DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2011 Páx. 2.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 10 de febreiro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011.

A Consellería do Medio Rural publicou, con data do 29 de decembro de 2009, a Orde do 21 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 de acordo co Regulamento (CE) 1698/2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Regulamento (CE) 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior.

Iniciado o exercicio orzamentario 2011, procede realizar algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente a este ano.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30º.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, así como efectuar a convocatoria para o ano 2011.

Sección primeira

Bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos con calidade diferenciada para o período 2007-2013

Artigo 2º.-Definicións.

1. Para os efectos desta orde, considerarase agrupación de produtores aos consellos reguladores e ás asociacións sen ánimo de lucro en que participan produtores implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos.

2. Para os efectos desta orde, considerarase programa de calidade diferenciada dos alimentos aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

a) Programas comunitarios de calidade de produtos galegos establecidos en virtude dos seguintes regulamentos e disposicións:

-Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de produtos agroalimentarios reguladas polo R (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

-Especialidades tradicionais garantidas reguladas polo R (CE) 509/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre as especialidades tradicionais garantidas dos produtos agrícolas e alimenticios.

-Produción agrícola ecolóxica, regulada polo R (CE) 834/2007, do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.

-Viños de calidade con denominación xeográfica de orixe protexida e indicación xeográfica protexida regulados polo R(CE) 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, polo que se crea a organización común de mercados agrícolas e se establecen as disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), na súa redacción dada polo R(CE) 491/2009, do Consello, do 25 de maio.

b) As bebidas espirituosas con indicación xeográfica de acordo co R(CE) 110/2008, do Parlamento e do Consello, do 15 de xaneiro, relativo á designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas e a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 2º.2 desta orde e que se refiran a produtos expresamente recollidos no PDR 2007/2013 de Galicia para a medida 133.

Artigo 4º.-Actividades subvencionables.

1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción en que o fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.

2. Estas actividades salientarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente, vinculadas ao programa de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos. Poderán consistir, en particular, na organización de feiras e exposicións e a participación nelas, así como actividades similares de relacións públicas e publicidade nos diversos medios de comunicación ou nos puntos de venda, de acordo co establecido no artigo seguinte.

3. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de marcas comerciais.

b) A promoción e publicidade fóra do mercado interior.

c) Aquelas actividades que induzan ao consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto nos casos dos produtos regulados polo réxime de calidade establecido polo R (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, e os regulados polo R (CE) 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, modificado polo R(CE) 491/2009, do Consello, do 25 de marzo. Non obstante poderá indicarse a orixe dun produto sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

d) As actividades de información e promoción subvencionadas ao abeiro do R (CE) 2826/2000, do 19 de decembro, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

Artigo 5º.-Gastos subvencionables e contía das axudas.

1. Considéranse subvencionables os gastos realizados, excluídos impostos recuperables, nas seguintes actividades:

a) Promoción.

Serán subvencionables os gastos relativos á realización e execución de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras acción de promoción, como misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

Como requisito previo á súa realización, o material piloto informativo, promocional e publicitario deberá ser remitido á Consellería do Medio Rural para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria. Este material utilizará preferentemente o idioma galego cando a súa difusión estea prevista no territorio da comunidade autónoma.

Cando as actividades teñan por obxecto a promoción dos produtos procedentes da Agricultura Ecolóxica ou de produtos amparados por unha Denominación de Orixe Protexida (DOP), Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Especialidade Tradicional Garantida (ETG), aparecerá o logotipo comunitario previsto nos correspondentes regulamentos europeos en todo o material informativo, promocional ou publicitario.

Nas actuacións realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados nas campañas de promoción poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe.

b) Feiras e exposicións.

b.1) Poderá subvencionarse a participación en feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos poderá acumulalos todos nun único expediente, pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou exposicións a que se refire o expediente. Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (aluguer de espazo e mobiliario, decoración, seguros, etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante. Neste último caso a cantidade máxima subvencionada será:

-Aloxamento: importe da factura, ata un máximo de 120 euros/día no territorio peninsular e 180 euros/día fóra do territorio peninsular.

-Manutención: 75 euros/día no territorio peninsular e 90 euros/día fóra do territorio peninsular.

-Uso de vehículo particular: 0,24 euros por quilómetro percorrido.

b.2) Organización.

Será tamén subvencionable a organización de feiras e exposicións relativas a produtos incluídos nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos.

c) Estudos e outras accións de divulgación.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos entre os consumidores.

2. As axudas poderán chegar ata o 70% do gasto subvencionable. Sen prexuízo do anterior as axudas máximas serán as seguintes:

-Para as accións encadradas na letra a) (Promoción) a axuda máxima será de 250.000 euros por beneficiario e ano, agás no caso no que, por haber crédito suficiente, se poida superar este límite.

-Para as accións encadradas na letra b.1) (Asistencia a feiras), a axuda máxima será de 9.000 euros cando se trate dun evento realizado no territorio da comunidade autónoma, de 12.000 euros no resto do territorio peninsular e de 18.000 euros no caso de ser fóra do territorio peninsular.

-Para as accións encadradas na letra b.2) (Organización de feiras) a axuda non superará os 30.000 euros por acción.

-Para as accións encadradas na letra c) (Estudos e outras accións divulgativas) a axuda non superará os 18.000 euros por acción.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

1. Na resolución das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

a) Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (20 puntos).

b) Incidencia potencial da actuación na comercialización do produto (10 puntos).

c) Relación custo/beneficio da actuación (10 puntos).

d) Axuste das actuacións ás demandas do mercado (10 puntos).

2. A porcentaxe de axuda a conceder a cada expediente en función dos puntos obtidos na valoración é a que se recolle na seguinte táboa:

Equivalencia % axuda con puntuación criterios de valoración artigo 6º:

Puntos % axuda

0-15 0

16-20 50

21-30 60

>30 70

3. Se aplicados os criterios da epígrafe 1 existise empate, resolverase atendendo as solicitudes que acaden maior puntuación no criterio de valoración a), e de persistir o empate, teranse en conta as puntuacións dos criterios b), c) e d) sucesivamente.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse en instancia dirixida ao conselleiro do Medio Rural, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, acompañada da documentación que figura no anexo II. Deberase presentar unha instancia por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción prevista no artigo 5º.1, alínea b.1) desta orde, relativa á participación en feiras e exposicións.

Consonte o establecido no artigo 7º da Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 134, do 10 de xullo), polo que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, os interesados poderán dar consentimento expreso na solicitude, para que o órgano competente da Administración comprobe por medios electrónicos os seus datos persoais. No caso de non autorizar esta consulta, deberá achegar copia do DNI.

2. As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31º do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre

aberto, co obxecto de que, na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar, se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón os certificados nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 8º.-Instrución e resolución.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Vogais: dous funcionarios do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Secretario: un funcionario do dito servizo, que actuará con voz e voto.

3. A comisión de valoración, facendo aplicación dos criterios establecidos no artigo 6º desta orde, examinará as solicitudes presentadas e informará a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, que elaborará a proposta de resolución e que a elevará ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas polo conselleiro do Medio Rural no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos investimentos realizados, que será, polo menos, posterior en quince días á finalización da realización do investimento subvencionado segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de decembro do ano corrente.

Artigo 9º.-Tramitación do pagamento das axudas.

1. Executados os investimentos o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, e sempre destinada á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas cunha relación numerada delas, así como a documentación que acredite o seu pagamento (orixinais e fotocopias). As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente a subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

d) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

d.1) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.).

d.2) No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

d.3) No caso de estudos: unha copia destes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co establecido no parágrafo 3 do citado artigo, poderase aceptar a xustificación de pagamentos mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

3. Para o efecto previsto no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas.

4. De acordo co artigo 29º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que, polas especiais características do gasto subvencionable, non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. De acordo co establecido no artigo 62º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos a conta a medida que o beneficiario xustifique a realización dos investimentos. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida.

No caso de pagamentos a conta que superen os 18.000 euros, será preciso que o beneficiario presente unha garantía do 110% do importe das cantidades aboadas á conta de acordo co establecido no artigo 67º do Decreto 11/2009.

Artigo 10º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido, unha ampliación deste.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados, deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais. No caso de redución da contía dos gastos realizados e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35º do Decreto 11/2009, e de conformidade co artigo 14º letra m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. A Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais realizará os controis sobre o terreo así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular, da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

5. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde, o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (CE) 1975/2006 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 11º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, no que se aplicarán os seguintes criterios:

-Cando o beneficiario non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda, debendo ademais reintegrar, se é o caso, as contías percibidas anticipadamente.

-Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, sen prexuízo de aplicación do establecido no artigo 31º do Regulamento (CE) 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas.

As axudas reguladas por esta orde ampáranse no disposto no R (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no R (CE) 1974/2006, do 15 de decembro, e no R (CE) 1975/2006, do 7 de decembro, polos que se establecen disposicións de aplicación do R (CE) 1698/2005.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

1. Estas axudas son compatibles ata unha intensidade do 70% do investimento subvencionable con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea. No son compatibles, porén, coas axudas reguladas polo R (CE) 2826/2000, do 19 de decembro, sobre accións de información e promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 14º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a axeitada publicidade desta circunstancia, para o que adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución da concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención e, en particular:

a) A procedencia do financiamento dos fondos, indicando que as accións se subvencionan, en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro do eixe 1 «Aumento da competitividade do sector agrario e forestal», medida 133 «Apoio ás agrupacións de produtores en materia de desenvolvemento de actividades de información e promoción de produtos no marco de programas relativos á calidade dos alimentos», do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que cabe adoptar, de ser o caso, para facer visible ante o público a orixe do financiamento da axuda.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa.

Sección segunda

Convocatoria 2011

Artigo 16º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2011 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 17º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 28 de marzo (inclusive) de 2011.

Artigo 18º.-Financiamento das axudas.

As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2011, na aplicación orzamentaria 13.04.713D.781.0, cunha dotación de 871.009,45 euros. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Disposicións adicionais

Primeira.-Publicación e tratamento de datos.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración publica galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Segunda.-Réxime xurídico.

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde haberá que aterse ao disposto no R (CE) 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no R (CE) 1974/2006, do 15 de decembro, e no R (CE) 1975/2006, do 7 de decembro, polos que se establecen disposicións de aplicación do R (CE) 1698/2005, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación de normativa.

Queda derrogada a Orde do 21 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2010 (DOG nº 252, do 29 de decembro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "03200D010P039.PDF"