, do 21 de setembro de 2010, e posteriormente modificadas segundo resolución publicada no Diario Oficial de Galicia número 23, do 3 de febreiro de 2011.

Para os efectos da nova convocatoria, substitúense o anexo II, formulario de presentación da solicitude, e o anexo VI, relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas, segundo os modelos anexos.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte), e rematará o 15 de setembro de 2011 para as solicitudes na entidade financeira por parte do solicitante e o 14 de outubro de 2011 para a presentación das entidades financeiras no Igape.

No caso de esgotamento do crédito, en cumprimento do disposto no artigo 32º do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-Créditos.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Ver referencia pdf "03200D011P048.PDF"

Así mesmo, as dotacións ao fondo de garantía do Igape para a cobertura do risco dos reavais do 25% faranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Ver referencia pdf "03200D011P048.PDF"

As ditas dotacións correspóndense co 8% dun importe máximo a reavalar de 6.375.000 euros. O dito importe atópase dentro do límite de risco establecido no parágrafo segundo do punto un do artigo 37º da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 (DOG número 250, do 30 de decembro).

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, previa declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia indícanse nas bases reguladoras destas axudas aprobadas polo Consello de Dirección do Igape o 29 de xuño de 2010 e modificadas polo dito Consello de Dirección o 30 de decembro de 2010 e publicadas nos diarios oficiais de Galicia número 182, do 21 de setembro de 2010 e a súa modificación no número 23, do 3 de febreiro de 2011.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2011.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

Ver referencia pdf "03200D011P048.PDF"