DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2011 Páx. 2.634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2011 pola que se dispón a publicación da addenda ao convenio específico de colaboración entre o Ministerio de Educación e Ciencia e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia para financiar a construción das instalacións do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes.

Con data do 29 de decembro de 2010 o Ministerio de Ciencia e Innovación (antes Ministerio de Educación e Ciencia) e a Consellería de Economía e Industria (antes Consellería de Innovación e Industria) asinaron, logo da tramitación regulamentaria, unha addenda ao convenio específico de colaboración para financiar a construción das instalacións do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes. De acordo co establecido nas cláusulas da addenda, que figura como anexo a esta resolución, procede a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2011.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO

Addenda ao convenio específico de colaboración entre o Ministerio de Educación y Ciencia e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia para financiar a construción das instalacións do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes

Madrid, 29 de decembro de 2010.

Reunidos:

Dunha parte, Cristina Garmendia Mendizábal, ministra de Ciencia e Innovación, nomeada por Real decreto 436/2008, do 14 de abril, actuando en virtude do artigo 13º.3 da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral del Estado e a disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Doutra parte, Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria, nomeado para o devandito cargo por Decreto 81/2009, do 19 de abril, en virtude das facultades que lle confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1998, do 20 de outubro; 7/2002, do 27 de decembro; 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo e tamén polo acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, publicado por resolución de da Consellería de Economía e Facenda do 8 de abril de 1991 (DOG nº 82).

Recoñecéndose mutuamente plena capacidade para outorgar este acto, expoñen:

Que as partes que interveñen (antes denominadas Ministerio de Educación y Ciencia e Consellería de Innovación e Industria, respectivamente) subscribiron, con data do 21 de decembro de 2007, un convenio para financiar a construción do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes.

Que existen causas obxectivas que fan preciso unha revisión dos prazos previstos na cláusula sétima, manténdose nos demais puntos a redacción establecida no convenio asinado en 2007. Así mesmo, tamén se modifica a distribución do orzamento que aparece na memoria que acompaña ao devandito convenio, aínda que se mantén a cifra total.

Que os feitos que motivaron a necesidade de ampliar o prazo de execución previsto para a construción da citada infraestrutura científica son os que se expoñen a continuación:

-Producíronse importantes atrasos no proceso de expropiación dos terreos nos que se asentarán as instalacións do novo centro. Con data 30-6-2008 nomeouse a CTAG como beneficiaria da expropiación dos terreos por parte da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia. Posteriormente, o 22-1-2009 asinouse o convenio de colaboración entre a Fundación CTAG e Xestur Pontevedra, S.A. para a xestión e adquisición dos terreos necesarios para a implantación do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes. Finalmente, o 14-7-2009 tivo lugar a resolución do Instituto Galego de Vivenda e Solo pola que se acorda o inicio polo procedemento de taxación conxunta e se somete a información pública o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto sectorial do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes. Actualmente os trámites de expropiación encóntranse xa finalizados.

Que os feitos que motivaron a necesidade de modificar a distribución do orzamento son os que se indican a continuación:

-Esta situación económica que afecta en boa medida ao sector da automoción e a dispoñibilidade orzamentaria da Xunta de Galicia fixeron necesario realizar unha reconsideración do plan de construción e posta en marcha do futuro Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes. Neste sentido formúlase abordar unha primeira fase que permita, cos 10.000.000 € dispoñibles na actualidade, construír un edificio (deseñado para ser ampliable no futuro) e poñer en funcionamento os laboratorios e os equipamentos necesarios que permitan dende un inicio o desenvolvemento das liñas de competencia propostas e a consolidación das actividades en termos de creación de emprego e de evolución de cifra de negocio.

Non obstante, toda a infraestrutura formulada actualmente se concibe de tal maneira que permitirá o seu crecemento nunha fase posterior.

Polo exposto, as partes acordan:

Formalizar esta addenda ao convenio do 21 de decembro de 2007, co fin de modificar a cláusula sétima e a distribución do orzamento que se recolle na memoria que se incorpora como anexo I ao devandito convenio:

A cláusula sétima quedará redactada como a continuación se expresa:

«Sétima.-Vixencia e resolución.

1. Este convenio entrará en vigor á súa firma por ambas as dúas partes e a vixencia estenderase ata a realización das actividades para as que se concede o préstamo, actividades que se executarán no prazo máximo de cinco anos desde o seguinte ao da firma do convenio.

2. Poderá resolverse este convenio antes do prazo previsto por mutuo acordo das partes, por incumprimento ou denuncia dalgunha delas. Nos dous últimos supostos, a parte que desexe resolver o convenio deberá notificalo por escrito á outra con dous meses de antelación».

A nova distribución económica, que substitúe á que aparece na memoria incorporada como anexo I ao convenio asinado en 2007, reflíctese na seguinte táboa:

Ver referencia pdf "03200D004P010.PDF"

2. Na cláusula novena modifícase o punto 2, que queda redactado da seguinte forma:

«2. Este convenio, así como as addendas que se puidesen aprobar, serán publicadas no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia».

En proba de conformidade, as partes asinan a presente addenda por duplicado exemplar e para un só efecto no lugar e data arriba indicados.

Polo Ministerio de Ciencia e Innovación: Cristina Garmendia Mendizábal, ministra de Ciencia e Innovación.

Pola Xunta de Galicia: Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria.